Só dúas aproban en seguridade
Analizáronse sete pranchas eléctricas de cociña que custan desde 35 euros (BJM) ata 84 euros (Fagor). Foron precisamente estas dúas pranchas as únicas que superaron todas as probas de seguridade. A mellor relación calidade-prezo é BJM, unha boa prancha que dispón da maior superficie de cociñado, aínda que foi a peor valorada na proba de uso realizada por consumidores. Fagor, a máis cara, revélase como unha opción interesante para quen priorice na súa elección o criterio da calidade e foi a mellor na proba de uso.
Estas pranchas de cociña permiten preparar pratos sabedores practicamente sen aceite de firtir (redúcese a inxestión de graxa e de calorías) e minimizar a perda de nutrientes que causan outras técnicas culinarias. Ademais, son boas de usar e de limpar, polo que cada vez se empregan máis.
As sete grellas estudadas son de aluminio e a súa superficie está composta por unha lámina metálica revestida con substancias poliméricas para que sexa posible cociñar con pouco ou nada de aceite sen que os alimentos se peguen.
O laboratorio comprobou que nin sequera a altas temperaturas o recubrimento das pranchas desprendía substancias tóxicas que poidan contaminar os alimentos.
Seguridade, clave
As sete grellas foron sometidas a probas de seguridade moi esixentes, que só BJM e Fagor superaron no seu conxunto. As asas demostraron ser illantes abondo e alcanzar unha temperatura moi por baixo do que indica a norma, pero a regulamentación vai máis alá e tampouco permite que sexa posible o contacto das mans con zonas de risco (como a superficie da placa) cando se suxeita a asa. Nesta proba fallaron Delonghi, Ariete, Princess, LeBonVivant e Ufesa, onde zonas moi quentes da placa quedan preto dos dedos que suxeitan as asas.
Comprobouse que as pranchas reflectisen todas as marcas e indicacións establecidas para este tipo de aparellos, que non fose posible acceder cos dedos a partes con carga eléctrica, que a corrente de fuga e rixidez dieléctrica non supere os máximos establecidos, o seu comportamento ante un funcionamento anormal, a resistencia das asas ó lume e ás correntes superficiais, que non se movan ó seren colocadas sobre un plano inclinado de 10º, a súa resistencia mecánica; e que as asas non se afrouxen cun uso normal. No tocante ás asas, as das sete illan ben da calor, para o que empregan plásticos e/ou aceiro. Tamén as sete dispoñen dun termóstato que apaga e acende o equipo para que a placa se manteña á temperatura desexada, e dunha luz para saber cando entra en funcionamento.
Os sete cables pódense separar de candansúa prancha, o que facilita a limpeza desta, aínda que, ó parecer, impide o cómodo sistema recollecables. O máis longo e o que maior liberdade ofrece á hora de colocar a prancha lonxe dun enchufe é o cable de Princess, con 260 centímetros, mentres que os máis teñen unha lonxitude moi inferior: desde 111 cm (BJM) ata 125 cm (Fagor).
Delonghi, Ariete, Fagor e BJM dispoñen dun eficaz depósito onde se recolle a graxa e mais os restos dos alimentos, o que facilita a limpeza. Outros accesorios son o tello transparente que incorporan Delonghi e Ariete (evitan que zarrapique fóra), os pinchos de Delonghi para a elaboración de espetos, a bandexa para servir comida de BJM e as espátulas de madeira de Fagor, Princess, LeBonVivant e Ufesa, para evitar que se raie a superficie.
