Lectores de libros electrónicos

As páxinas do futuro

Os libros electrónicos ou e-books son unha realidade, só cómpre descubrir o dispositivo axeitado para podelos ler con comodidade
1 Setembro de 2005
Img internet

As páxinas do futuro

Nunha escena de Minority Report, a película de Steven Spielberg situada no 2054, os pasaxeiros len no metro un xornal electrónico, flexible e ilustrado, con vídeos, no que as novas van cambiando a medida que se producen. É ciencia-ficción, pero pode deixar de selo a medio prazo. Non parece probable que teñan que pasar 50 anos para que o lector conte cun dispositivo semellante ó papel pero electrónico.

Os investigadores de Xerox PARC e da empresa E Ink (www.eink.com) levan anos investigando esta posibilidade a través da fabricación de láminas compostas de millóns de esferas minúsculas brancas e negras que ó recibiren electricidade forman palabras. Para o lector, a única vantaxe do papel é a comodidade do formato -algo que igualará a tinta electrónica- e a resolución. Nunha folla impresa inxéctanse 300 puntos por polgada (ppp), e a pantalla do PC ou portátil só ten 72 ppp, amais de que nun caso falamos de luz emitida (pantalla) e no outro de luz reflectida (papel). Por iso é incómodo e canso ler nun monitor. Cando o papel electrónico acade a flexibilidade e resolución do vexetal, os ollos non han notar a diferenza.

Libros electrónicos

Sen que cumpra adiantar o futuro, o texto en formato dixital xa está por todas partes. Raro é o xornal que non edita a súa versión electrónica (na web ou en PDF), e cóntanse por ducias os proxectos para dixitalizar libros de xeito masivo. Os máis de 10.000 títulos do Proxecto Gutenberg (www.gutenberg.org), Internet Archive (www.archive.org) ou o recente e ambicioso proxecto de Google (print.google.com) para dixitalizar 15 millóns de libros dan boa conta disto.

/imgs/20050901/internet.jpg
O problema é o receo co que as grandes editoriais reciben o libro en formato electrónico. Non se senten cómodas ó pisaren un terreo que non dominan e que ademais lles pon medo: a protección dos dereitos de autor das obras dixitalizadas, como acontece coa música ou co cine, non está garantida.

As vantaxes do libro en formato electrónico son numerosas. Para comezar, o espazo: O Quixote ocupa apenas 800 Kb, polo que un só dispositivo de peto pode albergar milleiros de títulos. Pero, ademais, o libro dixitalizado abre as posibilidades de lectura: pódense realizar buscas dentro do texto, salientar frases, facer anotacións, etc. E, se ben os aparellos actuais non invitan á lectura dun texto longo (unha novela), unha PDA pódese cargar con artigos de revistas (que se reciben directamente no ordenador), guías de viaxe ou ducias de obras para levar no peto e consultar nunha viaxe en metro, por exemplo.

Programas lectores

Para facer máis doada a lectura de libros, revistas ou xornais dixitais hai varios programas no mercado. Os máis populares son Acrobat Reader de Adobe, empregado para descargar e ler PDF en Internet, e Microsoft Reader, que, xunto con Palm Reader e co propio Adobe Reader, é o máis empregado nas axendas electrónicas.

Existen outros moitos programas lectores asociados a empresas dedicadas á distribución das versións dixitais das edicións impresas de xornais e revistas, como NewsStand ou Olive Software. Zinio (www.zinio.com), por exemplo, ofrece a subscrición ou compra individual de numerosas publicacións que se descargan para ler co seu Zinio Reader, un programa gratuíto cun formato de arquivo propio (.zn) no que as páxinas se pasan coma se foran de papel.

Pero o verdadeiro cabalo de batalla está nos dispositivos dedicados de xeito específico a esta función. Gemstar mercou as dúas empresas que fabricaban os dous dispositivos de lectura de e-books máis prometedores, o Softbook Reader e o Rocket de Nuvomedia. Pero ambos os dous, xunto co REB da propia Gemstar, pasaron a mellor vida e deixaron un panorama bastante desolador.

Ordenadores de peto

O fracaso destes aparellos para ler libros electrónicos, que polo seu tamaño e peso non eran moito máis manexables ca un ordenador portátil, deixou o escenario en mans dos PC, dos portátiles e, sobre todo, das PDA. Nunha crecente tendencia á integración (con teléfonos móbiles como pequenos ordenadores, que ademais disparan fotos e se conectan a Internet), os usuarios prefiren utilizar o equipo que xa usan para ler e-books antes que mercar e cargar con outro dispositivo dedicado.

Existen ducias de programas que facilitan a lectura de textos nos ordenadores de peto, así como innumerables sitios web que venden e-books ou que dispoñen de descargas gratuítas. eReader, por exemplo, ofrece milleiros de títulos electrónicos e un programa lector adaptado a todos os sistemas operativos para PDA e mais a Windows e Mac OS.

NAVEGAR Á CARTA

Libros gratis
http://www.columbia.edu/cu/lweb/eresources/ebooks/
/imgs/20050901/internet02.jpg
Máis de 10.000 e-books para descargar gratuitamente, cuns poucos en español. Manybooks.net tamén posúe unha boa colección de libros electrónicos e moitos máis en castelán.

/imgs/20050901/internet03.jpg De tendas
www.ebooks.com
Para buscar entre milleiros de libros electrónicos agrupados por categorías. Tamén cun amplo catálogo: eBookAD.com, eBookMall.com e, en castelán, Farenheit 451 e Liberuned.com Librería de libros dixitais da UNED).

/imgs/20050901/internet04.jpg Programas para a PDA
www.palmsource.com
O directorio de aplicacións contén un bo número de programas para axendas electrónicas con sistema operativo Palm OS, entre elas varios lectores de documentos e e-books. Para Pocket PC e en castelán: Todopocketpc.com.

O que está por chegar

/imgs/20050901/internet01.jpgO pouco éxito dos dispositivos ad hoc para ler libros electrónicos non minou os esforzos da industria para dar co hardware ideal. O último en probar éxito foi Sony, que, en alianza con E Ink, lanzou o ano pasado Sony Librié, cunha pantalla que amosa os textos dixitais con tinta electrónica. Ó contrario das pantallas LCD, a película de plástico laminado sobre a que flotan as micropartículas negras e brancas (a tinta electrónica) non emite luz para amosar a imaxe e, polo tanto, é máis descansado para a vista e consume moito menos, pois unha vez cargadas, as partículas non requiren electricidade para manter unha imaxe visible desde calquera ángulo.

Este dispositivo, coma outros moitos, ten unha memoria interna que se pode ampliar mediante tarxetas. Aí, nos soportes que van almacenar a información, e-books ou calquera outro tipo de arquivos (fotos, vídeos, etc.), o futuro próximo tamén ten algo que dicir. Máis ca o propio soporte, tipo CD ou DVD, a revolución virá pola capacidade: no HVD (Holgraphic Versatile Disc) que xa se prepara nos laboratorios caberán 1.600 gigabytes (780 millóns de páxinas de texto, un ano e medio de música ou 1,6 millóns de fotografías) grazas a que permite aproveitar toda a superficie do volume físico do disco, en lugar de só a superficie.