Amparo Urbano, arqueóloga

"Os países que protexen o seu pasado están á cabeza do desenvolvemento"

1 enero de 2005
Img entrevista listado 323

Cando son considerados arqueolóxicos uns restos?

Debemos partir da propia definición de arqueoloxía, é dicir, achegarnos a esta disciplina que trata de buscar, estudar e analizar obxectos materiais que axudan a comprender aspectos descoñecidos da historia. Para iso válese de vestixios que revelan a actividade humana de épocas pasadas, non necesariamente remotas, e que axudan a resolver as preguntas que nos facemos do pasado.

Estes vestixios, cando pasan a considerarse patrimonio?

A “importancia” como concepto sempre é relativa. Uns humildes fragmentos de sílex e ósos, asociados a un estrato de terra concreto, poden revolucionar o coñecemento científico sobre un período prehistórico e a súa importancia non é nin artística nin crematística. Para o profano carecen de importancia e para o douto téñena se cadra ata en exceso. O termo medio inténtano establecer as Administracións rexionais, que son as que asumiron as competencias na protección do seu patrimonio histórico e as que determinan as pautas de conservación en cada caso.

A lei fala de “terreos susceptibles de conter restos”. Como se sabe que o son?

A obriga de contar cun arqueólogo e de orzamentar o seu traballo fai que o especialista, cando non coñece de modo fidedigno a existencia de restos, se presente no lugar logo de estudar as cartas arqueolóxicas, de ver fotografías aéreas e de estudar anais de historia. Unha vez alí inspecciónase o solo. A forza de experiencia, de camiñadas, acabas adquirindo a capacidade de ler os indicios externos que che levan a concluír que alí hai restos: montículos de terra, diferentes cores da arxila, pedras colocadas dun xeito determinado, etc. Cando os unes danche unha marxe de erro moi escasa. Se a evidencia de restos é clara, organízase un equipo que estuda os lugares que a priori poderían agachalos. Este profesional debe contar en moitas ocasións con paleontólogos, que se interesan por aspectos máis científicos, con xeólogos, que axudan a analizar as mostras terrestres, con historiadores e mesmo con filólogos que estudan a toponimia na procura de pistas. Tamén necesita a enxeñeiros de camiños e a arquitectos que o axuden a interpretar planos. A partir de aí, como no caso de Illescas, aprovéitase o verán para sacar á luz os restos e emítese un informe á administración. As medidas que se vaian tomar xa non forman parte da nosa competencia.

De non haber leis que salvagardasen os restos, existiría unha sensibilidade por protexelos?

Se non houbese leis de protección do patrimonio arqueolóxico pero existise un gran sistema educativo, quero crer que si. Eu coido que a falta de sensibilidade co patrimonio histórico-arqueolóxico ou cultural ou etnográfico é produto da ignorancia.

Por que en moitas ocasións as ruínas de civilizacións pasadas aparecen soterradas baixo terra, como se as cidades “medrasen”?

Porque medraron. Un espazo propicio para a vida e a actividade humana reutilízase constantemente, non sendo que o arrasemos ou contaminemos sen remedio. Por iso a miúdo atopamos vestixios de culturas remotas baixo as nosas casas e son moi frecuentes nas terrazas dos ríos. Adoitan aparecer soterrados pola dinámica xeolóxica xeral de erosión-sedimentación. Aínda que non todos: moitos elementos son construcións que poden manterse en pé e sobre os que tamén se aplica metodoloxía arqueolóxica para o seu estudo.

A acometida de obras nas zonas vellas das cidades vai acompañada case sempre de polémica entre a parte política ou administrativa e os sectores sociais que demandan un maior respecto polo que o subsolo agacha. A cidadanía, mentres, escoita sen saber a que se deben os motivos polos que se suprimen prazas dun aparcadoiro necesario ou porque se suspende unha promoción de vivendas.

As obras nas zonas históricas son, en efecto, moi polémicas. Os arqueólogos e as administracións con competencia na protección do patrimonio preferimos que non se realice ningunha obra en zonas históricas, pero nalgúns casos son inevitables, e en moitos necesarias. De tódolos xeitos, a experiencia di que cando un equipo de goberno pensa nunha transformación urbana en zonas históricas, comezan a operar factores como o prestixio ou o interese propagandístico, case sempre buscando o mérito por resolver algún problema urbanístico previo ou mesmo un interese social que poida ter a obra, que ás veces é indiscutible que o ten. As razóns da polémica adoitan provir do interese dos políticos que encargan ou consenten a obra, que case nunca coincide co interese cultural, polo que a miúdo se demostra pouco respecto. Os países sensibles e con políticas proteccionistas que valoran e integran os seus elementos patrimoniais e invisten no seu coñecemento e difusión están á cabeza mundial do desenvolvemento. Eses países están marcando o camiño: rehabilitación e conservación de cidades históricas e desvío de infraestruturas e melloras urbanísticas ó extrarradio. E estamos falando de cidades cunha riqueza medieval moi importante.

É respecto o costume de conservar un cacho de muralla, parcheada con formigón, nos aparcamentos subterráneos?

Serve para moi pouco. Ó político para lavar a súa conciencia. Ó cidadán para case nada. Os arqueólogos intentamos non tocar nada, nin para o seu estudo nin para o seu traslado, pero non sempre pode ser. Quero dicir que o noso interese non é recuperar os vestixios para estudalos, todo o contrario, se estivese nas nosas mans deixariamos as cousas tal cal están e, por suposto, sempre que sexa posible, e sempre hai que intentar que o sexa, paga a pena subordinar unha obra moderna ós restos valiosos. Por puro respecto ó patrimonio que é de todos, tamén das xeracións futuras. Deste xeito, se hoxe o respectamos, dentro de 50 anos agradeceránnolo e, ademais, é seguro que dentro de 100 se poderá estudar con máis medios e mellores técnicas.

E que acontece con aquilo que xa se quebrantou? Non é tan raro descubrir que para facer un muro para separar dúas terras se botou man das pedras dunha ponte romana á que ninguén lle facía caso e que caía a cachos. Son recuperables?

No pasado foron frecuentes as reutilizacións. Toledo é un bo exemplo diso. Hai moitos edificios renacentistas que contan con cantería e mesmo con adobes de procedencia romana, pois eran materiais de moi alta calidade e máis doados de arrincar ca de reproducir. Así e todo, agora iso só se pode facer con construcións que non están protexidas. Ós poucos, en España vaise apreciando e valorando máis o patrimonio, en parte polo acicate dun emerxente turismo culto que demanda espazos arqueolóxicos ben conservados e interpretados. Este feito forzou posturas de cambio no tocante á posta en valor do patrimonio en tódalas Comunidades Autónomas. Mérida é un bo exemplo de cidade desbordada polo seu rico pasado e por un turismo que valora precisamente eses bens alí conservados. Outras cidades non tiveron tanta visión e destruíron o que puido ser a súa maior riqueza. Mellor non as citamos. En calquera caso, queda moito por facer e debemos ter como referente outras cidades de Europa que teñen moito menos volume de restos arqueolóxicos (exceptuando as italianas), pero un gran respecto no seu tratamento.