Turismo urbano: proba práctica en 18 cidades

As cidades aínda non pensan abondo nos turistas que as visitan

A adaptación das capitais ao turismo urbano mellorou nos últimos anos. O peor, o estado das estacións de trens e de autobuses e a escasa accesibilidade de servizos como o bus turístico
1 Xullo de 2007
Img temap 285

As cidades aínda non pensan abondo nos turistas que as visitan

/imgs/20070701/img.tema-portada.01.jpgO turismo é un fenómeno cada vez máis urbano. Aínda que as praias se converten durante o verán nos principais puntos de peregrinación, os grandes atractivos culturais, históricos, artísticos ou lúdicos ao longo do ano, e tamén na época estival, teñen nome de cidade. A satisfacción das expectativas do turista urbano depende de numerosos factores, entre eles, o esforzo económico e loxístico das cidades por facer máis agradable, cómodo e sinxelo o percorrido do visitante polas súas rúas e prazas.

CONSUMER EROSKI analizou a adaptación ao turismo urbano de 18 capitais españolas: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Santander, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Para iso estudou a sinalización aos principais puntos de interese turístico, a calidade na atención da oficina de turismo, a existencia de autobús turístico, a oferta de visitas guiadas, o estado de conservación e limpeza dos lugares visitados, e mais o grao de accesibilidade da cidade e se se lles dá información de interese aos visitantes que chegan ás estacións de autobuses e trens. Amais de lles solicitaren unha información pormenorizada aos responsables municipais, os técnicos da revista acudiron a capitais descoñecidas para eles e fixéronse pasar por turistas para realizaren unha comprobación in situ destas variables.

A principal conclusión é que as cidades aínda non pensan abondo na comodidade do turista que transita polas súas rúas. A valoración global non pasa dun mediocre “aceptable”, aínda que si se rexistra unha evolución positiva con respecto a un estudo semellante elaborado por esta revista no 2003, que se saldou cun rotundo “mal”. Agora, o acceso tanto ao centro da urbe coma aos principais lugares de interese (hoteis, monumentos, museos e as propias oficinas de turismo) é unha tarefa relativamente doada grazas a unha sinalización, en liñas xerais, axeitada. Tamén merece o aprobado a atención que se brinda nas oficinas de turismo das 18 cidades visitadas, así como a oferta de autobuses turísticos e de visitas guiadas, malia que nestes dous últimos casos a accesibilidade para persoas con minusvalidez dista de ser a desexable.

/imgs/20070701/img.tema-portada.02.jpg
As principais deficiencias atópanse nas estacións de trens e, especialmente, nas de autobuses, dous dos puntos de chegada máis relevantes das cidades, debido ás carencias rexistradas en aspectos como limpeza, conservación e información turística. Neste apartado suspende o 44% das cidades obxecto de estudo, mentres que só o 22% acadan un “ben” e o resto un mediocre “aceptable”.

Cando se chega ao destino elixido para pasar uns días de lecer a ninguén lle gusta sentirse perdido ou non situarse e ter que se dirixir continuamente aos transeúntes para atopar o lugar desexado. É velaquí é onde a presenza de sinais xoga un papel relevante, especialmente as que indican o centro da cidade, a zona na que, polo xeral, se atopan moitos dos puntos de interese turístico da localidade. En Barcelona, Madrid e Zaragoza estas non eran abondas, se ben foi posible chegar ao centro de todas as cidades visitadas sen grandes dificultades. Tamén se constatou a dotación apropiada das que orientan cara a puntos de interese turístico, hoteis e hospitais. Pola contra, catalogáronse como escasas as que guían cara ás oficinas de turismo, estacións de trens e autobuses, e aínda son menos habituais as que sinalan a dirección a aeroportos e comisarías de Policía.

Oficinas de turismo, correctas

/imgs/20070701/img.tema-portada.03.jpg
A oficina de turismo é un enclave básico para o visitante, pero para iso debe poder chegar a ela, o que só se logra cunha boa sinalización, xa que os habitantes da cidade, por regra xeral, descoñecen a súa situación. Só sete das oficinas visitadas, situadas en Córdoba, Málaga, Oviedo, Pamplona, Valencia, Valladolid e Vitoria estaban correctamente sinalizadas. En Alacante, Barcelona, Granada, Murcia, Sevilla e Zaragoza os carteis e sinais eran insuficientes, mentres que na Coruña, en Bilbao, Madrid, San Sebastián e Santander os técnicos non atoparon ningunha.

