Analizados 8 protectores solares do factor 15

Un non chega ao mínimo

Moi diferentes en prezo, tres das cremas ofrecen un factor de protección solar significativamente máis elevado do que anuncian, e dous non informan dalgúns dos seus compoñentes alérxenos
1 Xullo de 2007

Un non chega ao mínimo

/imgs/20070701/img.analisis-2.01.jpgOs baños de sol sen a protección axeitada son unha temeridade. Unha pel bronceada transmite unha imaxe saudable e á moda, pero as exposicións prolongadas ou moi frecuentes teñen un prezo pouco saudable: causan o avellentamento prematuro da pel, a aparición de manchas, pencas, engurras e mesmo promoven o temido cancro de pel. A postura máis sensata é o uso de protectores específicos adaptados a cada tipo de pel (canto máis branca, maior factor de protección) e, especialmente, a moderación nas doses de sol. Ó fin e ó cabo, o bronceado non é máis ca unha reacción defensiva do noso organismo.

Analizáronse e sometéronse a unha proba de uso oito protectores solares (tres en spray e cinco en crema) do factor de protección 15 de prezos moi diferentes: custan dende os 30 euros por litro de Delial Ambre Garnier ata os 159 euros por litro de Lancome. A mellor relación calidade-prezo é L’oreal, a segunda máis barata (43 euros por litro), a de mellor calidade segundo o laboratorio, a única que ofrecía exactamente o factor de protección solar que indicaba na súa etiquetaxe (15) e que lle gustou a máis da metade dos consumidores. Lancome, a máis cara (cuadriplica o prezo de L’oreal) é tamén dunha calidade moi boa, pero a metade dos consumidores non a mercaría independentemente do seu prezo. Os resultados parecen demostrar que os consumidores prefiren os spray: tres dos catro produtos que suscitaron maior interese de compra utilizaban este sistema de difusión.

Unha crema ou spray protector debe ser inocuo ante un uso prolongado e repetido, non alterarse pola súa exposición ao sol (o que se coñece como estabilidade fotoquímica) e, por suposto, protexer as células epidérmicas dos efectos nocivos da exposición solar. Cumpren a súa función mediante dous tipos de substancias, as que reflicten a luz solar e as que a absorben. As primeiras son pantallas físicas, formadas por pos inorgánicos inertes, capaces de reflectir todas as radiacións solares. O seu único inconveniente estriba en que deixan sobre a pel unha antiestética máscara branca que non penetra na pel. Por iso, non se adoitan incluír en concentracións superiores ao 5% e resérvanse para os produtos cun maior nivel de protección.
No tocante aos filtros que absorben as radiacións, son substancias químicas de síntese que converten algunhas radiacións en calor (imperceptible). Os filtros biolóxicos (vitaminas A, E e C, os máis utilizados) diminúen a capacidade oxidativa da radiación ultravioleta (isto é, o avellentamento da pel provocado polo sol), polo que son un bo complemento do resto de filtros. Evitan a formación dos temidos radicais libres e potencian o sistema inmunolóxico cutáneo. A maioría de cremas de protección solar inclúen varios destes filtros. Todos ofrecen polo menos un filtro específico para os raios ultravioleta B (UVB) e outro para os raios ultravioleta A (UVA). Os únicos que non inclúen un filtro combinado para os raios UVA/UVB son Isdin e Chen Yu. A diferenza entre os raios UVB e UVA atópase na súa lonxitude de onda. A dos UVB é máis curta e, por iso, os seus efectos negativos sobre a pel son maiores. Os UVA son menos prexudiciais, pero tamén convén tomar medidas protectoras para reducir a súa incidencia, xa que contribúen a reforzar a acción dos UVB.

/imgs/20070701/img.analisis-2.02.jpg
Nivea Sun (15% do produto son filtros orgánicos), Chen Yu (14%) e Biotherm (14%) ofrecen a maior cantidade de filtros orgánicos, mentres que Piz Buin (6%), Delial (8%) e Lancome (9%) inclúen moitos menos. Pero un maior número ou unha maior cantidade de substancias activas non indican que o produto protexa máis nin mellor. Considérase que un produto é mellor se consegue o mesmo índice de protección solar cunha menor cantidade de filtros. Chen Yu é o único protector que non utiliza glicerina, moi apreciada polas súas calidades hidratantes, e inclúe kernel oil (con propiedades emolientes e suavizantes). Isdin é o único con pantenol, substancia con propiedades calmantes, aliviantes e curativas.

