Diversión e educación para os nenos, axuda e tranquilidade para os pais
Ante a imposibilidade de contratar unha persoa para o coidado dos pequenos durante estes meses por razóns económicas, de falta de confianza ou de horarios, cada vez é máis habitual que os dous membros da parella alternen as súas vacacións para que o pequeno teña como referente a un dos seus pais. Outra alternativa, máis exitosa e atraente, é a que se plasma na crecente oferta de campamentos e colonias de verán, que permite que os mozos aprendan inglés nos Pireneos, surf no Cantábrico, multiaventura na serra madrileña, teatro en Bilbao, maxia en Cataluña…
As posibilidades son moitas e a oferta interminable. Na cidade, na praia, no campo ou no estranxeiro e organizadas por concellos, escolas, ludotecas, empresas privadas, entidades financeiras, museos ou clubs deportivos, as colonias, campamentos e granxas-escola lúdicas ou formativas ofrecen diversión e formación estivais para nenos e mozos. Eles divírtense e os pais atópanlle resposta ao dilema de qué faceren cos fillos mentres chegan as súas vacacións laborais, moito máis breves ca as dos escolares.
De acordo á idade dos rapaces e dos seus gustos persoais, pódese escoller entre iniciativas que combinan idiomas con deportes de aventura, actividades ambientais e talleres de maxia ou clases de violín con paseos en globo. Case todas as ofertas se estruturan en quendas dunha semana a quince días de duración, con prezos para todos os petos, que van dos 35 aos 1.570 euros. Esta diferenza de prezos vén dada, principalmente, polo tipo de aloxamento: dende a mesma casa do neno ata un hotel de 4 ou 5 estrelas, pasando por albergues, bungalows, escolas, tendas de campaña ou granxas, sen esquecer as colonias gratuítas, sobre todo urbanas, organizadas polos concellos e outras institucións.
Con independencia do ámbito privado ou público, dunha metodoloxía ou outra, as colonias de verán e mais os campamentos e as granxas escola, complementan o proceso de formación regulado que reciben os nenos nos seus centros educativos durante o curso escolar. Ao mesmo tempo concíbense como un espazo idóneo para que nenos e novos convivan con outros rapaces e rapazas da súa idade, e gocen do seu tempo libre dunha forma creativa, participativa e enriquecedora.
- Teña en conta que a idade ideal para que os nenos acudan á súa primeira colonia son os seis anos. Antes poden ir a campamentos urbanos ou de día.
- No caso das primeiras experiencias, elixa un campamento que estea preto do fogar do neno, por se hai problemas.
- Fomente no neno a capacidade de libre elección e acéptea. Cada neno é un mundo, e aínda que en ocasións hai que lles dar un empurrón para que superen a súa timidez, non o obrigue a ir, especialmente se esta é a súa primeira experiencia fóra da casa.
- Asegúrese de que o pequeno realmente desexa ir. É preferible anular a inscrición no último momento que obrigar o neno a que pase por unha mala experiencia.
- Supere o seu propio medo e reticencia a deixar o seu fillo en mans de estraños, lonxe de casa, durante unha, dúas ou tres semanas.
- A oferta é moi variada. Á hora de elixir entre unha ou outra teña en conta os gustos, habilidades, preferencias e necesidades do seu fillo.
- Valore tamén a relación entre a oferta de actividades e o prezo, o tipo de lugar no que se residirá (residencia, cabana, casa rural, hotel…) e se inclúe ou non traslados e materiais.
- Asegúrese de que a entidade pública ou privada que organiza as colonias está recoñecida nos rexistros da comunidade autónoma correspondente, e ten licenza de funcionamento.
- Un bo campamento debe ser limpo, seguro e cómodo, xestionado por persoas capacitadas e con boa formación. Ademais, debe ofrecer actividades e excursións de calidade que complementen as habilidades escolares dos nenos, e estar disposto en todo momento a aclarar calquera tipo de dúbida que se teña ao respecto.
- É importante que os grupos estean separados por idades e que a diferenza entre os membros dese grupo non sexa de máis de tres anos.
- Se non ten referencias do lugar onde se van celebrar as colonias, non dubide en visitar as instalacións persoalmente.
- Solicite ver os permisos de que dispoña a empresa para desempeñar o seu labor. Infórmese das medidas hixiénico-sanitarias das instalacións que adoptaron os organizadores do campamento.
- Esixa información detallada do programa de actividades a realizar, e seleccione as actividades de multiaventura que está disposto a autorizar. Sexa consciente de que un gran número poden ser inadecuadas para a idade do seu fillo e que non o debe obrigar a participar en algo que non lle gusta ou que lle pon medo.
- Nos campamentos de nenos pequenos débense evitar os deportes de risco ou os que presenten alto grao de competición.
- Informe polo miúdo aos responsables da colonia dos coidados que precisa o seu fillo. Se é asmático, alérxico, diabético, ou ten problemas de sono, de conduta ou de alimentación.
Distintas alternativas
Colonias. Son unha opción segura e cómoda, especialmente para os máis pequenos, xa que a diferenza dos campamentos, o aloxamento realízase na propia casa do neno, hoteis, escolas ou albergues preparados para acoller grupos numerosos.
As colonias urbanas. As máis solicitadas nos últimos anos. Amais de seren a alternativa máis económica, supoñen unha excelente elección para os nenos máis pequenos (poden acudir a partir de tres anos) e para os pais que non se queren afastar dos seus fillos durante o verán. Funcionan igual ca un centro escolar. Abren as súas portas cara ás nove da mañá (algunhas inclúen a comida) e péchanas sobre as seis da tarde, e as actividades non difiren demasiado das demais opcións: hainas deportivas, ambientais, musicais, de pintura, de teatro, de idiomas, de maxia, etc.