A atención nas oficinas foi inmediata, agás nas de Barcelona, Córdoba, Madrid e Sevilla, onde a espera foi dos catro aos sete minutos. Só se sufriron colas diante do mostrador nas estudadas en Madrid, Sevilla, Granada e Málaga. Pola contra, unicamente nas oficinas visitadas en Alacante, Granada, San Sebastián, Sevilla e Valladolid preguntaron polos gustos do visitante, así como polas características da súa viaxe.

O que si lle proporcionaron ao viaxeiro en todas as oficinas foi un mapa da cidade, así como datos sobre museos, monumentos e zonas emblemáticas. Ademais, informouse nelas (por escrito, oralmente ou de ambos os dous xeitos) sobre rutas que ofrece a cidade, agás en Granada e Santander. Así mesmo, en catro de cada cinco facilitaron información sobre visitas guiadas, no 73% sobre transporte turístico e na metade sobre restaurantes, bares, cafeterías, lecer nocturno e zonas verdes. Tres de cada catro fixérono sobre o acceso aos diferentes lugares de interese e sobre os seus horarios, no 61% orientaron ao visitante interesado sobre os espectáculos e no 45% sobre zonas comerciais, prezos de entradas e aloxamento. Só nunha de cada catro lle detallaron ao turista as posibilidades do transporte urbano e abonos de transporte para turista, así como de abonos para a visita de museos.

Dez minutos de atención

Unha media de dez minutos e trinta segundos. Esa foi a duración media da atención dispensada ao viaxeiro nas oficinas de turismo, aínda que se rexistraron diferenzas moi significativas, que van dos catro minutos (nas visitadas en Bilbao, Oviedo, San Sebastián e Santander) á media hora (nas de Alacante e Sevilla). En tres de cada catro das capitais visitadas abandonouse a oficina de turismo coa sensación de ser informado e atendido con interese e de xeito completo. Só se saíu coa impresión de contar con escasa información nas oficinas de Santander, Córdoba, Málaga e Murcia. En unha de cada catro das estudadas dispuñan de alugueiro de bicicletas e realizaban xestións de reserva de aloxamento, mentres que en unha de cada tres vendían billetes para o transporte e abonos.

Un dos puntos con mellor valoración foi o da limpeza e conservación das oficinas. Ademais, todas estaban adaptadas para persoas minusválidas.

Visita en autobús turístico

A posibilidade de gozar da cidade e de coñecela polo menos superficialmente a bordo dun autobús turístico esténdese nas distintas capitais. En máis da metade das analizadas (o 61%) foi posible gozar deste servizo, e o resto carecía del ou non estaba en funcionamento na época en que se realizou a visita (en maio). A calidade global deste servizo foi boa.

Cunha duración media dunha hora e 25 minutos, o prezo medio rolda os 12 euros, aínda que se atoparon neste aspecto grandes diferenzas entre unhas capitais e outras (dos 4 euros de Zaragoza aos 19 de Barcelona). En todos eles se aplican descontos, dirixidos principalmente a nenos, xubilados e estudantes.

En Bilbao, Málaga e Zaragoza o autobús atrasouse e a espera chegou (no caso da capital biscaíña) ata os quince minutos. En todos os autobuses as explicacións ofrecidas estaban dispoñibles en castelán, no 75% tamén en inglés e no 58% coa posibilidade de escoitalas en francés. A accesibilidade para minusválidos foi a súa principal deficiencia. Só un de cada tres autobuses turísticos estaba adaptado para que puidesen acceder a el persoas con mobilidade reducida.

Estacións de paso

/imgs/20070701/img.tema-portada.04.jpg
Paradoxalmente, as estacións de trens e de autobuses, unhas das vías clave na chegada de turistas, non pensan moito no visitante. Suspenden a proba as cidades da Coruña, Murcia, Pamplona, San Sebastián, Santander, Sevilla, Valladolid e Vitoria. O resto aproba sen alardes con cualificacións situadas entre o “aceptable” (Alacante, Bilbao, Granada, Málaga, Valencia e Zaragoza) e o “ben” (Barcelona, Córdoba, Madrid e Oviedo).