Canto protexen?

O factor de protección solar (SPF nas súas siglas inglesas) indica o número de veces que o fotoprotector aumenta a capacidade de defensa natural da pel fronte aos eritemas (as queimaduras solares). Polo tanto, só serve para coñecer a protección fronte aos raios UVB, pero non ante o resto de radiacións prexudiciais. Cada consumidor deberá elixir un protector solar que se axuste á natureza da súa pel, que, para estes efectos, vén determinada, en boa medida, polo seu fototipo cutáneo (reacción da súa pel ao sol). Se resulta importante elixir un produto cun factor de protección adaptado á pel, aínda é máis necesario que este sexa completamente veraz: un SPF incorrecto podería facer que o usuario tomase máis sol do debido (crendo estar protexido) e prexudicase innecesariamente a súa pel e a súa saúde.

Fixéronse tres probas distintas para coñecer o nivel de protección destes produtos: o seu comportamento fronte aos raios ultravioleta, a súa capacidade de frear os raios UVA e a súa estabilidade fronte á luz. O método COLIPA (Sun Protection Factor Test Method) é o máis preciso e eficaz para coñecer o nivel de protección que ofrece un protector solar. Consiste en estender unha cantidade de produto sobre voluntarios sans, e sometelos a unha radiación estándar de raios ultravioleta. CONSUMER EROSKI optou por non realizar esta proba por non alterar no máis mínimo a pel das persoas sometidas a este método, e limitouse a unha análise “in vitro”, suficientemente fiable.

/imgs/20070701/img.analisis-2.03.jpg
As probas seguiron o protocolo Diffey e Robson e consistiron en estender o produto sobre unha placa de polimetilo metacrilato que foi bombardeada con raios ultravioleta e luz visible para medir o seu nivel de absorción. L’oreal é a única que ofrece exactamente o factor de protección que anuncia (SPF 15). Tamén se poden considerar correctos os resultados de Chen Yu (SPF 18), Piz Buin (SPF 16), e Lancome (SPF 17). Delial non chega ao declarado, e queda en SPF 12, o que significa que protexe menos do que anuncia, polo que pode resultar perigoso para o usuario que cre estar máis protexido. Outro problema foi o da sobreprotección: Nivea (SPF 41), Biotherm (SPF 33) e Isdin (SPF 22) son notablemente máis protectores do que indican. En principio, a sobreprotección só implica que ao usuario lle custará máis broncearse polo que non se converte nun risco inmediato. Pero si pode carrexar un problema a medio ou longo prazo: se o consumidor afeito a estes produtos aprende que “iso” é protección 15, pode que cando utilice unha crema que realmente ofreza ese nivel de protección sufra unha queimadura porque a súa pel requira dun factor de protección maior.

É importante que a eficacia destes compostos non se degrade pola súa exposición ao sol. Cada protector irradiouse e someteuse a calor, de novo in vitro, para volver medir o seu factor de protección. Tras a proba, comprobouse que todos son estables á luz e que non perden efectividade. No tocante ao seu comportamento fronte aos raios UVA, Nivea Sun, Delial, Biotherm, L’oreal e Lancome ofrecen unha boa protección fronte a este tipo de radiación. Piz Buin e Isdin quedan nuns resultados medios e Chen Yu demostrou unha eficacia moi pobre.

A opinión dos consumidores

Trinta homes e mulleres, de entre 18 e 65 anos, probaron as cremas sobre as súas pernas e brazos e comentaron qué lles parecía a súa textura, perfume, cor, facilidade de aplicación, efecto graxo, sensación pegañenta e efecto brillante sobre a pel (recóllense as súas opinións no “Un por un”). Tamén se lles preguntou se mercarían cada produto, independentemente do seu prezo, sen saberen de que marca se trataba. Tres dos catro produtos que máis convenceron dosifícanse en spray, o que dá idea de que os consumidores prefiren este modo de aplicación á tradicional en crema. Chen Yu, cun 90% de intención de compra e Nivea Sun e Delial, cun 80%, son os que máis gustaron, seguidos de Biotherm (70%) e de L’oreal (60%). Só mercaría Lancome un 50% dos consumidores (quintuplica o prezo do máis barato). Os que menos gustaron foron Isdin (só o mercarían un 20% dos enquisados) e Piz Buin (un 10%).