Proba práctica
Once usuarios probaron estas pranchas seguindo as recomendacións dos seus manuais e puntuaron diversos aspectos do 1 ó 5. O obxectivo era comprobar como se desenvolven estas placas nas diversas circunstancias que depara o seu uso a cotío na cociña. A que demostrou mellor comportamento foi Fagor. A que máis lixeira quece é Fagor (lévalle 4 minutos), seguida de Ariete (4 minutos e 15 segundos) e a que quece máis a modo é BJM (6 minutos e 30 segundos). Fagor foi tamén a mellor en homoxeneidade do quecemento da súa superficie, cun 5 sobre 5, seguida de Princess, con 4,7 puntos. Ufesa e BJM foron as peores neste apartado. Doutra banda, Delonghi e Ariete suspenderon en facilidade de uso e limpeza polos seus excesivos accesorios desmontables. Polo xeral, as placas con superficie ondulada resultaron máis difíciles de limpar cás lisas. O manual de instrucións menos útil foi o de BJM, e o máis completo o de Fagor. Doutra banda, as sete grellas fallaron na claridade do seu indicador de desconexión automática. Fagor obtivo tamén a mellor puntuación nas instrucións para un primeiro uso, algo no que fallaron LeBonVivant, BJM, Ariete e Princess.
Os usuarios valoraron moi positivamente a existencia dun depósito para recoller graxa e restos, especialmente o de Fagor, aínda que os de Delonghi, BJM e Ariete tamén levaron boas cualificacións. No tocante á seguridade, os usuarios consideraron a Delonghi e Ariete como as máis seguras e suspenderon a BJM e Princess porque entenderon que non axuntaban os requisitos esixibles, algo que, como se comprobou na proba de laboratorio, non se correspondía coas prestacións obxectivas de BJM, unha das dúas que aproban en seguridade. BJM (2,8 puntos sobre 5) é a única que non acadou o aprobado na nota final do exame realizado polos consumidores. Ufesa (3 puntos) e LeBonVivant (3,1 puntos) quedan no suficiente, sobre todo por non obteren boas valoracións en aspectos técnicos. Ariete (3,4 puntos), Delonghi (3,5 puntos) e Princess (3,3 puntos) situáronse algo por riba.
A mellor na proba de uso foi, con diferenza, Fagor, ó acadar como nota final 4 puntos sobre 5, e que, amais dos elementos devanditos, foi moi ben valorada polo seu deseño, que os usuarios definiron como “moderno”.
Manuais e indicacións
Delonghi e Ufesa son as dúas únicas pranchas de cociña estudadas que indican -como é preceptivo- a posición de apagado cun cero, e non coa palabra “off” ou cun pictograma, dos que non todos os usuarios coñecen o significado. Princess non indicou adecuadamente no seu manual que só un equipo técnico pode substituír o cable.
Os documentos de garantía de Ariete e Princess non son correctos, o primeiro por estar integramente en italiano e o segundo pola súa pésima tradución e por ofrecer só un ano de cobertura, no canto dos dous obrigatorios. Isto non obsta para que todos os equipos estean protexidos durante os dous anos que fixa a Lei de garantías de bens de consumo do 2003.
E, aínda que non cheguen a incumprir a normativa, sería desexable que Princess, LeBonVivant e BJM incluísen información sobre un primeiro uso da grella, porque non o fan. BJM tampouco fala da limpeza e mantemento, nin incorpora receitas. Destacan positivamente Fagor e Ufesa por seren as únicas en facer referencia a aspectos ambientais.
Potencia, tamaño e peso
Canto maior sexa a potencia dunha prancha de cociña máis posibilidades de cociñado ten o usuario e, evidentemente, máis electricidade consome o equipo a pleno rendemento.
A potencia recoñecida destas pranchas variou desde os 1.300 W de Delonghi ata os 1.600 W de Ariete, aínda que non en todos os casos este dato se correspondeu coa realidade: a norma permite unha desviación de ata o 10% por defecto e de ata o 5% por exceso entre a potencia indicada e a real, pero Princess funcionaba cun 23% menos de potencia do que anuncia (é dicir, con máis do dobre da desviación permitida) e LeBonVivant deu un 11% menos.
No tocante ás súas dimensións, dáse o aparente paradoxo de que a prancha coa superficie útil máis pequena (Fagor, con 837 cm2) é o dobre de grande ca Princess (46 x 25,5 x 4,5 cm), a que menos avulta. A máis grande (e, polo tanto, máis incómoda de gardar) é Delonghi, que ocupa case tres veces máis cá máis pequena (Princess).
