Que fan cos seus beneficios as caixas e os bancos?

As caixas de aforro destinan a iniciativas de interese social dez veces máis cartos cós bancos

1 Xaneiro de 2005
Img tema listado

As caixas de aforro destinan a iniciativas de interese social dez veces máis cartos cós bancos

/imgs/20050101/img.tema-portada.01.jpg
Cando o usuario elixe unha entidade bancaria para abrir unha conta corrente, para pedir un crédito ou para calquera outra operación financeira, sopesa unha longa serie de aspectos entre os que non estaría de máis incluír o de que fan cos beneficios económicos que conseguen cada ano: as diferenzas son espectaculares. CONSUMER analizou o destino que lles dan ós seus beneficios 20 das entidades financeiras máis importantes de España. Delas, quince son caixas de aforros (Caja Madrid, La Caixa, BBK, Kutxa, Unicaja, Caixa Galicia, Ibercaja, Caja Vital, Caja Navarra, Cajastur, Caja Cantabria, Caja Murcia, CAM, Caja Duero e Caja Rioja) e cinco, bancos (BCSH, BBVA, Banco Popular, Banco Sabadell e Bankinter).

Aínda que operen no mesmo sector e ofrezan servizos semellantes, caixas de aforro e bancos son empresas ben distintas: as caixas non teñen ánimo de lucro, carecen de accionistas e o seu obxectivo é a intermediación financeira e prestación de servizos co fin de servir á sociedade e devolverlle os beneficios xerados por esa actividade, sen que fundadores, administradores ou xestores teñan dereito a participaren deles. Pola contra, os bancos son negocios privados con ánimo de lucro e os seus beneficios van parar ós seus propietarios e accionistas. Iso non quita que, nunha imparable tendencia que afecta ó conxunto das empresas, a asunción da Responsabilidade Social Corporativa, a banca privada comezara timidamente a investir unha parte dos seus beneficios en obras de carácter social, cultural ou ambiental.

Aínda hai clases

Así e todo, as diferenzas entre caixas e bancos seguen a ser moi importantes no tocante ó destino dos seus beneficios económicos: as 15 caixas de aforros analizadas dedicaron no 2003 unha media do 28% das súas ganancias (desde o 40% de Caja Rioja ata o exiguo 19% de Unicaja) ó que se coñece como Obra Social, que representa un montante total de 677 millóns de euros. Esta cantidade equivale ó 65% dos cartos destinados a Obra Social polas 46 caixas de aforro existentes en españa, o que revela a representatividade deste estudo a nivel nacional. No outro extremo, os cinco bancos privados estudados destinaron de media a iniciativas sociais só o 2,4% dos seus beneficios anuais, desde o 4,3% do Banco Popular ata o 1% do Banco Sabadell. Só Bankinter non chegou a facilitar esta información debido a que non dispoñen aínda dos datos, xa que é o primeiro ano no que están levando a cabo este tipo de accións sociais externas á entidade.

No 2003, as caixas de aforro superaron amplamente a súa obriga (lei vixente desde 1992) de destinar un mínimo do 50% dos seus beneficios anuais a reservas que garantan a súa solvencia e futuro económico, pois dedicaron de media case o 72% a esta estratéxica función. Os cartos que non se destinan a reserva (xa que non hai accionistas nin propietarios ós que compensar polo seu investimento) débeno dirixir as caixas de aforros a Obra Social; noutras palabras, do 50% dos seus beneficios que poderían destinar a Obra Social, as caixas de aforro españolas destinan a estas iniciativas filantrópicas só o 28%. A Administración pública, con esa obriga de destinar o 50% a reservas, impón desde hai xa moitos anos unha certa austeridade no gasto dos beneficios, coa clara finalidade de asegurar o futuro das caixas de aforro e, en última instancia, dos cartos dos seus clientes (maioritariamente persoas físicas e non empresas), pero a teor do visto, as caixas fan unha achega extra a esta xa de por si importante proporción e apostan máis pola consolidación económica e pola solvencia da entidade que por reverter cada ano á sociedade a maior parte legalmente admisible dos beneficios económicos que xera a súa actividade. Das 15 caixas de aforros estudadas, só catro destinan máis do 30% dos seus beneficios a Obra Social.

Moito se pode falar, de todas maneiras, sobre o obxectivo último dalgunhas destas iniciativas sociais das entidades financeiras -e, por extensión, do resto de empresas-, xa que poderían estar “contaminadas” pola procura de resultados en termos de publicidade e imaxe para esas empresas, pero aparquemos esta cuestión, máis teórica ca práctica, para centrármonos nos aspectos máis diáfanos do que fan caixas e bancos cos beneficios que destinan a iniciativas sociais.

