Moito mais ca unha paxariña
En Europa, a arte milenaria xaponesa de dobrar un papel para que adquira un significado chamouse papiroflexia. Aínda que con características comúns, trátase de dúas disciplinas con usos e aplicacións independentes. En Xapón vai máis alá de ser unha afección, en ocasións exquisita. De feito, nos seus comezos as pregaduras relacionábanse con actos relixiosos e cerimoniosos. Utilizábanse para realizar ofrendas ou representar accións heroicas, pero a medida que o papel se fixo popular e se abaratou o seu prezo, o campo en que se aplicaban os coñecementos das estruturas de papel ampliouse, e de simples paxariñas chegáronse a facer figuras moi complexas.
Unha disciplina con múltiples aplicacións
A súa visión artística. Seguir as pautas para realizar unha pregadura e acadar a representación visual daquilo que se persegue crear é o resultado dunha elaboración artesá. Moitos afeccionados a esta disciplina afirman que cumpre algunhas das características que definen a consecución da beleza e que a consideran unha arte. De feito, o carácter simbólico das figuras confírelles un valor de comprensión e recoñecemento en todo o mundo.
O seu carácter como pasatempo. Mergullarse nas técnicas da papiroflexia e dar feito figuras cada vez máis difíciles é un entretemento que proporcionará bos momentos de lecer. Cómpren doses de imaxinación, intuición, orde e interese de superación persoal. Ademais, trátase dun lecer barato e flexible para o que é doado atopar tratados, cursos especializados ou clubs que reúnan afeccionados.
Como recurso educativo. Aínda que facer recortables é unha actividade limitada ós primeiros anos de educación, en Xapón, China e nos países nórdicos concíbese a papiroflexia como unha materia interdisciplinaria con outras materias en cursos máis avanzados. Está demostrado o seu valor pedagóxico para o sentido creativo e artístico, pero tamén axuda á capacidade de concentración e é un bo xeito de exercer a motricidade fina das mans porque desenvolve, entre outros aspectos, a percepción espacial.
A súa aplicación na saúde. Aínda que polo de agora non é usual, a prescrición facultativa de dedicarlle un tempo diario ó origami para a rehabilitación de traumatismos óseos ou de afeccións tanto nerviosas coma musculares nas mans adquire unha importancia crecente. Tamén se gabaron as súas vantaxes en psiquiatría como terapia ocupacional e de axuda á formación de diminuídos psíquicos. De feito, persoas con minusvalías poden ser verdadeiros artistas pregando papel.
Como aprendermos a dobrar papel
A papiroflexia non é cousa de rapaces, de xente aburrida nin de excéntricos orientais. A súa aprendizaxe require doses de curiosidade e algo de habilidade manual. Nos comezos pódese acudir a cursos que ofrecen a miúdo clubs de papiroflexia, para gañar adeptos, ou sociedades recreativas, pero tamén se pode optar pola autoaprendizaxe. Se algo non falta neste campo son manuais e páxinas web. Os comezos son doados -facer unha paxariña non require moita destreza- pero así que a afección medra os retos son cada vez máis complexos, non só para seguir as instrucións dunha figura, senón tamén polo desexo de inventar unha propia.
Nesta disciplina universal existe a vantaxe de contar con símbolos internacionais, o que facilita a transmisión de modelos duns autores a outros, sen que a diferenza de idioma constitúa un obstáculo. De feito, ten tamén a súa propia linguaxe: esquina sempre será cada unha das catro puntas dun cadrado; a pregadura, cada unha das liñas por onde se dobra o papel; a marca, a liña que queda no papel despois de efectuar unha pregadura; o nó, onde se cortan dúas ou máis pregaduras ou marcas… e así ata completar un profuso glosario de termos específicos.
Dobrar y desdobrar
- Empregar papel manexable.
- Realizar unha pregadura coidadosa e pulcra, especialmente nos vértices.
- Traballar nunha superficie dura e lisa. Iso dá máis exactitude.
- A exactitude alcánzase pasando a unlla do dedo polgar ó longo da pregadura.
Os pasos seguintes serán máis doados.
- A exactitude mellora a calidade da figura rematada.
- Seguir coidadosamente a secuencia de cada modelo.
- Non eliminar pasos.
- Pór atención en cada paso, na súa dirección e execución.
- Practicar e pensar como xerar novas figuras.