A menopausa, fin da vida sexual?
A transición entre o estado reprodutor e non reprodutor da muller como consecuencia do remate da función ovárica coñécese como climaterio. Neste período distínguense tres estadios: a premenopausa, a menopausa e a posmenopausa. Polo tanto, en sentido estrito, a menopausa é a etapa na que cesan definitivamente as hemorraxias cíclicas cando se culmina a modificación na produción dos óvulos de hormonas femininas (estróxenos e proxesteronas). Isto significa que finaliza a capacidade reprodutiva, pero, nin por asomo, que cesa a actividade sexual, nin en desexo nin en capacidade de gozo.
Estes síntomas son comúns ás máis das mulleres, pero, ademais, e dependendo de cada unha, a menopausa pode supor alteracións psíquicas e dificultades sociais. Que sexan máis ou menos pronunciadas, e máis ou menos traumáticas, depende da percepción que cada muller ten da súa vida. Os capítulos de choreiras, maior susceptibilidade, irritabilidade, dificultade de concentración e de memoria, ansiedade, aumento da sensación de fatiga e aumento ou diminución do desexo sexual son consecuencia da etapa que se emprende. Do que se trata é de convertela nun período gratificante, positivo e completo. Neste sentido, vivir con satisfacción a sexualidade é importante, xa que deixar de ser reprodutora non implica deixar de sentir desexo sexual e pracer, nin incapacita a muller para ofrecelo.
A sexualidade nace coa vida e morre con ela
A sexualidade é unha capacidade inherente á persoa, que se adecúa ó momento evolutivo e ás súas circunstancias específicas. Está ligada á necesidade de amar e que nos amen, e á necesidade de sentir pracer e facer sentir pracer. E nin para amar nin para sentir hai límite de idade. É certo que durante o período do cambio corporal, hormonal e psicolóxico que supón a menopausa se poden manifestar síntomas que inciden directamente na apetencia de entrar no xogo sexual.
A sequidade vaxinal, os abafos, as cefaleas ou o insomnio non son os mellores compañeiros do desexo, pero só deben ser impedimentos circunstanciais e teñen bo amaño grazas ós xeles, cremas e outros fármacos. Son outros síntomas os máis difíciles de resolver. Todos aqueles que afectan ó mundo interior da muller, menos evidentes pero máis determinantes. A súa superación dependerá moito de como se afrontaran as dificultades noutras épocas da vida.
Un período de dificultades e oportunidades
A menopausa non é o elemento determinante que poida producir un cambio na vida sexual da muller, pero si é un proceso de cambio no que xorden dificultades.
- Se ó longo da vida, ante as alteracións de ánimo, a irritabilidade, o anoxo, o cansazo ou a ansiedade, reaccionamos con respostas de pelexa, en especial coas persoas a quen máis queremos e temos a carón, ou nos illamos e pechamos en nós mesmas, rosmando e teimando máis e máis no noso propio anoxo e dor, a menopausa é un bo momento para mudar este proceder.
- A menopausa pon en evidencia que se superou a madurez, e unha está viva e poderá emprender a vellez. É certo que as graxas comezan a distribuírse de xeito diferente no noso corpo, que se perde a cintura e se ten máis abdome, pero cun chisco de exercicio non ten por que ir a máis. Faise presente a peluxe no bigote e no queixo, pero iso ten boa solución depilatoria. Aparecen as canas e as engurras, que poden ser, de verdade, moi fermosas.
- É unha etapa que pode coincidir coa marcha dos fillos e fillas do fogar, o que pode dar lugar a unha sensación de inutilidade, soidade e baleiro. Se xa non se pode desenvolver como nai e como muller, cre que non cumpre o “modelo” esixido pola sociedade e a desorientación e carencia de sentido da súa vida pode aparecer. Pero tamén dá a oportunidade de converterse nunha boa amiga dos seus fillos e nunha boa avoa.
- Neste período concreto e pola idade da muller, haberá que ter tamén en conta como se está desenvolvendo a súa relación de parella, no caso de que a haxa, ou como se está vivindo a ausencia dela. Se non existe unha relación harmónica, esta etapa significará, probablemente, un punto de inflexión cara a unha menor actividade de xogos sexuais. En termos xerais, esta actividade sexual decrece considerablemente se se é solteira, viúva ou separada.
- Non son tan raras, e cada día atopámonos con máis, as mulleres para quen a menopausa significa un cambio en positivo á vida sexual porque supuxo liberarse do risco constante que mantiñan a unha posible maternidade non desexada, xa que, polos motivos que sexan, non facían uso de medidas de prevención de embarazos.
- En definitiva, a menopausa é un momento crucial que se debe aproveitar para facer unha parada e reflexionar. O adeus a unha etapa reprodutiva que ocupou moitos anos da nosa vida e a apertura dun novo camiño pódense e débense facer con confianza e ilusión.
/imgs/20050901/mujer2.jpg Acudir á consulta xinecolóxica, co fin de informarse e coñecer os cambios que imos experimentar.- Seguir unha dieta equilibrada. O médico de cabeceira pode deseñala.
- Facer exercicio físico. O mellor: pasear unha hora por pasear. Non se trata dos traxectos de ir á compra ou recoller os netos á gardería. Debe ser unha hora destinada a pasear, regalándose ese tempo de forma particular. Tamén a natación está aconsellada.
- Planificar o noso tempo dándolle sentido ás nosas vidas, retomando actividades que nos gustan, creando novas relacións e reforzando amizades.
- Involucrarnos en actividades sociais.
- Buscar e escoitar as sensacións da pel a través do mimo da caricia. Desterrar o medo a tocar e ser tocada.
- Buscar compartir, amar e a paixón pola vida, traducíndoo nun roce, unha aperta, un agarimo, un bico.
- Apostar por vivir de xeito saudable e gozoso.