Tamén entre as caixas hai diferenzas

/imgs/20050101/img.tema-portada.02.jpg
Non tódalas Caixas foron igual de dadivosas coa súa Obra Social: as que máis diñeiro achegaron a este cometido altruísta foron as dúas maiores en volume de negocio: La Caixa destinou á súa Obra Social 177 millóns de euros e Cajamadrid algo máis de 136 millóns de euros. Deseguido figuran BBK (57 millóns) e Caixa Galicia (51,5 millóns). No outro extremo, as achegas menos cuantiosas correspondéronlles a Caja Rioja, con pouco menos de 5 millóns de euros, Caja Cantabria (algo máis de 7 millóns) e Caja Vital, con algo máis de 12 millóns de euros. Pero, naturalmente, tampouco tódalas caixas ganaron o mesmo. Se se comparan as porcentaxes dos beneficios que cada unha delas destinaron a Obra Social, compróbase que a máis xenerosa foi Caja Rioja (case o 40%), seguida de La Caixa (37,6%) e de Caja Navarra, Caja Cantabria, Caixa Galicia e BBK (as catro, entre o 33% e o 30%). Nos postos de cola atópanse Unicaja (tan só destinou un exiguo 19% dos seus beneficios a Obra Social) e a Kutxa guipuscoana, cun mediocre 21%. Así e todo, se estas últimas modestas porcentaxes se comparan coas de calquera banco, adquiren unha lectura ben distinta: os bancos estudados tan só destinan, de media, un 2,4% dos seus beneficios anuais a accións de interese social.

A maioría das caixas de aforro estudadas investiron no 2003 máis diñeiro ca no ano anterior en cadansúa Obra Social. A excepción constitúena Caja Cantabria, que a reduciu considerablemente (600.000 euros) e Caja Rioja e BBK, que a mantiveron e diminuíron un pouco (só 19.000 euros), respectivamente. A evolución 2002-2003 en termos porcentuais revela cifras moi positivas só en La Caixa (do 26% dos beneficios para Obra Social no 2002 ó 37% no 2003) e lixeiramente favorables en Cajastur (do 21% a case o 24%) e Caja Murcia (de case o 26% a máis do 28%). No outro lado da balanza sitúanse Caja Cantabria (do 42% ó 32%), Caixa Galicia (do 33% ó 31%), Ibercaja (do 25% a pouco máis do 23%) e Unicaja (de pouco máis do 20% ó 19%). Outro xeito de medir o compromiso das caixas de aforro coa súa Obra Social é facelo en función dos recursos de clientes que xestiona. Seguindo este criterio, o liderado é cousa da biscaíña BBK, xa que lle devolve directamente á sociedade case 4.000 euros por cada millón de euros de clientes que manexa. Deseguido, tamén por riba dos 3.000 euros por cada millón de euros dos seus clientes, sitúanse Caja Astur e Kutxa.

En que consiste a Obra Social

Máis da metade do investimento (52,4%) das caixas de aforro españolas en Obra Social ten como destino o amplo apartado de “Cultura e Tempo Libre”. Especialmente destacada é a de Caja Navarra, que dirixe case o 80% da súa dotación para Obra Social a este epígrafe. Tamén por riba da media figuran Caja Duero (65%) e Caja de Ahorros del Mediterráneo (CAM), Caja Vital e Cajastur, con máis do 60% da súa Obra Social dedicado a cultura e tempo libre. Boa parte do investimento destínase á creación e mantemento de salas, museos, espazos polivalentes e bibliotecas. Outra parte diríxese ás representacións musicais e teatrais, e a congresos, seminarios e exposicións. No tocante ó tempo libre, o labor principal é o mantemento de clubs para a terceira idade.

Pola súa banda, o epígrafe “Asistencia Social e Sanitaria” dispuxo no 2003 do 24% dos cartos destinados a Obra Social polas caixas de aforros. Moi salientable é o investimento realizado polas vascas Kutxa e BBK, que dedican respectivamente o 49% e o 44% da súa Obra Social a este epígrafe solidario, que é o que maior aumento rexistrou nos últimos anos. A terceira idade, tanto a través de residencias coma de centros de día, foi o colectivo máis beneficiado polo investimento neste apartado, seguido de garderías infantís, obradoiros ocupacionais para discapacitados e vivendas tuteladas. No ámbito sanitario, a Obra Social das caixas de aforros centrouse en axudas e subvencións a centros hospitalarios.

