Continúan a faltar prazas nas garderías públicas
Millón e medio de nenos de ata 6 anos acudirán este ano lectivo (2005-2006) ás escolas infantís en España, boa parte delas integradas en centros escolares que imparten Primaria e ESO. Mantense a tendencia do pasado curso, e nada fai pensar que a situación vaia mudar: só o 65% destes nenos van ser atendidos nunha escola pública, o resto matricularase nunha privada. As garderías ou escolas infantís convertéronse non só nunha opción recomendada por pedagogos e pediatras, senón nunha perentoria necesidade para pais e nais que -case sempre por motivos laborais- non poden coidar os fillos menores de 6 anos, idade en que lles comeza o ensino obrigatorio.
Logo de comprobar que se lles nega a praza no centro público que lles corresponde por empadroamento, moitos pais póñense a buscar garderías privadas, sempre máis caras. E é nese caso cando máis convén coñecer e fixarse nas cuestións que definen unha boa escola infantil: infraestruturas (aulas, aseos, comedor, patio e/ou xardín), número de nenos por aula, número de nenos que lle corresponde a cada educador, amplitude de horarios, profesionalidade e preparación académica dos educadores, seguridade das instalacións, calidade hostaleira, tarifas (en concepto de matrícula, cota mensual, comedor, horas extra, transporte, etc.), información que transmiten sobre os nenos ou amabilidade e eficiencia do persoal.
CONSUMER EROSKI estudou 200 escolas infantís non dependentes de colexios ou centros escolares (76 públicas, 113 privadas e 11 concertadas) de Madrid, Barcelona, Murcia, Málaga, Sevilla, Álava, Biscaia, Guipúscoa, A Coruña, Navarra, Zaragoza, Cantabria e Valencia. Técnicos da revista, facéndose pasar por pais e nais que buscaban gardería, visitaron os 200 centros e, posteriormente, completaron a información mediante chamadas telefónicas ós responsables das garderías.
Garderías privadas, única opción de moitas familias
A tarifa que hai que pagar nas garderías públicas é diferente en cada caso e depende dos baremos que se apliquen, moi vinculados ós ingresos e á situación da familia. As privadas, polo tanto, son a única opción que lles queda a moitos pais para que os seus fillos pasen o día atendidos mentres eles traballan. Os prezos das garderías privadas visitadas (a media é de 254 euros ó mes por xornada completa, incluíndo comida e merenda) son moi diferentes: desde os 390 euros ó mes da máis cara ata os 117 euros da máis económica. E as diferenzas entre provincias non son menos rechamantes: en Murcia, as privadas cobraban de media 198 euros ó mes neste suposto (xornada completa e comedor) fronte ós 309 euros das navarras. Pero as diferenzas danse tamén na mesma provincia: en Murcia, a existente entre a máis cara e a máis barata foi de 193 euros ó mes, mentres que en Madrid e Málaga se disparaba ata os 250 euros.
A seguridade das instalacións foi deficiente no 12% destas escolas, debido a problemas en portas e ventás. Doutra banda, destacou a conservación e limpeza, satisfactoria no 90% dos centros estudados.
Calidade e prezo
Pagar máis non significa necesariamente recibir mellor servizo. No número de nenos que lle corresponde a cada coidador, as públicas quedan -falando sempre de medias- mellor nos tres grupos de idade: nenos de ata 1 ano -un coidador por cada 5,5 nenos nas públicas e 1 cada 6,2 nas privadas-, de entre 1 e 2 anos -nas públicas, 8,6 nenos de media para cada coidador, e nas privadas, 9-, e de entre 2 e 3 anos, un coidador cada 9,5 nenos nas públicas e un cada 11 nas privadas. Así e todo, a dotación do persoal foi en todos os casos satisfactoria, pois non se superou o máximo de nenos que se recomenda que atenda cada educador. Xa en materia de infraestruturas, as públicas contan cun patio ou xardín en maior medida cás privadas (91% fronte ó 76%), pero é algo máis habitual que as privadas dispoñan de servizo de comedor, se ben son inmensa maioría as que o ofrecen.
