Non curan, pero alivian e relaxan
O negocio da saúde e da beleza foi un dos sectores de maior crecemento no 2002, propiciado por un nacente concepto do benestar que favoreceu a creación ou ampliación de novos balnearios e SPA. A finais do 2002 contabilizáronse en España algo máis de 90 balnearios, 22 centros de talasoterapia, 24 de saúde e beleza e uns hoteis con SPA. Dentro deste contexto destacan pola súa rápida implantación e crecente popularidade os SPA, tamén coñecidos, para enfado da Asociación Nacional de Estacións Termais, como balnearios urbanos.
Pero, ¿cales son as diferencias entre un balneario e un centro SPA? A principal, o tipo de auga que utilizan nos seus tratamentos. Mentres que as estacións termais basean a súa oferta en augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública, os SPA sérvense de simple auga da billa á que engaden algún sal ou aditivo. A diferencia da auga dos balnearios, a dun SPA (as iniciais significan salutem per aqua ou saúde a través da auga) non posúe ningún tipo de propiedade curadora nin estética, aínda que si relaxante. Se tivésemos que citar algunha vantaxe dos SPA fronte ás estacións termais, habería que menciona-lo seu emprazamento, normalmente en núcleos urbanos, que permite que se faga uso deles de modo regular e continuo.
Un baño de benestar
As bondades para o corpo dos SPA céntranse nos cambios de temperatura e na acción da auga a presión sobre o corpo. Os contrastes de temperatura favorecen unha mellor circulación sanguínea, mentres que a auga a presión provoca unha micromasaxe sedante que mellora o aparello muscular. Alivia-la tensión e tonifica-lo corpo son os principais obxectivos destes centros. Ó longo dun percorrido que pode oscilar entre unha e dúas horas, o cliente do SPA pode deleitarse nos baños en piscinas con hidromasaxe a chorros, terma ou baño turco de vapor, sauna, ducha escocesa a presión e na chamada ducha vichy ou lanzadeira, con surtidores de auga e aceites esenciais. Todo un circuíto termal ó que se suman tamén outros servicios como masaxes para tratamentos corporais e fisioterapéuticos. E é que pese a que non existe unha normativa, calquera SPA decente debe ofrecer, polo menos, catro técnicas de tratamentos con auga.
Prezos alcanzables
O tratamento estrela dun SPA é o circuíto de hidroterapia, que, por un prezo que oscila entre os 18 e os 35 euros por sesión de aproximadamente unha hora, adoita incluír o uso do jacuzzi, a piscina de hidroterapia, o pediluvio, o pozo frío e a sauna ou o baño turco, e, nalgúns casos, a ducha escocesa. Algúns centros dispoñen de bonos de 10 a 48 sesións, que supoñen un aforro de ata 10 euros por sesión. Tamén se dá a posibilidade, sobre todo se o SPA está situado nun ximnasio, de facerse socio del, coa vantaxe do uso ilimitado do mesmo a prezos que oscilan entre 24 e 137 euros mensuais. En caso de que a ducha escocesa non estea incluída no circuíto, pódese gozar dela desde 9 euros por sesión. Gozar dunha ducha vichy ou jet ten un “plus” de entre 12 e 25 euros, xa que a súa aplicación require os servicios dun profesional. Outros tratamentos como drenaxes linfáticas, peelings, masaxes, envolvementos en barro, reafirmante e anticelulíticos, entre outros, custan entre 15 e 45 euros.
Tratamentos máis habituais
- Sauna finesa ou sueca. Cabina de calor seca con ambiente a 90ºC e humidade do 55%, aproximadamente. Mellora a circulación, elimina toxinas e relaxa a musculatura e o sistema nervioso. Desaconsellado para persoas con tensión arterial baixa.
- Baño turco. Cabina de calor húmida, tamén chamada terma, “hamman” ou “caldarium”. Ambiente a 45ºC e humidade do 99%. Efecto hidratante, desconxestiona as vías respiratorias, permite a limpeza da pel por apertura de poros e é sedante.
- Ducha escocesa. Ducha a presión, alternando auga quente e fría, que percorre todo o corpo, desde os pés ata a cabeza. Activa a circulación, tonifica e descontractura os músculos, e desconxestiona zonas localizadas de nódulos de graxa ou celulite. Non é aconsellable sobre zonas vasculares fráxiles.
- Ducha jet. Ducha a presión sobre distintas partes do corpo proxectada desde unha distancia aproximada de 4 ou 5 metros, aplicada cunha mangueira e regulada en intensidade e temperatura polo terapeuta. Mobiliza o tecido conxuntivo e muscular, e desbloquea, relaxa e tonifica o organismo.
- Ducha vichy. Sesión de masaxe xeral que se recibe deitado nunha padiola baixo unha ducha con microchorros de auga morna. Mellora a eficacia da masaxe, antiestrés, sedante e eficaz contra o reumatismo.
- Jacuzzi. Bañeira de auga quente de burbullas. Libera tensións e relaxa a musculatura.
- Pediluvio. Baño de contraste, alternando calor e frío, nas pernas e nos pés, mentres se anda por un camiño de pedras de río de canto rodado. Activa a circulación sanguínea, recomendado en caso de pernas cansas, varices, edemas e linfedemas.
- Piscina de hidroterapia. Piscina de auga quente con diversos chorros de auga (cama de auga, pico de parrulo, fervenza, banco de lumbares, geyser, 4 alturas, etc.) a diferentes presións e temperaturas, colocados a distintas alturas para tratar tódalas zonas do corpo. Libera tensións, activa a circulación sanguínea e ten efectos relaxantes.
- Pozos/piletas de auga fría. Pequenas piscinas cunha temperatura que anda arredor dos 10ºC. Tralos baños quentes (jacuzzi, sauna, circuíto hidroterapia) mellora a circulación de retorno e ten un efecto termorregulador no organismo.
- Artrite: baño de vapor (terma), tratamentos alternos de auga quente-fría e flotación (piscina de hidromasaxe).
- Circulación: suoración (terma), tratamentos alternos de auga quente-fría.
- Depresión: piscina de hidromasaxe (flotación-relaxación) e baños nos pés quente-frío
- Dor de costas: todo o circuíto termal (terma, piscina de hidromasaxe, pediluvio, ducha escocesa, vichy…) e lama na zona específica.
- Reumatismo: baños de burbullas e mais flotación.
- Tensión: piscina de hidromasaxe, pediluvio, terma, ducha vichy e masaxes.
Contraindicacións
- Infeccións agudas na pel, respiratorias, oído, aparato urinario, sistema circulatorio (flebite/tromboflebite), oculares.
- Infarto agudo de miocardio recente.
- Anxina de peito recente.
- Enfermidades cerebrais.
- Estados de desnutrición importantes (anemia, anorexia, sida).
- Hipertensión arterial severa.
- Tres primeiros meses de embarazo ou embarazo complicado.