Atención alérxicos

A normativa vixente en España enumera as 26 substancias potencialmente alérxenas que se deben indicar na etiquetaxe se o seu contido supera as 10 partes por millón (ppm), é dicir, o 0,001% do produto. Así, o consumidor alérxico poderá adquirir o produto que non lle vai causar problemas. Estas substancias non son perigosas para o resto do público (a súa función adoita ser a de dar bo olor), polo que a súa presenza non é negativa “per se” se está convenientemente anunciada. O laboratorio buscou estas 26 substancias, e os resultados foron sorprendentes: Isdin non declara na súa lista de ingredientes oito substancias alerxénicas: alcohol bencilico (45 ppm), salicilato de bencilico (54 ppm), alcohol cinamilico (50 ppm), xeraniol (35 ppm), 7-hidroxicitronellal (170 ppm), citronellol (51 ppm), linalol (33 ppm) e alfa-cetona (21 ppm). Delial tamén incumpre esta norma e pode ser un perigo para os consumidores porque non informa de que inclúe 280 ppm de lyral (lonxe dos 10 ppm máximos permitidos). O resto superou esta proba, ben por informar axeitadamente da presenza destas substancias, ou ben por excluílas das súas formulacións (como Piz Buin, que só contén unha das 26 substancias, e nunha proporción mínima).

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito protectores solares que se comercializan en envases dende os 150 ml de Lancome ata os 400 ml de Delial. Os oito din ser do factor de protección 15 (o mínimo aconsellado polos dermatólogos). Son moi diferentes en prezo: o máis caro quintuplica o prezo do máis barato.
  • Só L’oreal ofrece exactamente o factor de protección ante os raios ultravioleta B (UVB) indicado (SPF 15), se ben Lancome (SPF 17), Chen Yu (SPF 18) e Piz Buin (SPF 16) contan con valores moi similares. Delial suspende a proba porque queda en SPF 12. Nivea (SPF 41), Biotherm (SPF 33) e Isdin (SPF 22) protexen moito máis do que indican.
  • A protección en Piz Buin e Isdin fronte aos raios ultravioleta A (UVA), que reforzan o efecto pernicioso dos UVB, é medio e en Chen Yu débil. Todos demostraron non se degradaren fronte ás radiacións solares.
  • Delial e Isdin incumpren a lei porque non indican algunhas das substancias alerxénicas que incorporan (unha no caso de Delial e oito no de Isdin).
  • Preguntóuselles a 30 consumidores, que os probaron seguindo unha metodoloxía homologada, se mercarían un dos oito produtos. O 90% adquiriría Chen Yu e o 80% Nivea Sun e Delial de Garnier. Os tres en spray situáronse entre os catro preferidos. Os peor valorados foron Isdin (só o mercaría o 20%) e Piz Buin (10%).
  • A mellor relación calidade-prezo é L’oreal, o segundo máis barato (43 euros o litro), o que demostrou unha mellor calidade no laboratorio e que convenceu a máis da metade dos consumidores.
8 protectores solares do factor 15
L’oreal Nivea Sun Biotherm Lancome
Tipo Leite solar protección avanzada IP15 UVB protección media, UVA contra as queimaduras do sol Spray solar hidratante alto SPF 15. protección inmediata contra as queimaduras solares e o avellentamento prematuro da pel (UVA, UVB) Spray solar en textura leite multiprotección corporal SPF 15 (UVA, UVB) Leite protector corporal, hidratación continua, pel tersa e suave
Prezo (euros / litro) 42,77 53,14 112,95 159
Formato (ml) 250 200 200 150
Protección solar
Tipo de filtros 2 UVA, 1 UVA/UVB 1 UVB, 1 UVA, 1 UVB/UVA 3 UVA, 1 UVB/UVA, UVB 3 UVA, 1 UVB/UVA
Dióxido de titanio (%) 1 1,4 No 1,6 1,6
Filtros solares totais (%) 11 15 14 9
Antioxidantes 2 Tocoferol Tocoferil de acetato Tocoferol Tocoferol
Glicerina 3
SPF 4
indicado 15 15 15 15
medido 15 41 33 17
Resistencia fronte á luz Satisfactoria Satisfactoria Satisfactoria Satisfactoria
Protección UVA Boa Boa Boa Boa
Declaración alérxenos 5 Conforme Conforme Conforme Conforme
Calidade global Moi boa Aceptable Moi boa Moi boa
Proba de uso
Intención de compra
60% 80% 70% 50%
8 protectores solares del factor 15
Chen Yu Piz Buin Isdin Delial Ambre Solaire Garnier
Tipo Sun control bronceador refrescante SPF 15 (UVA, UVB) Loción SPF 15- protección alta UVA-UVB 100% hidratación Fotoprotector 15. Indicada especialmente para nenos e persoas de cute clara UVA, UVB Leite protector ultrahidratante SPF 15 (UVA, UVB)
Prezo (euros / litro) 84 80 71,50 29,98
Formato (ml) 250 200 200 400
Protección solar
Tipo de filtros 3 UVB, 1 UVA 1 UVB, 1 UVA, 1 UVB/UVA 2 UVB, 1 UVA 2 UVA, 1 UVB/UVA
Dióxido de titanio (%) 1 No No 1/td> 0,7
Filtros solares totais (%) 14 6 13 8
Antioxidantes 2 Tocoferil de acetato Tocoferil de acetato Tocoferil de acetato Tocoferol
Glicerina 3 No
SPF 4
indicado 15 15 15 15
medido 18 16 22 12
Resistencia fronte á luz Satisfactoria Satisfactoria Satisfactoria Satisfactoria
Protección UVA Débil Media Media Boa
Declaración alérxenos 5 Conforme Conforme Non conforme Non conforme
Calidade global Boa Boa Insuficiente Insuficiente
Proba de uso
Intención de compra
90% 10% 20% 80%