Como punto forte das privadas cómpre salientar os horarios, máis amplos e con posibilidade de que os nenos queden no centro unha hora máis cás incluídas no horario oficial. Outras conclusións son a diversidade no número de alumnos dos centros (a media é de 64 nenos por escola, pero algunhas aceptan ata 300 nenos e outras limítanse a unha ducia), a disparidade no número de nenos que lle corresponden a cada educador (desde 4 ata 18 nenos de media, segundo os centros) e o moi satisfactorio perfil académico (Maxisterio, Técnicos Especialistas en Xardín de Infancia ou Técnicos Superiores en Educación Infantil) do 70% do persoal que atende os nenos. Os outros son puericultores, psicólogos, pedagogos e estudantes en prácticas de Técnico Especialista en Xardín de Infancia ou en Maxisterio.
Se se comparan estes datos cos publicados en 1999 por CONSUMER logo dunha investigación semellante, compróbase que a situación evolucionou pouco no principal, xa que non se atenúa o déficit de prazas en garderías públicas. Tamén permanece invariable o número de nenos que de media lle corresponde a cada educador (9 en ambos os dous estudos) nestas escolas. O cambio máis importante é a mellora en seguridade: reduciuse á metade a proporción de garderías con deficiencias relevantes.
Horarios e criterios de admisión
A dispoñibilidade horaria media nas escolas infantís privadas é de 10 horas e 30 minutos cada día, case 2,5 horas máis de media cás públicas. E hai algunhas (privadas) que chegan ás 12 horas diarias de servizo.
O horario ampliado (págase á parte, é un extra) ofrécese en seis de cada dez centros, os máis deles privados. Pero só o 10% dos estudados en Álava, Navarra e Biscaia dispoñen de horario ampliado. O prezo medio que se paga nas privadas é de 26 euros ó mes se o neno está na gardería unha hora máis todos os días. Outra opción é o horario flexible de entrada e saída dos nenos, de xeito que se poida adaptar ós horarios dos seus proxenitores, que é viable no 94% das escolas analizadas, algo máis nas privadas. Para rematar, sete de cada dez permanecen abertas 11 meses ó ano (pechan só en agosto). Outras moitas (en maior medida, privadas) ofrecen horario reducido en verán e pechan en Semana Santa e Nadal. Doutra banda, o 82% das garderías (algo máis nas públicas ca nas privadas) admiten nenos que non gatean, pero só o 17% inscriben a menores de catro meses. E tan só dúas de cada dez (case todas privadas) admiten nenos non matriculados para estancias en días soltos. Mentres que case todas as escolas públicas admiten nenos con necesidades educativas especiais, dúas de cada dez privadas non o fan.
Para rematar, as condicións de admisión nas privadas son case inexistentes, pero todas as públicas establecen requisitos e preferencias (non superar certa renda familiar, empadroamento no concello, situación laboral de pais e/ou nais, características familiares, nenos con necesidades educativas especiais ou minusvalías), en función dos cales se outorgan sempre as escasas prazas dispoñibles.
Os educadores, doutra banda, adoitan comunicarlles as súas impresións sobre os nenos ós proxenitores, pero é recomendable que queden recollidas en informes, que só o 20% das garderías (en 1990 era o 33%) entregan polo menos unha vez ó mes. No tocante á información oral, o 64% das escolas infantís afirma facilitala a cotío e só un 7% admite que a proporciona tan só cando a solicitan os pais.
Canto custan as garderías?
As tarifas dependen de moitos factores: o fundamental é se é pública ou privada, pero tamén inflúe o número de horas que permanece o cativo no centro, se se inclúe no prezo a comida e mais a merenda (ou mesmo o almorzo) e os servizos que se empreguen (transporte, piscina, excursións, etc.). CONSUMER EROSKI partiu do suposto de que o neno ou nena permanece na gardería oito horas ó día, con comida e merenda incluídas (no caso de que as oferte o centro), durante todo o mes. Nas privadas a media foi de 254 euros (42.255 das antigas pesetas), mentres que nas públicas a cantidade que se paga depende de tantos factores que non procede calcular medias. As diferenzas entre os prezos medios das garderías privadas dunhas e doutras provincias e os prezos máis caros e máis baratos vistos en cada provincia pódense ver nos cadros de datos que acompañan este texto. Amais da cota mensual, o 92% das garderías privadas cobra pola matrícula ou inscrición do neno ou nena. O prezo medio desta matrícula é de 86 euros, pero mentres que as escolas infantís privadas estudadas en Madrid, Barcelona, Álava e Valencia superan esa media e se sitúan por riba dos 100 euros, no resto (agás en Sevilla, que queda xusto na media, con 86 euros de media para pagar a inscrición do neno), o prezo medio da matrícula é inferior. Dentro do prezo da matrícula, as garderías inclúen o seguro escolar e, só algunhas, o material escolar. Noutras, cóbranse á parte conceptos como uniforme, actividades extraescolares, transporte, etc. O prezo medio do servizo de comedor nas garderías privadas foi de 92 euros mensuais, incluída a merenda, se ben unha de cada cinco inclúe este servizo dentro da cota mensual. No 5% das privadas cobran por quentar e servir a comida e merenda que os nenos levan da casa.
