Xogar cos nosos fillos

Necesidade máis ca capricho

1 Xaneiro de 2005
Img miscelanea listado 322

Necesidade máis ca capricho

/imgs/20050101/img.miscelanea.01.jpg
A busca dun oco na xornada para xogarmos cos fillos é case tan importante para o seu desenvolvemento coma unha alimentación axeitada. Pero xogarmos cos nosos fillos non é un labor doado. Ós pais e nais pódelles resultar aburrido e moitas veces comporta un esforzo extra nunha vida na que cada día está máis presente o estrés e menos o tempo de lecer. Especialmente importante é o xogo ata os tres anos de idade, dado que nese período de tempo os nenos e nenas xogan menos entre eles -ó primeiro porque son demasiado cativos- e prefiren os seus proxenitores para exploraren o mundo do xogo. Nesta liña, diversos estudos demostran que as familias que fixeron do xogo unha base de unión na infancia tiveron menos problemas na turbulenta etapa da adolescencia. Pero pódense ter moi boas intencións e non saber como facer ese encontro atraente e beneficioso.

No primeiro ano de vida

As condutas lúdicas están presentes desde o momento do nacemento. Ata os 8 meses, son o seu corpo e, esporadicamente, algún artigo moi familiar os que acaparan a súa atención. A partir dos 9 meses, todo o que alcanza a súa man é un xoguete e cando ve que é capaz de actuar sobre el, repite a manobra.

O papel dos pais

  • Os pais e nais deben ter plena confianza na capacidade do seu fillo para xogar e outorgarlle a iniciativa.
  • Deben observar o cativo ata chegar a entender en que consiste o xogo. Se non dan, deben imitalo.
  • Hai que tratar de xogar sempre á súa mesma altura, ben sexa no chan ou na súa mesa.
  • É importante respectar o tempo destinado a xogar con eles. Aínda que sexa media hora ó día, durante ese tempo non debe existir máis nada. Tampouco o bebé debe ter outras necesidades: nin fame nin sono.
  • Pódese orientar o xogo, de ser preciso, pero xamais impoñer as regras. De pouco serve.

Os xogos

  • A imitación é básica. Poden pasar minutos repetindo sons, palmadas e movementos fáciles.
  • Cando teñen arredor de doce meses, triúnfa xogar ás agachadas e á persecución a gatas, tanto do neno ou nena coma do adulto.
  • Fíxase na pelota, que o acompañará de moitos xeitos diversos en futuros xogos. Debe ser grande abondo para que non lle caiba na boca.
  • Introducir e sacar obxectos nunha caixa resúltalles moito máis divertido se están ollando para eles e aprobando os seus acertos.

Os xoguetes

  • O mellor xoguete nos primeiros meses, aínda que semelle un tópico, son o seu pai e mais a súa nai.
  • Así que van medrando, os regalos que non ocupan máis duns segundos de atención comezan a suscitar a súa curiosidade, pero abúrrense axiña.

Ata os tres anos

O 60% do tempo que un neno permanece esperto nestas idades dedícao a xogar, ou polo menos así debería ser. Esta puntualización é a chamada de atención da Asociación Española de Pediatría, que advirte de que os nosos fillos están vendo reducido o seu tempo de xogo para ocupalo nun lecer moito máis pasivo, baseado na tele ou nos videoxogos. Tamén nesta franxa de idade, aínda que median xoguetes, é imprescindible a presenza dun adulto. O neno ou nena aínda non require dos seus iguais para se entreter; poderá compartir espazo e mesmo xoguete con outros nenos, pero non forman parte do seu xogo.

O papel dos pais

  • Agora o propio xogo ou os xoguetes adquiren importancia, pero segue sendo básico que os pais lle destinen un tempo concreto ó xogo.
  • As escasas regras, que non son tales porque non se cumpren, márcanas eles. O adulto está aí para axudar, non para ensinar. A espontaneidade connota afectividade e permite un intercambio co que se acada comunicación e respecto.
  • Os nenos xogan a desenvolver as mesmas actividades que fan os adultos e adquiren dese xeito habilidades para a súa vida. Unha práctica moi útil é explicarlles as actividades cotiás dos adultos mentres se realizan.
  • Arredor dos dous anos comezan a empregar a linguaxe, e a dicir no canto de facer. Este gran paso reflíctese nun esquema simbólico das accións e palabras. Se antes inventaba a realidade de xeito mímico, agora invita o seu compañeiro a compartir ese mundo irreal. “Vale que…” é o retrouso que adianta unha proposta teatral, que ben paga a pena aceptar.
  • Aínda que os adultos teñan moita présa en que os seus fillos aprendan habilidades e coñecementos, prolongar a infancia é importante.

Os xogos

A pelota é unha compañeira esencial de xogos. Impóñense escapar e pillar, cantar e bailar, sinalar ós poucos as partes do corpo.

Os xoguetes

  • Bonecos e peluches, coches, trens e camións que poidan empurrar, cargar e baleirar.
  • Crebacabezas sinxelos de pezas grandes.
  • Xogos sinxelos para armar.
  • Caldeiros, pas e moldes para xogar coa area.
  • Bancos de carpinteiro

A partir dos 3 anos

O neno deixa de ser un bebé e comeza a se relacionar cos seus iguais, desexa compartir os seus xogos con eles, ó tempo que adquire maior independencia dos seus pais. É capaz de se entreter moito tempo xogando só, polo que o tempo de participación dos pais se pode substituír pola lectura dun conto.

Características do xogo

/imgs/20050101/img.miscelanea.02.jpg
Máis alá de ser un mero pasatempo ou diversión, o xogo considérase hoxe como unha aprendizaxe para a vida adulta. A isto engádese a preocupación dos proxenitores para que non sexa a televisión a que entreteña ós máis pequenos. A conxunción de ambos os dous factores puxo de relevo que os pais e nais deben promover o xogo e tamén aprender como facelo. A necesidade de xogar é innata, así o recolle no seu artigo sétimo a Declaración dos Dereitos da Infancia de 1959, que cataloga o xogo como un dereito universal, unha evidencia do desenvolvemento cultural que aspira a procurarlles ós nenos o maior benestar. Os seus elementos definitorios son:

  • O xogo é pracenteiro e divertido.
  • As súas motivacións acaban en si mesmas, e non están ó servizo doutros obxectivos. De feito, é máis gozar dos medios ca un esforzo destinado a algún fin en particular.
  • O xogo é voluntario e espontáneo, nunca obrigatorio.
  • Implica participación activa do xogador.
  • Ofrece tranquilidade e alegría emocional porque se sabe que só é un xogo.
  • Non cómpre unha aprendizaxe previa.