(1) Dióxido de titanio: substancia que reflicte ou dispersa a radiación ultravioleta.

(2) Antioxidantes: o tocoferol é a vitamina E e o Tocoferil de acetato é acetato de vitamina E.

(3) Glicerina: substancia con propiedades hidratantes

(4) SPF: Factor de protección solar, medido no laboratorio mediante métodos in vitro.

(5) Declaración de alérxenos: os protectores de Delial e Isdin presentaron substancias potencialmente alerxénicas en cantidades superiores a 10 ppm e non as declararon na súa lista de ingredientes; incumpren a normativa de produtos cosméticos.

Un por un

Un por un, 8 protectores solares

L'oreal

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.04.jpgLeite solar protección avanzada IP15 UVB protección media, UVA contra as queimaduras do sol.
  • Sae a 42,77 euros o litro.
  • A mellor relación calidade-prezo. Envase de 250 ml. O único que ofrece o mesmo factor de protección ca o que declara. Boa protección fronte aos raios UVA, estable á luz solar e axeitada cantidade de filtros solares (11%).
  • Proba de uso: gustou o seu perfume (que os consumidores definen como fresco), a súa facilidade de aplicación e que penetra ben na pel. Criticárono por excesivamente líquido e pola súa cor (rosada ou salmón). Tras a súa aplicación non resulta pegañento. Intención de compra media: un 60% dos consumidores mercaríano.

Nivea Sun

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.05.jpgSpray solar hidratante alta SPF 15 protección inmediata contra as queimaduras solares e o avellentamento prematuro da pel (UVA, UVB)
  • Sae a 53,14 euros o litro.
  • Envase de 200 ml, en spray. O seu factor de protección (SPF 41) é moito máis elevado ca o indicado. Boa protección fronte aos raios UVA, estable á luz solar e axeitada cantidade de filtros solares (15%).
  • Proba de uso: gustou o seu perfume (que os consumidores definen como clásico, floral e fresco), a súa facilidade de aplicación e a sensación de frescor. Criticárono pola súa difícil penetración e por resultar pegañento. Intención de compra alta: un 80% dos consumidores mercaríano.