Xa no terceiro apartado, as caixas dedicaron o 15% do orzamento da súa Obra Social do 2003 a “Educación e Investigación”, que preferentemente consiste en apoio á formación profesional e técnica e ás universidades. Nitidamente por riba da media sitúanse os investimentos de Kutxa e Cajamadrid, co 26% destinado a este capítulo), Caja Vital e BBK (22% e 21%, respectivamente).

Para rematar, o “Patrimonio histórico artístico e medio natural” contou con só o 8,6% do diñeiro da Obra Social. As entidades con maiores achegas (sempre en termos porcentuais, e non en montante absoluto) foron CAM (20%), Caja Murcia e Caja Duero (ambas as dúas, o 17%). As principais actuacións neste ámbito diríxense á rehabilitación de edificios e de espazos histórico-artísticos e á restauración e conservación de obras de arte. No tocante ó medio natural, as iniciativas céntranse no mantemento de centros de carácter experimental e educativo, parques naturais, fragas e xardíns botánicos.

Evoluciona co paso do tempo

/imgs/20050101/img.tema-portada.03.jpg
O investimento en Obra Social das caixas de aforro foise modificando co paso do tempo, en boa medida debido ás novas demandas da sociedade. Así, desde comezos do século pasado ata finais dos 60, estaba orientada ás necesidades básicas da poboación máis desfavorecida, a labores benéficos e asistenciais, como a asistencia sanitaria, o reparto de alimentos para indixentes, a atención a nenos desnutridos, a rehabilitación de mutilados, etc. Tratábase de facilitar o acceso de boa parte da poboación a unha serie de necesidades básicas que o Estado non cubría. A partir dos anos 70 e ata finais dos 80, coa chegada do emerxente estado do benestar, o papel asistencial e benéfico das caixas de aforros perde vixencia e boa parte da súa Obra Social diríxese cara ós ámbitos cultural e educativo, especialmente coa construción e mantemento de escolas, bibliotecas e salas de exposicións, reconstrución de edificios e rehabilitación de obras de arte, etc.

Estes últimos anos, de todas maneiras, percíbese certa tendencia de regreso ás iniciativas e proxectos de carácter asistencial e sanitario, especialmente os vinculados con colectivos desfavorecidos (inmigrantes, marxinados, desempregados) e cos anciáns, principalmente coa fórmula da atención domiciliaria e a creación de centros de día. Así, boa parte do investimento actual en Obra Social destínase á inclusión das minorías menos integradas na sociedade, mediante programas educativos, de formación e emprego. Trátase, nos máis dos casos, dunha achega complementaria ás accións realizadas polas administracións públicas. Outras das accións ás que se lles dá prioridade ultimamente son as relacionadas con ONG, principalmente mediante a concesión de axudas e subvencións. Tamén se fai especial énfase na colaboración con organismos oficiais en actividades relacionadas co voluntariado. Do total investido polas caixas no 2003, ata un 86% serviu para manter a Obra Social xa existente, o que significa que esta última ten vocación de permanencia.

E os bancos?

A maioría dos bancos, sobre todo os máis importantes, están comezando a destinar parte dos seus beneficios a iniciativas de interese social, ambiental, educativo, solidario, etc., pero unha análise das súas memorias económicas do 2003 déixaos aínda en mal lugar con respecto ás caixas de aforros. Os bancos non teñen obriga legal de facer estas achegas que reverten na sociedade, aínda que tanto cidadáns en xeral coma clientes lles solicitan cada vez máis nitidamente ás empresas que invistan unha proporción crecente dos seus beneficios en accións e proxectos que redunden en beneficio da sociedade, e iso superando o mero patrocinio ou mecenado de actividades culturais ou deportivas que lles reporta publicidade. Unha ollada ó investimento realizado por caixas de aforros e bancos en obras de interese social aclara as cousas: mentres que as caixas destinan entre o 20% e o 40% dos seus beneficios anuais a cubrir necesidades sociais ou a fomentar a cultura e a educación, o investido polos bancos representa entre o 1% e o 4% dos seus beneficios.

