Finanzas cun "toque" solidario
Atraídos polo efecto “solidario” que envolve esta nova fórmula, no último ano medrou de xeito considerable o número de negocios e produtos financeiros que teñen en conta os criterios éticos e solidarios, principalmente nos de aforro e investimento que máis se utilizan. Abonda con abrir unha conta corrente, gastar cartos coa tarxeta de crédito ou subscribir un dos denominados fondos de investimento éticos para participar en proxectos solidarios como apadriñar a un neno, contribuír á construción dun hospital nun país subdesenvolvido ou colaborar nunha campaña de envío de alimentos e medicinas a África.
Os produtos éticos que compiten no mercado
Partindo de que os produtos éticos ou solidarios son instrumentos coas mesmas características ca os habituais fondos de investimento, contas correntes ou depósitos, a súa peculiaridade radica no toque solidario ou ético que a entidade introduce: nalgúns casos, son produtos que invisten só en compañías responsables coa sociedade, o medio natural, a cultura, a educación… Noutros casos, estes produtos solidarios destacan porque as entidades destinan parte da súa rendibilidade ou dos ingresos por comisións que reciben á posta en marcha de proxectos solidarios.
Deste xeito, o abano de produtos éticos que compiten no mercado vaise ampliando. Neles poden participar dende os aforradores máis conservadores, que non queren poñer en perigo os seus cartos, ata os máis ousados, que se atreven mesmo co investimento en bolsa. Todos eles atopan acomodo nun mercado onde hai contas correntes ou depósitos bancarios que ceden parte dos intereses que xeran a proxectos sociais desenvolvidos por ONG tan coñecidas como Unicef, Intermon Oxfam, Cruz Vermella, a Asociación Española contra o Cancro, Axuda en Acción?
Tamén se crearon plans de aforro solidarios nos que o aforrador pode establecer a porcentaxe dos xuros que considera oportuno doar ao Fondo de Solidariedade que creou unha entidade para promover iniciativas de apoio aos máis desfavorecidos. Esta estratexia tamén chegou ás tarxetas de crédito, onde se multiplicou a gama de plásticos que doan unha porcentaxe das compras realizadas con elas a Organizacións non gobernamentais ou a asociacións benéficas.
Pero é no plano do investimento onde máis convén falar de fondos responsables e plans de pensións solidarios. Os produtos que se insiren neste capítulo destínanlle, polo xeral, parte das comisións de xestión que reciben ás entidades de desenvolvemento de proxectos solidarios. Estes fondos (de investimento e pensións) invisten tendo en conta, amais dos criterios financeiros tradicionais, criterios éticos de actuación empresarial definidos pola Comisión de Ética que adoitan ter establecidos os propios produtos.
Ademais, en moitos casos, os folletos informativos de investimento de cada produto advirten de que o patrimonio nunca se vai investir en empresas relacionadas, por exemplo, coa fabricación de armamento, de produtos perigosos para o medio natural ou que no desenvolvemento da súa actividade violen criterios éticos de compromiso social. Estes produtos destacan por investir en empresas que cumpren con esixencias éticas, e que, dalgún xeito, son respectuosas coa natureza, coidan o patrimonio histórico-artístico ou promoven iniciativas para mellorar a educación e o desenvolvemento dos colectivos máis desfavorecidos.
Tamén se ofertan no mercado seguros, sobre todo de saúde, que destinan parte da prima que paga ao cliente (polo habitual un 0,7%) a colaborar con asociacións sen ánimo de lucro.
O termómetro da solidariedade
Pero, ata onde chega de verdade a solidariedade das entidades? Malia o rechamante e atraente apelido de “solidarios”, o certo é que, en moitas ocasións, as cantidades que destinan as entidades a iniciativas sociais son ínfimas. Botando contas, pódese ver que, nalgúns casos, determinados bancos e caixas só lles doan uns 350 euros anuais a algunhas das ONG mencionadas. A axuda, polo tanto, é bastante limitada.
