Sobrecargas musculares, a causa máis habitual
Arredor do 10% da poboación adulta sofre nalgún momento da súa vida unha cervicalxia, unha dor que habitualmente se presenta na cara posterior ou nas laterais do pescozo. A columna cervical consta de 7 vértebras que forman un suave arco de convexidade anterior e que contribúe a mante-lo equilibrio da cabeza. Ese equilibrio é correcto cando, ollando cara adiante, colocamos un cartón entre os dentes e este se mantén en posición totalmente horizontal. Esta posición de equilibrio é moi importante, xa que fóra dela a musculatura está traballando, o que explica o aumento da incidencia de cervicalxias como consecuencia de posturas incorrectas, forzadas e mantidas moito tempo. Tamén coa idade se altera ese equilibrio como consecuencia dos cambios dexenerativos na columna cervical. É o motivo máis frecuente de dor nas persoas maiores, pero hai moitas outras causas que poden orixinar doenzas do pescozo.
Diagnóstico
Amais do estudio dos síntomas e signos (exploración física en busca de contracturas musculares e valoración da mobilidade de extremidades superiores), unha radiografía simple anteroposterior e lateral do pescozo abonda para indica-la causa e a gravidade da afección.
Nos casos en que o diagnóstico non é claro ou os síntomas non ceden ás medidas habituais, resulta útil realizar estudios radiolóxicos como a tomografía axial computarizada (TAC) ou a resonancia nuclear magnética (RNM). E se se sospeita que as raíces nerviosas están afectadas, hai estudios electrofisiolóxicos para comproba-lo estado dos nervios das extremidades superiores.
Convén aclarar que se poden atopar lesións en pacientes que non manifestaron síntomas de ningún tipo de cervicalxia. Este caso é habitual cando por outras causas se lles realiza unha radiografía do pescozo a pacientes asintomáticos. Tamén é importante sinalar que non hai correlación entre os síntomas clínicos e as manifestacións radiolóxicas. Persoas con dor e limitación da mobilidade cervical poden ter unha estructura ósea impecable. Nestes casos de normalidade radiolóxica hai que pensar que a orixe do problema radica en problemas musculares (sobreesforzo, deficiente hixiene postural, acumulación de tensións no traballo, estrés…).
Tratamento
O tratamento da cervicalxia depende do problema que a orixina. As contracturas musculares agudas resólvense en poucos días con repouso, aplicación local de calor e administración de relaxantes musculares. Máis complexo é o tratamento da cervicalxia crónica. A fisioterapia devén fundamental neste caso para mellora-la potencia muscular, recupera-la mobilidade e aumenta-la flexibilidade. A hixiene postural (coñece-las posturas correctas e os exercicios que se poden realizar na casa ou inicialmente nun centro de rehabilitación), durmir cunha almofada que se adapte á anatomía do pescozo, as técnicas de relaxación e a masaxe relaxante e descontracturante constitúen medidas básicas. A natación é un bo aliado, pero débese evita-la técnica de braza: aumenta a tensión da musculatura do pescozo no canto de relaxala; son preferibles o estilo a crol ou de costas.
As traccións e elongacións cervicais son un tema controvertido, contan con tantos defensores coma detractores. Non se aconsellan cando hai lesións neurolóxicas e están contraindicadas en casos de hernia discal. O uso do colar cervical brando pode estar indicado en períodos de maior dor, especialmente para alivia-las molestias severas nocturnas. Reduce a mobilidade do pescozo a un 75%. No tocante ó colar cervical duro, recoméndase só para lesións agudas como hernias discais, traumatismos ou escordaduras cervicais. Reduce a mobilidade a un 15% e o seu uso prolongado debilita a musculatura, polo que sempre se debe utilizar baixo prescrición médica e só durante o tempo estrictamente necesario. Os analxésicos, os antiinflamatorios non esteroideos e en ocasións os relaxantes musculares poden ser de grande axuda na cervicalxia.