Biotherm

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.06.jpgSpray solar en textura leite multiprotección corporal SPF 15 (UVA, UVB)
  • Sae a 112,95 euros o litro, o segundo máis caro
  • Envase de 200 ml, en spray. O seu factor de protección (SPF 33) é moito máis elevado que o indicado. Boa protección fronte aos raios UVA, estable á luz solar e axeitada cantidade de filtros solares (14%).
  • Proba de uso: gustou que ofrecese de pulverizador e pola súa facilidade de aplicación. A maioría considerou o perfume como fresco e con notas cítricas. Non deixa a pel graxa nin pegañenta. Intención de compra alta: un 70% dos consumidores mercaríano.

Lancome

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.07.jpgLeite protector corporal, hidratación continua, pel aveludada.
  • Sae a 159 euros o litro, o máis caro.
  • Envase de 150 ml. O seu factor de protección é similar ao indicado (SPF 17). Boa protección fronte aos raios UVA, estable á luz solar e baixa cantidade de filtros solares (9%).
  • Proba de uso: gustou o seu perfume (os consumidores definírono como discreto), e criticárono polo mal que penetra na pel e pola súa textura pastosa. Tras a súa aplicación non resulta pegañento. Intención de compra media: un 50% dos consumidores mercaríano.

Chen Yu

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.08.jpgSun control bronceador refrescante SPF 15 (UVA, UVB).
  • Sae a 84 euros o litro.
  • Envase de 250 ml, en spray. O seu factor de protección é similar ao indicado (SPF 18). Baixa protección fronte aos raios UVA, estable á luz solar e axeitada cantidade de filtros solares (14%). O único sen glicerina (substancia hidratante). Con kernel oil (emoliente e suavizante).
  • Proba de uso: gustou o seu perfume (definírono como estival e con arrecendo a froita) e a súa densidade (fluída, lixeira e fina). Criticárono pola súa difícil penetración na pel, aínda que a maioría o considera “non pegañento” e doado de aplicar. A intención de compra máis alta: un 90% dos consumidores mercaríano.

Piz Buin

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.09.jpgLoción SPF 15- protección alta UVA-UVB 100% hidratación.
  • Sae a 80 euros o litro.
  • Envase de 200 ml. O seu factor de protección é similar ao indicado (SPF 16). Protección media fronte aos raios UVA, estable á luz solar e baixa cantidade de filtros solares (6%).
  • Proba de uso: o seu perfume agradoulle só á metade dos usuarios, que o definiron como floral, discreto ou estival (o resto definiuno como “mareante”). Non gustou o efecto pegañento que deixaba sobre a pel. A intención de compra máis baixa: só o 10% dos consumidores o mercaría.

Isdin

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.10.jpgFotoprotector 15. Indicada especialmente para nenos e persoas de cute clara UVA, UVB.
  • Sae a 71,50 euros o litro.
  • Envase de 200 ml. O seu factor de protección (SPF 22) é máis elevado ca o indicado. Protección media fronte aos raios UVA, estable á luz solar e axeitada cantidade de filtros solares (13%). Incumpre a lei porque non declara na súa lista de ingredientes oito substancias potencialmente alerxénicas (alcohol bencilico, salicilato de bencilico, alcohol cinamilico, xeraniol, 7-hidroxicitronellal, citronellol, linalol e alfa-cetona) que se atopa nunha cantidade superior a 10 ppm.
  • Proba de uso: a metade dos usuarios opinan que o seu perfume é agradable e a súa textura fluída e lixeira, mentres que a outra metade o critican polo débil do seu perfume e pola súa textura espesa e graxa. Todos os enquisados consideran que é doado de aplicar, se ben custa que penetre na pel. Intención de compra baixa: só un 20% dos consumidores o mercaría.

Delial Ambre Solaire Garnier

  • /imgs/20070701/img.analisis-2.11.jpgLeite protector ultrahidratante SPF 15 (UVA, UVB).
  • Sae a 29,98 euros o litro, o máis barato.
  • Envase de 400 ml. O único que protexe menos do que indica (SPF 12). Boa protección fronte aos raios UVA, estable á luz solar, pero cunha cantidade de filtros solares baixa (8%). Incumpre a lei porque non declara na súa lista de ingredientes unha substancia potencialmente alerxénica (o liral), que se atopa nunha cantidade superior a 10 ppm.
  • Proba de uso: destacou polo seu perfume (agradable e fresco), textura (fluída, lixeira e doada de untar), facilidade de aplicación e fluidez. Intención de compra alta: un 80% dos consumidores o mercarían.