Xeados crema e xeados de graxa vexetal, sabor vainilla

Os caros, máis densos pero non máis saborosos

Son un bo alimento e uns resultan máis saudables ca outros Analizáronse sete mostras de xeado de vainilla de diversas denominacións
1 Xullo de 2000

Os caros, máis densos pero non máis saborosos

/imgs/20000701/analisisa01.jpgOs envases eran de litro (catro mostras) e medio litro (tres mostras), e os prezos diferían moito: entre as 229 pesetas por litro de Frías e as 1.470 pesetas por litro de Häagen Dasz.Estes xeados constitúen un bo alimento, por conteren nutrientes nunha cantidade suficientemente equilibrada, por non resultaren moi calóricos, non proporcionaren moito colesterol e seren bastante dixestivos.

Os máis calóricos (arredor das 250 calorías cada cen gramos) son Häagen Dasz e Tofutti e, os menos, Frías, Tofutti e Miko, por baixo das 200 calorías cada cen gramos. Os máis graxos son Häagen Dasz e Farggi, con máis do 15% deste nutriente e, os menos graxos, Frigo, Frías e Miko, con menos do 10% de graxa. Por último, os que menos colesterol conteñen son Frigo, Tofutti e Frías (os tres de graxa non láctea).

Os máis densos foron Häagen Dasz e Farggi (cada litro pesaba case 900 gramos), mentres que Frías, Camy e Frigo non chegaban ós 550 gramos por litro. Este é un aspecto que relativiza o prezo dos xeados.

A calidade hixiénico-sanitaria foi correcta en tódalas mostras.

Na cata, que valorou a aparencia, textura, olor e sabor, as preferencias decantáronse cara a “La Cremería”, de Camy (6 puntos), en xeados crema, e “Carte D’Or”, de Frigo (6 puntos), nos de graxa vexetal. Tofutti e Frías (ámbolos dous de graxa non láctea) non chegaron ó aprobado. “Etiqueta Negra”, de Miko, e Farggi (xeados de crema) foron ben valorados (6 puntos) e Häagen Dasz (tamén de crema) quedou con só 5 puntos. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a “La Cremería” de Camy e a “Etiqueta Negra” de Miko nos xeados crema, e a “Carte D’Or”, de Frigo, nos de graxa vexetal.

Parécense, pero son distintos

As proteínas representan entre o 3% e o 5% e son de alto valor biolóxico. No tocante ós azucres, estes xeados engaden azucre, ben exclusivamente (Häagen Dasz, Farggi), ou xunto con xarope de glicosa, dextrosa… (Miko, Camy, Frías, Tofutti). Segundo as etiquetas, todos menos Farggi e Häagen Dasz engaden emulxentes, espesantes ou estabilizantes, e colorantes. Con respecto ó ingrediente que lle proporciona o sabor a vainilla, Miko e Frigo afirman que empregan vaíñas de vainilla; Farggi, Häagen Dasz, Tofutti e Camy usan vainilla ou aroma natural de vainilla, e Frías recorre ó aroma de vainilla. Atendendo ó peso do xeado (datos aproximados), Farggi e Häagen Dasz son os máis densos, xa que un litro pesa case 900 gramos. Pola contra, Frías e Camy son os máis lixeiros, xa que un litro pesa entre 500 e 530 gramos. Atópanse todos por riba do peso que fixa a norma para un litro de xeado destas denominacións (mínimo: 430 gramos/litro). A auga é o compoñente maioritario dos xeados, xa que constitúe, de media, o 61% do producto.

Os hidratos de carbono, na análise de CONSUMER, representan o 23%, aínda que hai diferencias, xa que mentres que Häagen Dasz presenta aproximadamente o 17%, en “Carte D’Or” de Frigo os hidratos de carbono constitúen case un 28%. As proteínas constitúen soamente un 3%, aínda que son de elevado valor biolóxico. A graxa, que determina a denominación do xeado e o seu sabor e textura, representa arredor do 14% nos xeados crema, e un 10% nos de graxa non láctea (incluíndo Tofutti). No primeiro grupo destacan Farggi e Häagen Dasz polo seu maior contido en graxa (16% e 19% respectivamente), mentres que no segundo é Tofutti o de máis graxa (14%). Non se detectou graxa vexetal en ningún xeado de crema, polo que a situación é correcta. A graxa destes xeados é basicamente saturada.

/imgs/20000701/analisisa02.jpg Nos xeados crema, os ácidos graxos saturados representan de media un 69%. Paradoxicamente, os de graxa vexetal de Frigo e Frías presentan ó redor do 90% de saturados. Tofutti desmárcase, con soamente un 14% de graxa saturada. Se nos fixamos na relación AGI/AGS (proporción de ácidos graxos insaturados con respecto ós saturados; canto maior é este cociente máis saudable será o xeado), nos xeados de crema sitúase arredor do 0,41%, mentres que en Frigo e Frías foi de 0,10 e de 6 en Tofutti. Outra diferencia entre os xeados de crema ou leite e os de graxa vexetal radica no seu contido en colesterol. Mentres que o de Tofutti, “Carte D’Or” e Frías é insignificante, rexistrouse un termo medio de 48 mg/100 g de colesterol entre os xeados crema.