As deficiencias foron maiores nas estacións de autobuses. Entre as máis comúns e importantes, a mala conservación e a escasa limpeza, especialmente nos aseos. Pola contra, nove de cada dez estacións de trens estaban limpas e só no 22% dos aseos se atopou sucidade ou malos cheiros.

/imgs/20070701/img.tema-portada.05.jpg
Só Alacante e Barcelona teñen oficinas de turismo nas estacións de trens e de autobuses, mentres que Bilbao, Granada, Málaga, Oviedo e San Sebastián dispoñen dun punto de información turística unicamente na terminal de autobuses. Pola súa parte, Córdoba, Madrid, Valencia e Zaragoza contan cunha oficina na estación de trens. Das trece oficinas de turismo que se atoparon durante as visitas ás diferentes estacións das 18 cidades, só dez estaban abertas. A de Alacante pecha as fins de semana, a de Granada só abre días laborais e sábados á mañá, e en San Sebastián nin sequera se especifica o horario de atención. Ademais, e especialmente nas estacións de autobuses, a información facilitada rexistrou carencias. A iso súmase que só catro das 18 cidades do estudo ofrecían nas súas estacións paneis informativos sobre os lugares de interese.

No tocante ás novas tecnoloxías, destaca moi por riba do resto Granada, xa que na estación de autobuses hai ordenadores para consultar información sobre a cidade, sistema de bluetooth a través do cal se poden facer descargas ao móbil, e tamén sistemas para recibir información por medio de SMS.

As visitas guiadas compensan

En oito das 18 cidades (en todas as que foi posible) os técnicos desta revista realizaron unha visita guiada. En seis das oito a nota final foi de “moi ben” (Alacante, Granada, Málaga, Murcia, Pamplona e Vitoria) e nas outras dúas un “ben” (Córdoba e Valencia). Nas oito cidades púidose facer a visita o mesmo día no que se efectuou a reserva. A duración de cada visita variou en cada cidade: dende as catro horas de Málaga ata a hora e media de Vitoria. Máis ou menos extensas, todas comezaron con puntualidade. En Murcia e Málaga as visitas eran gratuítas. Non foi o caso da realizada en Córdoba, cun prezo de 14 euros, moi por riba do custo medio, fixado en 9,2 euros.

O guía, polo xeral, ofrecía as explicacións a viva voz, sen micrófono. Só en Málaga, no que o guía é substituído por un reprodutor de MP3 de uso individual, se incluían materiais de apoio sobre os lugares do percorrido. O principal defecto: unicamente en tres das oito cidades era posible que unha persoa con mobilidade reducida realizase a visita (Córdoba, Murcia e Pamplona), e en cinco só algúns dos espazos visitados estaban adaptados para persoas minusválidas (Alacante, Málaga, Granada, Valencia e Vitoria).

Radiografia do turismo urbano, cidade por

Barcelona

Moi ben. É a cidade máis atenta co turista. O servizo prestado na oficina de turismo é bo. Excelente o percorrido en bus turístico pola cidade condal, aínda que caro (19 euros). Tanto a estación de ferrocarril como a de autobuses contan cunha oficina de turismo. Ambas as dúas estaban abertas ao público durante a visita.

Bilbao

Ben. Os sinais que indican o centro da cidade son abondos e atópanse en bo estado. Bo servizo na oficina de turismo. A cidade ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas e percorrido en bus turístico, accesible para persoas con minusvalidez. Falta de limpeza nos baños das estacións de trens e de autobuses.

Alacante

Ben. A capital alacantina dispón de boas, abundantes e visibles sinais para situarse na cidade e localizar destinos. Moi ben a oficina de turismo, os informadores preguntan polos gustos e preferencias do visitante. O servizo de visitas guiadas, moi bo. Non obstante, a estación de autobuses non pasa do aceptable. O interior do edificio está porco e ademais hai sensación de inseguridade para os pasaxeiros que esperan.

