Pantalóns vaqueiros

O máis caro non é mellor

Hainos excelentes cun prezo comedido, os dous máis baratos suspenden e o de gama alta non consegue destacar pola súa calidade
1 Xaneiro de 2005

O máis caro non é mellor

/imgs/20050101/img.analisis-2.01.jpg
Analizáronse nove pantalóns vaqueiros azulados, para home, con prezos desde os 18 euros de Carranza ata os 120 euros de polo Ralph Lauren, se ben os máis andaban arredor dos 60 euros. Na elección dun pantalón vaqueiro inflúen criterios subxectivos (por exemplo, que sexan bonitos, “como sentan” ou a imaxe da súa marca), pero se se teñen en conta só os resultados da análise de CONSUMER, a mellor relación calidade-prezo é Solido, o máis barato dos tres que teñen maior calidade. Se o usuario busca un vaqueiro avellentado, unha interesante opción é Lee Cooper, un dos tres máis baratos e cunha boa calidade global.

Os pantalóns vaqueiros cumpriron xa 131 anos de vida. Creados orixinariamente para labores agrícolas e mineiros para os que cumprían prendas duradeiras e de gran resistencia, hai anos que ocupan un lugar destacado na maioría dos gardarroupas.
Están confeccionados en denim, un tecido duro de algodón elaborado mediante o sistema xerga, no que os fíos lonxitudinais (urdimento) están tinxidos de azul índigo, e os fíos transversais (trama) son brancos. Por iso os vaqueiros teñen unha cor distinta polo anverso e o reverso.

Como a planta do índigo é escasa (a súa colleita non permite tinxir os 1.000 millóns de pantalóns vaqueiros vendidos ó ano en todo o mundo) é habitual empregar colorantes artificiais (índigo sintético). Tódolos vaqueiros se tinxen do mesmo xeito, e é o proceso posterior (mediante encimas, rozamento sobre pedras, láser ou area) o que lle confire a cada prenda un ton de novo ou de avellentado.

Composición

Nestes nove vaqueiros o único tecido empregado é o algodón puro, aínda que non tódolos algodóns son iguais: hainos cardados (algo peores) e peiteados (mellores porque foron sometidos a un proceso para eliminar as impurezas). Entre os estudados só Liberto emprega os peiteados. No tocante ó sistema utilizado para obter o fío (a fiada) considérase que o mellor é o de aneis, empregado por Liberto, Solido, Bonaventure e Polo Ralph Lauren. Canto máis algodón por metro cadrado teña un pantalón, máis resistente será a prenda. Os nove cumpren a norma (a súa gramaxe está entre 440 e 510 m2). Sorprende que o peor sexa un dos non avellentados (Bonaventure, 418 g/m2) cando o lóxico sería obter uns resultados inversos (durante o avellentamento pérdese gramaxe). Para coñecer como de tupido é o tecido (é dicir, a súa densidade) mídese o número de fíos lonxitudinais e transversais por centímetro cadrado. Os nove pantalóns aproban este test cun resultado semellante. Todos empregan o sistema de ligado xerga, o máis común.
Unha das características clave dun vaqueiro é a súa duración en bo estado de uso. Para comprobala, os pantalóns sometéronse a unha forza ata que acabaron esgazando. Para acadaren o aprobado deben soportar polo menos 736 Newton lonxitudinais e 589 transversais. Solido foi o mellor, mentres que Carranza, Lee Cooper, Bandolli Jeans, Polo Ralph Lauren e Levi’s cederon antes do debido. Os cinco que suspenden son os avellentados, o que non obsta para que os fabricantes deban asegurar o mínimo de durabilidade que fixa a norma para tódolos vaqueiros. No tocante á resistencia a rachar, de novo Solido foi o mellor, seguido moi de preto por Bonaventure. Carranza, Lee Cooper, Bandolli Jeans e Levi’s volveron fallar nesta proba. Levi’s quedou ás portas do aprobado nos dous casos, pero sen logralo. Carranza e Bandolli Jeans tampouco aprobaron a proba de resistencia das costuras.