É o caso, por exemplo, dunha entidade que doa un 0,5% dos ingresos en concepto de comisión de xestión que recibe ao ano. Tendo en conta que a comisión global que ingresa a entidade é igual ao 1,9% do patrimonio que se teña investido, un cliente que deposite 6.000 euros neste produto estará contribuíndo a doar tan só 0,57 euros anuais á ONG coa que colabora o banco. Con esta cantidade, polo tanto, pouco solidario se pode chegar a ser. Dende o punto de vista do particular, habería que investir cantidades astronómicas para sentirse verdadeiramente solidario se se contrata un produto destas características.
A cifra contrasta claramente cos ingresos que obtén a entidade, que seguen a ser elevadísimos. No caso anterior, tendo en conta que nun fondo de pensións un banco pode administrar un patrimonio global de máis de tres millóns de euros (en total 3.743.073 euros no exemplo concreto), os ingresos en concepto de comisión de xestión que recibe ascenden a 71.118 euros. Desa cantidade, a entidade só destinará 355 euros en todo un ano a proxectos sociais (é dicir, o 0,5% dos ingresos totais recibidos por xestionar o produto). En resumo: a entidade seguirá gañando 70.762 euros por xestionar o fondo de pensións bautizado como “solidario” e só contribuirá a causas benéficas con 355 euros ao ano.
Do exemplo dedúcese que as entidades non son altruístas cando ofrecen este tipo de produtos. Introdúcenlles un “gancho” solidario, nada desprezable, polo que non deixan de gañar nin un euro con este tipo de instrumentos.
Gastos, xuros e rendibilidades
Máis alá da decepción experimentada despois de facer os cálculos e de calibrar a solidariedade deste tipo de instrumentos, o certo é que non hai que menosprezar este tipo de iniciativas, moi válidas para contribuír cun pequeno gran de area ao desenvolvemento social. De feito, é importante saber que estes produtos (contas, depósitos, fondos de investimento, de pensións e seguros) funcionan exactamente igual ca os que non cargan ás súas costas coa etiqueta de “éticos” ou “solidarios”. Polo tanto, entre apostar por unha conta solidaria ou outra tradicional, pode ser unha boa opción optar pola primeira.
Os gastos que aplican os produtos solidarios son os mesmos ca os instrumentos normais: no caso das contas de aforro e dos depósitos, o normal é que as entidades non apliquen ningún tipo de comisión. En fondos de investimento e de pensións, a comisión máxima varía, aínda que non poderá superar o 2,5%.
No tocante aos xuros, tamén os produtos solidarios son rendibles para o aforrador. No caso das contas correntes e dos depósitos, na actualidade pódense atopar no mercado produtos que ofrecen xuros dende o 2,5% ata o 4%, é dicir, un rango similar ao doutros produtos que non teñen carácter solidario. Polo tanto, cun depósito solidario no que se invistan 10.000 euros durante un ano, a un xuro do 4% TAE pódense obter unhas ganancias de 400 euros, co cal, amais de estar contribuíndo a unha boa causa, o cliente obterá unha atractiva remuneración.
No caso dos fondos de investimento éticos ou solidarios, as rendibilidades poden ser aínda maiores. Por exemplo, o fondo Aviva Morley European Socially Responsible acumula unha rendibilidade este ano superior ao 12%, o Lehman Brothers Socially Responsible Investment gaña máis dun 7% e o JP Global Socially Reponsible rende máis dun 6%. En calquera caso, as rendibilidades que ofrecen estes produtos son moi variadas, de xeito que, se amais de buscar un fin ético, se esixe certa rendibilidade, é conveniente analizar a súa política de investimento. Nestes momentos, os fondos máis rendibles son os que invisten a maior porcentaxe do seu patrimonio en Bolsa. Algúns fondos éticos e responsables de xestoras españolas apenas alcanzan o 2% en rendibilidade, co que nin sequera baten a inflación (situada no 2,4%).