>Madrid

Ben. Escasean os sinais nas estradas e ademais a súa visibilidade non é boa debido á presenza de restos de adhesivos. O servizo prestado na oficina de turismo non pasa do “aceptable”. Hai que esperar para ser atendido e non amosan interese polas características da viaxe do turista, nin polos seus gustos. Non obstante, a visita polo Madrid Histórico en autobús turístico é positiva. Ben tamén con respecto ás estacións de autobuses e trens.

Granada

Ben. As diferentes ofertas para percorrer a cidade resultan moi boas, tanto o transporte turístico, que fai paradas nos principais puntos de interese, como as visitas guiadas, hai catro entre as que elixir. Ademais, está moi ben sinalizada, polo que chegar aos lugares máis emblemáticos é doado. A atención dispensada na oficina de turismo é boa a pesar de que en ocasións se formen colas, e a información que se facilita adáptase ás preferencias e gustos da persoa interesada. O estado das estacións é mellor ca no resto das cidades, sobre todo a de autobuses.

Málaga

Ben. Distínguese por ser unha das máis innovadoras, xa que a visita guiada se realiza coa axuda dunha gravación en MP3, dispoñible en oito idiomas, e o propio turista pode controlar o seu ritmo. Ademais, é unha das poucas que é gratuíta e pódese elixir entre cinco percorridos diferentes. Tamén é posible realizar unha visita en autobús turístico.

Valencia

Ben. Na oficina de turismo ofrécese unha atención satisfactoria e tanto o servizo de visita guiada como o percorrido en autobús turístico resultan gratificantes, aínda que en ocasións, a gravación do autobús non está sincronizada coa ruta. Orientarse pola cidade é doado grazas á sinalización que se atopa nas rúas. Na estación de autobuses constátase sensación de inseguridade para os pasaxeiros que agardan.

Córdoba

Aceptable. É unha das poucas cidades que suspende na atención recibida na oficina de turismo, e é que non se dan recomendacións para visitar lugares concretos, nin información abonda. De feito, facilítanse os folletos a medida que a persoa interesada os vai demandando. A pesar de que tanto o percorrido turístico como a visita guiada son satisfactorios, a oferta non é variada. É unha das cidades mellor sinalizadas e con mellores cualificacións nas estacións de transporte.

San Sebastián

Aceptable. A capital guipuscoana está ben dotada no tocante a sinais e a atención na oficina de turismo é correcta. A cidade ofrece a posibilidade de coñecela mellor a través de visitas guiadas e ademais conta con bus turístico. O peor: a estación de autobuses, xa que non conta cun edificio como tal, senón cun simple apeadeiro.

Sevilla

Aceptable. Comunicación co centro da cidade ben sinalizada e correcta a atención na oficina de turismo (é na única cidade na que alertan sobre zonas perigosas ou inseguras da cidade). Moi positivo o percorrido no bus turístico. Non obstante, a estación de autobuses está porca e deteriorada.

Murcia

Aceptable. A atención dispensada na oficina de turismo é simplemente aceptable. A sinalización ao centro é moi boa, como tamén o é a oferta de visitas guiadas. En concreto, a visita monumental é gratuíta, e aínda que se formen grupos bastante numerosos, o percorrido resulta gratificante. As estacións tanto de autobuses como de trens presentan carencias, especialmente en información turística.

Oviedo

Aceptable. Non hai posibilidade de percorrer a cidade en ningún tipo de transporte turístico e as visitas guiadas corren a cargo dunha empresa privada, polo que é necesaria unha reserva previa e que haxa un mínimo de persoas no grupo. Non obstante, a atención que se ofrece na oficina de turismo é satisfactoria. Tanto a sinalización como o equipamento das estacións de transporte é boa.

Pamplona

Aceptable. Non se pode percorrer a cidade en transporte turístico e a pesar de que na oficina de turismo se informa sobre a posibilidade de realizar visitas guiadas, a organización depende dunha empresa privada. A atención dispensada na oficina de turismo é boa, xa que o trato que se brinda é excelente, a información que se proporciona é abonda e dispón de sistema bluetooth para descargar información ao móbil. A pesar de que a sinalización é moi boa, o servizo de información turística nas estacións de transporte resulta deficiente.

