Materiais para fiestras

Diferencias non só no prezo

Amais de seren duradeiras, as ventás deben garantir la protección contra o frío e o ruído
1 Outubro de 2003
Img eco domestica listado

Diferencias non só no prezo

Unha correcta elección das ventás para o fogar pasa por escolle-lo material que mellor se adapte ás características da construcción, á zona climática na que está emprazada a vivenda e, como non, ós cartos que queiramos gastar. O obxectivo é que as novas fiestras garantan a protección contra o frío e a calor, que sexan duradeiras e de doado mantemento, e que ofrezan un óptimo grao de insonorización. Tradicionalmente este mercado concentrábase en dous materiais: a madeira e o aluminio. Pero o PVC (policloruro de vinilo) irrompeu con forza e é xa o material máis empregado nalgunhas zonas do país, especialmente no Norte, onde as baixas temperaturas fan preciso un maior illamento. Así e todo, o aluminio mantén aínda a súa importante cota de mercado, especialmente na zona de Levante e no Sur, e a madeira pouco a pouco queda relegada a unha terceira posición cada vez máis afastada dos outros dous materiais.

¿Como debe ser unha boa ventá?

Independentemente do material que se vaia utilizar, unha correcta instalación require o cumprimento dunhas condicións:

  • Debe existir unha excelente correlación entre o marco externo e a parede ou o muro onde se vaia coloca-la fiestra. Esta é a mellor maneira de evitar fugas de aire.
  • A parte fixa e a móbil deben ser proporcionais tendo en conta as necesidades de ventilación necesarias.
  • A instalación debe impedi-la entrada de auga, aire e po. Isto conséguese coa elección dun material que se axeite ás necesidades da vivenda e cun perfecto axuste entre as pezas móbiles e os marcos fixos. Cómpre que o axuste entre as pezas sexa perfecto.
  • Antes de elixi-lo material convén asegurarse de que os cristais que se adecúan a esa estructura sexan manexables, doados de quitar e de poñer. En caso contrario, pode ter problemas para a súa limpeza ou ante unha rotura, xa que en máis dunha ocasión, a dificultade nunha instalación destas características é un elemento que se factura como extra.
  • Materiais: A elección dun material ou doutro pode determina-lo sistema de ventilación (lateral, corredoira, batente, en guillotina…).
Vantaxes e inconvenientes de cada material

Madeira

Vantaxes:

  • É o material máis natural e permite que as paredes transpiren do interior cara ó exterior. As mesmas propiedades da maneira regulan a humidade de xeito natural no interior da vivenda.
  • É a opción máis desexada para a construcción de casas unifamiliares, non tanto para pisos e apartamentos, aínda que ata hai dez anos era practicamente a única existente no mercado. É doada de instalar e conserva a calor da casa.
  • Nos últimos anos e ante a competencia doutros materiais, como os plásticos, os modelos de ventás de madeira multiplicáronse, permitindo unha perfecta insonorización a través de cristais dobres e o uso da denominada madeira laminada, que ten como principal misión evita-la aparición de fendas.
  • Permite a instalación de calquera sistema de seguridade para evita-los roubos, tanto os que se aplican nos cerramentos -sistemas mecánicos en portas e ventás- coma os que están conectados a unha central.
  • A maioría das madeiras que se utilizan están tratadas convenientemente contra o lume, garantindo unha maior resistencia ca outros materiais non combustibles.
  • Prezo: desde 420 euros o metro cadrado, aínda que, dependendo do tipo de madeira, esa cantidade pode aumentar considerablemente.

Inconvenientes:

  • É o material que máis coidados require. Aconséllase verniza-la parte exterior cada dous anos.
  • Non convén a súa instalación en vivendas ou construccións situadas en zonas con forte vento e chuvia. Estas condicións climáticas provocan gran desgaste no material, de aí a súa maior necesidade de ser reparado.
  • Outros inimigos da madeira, como as radiacións solares e a aparición de microorganismos (fungos e insectos), pódense combater con compoñentes como a resina ou os insecticidas. Convén prestarlle especial atención á couza. Para iso existen unha morea de productos químicos fronte á aparición do caruncho.

Aluminio

Vantaxes:

  • Instálase facilmente e axiña debido ó seu peso livián.
  • De doada limpeza.
  • Dispoñible en varias cores.
  • É un material forte e ríxido, as súas propiedades non cambian co clima, garanten a súa rixidez a altas e a baixas temperaturas.
  • As máis destas ventás están fabricadas con marcos e con compoñentes “rompedores
  • termicamente”, é dicir, que a parte externa do marco de aluminio nunca toca a parte interior. Están separadas por plástico e o marco de fóra non conduce a calor ou o frío ó interior.
  • O metro cadrado de aluminio é un chisco máis caro có de madeira, anda arredor dos 445 euros, pero a diferencia non é moi notable.

Inconvenientes:

  • A queixa máis común deste material é que en inverno o aluminio súa.
  • É un material máis frío cá madeira e có PVC.
  • Co tempo, o aluminio pódese chegar a picar.

PVC (Policloruro de vinilo)

Vantaxes:

  • Permite unha perfecta insonorización e reduce a contaminación acústica.
  • É un material duradeiro e resistente ó frío e ó aire, moi apropiado para zonas frías.
  • Garante de xeito absoluto o illamento, xa que o deseño dos seus perfís é oco, con tabiques.
  • Non precisa ningún tratamento especial para a súa conservación, abonda con lavalo con auga e con xabón sen correr riscos de que podreza ou de que se estrague o material.
  • Existe unha ampla gama de cores, se ben a branca é a cor máis utilizada, e hai imitacións a madeira, sen que o prezo sexa excesivamente elevado.
  • O metro cadrado anda arredor dos 457 euros.

Inconvenientes:

  • É máis caro có resto.
  • Con temperaturas altas e baixas pódese deformar.
  • É un material contaminante.