Superficie útil: a que ofrece máis superficie aproveitable para cociñar é BJM, cun 74% máis cá da máis pequena (Fagor).
Tamén son moi diferentes no tocante ó seu peso: desde os pouco máis de dous quilos de Ufesa e LeBonVivant ata os máis de catro quilos de Ariete e Delonghi.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse sete grellas eléctricas de cociña, que custan desde os 34,90 euros de BJM ata os 84,31 euros de Fagor. Estas placas son aparellos que fan á prancha carnes, peixes, verduras ou marisco con moi pouco aceite ou graxa engadida, o que permite preparar pratos máis saudables.
- Delonghi, Ariete, Princess, LeBonVivant e Ufesa non son seguras porque o usuario pode sufrir queimaduras ó tocar partes quentes cando as colle polas asas. Ningún dos recubrimentos antiadherentes resulta tóxico.
- As garantías de Ariete e Princess son incorrectas, e LeBonVivant e Princess ofrecen unha potencia real inferior à declarada.
- A grella máis pequena é Princess. As máis voluminosas son Delonghi, Ariete e BJM. A superficie de cociñado menor é a de Fagor, e a maior, a de BJM. Princess, LeBonVivant e Ufesa non dispoñen do útil depósito recollegraxa.
- Dáse o paradoxo de que unha das dúas placas seguras, BJM, suspende a proba de uso ó ser percibida polos usuarios como pouco segura. Fagor foi a mellor valorada.
- BJM e Fagor, as únicas que aproban en calidade global (por seren seguras), resultan a mellor relación calidade-prezo. A primeira, notablemente máis barata, ofrece prestacións abondas para un usuario convencional.
Marca Modelo |
BJM “WJ-026” | FAGOR “BBC 844” | Delonghi “BG21” | Ariete “La Grigliata 760” | |
---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros / unidade) | 34,90 | 84,31 | 50/TD> | 57,00 | |
Información e protección ó consumidor | Incorrecto | Incorrecto | Correcto | Incorrecto | |
Garantía produto | Correcto | Correcto | Correcto | Incorrecto (en italiano) | |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Incorrecto | Incorrecto | |
Características técnicas | |||||
Dimensións LxAxH (cm) | 52×27,5×10 | 43x28x9 | 46x41x8 | 51,5×35,5×8 | |
Superficie útil de cociñado (cm2) | 1456 | 837 | 1104 | 1200 | |
Peso (kg) | 2,7 | 2,9 | 4,2 | 4,6 | |
Potencia declarada (W) | 1500 | 1500 | 1300 | 1600 | |
Potencia medida (W) | 1.529 | 1466 | 1190 – 1255 | 1559 | |
Lonxitude do cable (cm) | 111 | 125 | 114 | 113 | |
Depósito recollegraxa | Sí | Sí | Sí | Sí | |
Accesorios | Bandexa para comida | Espátulas planas de madeira | Tello Paus de madeira para espetos | Tello | |
Toxicidade do antiadherente | Nula | Nula | Nula | Nula | |
Proba de uso (de 1 a 5) | 2,8 | 4 | 3,5 | 3,4 | |
Calidade global | Boa | Moi Boa | Insuficiente | Insuficiente |
Marca Modelo |
Ufesa “GR 7450 MaxiChef” | LeBonVivant “GE 96800” | Princess “Table Chef Classic 2200” | ||
---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros / unidade) | 55,86 | 59 | 72,43 | ||
Información e protección ó consumidor | Correcto | Incorrecto | Incorrecto | ||
Garantía produto | Correcto | Correcto | Incorrecto (só 1 ano) | ||
Seguridade eléctrica | Incorrecto | Incorrecto | Incorrecto | ||
Características técnicas | |||||
Dimensións LxAxH (cm) | 53x26x10 | 50x30x8 | 46×25,5×4,5 | ||
Superficie útil de cociñado (cm2) | 1222 | 1380 | 1160 | ||
Peso (kg) | 2,2 | 2,4 | 2,7 | ||
Potencia declarada (W) | 1300 – 1500 | 1500 | 1500 | ||
Potencia medida (W) | 1236 – 1464 | 1338 | 1161 – 1379 | ||
Lonxitude do cable (cm) | 118 | 115 | 260 | ||
Depósito recollegraxa | No | No | No | ||
Accesorios | Espátula curvada de madeira | Espátulas planas de madeira | Espátulas planas de madeira | ||
Toxicidade do antiadherente | Nula | Nula | Nula | ||
Proba de uso (de 1 a 5) | 3 | 3,1 | 3,3 | ||
Calidade global | Insuficiente | Insuficiente | Insuficiente |
Unha a unha, sete pranchas de cociña
Unha a unha, sete pranchas de cociña
BJM WJ-026
A mellor relación calidade-prezo. Non indica a posición de apagado mediante o número “0”, senón con “off” (incumpre a normativa). Coa maior superficie de cociñado (1.456 cm2). Unha das dúas que superan todas as probas de seguridade. Accesorios: bandexa para comida. Proba de uso: 2,8 puntos sobre 5, a peor cualificada. Calidade global: boa.
