A clave está en previr
Desde fumar ata cociñar, calquera actividade do fogar que teña relación co lume é un potencial foco de incendio. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, os máis dos accidentes domésticos e de lecer prodúcense no fogar (51%), e a cociña é un dos seus escenarios principais (15%). De entre tódalas accións que teñen lugar nela, a preparación da comida orixina a maioría dos accidentes, entre os que destacan os incendios e as queimaduras (9%). As claves para evitalos están en saber cómo previlos ou cómo actuar cando xa comezaron.
Non baixe a garda
- Cando cociñe, vixíe atentamente o que se quenta e non o deixe desatendido nin por un segundo. Dúas de cada cinco mortes por incendios en cociñas acontecen porque ninguén atendía a cocción.
- Non deixe nada cociñando no lume nin aparellos eléctricos de gran consumo en marcha cando abandone o seu domicilio.
- Use mangas curtas ou axustadas cando cociñe. Evite tamén a roupa inflamable, que podería espalla-lo lume con facilidade.
- Teña sempre un extintor na cociña.
- Evite as correntes de aire na cociña que poidan apaga-lo gas, especialmente se está vostede noutra habitación.
- Non almacene nin manipule líquidos inflamables na cociña. Evite acumular combustibles innecesarios na súa casa, como roupa vella, xornais, pinturas, etc.
- Limpe periodicamente os filtros da cambota extractora da cociña. Conserve tamén limpas de graxa as saídas de fumes e as entradas de aire.
- Antes de usalas, elimine a graxa das torradoras e dos artefactos pequenos.
- Manteña limpa a área da cociña. Limpe os utensilios de cociña e as superficies despois de cociñar para evita-la acumulación de graxa.
- Non cociñe se bebeu alcohol ou se tomou algunha medicación que o volva somnolento.
- Manteña os nenos lonxe da cociña e da zona de pasa-lo ferro. Sitúe os obxectos quentes ou con chama viva fóra do seu alcance.
Extreme as precaucións co gas e coa electricidade
- Desconecte os aparellos eléctricos que non se usen.
- Non sobrecargue os enchufes conectando varios aparellos.
- Evite os cables pelados e sen protección. Arránxeos ou elimíneos canto antes.
- Non manipule a rede eléctrica co chan mollado.
- Lea atentamente as instruccións dos electrodomésticos e emprégueos correctamente.
- Coloque os electrodomésticos de xeito que se facilite a ventilación dos motores.
- Non enchufe electrodomésticos que se mollaran ata estar ben seguro de que están completamente secos.
- Se nota cheiro a torrado, revise e localice a orixe, xa que se pode tratar dun sobrequecemento da instalación eléctrica que orixinará un perigoso curtocircuíto ou un incendio.
- Observe periodicamente a calidade da chama do gas: debe ser viva, estable, azulada e silenciosa. Se é ruidosa, inestable e con puntas amarelas, avise ó servicio técnico do fabricante para que revise os aparellos.
- Prenda o misto, o chisqueiro, etc. antes de abri-la chave de paso do gas ós queimadores.
- Non cambie as bombonas de gas mentres está fumando ou exista un foco de calor próximo.
- En caso de fuga de gas, non acenda nin apague luces; ventile o máximo posible e avise á Compañía encargada do mantemento
Qué facer en caso de incendio
- Apague a fonte de calor, se é posible. Corte a corrente eléctrica e a entrada de gas.
- Intente apaga-lo lume só se é pequeno e se pode controlar. Para facelo, sitúese entre o lume e a vía de escape. Avise ó teléfono de emerxencias 112.
- Se non se pode apagar, non corra riscos inútiles: busque un lugar seguro e abandone a zona.
- Se é posible, retire os productos combustibles ou inflamables próximos ó lume.
- Se algún elemento da cociña comeza a queimarse, trate de sufocalo cubríndoo con algún tipo de tampa ou co bicarbonato de soda do extintor.
- Manteña pechada a porta do forno ou do microondas se se inicia un incendio.
- Nunca verta auga sobre un incendio por graxa ou líquidos inflamables. A auga fará que o incendio se estenda. Tampouco a utilice se pode alcanzar instalacións eléctricas.