No lavado

Malia que tódolos vaqueiros indicaban que están feitos de algodón 100%, as súas recomendacións de lavado son diferentes. O único no que coinciden é en que non se debe utilizar lixivia e que é posible lavalos en seco con percloroetileno. As temperaturas recomendadas abranguen desde os 30 ºC de Liberto ata os 60 ºC de Solido, Lee Cooper e Lee, pasando polos 40 ºC de Levi’s, Carranza, Bandolli Jeans, Bonaventure e Polo Ralph Lauren. No tocante á temperatura para pasar o ferro, Liberto e Carranza recomendan 110 ºC, mentres que Solido e Lee Brooklyn consideran que a correcta é 210 ºC, e o resto queda nun termo medio: 150 ºC-º80 ºC.

Tamén no relativo á utilización da secadora os consellos son dispares: Liberto e Bandolli Jeans desaconsellan o seu uso, mentres que Solido, Levi’s 501, Lee Cooper e Polo Ralph Lauren o consideran adecuado, cada un deles recomendando unha potencia distinta. Carranza e Bonaventure non incluíron esta importante información e Lee Brooklyn fíxoo, pero cun símbolo que non é correcto. Liberto, Carranza e Bonaventure non recomendan lavar a prenda do revés, mentres que Levi’s, Lee Cooper, Lee e Polo Ralph Lauren aconsellan lavar e secar os seus produtos de maneira separada.

En calquera caso, debido á gran variedade existente de recomendacións para lavalos, secalos e pasarlles o ferro convén ler polo miúdo as instrucións que veñen con cada prenda para evitar problemas no futuro.

Tendo en conta tódalas probas de laboratorio, os pantalóns de maior calidade son Liberto, Bonaventure e Solido. Séguenos Lee Brooklyn, Lee Cooper, Levi’s 501 e Polo Ralph Lauren, cun “ben”. Carranza e Bandolli Jeans, os máis baratos, só conseguen un “aceptable”. Os tres mellores utilizan o sistema de aneis para a fabricación de fíos, pero este método non garante por si mesmo os mellores resultados, xa que Polo Ralph Lauren tamén os utiliza e non acadou máis ca un “ben” malia o seu prezo (seis veces máis có máis barato).

Fronte á fricción

A resistencia á abrasión compróbase mediante a fricción sobre os pantalóns dun tecido abrasivo. Trátase de coñecer o número de ciclos de fretamento necesarios para que se produza unha rotura de polo menos dous fíos do tecido. O denim dos vaqueiros debe aturar un mínimo de 30.000 ciclos. Todos aprobaron, pero Bonaventure foi o mellor e Polo Ralph Lauren o máis débil (rozou o mínimo permitido), seguido de Levi’s, Lee Cooper e Lee, que obtiveron resultados igualmente modestos.
Un vaqueiro non debe encoller máis dun 2% despois do lavado. Liberto e Solido (3,6% e 2,4%, respectivamente) encolleron máis do debido de longo e Bandolli Jeans (2,6%) fíxoo de ancho, o que resulta máis grave, xa que pode que tralo lavado nin sequera axuste á cintura. En calquera caso, convén lavar os pantalóns antes de subirlles a basta. Ningún dos pantalóns analizados desprende máis cor do habitual en seco (mediante rozamento) nin na auga (é dicir, durante o lavado ou fregado).