Fagor BBC 844
Outra opción interesante. Non indica a posición de apagado mediante o número “0”, senón cun pictograma (incumpre a norma). Coa menor superficie de cociñado (837 cm2) e a segunda máis pequena. Unha das dúas que superan todas as probas de seguridade. Accesorios: espátulas planas de madeira. Proba de uso: 4 puntos sobre 5, a mellor cualificada. Calidade global: moi boa.
Delonghi BG21
Un dos mellores manuais. A máis grande (46 x41 x 8 cm) e a segunda máis pesada (4,2 kg). Superficie útil de cociñado de 1.104 cm2. Non é segura porque hai risco de tocar partes quentes ó collela polas asas. Accesorios: un tello de cristal e pinchos de madeira para espetos. Proba de uso: 3,5 puntos sobre 5. Calidade global: insuficiente.
Ariete La Grigliata 760
Incumpre a lei de garantías por non estar en castelán. Non indica a posición de apagado mediante o número “0”, senón cun pictograma (incumpre a normativa). A segunda máis voluminosa e a máis pesada (4,6 kg). Superficie útil de cociñado de 1.200 cm2. Non é segura porque hai risco de tocar partes quentes ó collela polas asas. Accesorios: tello de cristal. Proba de uso: 3,4 puntos sobre 5. Calidade global: insuficiente.
Ufesa GR 7450 Maxichef
Un dos mellores manuais. A máis lixeira (2,2 kg). Superficie útil de cociñado de 1.222 cm2. Sen depósito para recoller a graxa. Non é segura porque hai risco de tocar partes quentes ó collela polas asas. Accesorios: espátula curvada de madeira. Proba de uso: 3 puntos sobre 5. Calidade global: insuficiente.
LeBonVivant GE 96800
A segunda máis lixeira (2,4 kg). Non indica a posición de apagado mediante o número “0”, senón con “off” (incumpre a normativa). A súa potencia é inferior á declarada (incumpre a normativa). Superficie útil de cociñado de 1.380 cm2. Sen depósito para recoller a graxa. Non é segura: risco de tocar partes quentes ó collela polas asas. Accesorios: espátulas planas de madeira. Proba de uso: 3,1 puntos sobre 5. Calidade global: insuficiente.
Princess Table chef classic 2200
Garantía incorrecta por estar mal traducida e por ofrecer só un ano. Non indica a posición de apagado mediante o número “0” nin quen debe substituír cable (incumpre a normativa). A súa potencia é inferior á declarada (incumpre a normativa). A máis pequena. Superficie útil de cociñado de 1.160 cm2. Sen depósito para recoller a graxa. O cable máis longo. Non é segura porque hai risco de tocar partes quentes ó collela polas asas. Accesorios: espátulas planas de madeira. Proba de uso: 3,3 puntos sobre 5. Calidade global: insuficiente.