Normas para as caixas de aforros

/imgs/20050101/img.tema-portada.04.jpg
Ó estaren en mans da Administración pública das comunidades autónomas unha parte substancial das competencias das Caixas de Aforros, estase producindo unha gran diversidade normativa, especialmente no referido á composición dos seus órganos de goberno, á materialización de investimentos e ó destino da Obra Social. O órgano que aproba a distribución de resultados e o orzamento da obra benéfico-social dunha caixa é a súa Asemblea Xeral, que lle remitirá para a súa autorización ambos os dous orzamentos -a través do Banco de España- ó Ministerio de Economía. Non obstante, a autorización da Obra Social aprobada pola Asemblea Xeral da caixa de aforros é unha competencia asumida case sempre polas Comunidades Autónomas, o que produce unha gran dispersión normativa. Esta situación xerou non pouca controversia, xa que desde algúns gobernos autonómicos se intenta controlar o destino de boa parte dos recursos destinados a Obra Social. En opinión de varias caixas de aforros consultadas por CONSUMER, o feito de que a Obra Social teña un claro interese público non forzosamente significa que as decisións que lle afectan se deban dirixir desde os poderes públicos. As caixas argumentan que, para lle dar un mellor servizo á sociedade, cómpre coordinar as súas actuacións sociais coas recomendacións dos poderes públicos de xeito que se poida chegar a acordos entre ambas as partes, pero sempre respectando a posición de independencia e autonomía das caixas de aforros. Un exemplo de fértil colaboración entre administracións públicas e caixas de aforros é o de Castela e León: un organismo de nova creación, formado por 5 das 6 caixas de aforro da rexión encárgase de coordinar os seus investimentos en Obra Social.

No tocante á máis recente normativa, boa parte dos cambios lexislativos a nivel autonómico fan referencia a dúas cuestións.
Dunha banda, a obriga das Caixas de Aforros que operan nunha comunidade autónoma sen teren o seu domicilio social nela, de efectuar investimentos ou gastos en Obra Social nesa comunidade, destinando polo menos a parte proporcional ós recursos alleos captados nesa Comunidade con respecto ós recursos totais da entidade. Nalgunhas comunidades (como Castela A Mancha), para que a Obra Social compute como realizada nese territorio, debe seguir os criterios fixados polo goberno autonómico. Con todo, unha recente sentencia do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco anulou (“por vulnerar a autonomía”) o artigo que regula a intervención do Goberno autonómico na xestión da Obra Social das entidades de aforro con sede nesta comunidade. O Alto Tribunal estima que o decreto do Goberno Vasco que fixaba as directrices que deberían aplicar as caixas, tras unha consulta con estas entidades en materia de obra social, “excede a habilitación da lei”. Ademais, di que vulnera a autonomía das caixas e “incide no seu ámbito de actuación” e “limita a posibilidade de financiamento de servizos municipais”. As caixas de aforros vascas consideran que non se axusta a dereito que sexa o Executivo vasco quen dea luz verde á súa proposta de distribución de beneficios, ó proxecto da Obra Social do exercicio en curso e á liquidación do orzamento do ano precedente.
A segunda cuestión afectada polos cambios nas normativas autonómicas é de ámbito máis xeral: correspóndelle á Consellería competente en materia de caixas de aforros a autorización dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral da entidade relativos á distribución dos beneficios e máis ó orzamento e liquidación da Obra Social de cada exercicio.

  • Non teñen ánimo de lucro e carecen de accionistas ou propietarios: o excedente ou beneficio anual destas entidades debe atender a dous aspectos: reforzar a súa solvencia e futuro económico (cartos destinados a “reserva”) e atender as necesidades sociais (cartos para Obra Social).
  • Especialización: as caixas especializáronse tradicionalmente nas operacións de banca polo miúdo, baseadas na captación do aforro familiar e popular e na atención ás necesidades financeiras de familias, pequenas e medianas empresas e corporacións territoriais.
  • Territorialidade: equipos directivos de representantes territoriais, dedicación prioritaria ó desenvolvemento económico e social da súa rexión e gran densidade da rede de sucursais na súa rexión de orixe.

Legalmente, as Caixas de Aforro deben destinar a reservas ou fondos de previsión un 50% dos seus excedentes líquidos. O resto dirixiranse a investimentos de carácter benéfico-social. A Obra Social das Caixas de Aforro está estruturada arredor de tres eixes organizativos: Obra Social propia, en colaboración e, para rematar, a allea. A propia é a modalidade máis común (recibe o 74% dos fondos para Obra Social das caixas españolas) e consiste en asumir en solitario o investimento, xestión e administración das actividades e iniciativas. A materialización da Obra Social de cada caixa de aforros realízase mediante a dotación orzamentaria a diversas fundacións, orientada cada unha delas a actividades ou iniciativas concretas. A Obra Social propia, xestionada directamente polas Caixas, deulles emprego a preto de 12.000 persoas en España no 2003.