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse nove pantalóns vaqueiros de cor azul para home que custan desde os 18 euros de Carranza ós 120 de Polo Ralph Lauren.
  • Todos están compostos de algodón 100%, pero de diferente calidade.
  • Os pantalóns que se someteron a un proceso de avellentamento máis acusado (Levi’s, Carranza, Lee Cooper, Bandolli Jeans e Polo Ralph Lauren) son os que presentan, en xeral, uns parámetros de calidade máis baixos, especialmente en resistencia mecánica, á tracción e ó esgazamento.
  • Liberto, Solido e Bandolli Jeans encollen máis do permitido tralo lavado e secado.
  • Só Bonaventure e Lee Brooklyn superaron tódalas probas realizadas no laboratorio. Liberto, Solido e Bonaventure demostran unha moi boa calidade, Carranza e Bandolli Jeans, os máis baratos, suspenden, e o resto consegue un “ben”.
  • A mellor relación calidade-prezo é Solido, o máis barato (51 euros) dos tres pantalóns de maior calidade do estudo. Outra opción interesante é Lee Cooper, o terceiro pantalón máis barato (42 euros) e cunha boa calidade global.
MARCAS SOLIDO LEE COOPER LIBERTO BONAVENTURE LEE
Modelo Q-5-Best Urbans Doublestone Cody Rolling Broklyn
Prezo (euros) 51 42 65,98 69 55,07
Avellentamento Cor orixinal Avellentado +++ Cor orixinal Cor orixinal Avellentado +
Calidade de confección
Composición da tea Algodón 100% Algodón 100% Algodón 100% Algodón 100% Algodón 100%
Tipo de algodón 1 Cardado Cardado Peiteado Cardado Cardado
Tipo de fiada2 Aneis Rotor Aneis Aneis Rotor
Peso por unidade de superficie 3 433 470 455,5 418 461
Densidade 4 Aceptable Ben Ben Aceptable Ben
Ligamento 5 Xerga Xerga Xerga Xerga Xerga
Comportamento mecánico
Resistencia á tracción Moi ben Mal Ben Ben Ben
Resistencia ó esgazamento Moi ben Mal Ben Moi ben Ben
Resistencia á tracción costuras Ben Ben Moi ben Moi ben Ben
Comportamento ó uso
Resistencia á abrasión Ben Aceptable Ben Moi ben Aceptable
Solidez ó fregue en seco Moi ben Moi ben Aceptable Ben Moi ben
Comportamento ó lavado
Estabilidade dimensional ó lavado e secado Mal Ben Mal Moi ben Ben
Solidez ó lavado Aceptable Moi ben Ben Ben Ben
Solidez ó fregue en húmido Aceptable Ben Aceptable Aceptable Ben
CALIDADE GLOBAL Moi ben Ben Moi ben Moi ben Ben
MARCAS LEVI?S POLO RALPH LAUREN CARRANZA BANDOLLI JEANS
Modelo 501 East 1967 550
Prezo (euros) 68,26 120 18 27
Avellentamento Avellentado ++ Avellentado ++ Avellentado ++ Avellentado ++
Calidade de confección
Composición da tea Algodón 100% Algodón 100% Algodón 100% Algodón 100%
Tipo de algodón 1 Cardado Cardado Cardado Cardado
Tipo de fiada2 Rotor Aneis Rotor Rotor
Peso por unidade de superficie 3 461,5 422,5 423 454
Densidade 4 Ben Aceptable Aceptable Ben
Ligamento 5 Xerga Xerga Xerga Xerga
Comportamento mecánico
Resistencia á tracción Mal * Mal Mal Mal
Resistencia ó esgazamento Mal * Ben Mal Mal
Resistencia á tracción costuras Ben Ben Mal Mal
Comportamento ó uso
Resistencia á abrasión Aceptable Aceptable Ben Ben
Solidez ó fregue en seco Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben
Comportamento ó lavado
Estabilidade dimensional ó lavado e secado Moi ben Moi ben Ben Mal
Solidez ó lavado Moi ben Aceptable Moi ben Moi ben
Solidez ó fregue en húmido Ben Ben Aceptable Aceptable
CALIDADE GLOBAL Ben Ben Mal Mal

(1) Tipo de algodón: pode ser peiteado ou cardado. O algodón peiteado é de maior calidade có cardado.

(2) Tipo de fiada: reflicte o sistema utilizado polo que se forman os fíos. Dos sistemas atopados no estudo o sistema de aneis é de maior calidade có de Rotor.

(3) Peso por unidade de superficie: reflicte a cantidade de algodón presente nun metro cadrado de superficie.

(4) Densidade: reflicte o número de fíos por centímetro de tea.

(5) Ligamento: reflicte o modo en que se entrecruzan os fíos lonxitudinais e transversais

* Aínda que suspende neste apartado, queda moi preto do aprobado.