Na actualidade estanse utilizando outras técnicas, como o Soft Laser de Bioestimulación, os Campos Magnéticos Pulsantes de Baixa Frecuencia ou a aplicación de ultrasóns nas zonas contracturadas, pero aínda non hai datos concluíntes sobre a súa maior eficacia respecto ós tratamentos tradicionais.
No tocante á intervención neurocirúrxica, cómpre ser cauteloso. É precisa nalgúns casos, pero nos menos. Tan só se recomenda cando a dor resulta intratable, cando as raíces nerviosas foron afectadas ou hai comprensión da medula espiñal por estreitamento da canle raquídea. A maioría das hernias discais sandan espontaneamente ou con medidas conservadoras, é cuestión de tempo. Só en casos graves de hernia se indica a intervención cirúrxica.
A dor de pescozo pódese presentar de xeito agudo, xeralmente por unha contractura muscular. Este é o caso dos cabalos, que aparecen case de súpeto, sen causa inicialmente sospeitada nin aparente. Cede nuns días con tratamento descontracturante. A dor e a dificultade para realizar algúns movementos son os síntomas dominantes, que nalgúns casos poden chegar a impedi-lo desenvolvemento de actividades cotiás.
A cervicalxia crónica afecta aproximadamente ó 10% da poboación adulta. Sófrena máis as mulleres, posiblemente porque traballan en maior número diante de pantallas de visualización de datos, realizan tarefas caseiras que obrigan a mante-lo pescozo flexionado ou desenvolven actividades laborais que condicionan posturas forzadas do pescozo. O mantemento destas posturas durante horas ocasiona contracturas musculares dolorosas.
Outro tipo de cervicalxia, a producida por artroses do raque cervical, é frecuente en adultos. Os seus síntomas máis importantes son a dor, localizable no pescozo e nos ombreiros, e a rixidez ou a limitación dos movementos. Cando está moi avanzada pódense sentir mareos, xa que as arterias vertebrais se poden ver afectadas polos osteófitos, crecementos óseos típicos dos procesos dexenerativos. Son habituais tamén a sensación de formigo e adormecemento en mans e en dedos, e tamén en ombreiros e extremidades superiores cando están afectadas as raíces nerviosas que emerxen entre as vértebras da columna.
A hernia de disco intervertebral é causa de dor cervical irradiada ó ombreiro e ó brazo en persoas novas. Comeza bruscamente e pode estar precedida de traumatismos -en ocasións aparentemente banais- ou de movementos forzados, aínda que a miúdo non hai unha causa clara na súa orixe. Case sempre se ven afectadas as vértebras cervicais máis baixas e son habituais a limitación da mobilidade e a dor, que se agravan cos movementos, a tose e os espirros. Estas hernias xorden máis a miúdo en persoas novas porque nos adultos a deshidratación dos discos e a dexeneración do seu núcleo polposo impide que apareza esta lesión.
O síndrome do lategazo cervical é unha das patoloxías máis frecuentes nos accidentes de tráfico. Ó bater, o pescozo e a cabeza sofren un violento movemento de balanceo cara a diante e atrás. Como consecuencia diso e dependendo da violencia do impacto poden chegar a desgarrarse ligamentos, estirarse os músculos, desprazarse as vértebras (escordadura cervical), danarse os discos intervertebrais e ata producirse hernias discais. A dor e a limitación do movemento poden durar meses e incluso poden cronificarse.
O papel do estrés na cervicalxia crónica está admitido, aínda que non se coñece moi ben por qué o estrés e a ansiedade ocasionan cervicalxias. As persoas estresadas quéixanse de dor no pescozo e na parte alta do lombo, normalmente asociado a contracturas musculares.
As desviacións da columna vertebral e outras enfermidades óseas (osteoporose, osteomalacía, enfermidade de Paget, etc.) son causas menos frecuentes de cervicalxias.