Vitoria

Aceptable. A sinalización que indica o centro da cidade é suficiente e atópase en bo estado. O servizo que se ofrece na oficina de turismo, o mellor, xunto co facilitado en Alacante, que ademais conta con dispositivos alternativos de información, como bluetooth. No verán é posible visitar a capital nun tren turístico. A capital alavesa só suspende no apartado das estacións. Ningunha das dúas está ben sinalizada e tamén se detectan importantes deficiencias na limpeza da estación de autobuses.

Valladolid

Aceptable. O trato que se brinda na oficina de turismo é excelente, pregúntase polas preferencias da persoa que acaba de chegar e mais pola duración da estancia. A visita en autobús turístico está ben organizada e fai paradas nos principais puntos de interese. Non obstante, hai que destacar que a información dispoñible para os viaxeiros das estacións de autobuses e mais de trens é nula.

Zaragoza

Aceptable.
A entrada á cidade pode resultar difícil, xa que escasea a sinalización cara ao centro. Na oficina de turismo do centro da cidade dispénsase un trato amable e unha información suficiente. O percorrido turístico que se pode facer en autobús turístico resulta gratificante, aínda que como se trata dunha gravación, en ocasións as explicacións e a ruta non están sincronizadas.

Santander

Regular. A única que suspende, xunto coa Coruña. Só aproba en sinalización. Na oficina de turismo detéctanse importantes deficiencias. Non realizan ningún tipo de recomendación e ademais a información que se facilita é escasa. A isto hai que sumar que unicamente os meses de xullo e agosto é posible participar en visitas guiadas ou realizar unha visita en autobús turístico. Tampouco mellora con respecto ás dotacións das estacións de ferrocarril e autobuses, e é que en ningunha das dúas hai ningún punto con información turística da cidade e ademais os aseos da estación de autobús deixan moito que desexar en limpeza.

A Coruña

Regular. A oficina de turismo só recibe un aceptable, xa que non está ben sinalizada e cómpre preguntar pola súa situación. Só existe a posibilidade de percorrer a capital en tranvía turístico os días festivos e no verán. As estacións de trens e de autobuses suspenden. Os aseos desta última non reunían as condicións básicas de hixiene.

A cidade ideal para o turista

A cidade ideal para o turista é aquela que cobre as súas necesidades dende a súa saída ata o seu regreso á casa. Para iso debe ofrecer os seguintes servizos:

  • Información: moitos viaxeiros preparan as súas saídas axudándose das novas tecnoloxías. De aí que sexa moi importante que a cidade ofreza unha información útil a través da rede, con datos sobre aloxamento, lugares que se poden visitar, zonas de lecer… Maior é a relevancia das oficinas de turismo, que deben ofrecer un servizo útil que inclúa os puntos de interese turístico, onde aloxarse, a oferta cultural e de lecer e todo tipo de recomendacións.


  • Conexións:
    a cidade debe contar con boas conexións. As estacións de trens e autobuses, aeroportos ou portos son o punto de chegada para moitos turistas e é alí onde buscan nun principio información sobre o destino, de aí a utilidade de puntos de información.

  • Transporte urbano:
    unha localidade turística debe ofrecer un bo transporte metropolitano (autobuses, metro, tranvía, taxi…).

  • Aloxamento:
    unha cidade ten que dispoñer dunha ampla oferta de aloxamento e de calidade.

  • Transporte turístico e visitas guiadas:
    algúns turistas prefiren percorrer a cidade pola súa conta, pero outros buscan coñecer lugares da man dun guía que achegue unha información extra.

  • Oferta gastronómica, lúdica e cultural:
    a chave do turismo urbano. Unha cidade resultará atractiva se conta con museos, cascos históricos rehabilitados, monumentos, centros culturais, teatros… así como cun amplo abano de restaurantes, bares e cafeterías.

  • Tráfico amable:
    o coche é outro dos medios de transporte dos turistas. Por iso, unha cidade gañará puntos se ofrece un tráfico fluído, sen aglomeracións nin atoamentos.

  • Sinalización:
    que un turista non se perda é algo fundamental, polo que a cidade debe contar con suficientes sinais en bo estado e visibles que indiquen a dirección a lugares de interese.

  • Destino turístico seguro:
    a seguridade nas rúas é un elemento clave para que o viaxeiro se sinta tranquilo e relaxado.

  • Cidade limpa e sostible:
    ruídos, contaminación, sucidade… non son pratos de bo gusto para o turista.