Un por un

UN POR UN

SOLIDO

  • /imgs/20050101/solido.jpg 51 euros
  • Alta calidade téxtil.
  • A mellor relación calidade-prezo. Os seus fíos están elaborados mediante o sistema de aneis (mellor), pero o seu algodón está cardado (peor). Moi ben en resistencia á tracción da tea, ó esgazado e á decoloración en seco. Pero, tralo lavado e secado, encolle máis do permitido (un 2,4% de longo).

LEE COOPER

  • /imgs/20050101/lee.jpg 42 euros
  • Calidade téxtil media.
  • Outra boa opción. Proceso de avellentamento de intensidade alta. Os seus fíos elaboráronse mediante o sistema de rotor (peor) e o seu algodón está cardado (peor). A maior cantidade de algodón por metro cadrado (470 g/m2). Moi ben en decoloración en seco e solidez ó lavado. Pero o seu tecido non supera as probas de resistencia á tracción nin ó esgazamento.

LIBERTO

  • /imgs/20050101/liberto.jpg 65,98 euros
  • Alta calidade téxtil.
  • O único que emprega fibras de algodón peiteado (de maior calidade) e os seus fíos foron elaborados mediante o sistema de aneis (mellor). A resistencia das súas costuras resulta moi boa, pero tralo lavado e secado da prenda, encolle máis do permitido (un 3,2% de longo).

BONAVENTURE

  • /imgs/20050101/bonaventure.jpg 69 euros
  • Alta calidade téxtil.
  • Os seus fíos foron elaborados mediante o sistema de aneis (mellor), pero o seu algodón está cardado (peor). Supera tódalas probas de laboratorio. A menor cantidade de algodón por metro cadrado (418 g/m2). O seu comportamento en resistencia á tracción das súas costuras, ó esgazado e abrasión da tea e á estabilidade dimensional é moi bo.

LEE BROOKLYN

  • /imgs/20050101/brooklyn.jpg 55,07 euros
  • Calidade téxtil media.
  • Proceso de avellentamento de intensidade baixa. Os seus fíos elaboráronse mediante o sistema de rotor (peor) e o seu algodón está cardado (peor). Supera tódalas probas realizadas no laboratorio. O seu comportamento na decoloración en seco é moi bo

LEVI'S

  • /imgs/20050101/levi.jpg 68,26 euros
  • Calidade téxtil media.
  • Proceso de avellentamento de intensidade media. Os seus fíos foron elaborados mediante o sistema de rotor (peor) e o seu algodón está cardado (peor). Moi ben en decoloración en seco, estabilidade dimensional e solidez ó lavado. Pero o seu tecido non supera as probas de resistencia á tracción nin ó esgazamento.

POLO RALPH LAUREN

  • /imgs/20050101/polo.jpg 120 euros, o máis caro
  • Calidade téxtil media-baixa.
  • Sometéronse a un proceso de avellentamento de intensidade media. Os seus fíos foron elaborados mediante o sistema de aneis (mellor), pero o seu algodón está cardado (peor). Moi ben en decoloración en seco e estabilidade dimensional, pero o seu tecido non supera a proba de resistencia á tracción.

CARRANZA

  • /imgs/20050101/carranza.jpg 18 euros, o máis barato
  • Calidade téxtil inferior á mínima esixida.
  • Sometéronse a un proceso de avellentamento de intensidade media. Os seus fíos foron elaborados mediante o sistema de rotor (peor) e o seu algodón está cardado (peor). Moi ben en decoloración en seco e solidez ó lavado, pero o seu tecido non supera as probas de resistencia á tracción nin ó esgazamento e as súas costuras tampouco son resistentes abondo.

BANDOLLI JEANS

  • /imgs/20050101/bandolli.jpg 27 euros, os segundos máis baratos
  • Calidade téxtil inferior á mínima esixida.
  • Sometéronse a un proceso de avellentamento de intensidade media. Os seus fíos foron elaborados mediante o sistema de rotor e o seu algodón está cardado (ambos os dous aspectos de baixa calidade). Presenta un comportamento moi bo no referente á decoloración en seco e solidez ó lavado. Pero o seu tecido non supera as probas de resistencia á tracción nin ó esgazamento e as súas costuras tampouco son resistentes abondo. Ademais, tralo lavado e secado da prenda, encolle máis do permitido (un 2,6% ó ancho).