Que pasa coas tarifas das garderías públicas?
Aínda que as tarifas máximas das garderías públicas poden ser caras, rara vez chegan a aplicarse: a escaseza de prazas é tal que quedan cubertas polas familias con menos ingresos económicos, que teñen preferencia. Os criterios de admisión (renda per cápita, proximidade ó domicilio, familia numerosa ou con irmáns matriculados no centro) serven tamén para fixar a tarifa de escolaridade e dos servizos extra. Na maioría das públicas non se cobra por matrícula e, cando o fan, o máximo é 60 euros, mentres que as hai privadas que cobran máis de 180 euros por matricularse. Os prezos do comedor pódense incluír na cota mensual ou pagarse á parte. Nas tarifas de escolaridade por xornada completa hai diferenzas: nas públicas de Madrid, Málaga, Sevilla ou Valencia contémplase mesmo a posibilidade de custo cero se a situación familiar o esixe, mentres que nas de Biscaia, Guipúscoa e Álava (180 euros mensuais) e Barcelona (136 euros) a discriminación positiva limítase á admisión: a factura é a mesma. As máis caras atopáronse en Málaga e Sevilla: ata 240 euros ó mes. O prezo do horario ampliado (o neno permanece no centro unha hora máis do horario convencional) é económico, arredor dos 10 euros, pero non é frecuente que as públicas amplíen o seu horario convencional, de entre 7 e 8 horas ó día.
Como elixir gardería
- Visite varios centros para comparar os servizos que prestan, as súas infraestruturas, horarios, etc.
- A proximidade do centro á nosa casa ou lugar do traballo é importante.
- Elixa unha gardería na que os nenos estean agrupados por idades e formando grupos reducidos:
- Para nenos de menos de 1 ano, non máis de 8 nenos por cada educador.
- Para nenos de 1 a 2 anos, non máis de 13 nenos por cada educador.
- Para nenos de 2 a 3 anos, non máis de 18-20 nenos por cada educador.
- Para nenos de 3 a 6 anos, non máis de 25 nenos por cada educador.
- Avalíe a seguridade da escola infantil:
- Ventás: a unha altura que impida a súa apertura por parte dos nenos.
- Portas: con sistemas e proteccións que impidan que os nenos poidan pillar os dedos, e con pechos.
- Enchufes e aparellos eléctricos: a maior altura da habitual e/ou protexidos.
- Produtos de limpeza e afíns: gardados en armarios ou habitacións pechadas.
- Esquinas e columnas: protexidas con bandas de goma.
- Sistemas de calefacción: preferibles os de chan radiante ós radiadores convencionais (que deben estar protexidos).
- Pregunte polo programa educativo: obxectivos pedagóxicos, programa de actividades…
- Comprobe a titulación dos educadores. As máis axeitadas son: Mestre Especializado en Educación Infantil, Técnico Superior en Educación Infantil. Tamén son válidos cursos de Educación Infantil homologados, e os títulos en pediatría ou psicoloxía tamén son adecuados.
- Convén reparar, ou pedir referencias, na dilixencia, amabilidade e paciencia dos empregados e no trato que lles dispensan ós nenos.
- Debe ser un establecemento de uso exclusivo, con acceso propio e independente e contará cunha serie de espazos mínimos. Como referencia, velaquí algunhas: aulas divididas en función das idades dos nenos, con non menos de 20 metros cadrados, ben ventiladas e iluminadas, de ser posible con luz natural; un espazo para usos múltiples de polo menos 30 metros cadrados, e un espazo amplo para xogos e un patio, preferiblemente ó aire libre; aseo en cada aula con material sanitario abondo, visible e accesible desde a propia aula, e con polo menos dous inodoros, dous lavabos e unha cristaleira que lle facilite ó educador o coidado do resto dos nenos mentres un deles utiliza o baño; aseo propio e independente para o persoal, separado dos dos nenos e nenas, e despacho de dirección ou secretaría.
