Socialización de fillos e fillas

A familia, clave na educación en valores

O estilo de familia con autoridade recíproca é o máis indicado para favorecer o crecemento dos fillos e fillas en tódalas dimensións
1 Xaneiro de 2005
Img interiormente listado 157

A familia, clave na educación en valores

/imgs/20050101/img.interiormente.01.jpg
Os pais e nais e a sociedade en xeral están cada vez máis preocupados polos comportamentos e actitudes de boa parte dos nenos e mozos. O consumo de drogas, a proliferación da violencia, a falta de respecto, o acoso nas aulas ou os malos resultados académicos son problemas evidentes, e cada vez maiores, que levan a falar dunha crise de valores. Aínda que as súas causas e factores varían, os expertos coinciden en que a familia xoga un papel crucial na súa solución. Xa que logo, malia as dúbidas que se cernen sobre ela, a familia segue a ser o nó esencial da constitución da personalidade e da socialización dos fillos nos valores comúns da colectividade.

Que son os valores?

Os valores son elementos centrais no sistema de crenzas das persoas e relaciónanse con estados ideais de vida. Responden ás nosas necesidades como persoas, proporciónannos criterios para avaliar as outras persoas, os acontecementos que nos arrodean e mais a nós mesmos. Os valores oriéntannos na vida, fannos comprender e estimar ós demais. O primeiro contexto da súa aprendizaxe atópase na familia, que non só vai ser transmisora deses principios e regras: nela compártese un proxecto vital no que se dá un compromiso emocional; ofrécese un contexto de desenvolvemento das persoas, sexan fillos, pais ou avós, e posibilita un encontro interxeracional; e, sen dúbida ningunha, é unha rede de apoio para os cambios e as crises. Pero non supón isto só para os nenos e nenas. Eles son tamén axentes activos no proceso da súa construción, na medida en que a relación pais-fillos é unha relación transaccional, é dicir, de ida e volta, aínda que sexa de carácter asimétrico.

Isto significa que non só cambian ou se inflúe nos valores dos nenos, senón tamén nos dos adultos. Por exemplo, despois de ter fillos unha persoa pode darlle máis valor á seguridade ca ó recoñecemento social. As regras familiares son en xeral implícitas, transmítense de xeración en xeración e poden funcionar como vehículos de expresión dos valores, pero débense considerar flexibles, xa que deben ir cambiando ó longo do ciclo familiar e estar ó servizo do crecemento dos membros do grupo. Por iso, o cultivo dos valores non só se fai modificando as condutas dos fillos ou a dos pais, senón coa transformación dos tipos de relación na estrutura familiar.

O estilo de familia con autoridade recíproca

Máis alá da modalidade de familia, esta segue sendo a institución que ten como función fundamental responder ás necesidades e ás relacións esenciais para o futuro do neno e o seu desenvolvemento psíquico. Segundo as investigacións actuais, o modelo de autoridade recíproca aparece na actualidade como o máis indicado para favorecer o crecemento do fillo en tódalas dimensións. Os cambios operados no interior da familia desde os anos 70 deixaron de lado o modelo tradicional, cunha forte e ríxida división de roles entre home e muller e entre pais e fillos. Os pais e nais optan hoxe por unha educación para a liberdade na que se lle dá máis valor á comunicación, ó diálogo e á tolerancia. A familia aparece como a primeira instancia onde se experimenta e organiza o futuro individual, onde se dan as contradicións entre pertencer a un grupo e á vez manter a autonomía, asemellarse e diferenciarse. No seo familiar constrúese a identidade e constitúe o primeiro paso importante cara á cultura, a organización do sistema de valores, o xeito de pensar e de comportarse de acordo á pertenza cultural.

Así e todo, máis alá da estrutura, da historia, da cultura e da composición da familia, as súas funcións principais seguen a ser as mesmas: favorecer o mellor posible as relacións e as condicións necesarias para que os fillos maduren no respecto cara a si mesmos e cara ás outras persoas. E non hai dúbida de que a relación pais/nais-fillos a través da educación en valores constitúe a primeira e fundamental escena para acadar esta meta.

O proxecto educativo da familia

Todo este proceso pasa por levar adiante o proxecto educativo da familia. Trátase dun acordo non escrito que define a maneira en que se organizan as familias, como se dividen as tarefas e que expectativas xeran os seus membros. Estes valores, actitudes e confianzas materialízanse baixo un método que determina os seus sinais de identidade, plasmados nun estilo co que se transmiten os contidos da aprendizaxe e que diferencia unhas familias doutras. Así, distínguense varios estilos educativos que veñen determinados pola presenza ou ausencia de dúas variables fundamentais á hora de se establecer a relación pais/nais-fillos: a cantidade de afecto ou dispoñibilidade dos pais e nais; e o control ou esixencia paterna/materna que se plasma na relación pais/nais-fillos.

Deste xeito, segundo se combinen o afecto e a esixencia, xurdirán catro tipos de familias:

  • Familias con autoridade recíproca. Nelas estas dúas dimensións están equilibradas: exércese un control consistente e razoado e á vez pártese da aceptación dos dereitos e deberes dos fillos, e pídese destes a aceptación dos dereitos e deberes dos pais e nais.
  • Pais e nais autoritarios-represivos. Se ben o control existente é tan forte coma no caso anterior, non está acompañado de reciprocidade, polo que se volve ríxido e non lles deixa espazo ós fillos para o exercicio da liberdade.
  • Pais e nais permisivos-indulxentes. Neste caso non existe control por parte dos proxenitores, que non son directivos, non establecen normas. Así e todo, estes pais e nais están moi implicados afectivamente e atentos ás necesidades dos seus fillos.
  • Pais permisivos-neglixentes. Neste caso a permisividade non está acompañada de implicación afectiva e parécese moito ó abandono.