Como preparar unha mudanza

Coa casa ó lombo

Un traslado require dunha boa información, organización e método
1 Setembro de 2005
Img consejo del mes listado 101

Coa casa ó lombo

/imgs/20050901/consejos.jpg
O cambio de fogar implica a tan temida mudanza. Aínda que semelle complicada, non o é se se realiza cun pouco de organización e método. No caso de que o seu orzamento llo permita, o mellor é confiarlle este labor a profesionais. Aquí sinalámoslle algúns consellos prácticos para que a súa mudanza resulte un éxito.

  • Decida con antelación cando quere a mudanza, que quere transportar e canto está disposto a gastar.
  • Busque información e prezos como mínimo 3 ou 4 semanas antes de mudarse.
  • Seleccione varias empresas de transporte e pida que visiten o seu domicilio para efectuar con rigor o orzamento. Deberanllo entregar por escrito, especificando todas as condicións.
  • Nunca solicite nin acepte orzamentos por teléfono. Corre o risco de que máis tarde lle modifiquen o prezo.
  • Esixa tarifas de referencia. Evite que lle cobren de xeito arbitrario.
  • Desconfíe das mudanzas excesivamente baratas. A calidade, o servizo e a eficacia teñen o seu prezo.

Con todas as garantías

  • Unha vez elixida a axencia de transportes, comprobe que cumpre cos requisitos establecidos pola lei relacionados co sector, que estea inscrita no rexistro municipal e que dispoña dun seguro de responsabilidade civil e de mercadorías.
  • Asine o contrato só cando todo responda ás súas esixencias. Pode solicitar un contrato de mudanzas homologado. Nel, a empresa de mudanzas responsabilízase de todos os estragos que poida causar e de que se cumpren todas as garantías detalladas nese contrato.
  • Comprobe que no contrato figuran os datos da empresa de mudanzas, o inventario, o percorrido, a data da mudanza e o prezo.
  • Faga un inventario das pertenzas que lle van transportar. Esta mesma operación tamén a debería realizar a compañía de mudanzas. Confirme que todo é correcto antes da sinatura do contrato e evitará discrepancias se falta algún artigo.
  • Garde unha copia do albará para posibles reclamacións posteriores. Condicione a sinatura da factura de entrega a un prazo de revisión da mercadoría de 24 horas.
  • As máis das empresas esixen o pagamento do servizo por anticipado. Así e todo, saiba que, por lei, non ten que aboar os cartos ata que o servizo se completara totalmente. O normal é chegar a un acordo entre as partes, consistente en que o cliente adianta unha porcentaxe no momento da sinatura do contrato.

Cada cousa en cadansúa caixa

  • /imgs/20050901/caja.jpgSe vai empaquetar pola súa conta, elixa caixas sólidas e non demasiado grandes; deste xeito, serán máis boas de erguer.
  • Reforce as caixas con dúas bandas de cinta adhesiva cruzadas na súa base.
  • Forme unha capa de pequenas bólas con papel de xornal e cubra o fondo das caixas previstas para a embalaxe.
  • /imgs/20050901/burbuja.jpgDeposite os obxectos máis pesados en primeiro lugar e, sobre eles, outra capa de papel. Siga deste xeito co resto dos obxectos ata encher a caixa.
  • Non amoree os pratos á hora de empaquetar. Póñaos de lado e envólvaos en plástico-burbulla. Empregue toallas de cociña ou agarradoiras de tea e colóqueas nas esquinas das caixas.
  • Embale as súas pertenzas habitación por habitación, etiquetando cada caixa cunha descrición concreta do seu contido e a habitación á que vai dirixida. Deste xeito poderalle indicar ós operarios da empresa de mudanza en que estancia deben depositar cada caixa.
  • /imgs/20050901/etiqueta.jpgEtiquete claramente as caixas que conteñen obxectos fráxiles para que sexan manexadas con xeito. Indique cal é o lado superior da caixa para que sempre estea boca arriba.
  • Encha as caixas para que os obxectos non reboten no seu interior.
  • Garde o máis pesado -como os libros- en caixas pequenas.
  • Cando empaquete un ordenador non esqueza facer copias de seguridade da información que conteña, e asegúrese de non gardalo preto de obxectos que xeren un campo magnético.
  • Non empaquete nin transporte combustible nin obxectos inflamables -aerosoles, pinturas, lacas…-.

Coidado cos artigos valiosos

  • Nunca mande na mudanza obxectos de valor como xoias, pólizas de seguros, documentos legais, etc. Léveos vostede mesmo ou envíeos ó seu novo domicilio por mensaxería certificada.
  • Se posúe mobles ou obxectos valiosos, fágalles unha fotografía antes da mudanza. Deste xeito, se sofren algún estrago durante a mudanza terá probas que presentar ante o seguro.
  • Recorra ante un profesional para que empaquete, se é que os ten, os artigos de valor como cadros e esculturas. Comprobe que a mudanza se responsabiliza do seu manexo e seguridade.
Que cómpre ter en conta?

O prezo da mudanza determínano:

  • os metros cadrados do piso
  • a cantidade e tamaño dos obxectos que se vaian trasladar
  • o tipo de obxectos (delicados ou que requiren maior protección)
  • o número de operarios necesarios
  • a facilidade da desmontaxe dos mobles
  • a embalaxe: é máis barata se a realiza o cliente
  • a existencia de ascensor
  • a facilidade de acceso ó inmoble (a súa altura, a distancia entre a dirección de carga e descarga, etc.)

Prezos orientativos

Vivenda de 90 metros cadrados
3 habitacións
Mudanza local
Volume de vultos que transportar: 30 metros cúbicos
Tarifa aproximada: 1115 euros

Vivenda de 90 metros cadrados
3 habitacións
Mudanza local
Volume de vultos que transportar: 40 metros cúbicos
Tarifa aproximada: 1394 euros