- O chan será cálido, ben rematado para evitar tropezos, de material non esvaradío e bo de limpar, e as paredes, lisas, sen saíntes e de doada limpeza.
- É preferible que o horario sexa flexible, permitindo a entrada e saída dos nenos a diferentes horas, aínda que se aconsella que non pasen máis de 7 ou 8 horas diarias no centro. Moitas garderías dispoñen de horario ampliado (o neno pode ser recollido unha hora máis tarde, ou entrar antes do horario habitual). Este servizo cóbrase á parte, mensualmente.
- No tocante ó comedor, valore o prezo, a hixiene das instalacións e a adecuación dos menús ás necesidades nutricionais dos nenos. Esixa que lle informen do que comeron e/ou merendaron a cotío; así poderalle dar na cea os alimentos que mellor complementen ós inxeridos ó mediodía e á tarde.
- Pregunte se informan por escrito sobre a evolución do seu neno ou nena, as actividades que realizou, o seu comportamento, os seus progresos, as incidencias con outros nenos ou con educadores, se come ben ou non…
- Esixa un teléfono de contacto ó que poida chamar se xorde calquera incidencia.
- Teña en conta outras prestacións, como transporte (pregunte prezo, horario e itinerarios), horario ampliado, se lles dan o almorzo ós cativos, etc. Estas prestacións polo xeral páganse á parte, pero resultan moi útiles.
- Ó primeiro, acudirá só unhas horas á escola e, ós poucos, irase ampliando o horario. Nalgúns centros, os pais poden permanecer os primeiros días un cacho na aula co neno, para axudalo a se familiarizar co novo contorno.
- Cada neno ou nena exterioriza de xeito distinto o que lle supón acudir á gardería. Algúns choran, outros quedan sós nun recuncho, dormen mal… Mesmo poden perder o apetito ou volverse nerviosos. Isto forma parte do proceso de adaptación: hai que ser comprensivos; esa inquietude irá desaparecendo, aínda que o proceso non sempre é constante e pode haber altos e baixos. Polo tanto, moita paciencia!
- Evitemos comparacións con outros: cada neno é diferente.
- Léveos á escola sen présas nin nervios, que vaian tranquilos e relaxados. E non prolonguemos as despedidas.
- Ó rematar a xornada na gardería, animemos o neno a compartir as súas experiencias e amosemos interese, ledicia e entusiasmo ante os seus progresos.
- Comparta as súas dúbidas e emocións cos educadores: orientarano e tranquilizarano.
Cómpre ter en conta...
- Manteña un contacto permanente co persoal da gardería: aproveite que acode a recoller o neno a cotío para interesarse pola súa evolución, participe nas actividades organizadas polo centro, fale con outros pais e solicite unha entrevista cos educadores se advirte actitudes ou comportamentos estraños no seu fillo ou filla.
- A maioría das escolas infantís públicas non permiten a estancia do neno por un período superior a oito horas diarias. O horario das privadas é máis amplo, pero as súas tarifas son normalmente máis caras.
- Algunhas, sobre todo privadas, ofrecen servizos engadidos (almorzo, piscina, ludoteca) que se pagan á parte. En moitas privadas cóbrase tamén (unha ou dúas veces ó ano) en concepto de “material escolar”.
- Por razóns de seguridade, os nenos só poden ser recollidos por persoas autorizadas previamente indicadas á escola. En caso de cambio, avise con antelación.
- Cando o pequeno precise que se lle administre un medicamento en horario lectivo, especifique por escrito no envase do medicamento o seguinte: dose, hora de administración, duración do tratamento e nome do neno. Saiba que algunhas escolas non realizan este labor.
- Se o neno ou nena queda a comer no centro, informe se é alérxico a algún alimento ou se segue unha dieta especial.
- Algunhas aplícanlles descontos ás familias con máis dun neno no centro. É un elemento máis que cómpre ter en conta á hora de elixir.