Malia as numerosas propostas e unha maior concienciación da sociedade actual cos máis desfavorecidos, este tipo de investimentos contan con poucos adeptos. Segundo un estudo do Instituto de Innovación Social da escola de negocios ESADE, en España só o 0,49% dos cartos investidos en fondos está depositado en produtos socialmente responsables, fronte ao 33% do Reino Unido.
A banca ética en España
En España multiplícanse os produtos éticos pero non os seus adeptos, a diferenza doutros países como Bélxica, Holanda ou o Reino Unido, onde esta “filosofía” está plenamente asentada dende hai décadas. Nestes mercados, hai numerosas entidades que traballan para contribuír dende o sistema financeiro a un cambio positivo e sostible da sociedade. É o caso do banco Merkur, en Dinamarca, GLS Oko Bank, en Alemaña, o Banco Alternativo Suízo, a Banca Populare Ética, de Italia ou do Tríodos Bank, holandés, a única entidade con carácter ético que ten filial en España. Todas estas entidades invisten e financian, por exemplo, en empresas de enerxías renovables, tecnoloxía ambiental, turismo sostible, agricultura ecolóxica, etc. Ademais, todos os seus produtos incorporan tamén un cariz solidario. No caso da española Tríodos Bank, por exemplo, o seu Ecodepósito é unha imposición a prazo fixo dun ano que lle permite ao cliente obter unha rendibilidade do 3,5%. Por cada ecodepósito que se subscriba, a entidade comprométese a plantar unha árbore no Bosque Tríodos de Xestión Sostible.
Créditos para os máis necesitados
Unha das iniciativas máis espalladas entre os bancos e caixas españolas é a de ofrecer microcréditos. A peculiaridade destes produtos é que son pequenos créditos que aplican xuros bastante máis baixos ca os tradicionais créditos ao consumo, dirixidos principalmente a persoas con poucos recursos que desexan pór en marcha un negocio que, ao carecer de aval, quedan excluídos do sistema financeiro habitual. De aí que, en moitos casos, a entidade solicite algún tipo de papel ou proxecto que demostre que o crédito se vai utilizar para levantar unha pequena empresa. Ese proxecto serve, nalgunhas ocasións, como aval. Ademais, polo xeral, as entidades non mostran moitas esixencias en canto a nivel de ingresos ou de situación económica dos seus solicitantes. Na actualidade, practicamente todas as caixas de aforros os comercializan, principalmente, como parte da súa obra social.
Coñecido o funcionamento dos produtos financeiros éticos e solidarios, os interesados deben, sobre todo, fixarse nos seguintes aspectos:
- As entidades non destinan todas as súas ganancias a proxectos solidarios. O seu fin último é gañar cartos, co que o cliente debe saber que non toda a rendibilidade que xere o seu capital se vai destinar a desenvolvemento social.
- Ler ben no folleto informativo ou contrato do produto en que consiste realmente a doazón que se compromete a realizar a entidade: se destina parte das comisións, xuros ou rendibilidade.
/imgs/20070701/img.consejo-del-mes.04.jpg Nalgúns casos, os produtos solidarios ceden parte dos xuros que ofrece o produto, co cal o cliente debe saber que realmente as súas ganancias serán menores. Por exemplo, se un depósito solidario ofrece un interese do 3% TAE anual e a entidade se compromete a destinar a metade desa remuneración a proxectos solidarios, o cliente unicamente recibirá xuros equivalentes ao 1,5% TAE.- Coidado coas comisións: polo xeral, as comisións deben ser iguais ás dun produto sen toque solidario. Non obstante, en ocasións as entidades poden intentar compensar a súa doazón con maiores custos. Un fondo de investimento ou de pensións con comisións que rolden ou superen o 2% será caro.