Campamento de verán. De características semellantes ás colonias, pero neles os nenos conviven en tendas de campaña instaladas en paraxes naturais, de acordo á súa filosofía de que os nenos estean en contacto coa natureza. Por iso, aínda que sen esquecer os idiomas e outras materias artísticas e deportivas, teñen especial relevancia as actividades relacionadas co medio, como a observación da flora e fauna da zona, e as excursións e itinerarios ecolóxicos.
Granxas-escola. Orientadas ao coñecemento da vida rural, representan unha combinación entre unha colonia e o campamento, xa que se pasa a noite en edificios (camas) en pleno contacto coa natureza. Os programas combinan as actividades lúdicas e formativas cos labores propios do medio rural: traballo no campo, elaboración artesanal de útiles e alimentos (xabón, pan, queixo, manteiga) e coidado dos animais e da horta.
- Os monitores están en posesión do Diploma de Monitor de Tempo Libre ou titulación equivalente. Se os pais teñen algunha dúbida, poden solicitar que llelo amosen.
- Tanto nas colonias como nas granxas e campamentos dispoñen dunha botica de primeiros auxilios e persoal con coñecementos para atender posibles problemas de picaduras, cortes, golpes, diarrea, febres, vómitos, catarreiras, etc.
- Tamén contan con persoal médico especializado para atender algún caso grave de saúde que se poida dar. Ademais, está todo preparado para realizar unha saída urxente a un centro hospitalario.
- Os campamentos contan cunha póliza de seguros de accidentes e de responsabilidade civil que cobre a seguridade dos participantes.
- Os organizadores e monitores teñen os teléfonos e enderezos de todos os pais e nais, de xeito que ante calquera imprevisto chamarán de inmediato. Por iso é moi importante que os proxenitores dean un número telefónico e un enderezo de correo electrónico onde poidan ser localizados.
Ofertas temáticas para todos os gustos e petos
Artísticas. Son as colonias dedicadas a unha única materia, normalmente de carácter artístico, como a música, o teatro, a danza, o cinema, a fotografía, a maxia, etc. Os distintos talleres fomentan a creatividade e desenvolven as habilidades motoras dos rapaces. Están dirixidas a nenos a partir de catro anos. O prezo dunha semana oscila entre 98 e 380 euros.
Deportivas. Orientadas para os mozos que queiran gozar duns días en contacto co mar, a praia e os deportes náuticos. Non obstante, hai actividades para todos os gustos. Vela, windsurf, snórkel, piragüismo, natación, fútbol, baloncesto, atletismo, as posibilidades de practicar un deporte son moitas e variadas. O requisito é que os nenos cumpriran os sete anos. O prezo por semana oscila entre 60 e 379 euros. Se a práctica deportiva se combina coa aprendizaxe dun idioma, o prezo medio dunha semana é de 400 euros.
De idiomas. Contan cunha gran tradición na organización de colonias, e adoitan ser un combinado de todas as anteriores (multiaventura, deportivas, artísticas), ás que se engade a inmersión no idioma, en moitos casos compartindo clases e lecer con nenos de diferentes países. Unha opción válida para os nenos que xa teñan seis anos. O prezo dunha quincena móvese entre os 760 e os 1.570 euros.
Ambientais. Son colonias situadas en zonas rurais onde os nenos teñen a oportunidade de coñecer en persoa a flora e a fauna da zona, mentres realizan talleres, excursións, visitas culturais e aprenden a coidar o medio. Tampouco esquecen a práctica deportiva (sendeirismo, natación, orientación, etc.). Indicadas para nenos a partir de 7 anos. Dende 175 euros por cinco días, ata 380 euros por 10 ou 12.
Multiaventura. A oferta de colonias multiaventura aumenta cada verán. Os mozos pódense iniciar, en pleno contacto coa natureza, na práctica de deportes de aventura como descenso en canoa, tiro con arco, ráfting, escalada, ráppel, hípica, etc. Para apuntarse abonda con ter cumpridos os sete anos. Os prezos son moi variados, e van dos 195 euros aos 700 euros por unha semana, e de 350 euros a 1.130 euros por 15 días.
- Fortalecen o seu crecemento.
- Melloran o control, a coordinación e a conciencia corporal.
- Desenvolven as súas capacidades físicas condicionais: forza, resistencia, velocidade, flexibilidade e axilidade.
- Toman conciencia da súa motricidade no espazo e no tempo.
- Potencian o compañeirismo, a sociabilidade e a solidariedade na convivencia cotiá.
- Favorecen o entretemento e a convivencia.
- Estimulan a súa autonomía e a súa responsabilidade.
- Fortalecen os seus vínculos co contorno, contribúen a que o pequeno aprenda a convivir con outras persoas, desenvolvendo a conciencia de grupo e de respecto mutuo.
- Favorecen a súa iniciativa á acción e á organización.
- Incentivan o seu gusto e satisfacción polas actividades na natureza.
- Fomentan o respecto polas normas.
- Favorécese o achegamento ao medio natural, promovendo o seu respecto e coidado.
- Os nenos familiarízanse coas técnicas de aire libre e do deporte, e iníciase nos deportes de aventura e risco controlado.
- Os pequenos valoran e gozan as actividades de aventura na natureza.
- Nestas instalacións danse a coñecer os costumes e recursos culturais de cada zona e os nenos coñecen o mundo rural.
- Os máis pequenos aprenden e practican idiomas, amais de todo tipo de materias artísticas.