O contido máis baixo correspóndelle a Miko (24 mg/100 g), mentres que no extremo oposto destacan os 83 mg/100 g de Farggi. Aínda que en ningunha mostra é un contido importante, en Farggi é digno de ter en conta. Este colesterol de Farggi procede probablemente do leite, da nata fresca e da xema de ovo. Estes xeados, por outra banda, non son tan calóricos como podería semellar polo seu sabor doce e a súa textura cremosa. Como media, proporcionan 217 calorías cada cen gramos. Os xeados crema proporcionan ó redor de 230 e Miko desmárcase con só 199 calorías cada 100 gramos, mentres que Häagen Dasz é o xeado máis calórico dos sete. Entre os de graxa vexetal, Frigo e Frías proporcionan entre 170 e 180 calorías, mentres que Tofutti é o máis enerxético (244 calorías cada cen gramos) debido ó seu maior contido en graxa.

É salientable a ausencia de lactosa na sobremesa xeada Tofutti, o que a converte en apta para quen sofre de intolerancia á lactosa. Por outra banda, CONSUMER analizou a presencia de conservantes e atopou tan só un pouco de ácido benzoico en Farggi. Esta mostra declara non empregar conservantes. Sen embargo, un dos seus ingredientes (xema de ovo) inclúe benzoico. A lexislación establece que un aditivo dun alimento debe declararse só se se atopa no producto final nunha proporción abonda para exercer un efecto tecnolóxico. A cantidade atopada é moi inferior á aceptada para o ácido benzoico noutros alimentos, polo que non é probable que teña efecto conservante nesa cantidade.

Nun bo estado sanitario

Amais da calidade dos ingredientes (leite, nata, ovos…), algunhas fases do procesado dos xeados poden ser críticas desde o punto de vista microbiolóxico, xa que trala conxelación a maioría dos posibles xermes non desaparecerían senón que permanecerían en estado latente. Por iso, nos xeados de crema ou leite son moi importantes a correcta pasteurización e o rápido arrefriamento da mestura. Na análise, os resultados puxeron de manifesto o correcto estado microbiolóxico dos sete xeados. Doutra banda, a conservación é esencial nos xeados. Oscilacións de temperatura durante o seu almacenamento poden provocar desconxelacións parciais e reconxelacións, e estas poden causar danos no delicado equilibrio da súa textura. A temperatura óptima de conservación é aínda máis fría ca -18 ºC. Por outra parte, amais da información xeral (lote, data de caducidade, cantidade neta, lista de ingredientes…) os xeados deben incluír nas súas etiquetas instruccións para a conservación do producto no fogar.

Todos, agás Tofutti, levan indicado que deben ser conservados a temperaturas inferiores ós 18 ºC, así coma o tempo máximo de conservación no conxelador do frigorífico, en función das características deste. A denominación tamén é importante, e cómpre distinguir entre xeados crema (Miko, Häagen Dasz, Camy e Farggi) e xeados (Frigo e Frías), de vainilla ou sabor a vainilla. Tofutti é, máis ben, unha sobremesa xeada. No tocante á lista de ingredientes, en Farggi atopouse unha pequena cantidade dun conservante non declarado (ácido benzoico). Pero, como a cantidade detectada non é abonda para exercer un efecto conservante, a súa declaración non é obrigatoria. Finalmente, bótase de menos a información nutricional, presente só no etiquetado de Tofutti.

Qué son os xeados

Os xeados son preparados alimenticios elaborados por conxelación dunha mestura de materias primas, que deben manter unha conxelación suficiente ata que lle cheguen ó consumidor. Dependendo dos seus ingredientes e elaboración, clasifícanse en xeados crema, xeados de leite, xeados con graxa non láctea, xeados de auga, sorbetes ou sobremesas de xeado. Ós xeados pódeselles engadir chocolate ou café, froitos secos, froitas, zumes, xaropes… Na súa elaboración emprégase leite, nata, manteiga, ovos, graxas vexetais e azucre, emulxentes e estabilizantes, aromas e outras substancias responsables de proporcionaren o sabor característico de cada variedade.

Os xeados de crema ou de leite proporcionan entre 170 e 250 calorías por 100 gramos, dependendo do contido en graxa. Así, o de crema debe ter como mínimo un 8% de graxa de leite, mentres que no de leite o contido mínimo debe ser un 2,5% de graxa láctea. Un maior contido en graxa outórgalle ó xeado mellores características organolépticas. Os hidratos de carbono representan o 17%-25%, e a maior parte deles engádense durante a fabricación. Empréganse sacarosa e derivados da fécula de millo, coma a dextrosa. O resto de nutrientes atópanse en proporcións menores.

En síntese

En síntese

  • Analizáronse catro xeados crema (de Miko, Häagen Dasz, Farggi e Camy), dous xeados (de Frigo e Frías) e unha sobremesa xeada (Tofutti), todos eles de sabor a vainilla. Os catro primeiros son de graxa láctea e os tres últimos, de graxa vexetal. Os prezos diferían entre as 229 pesetas por litro de Frías e as 1.470 de Häagen Dasz.
  • A graxa dos xeados é fundamentalmente saturada, aínda que “Carte D’Or”, de Frigo, e “Extra”, de Frías (de graxa vexetal), presentaron unha graxa aínda máis saturada cós de crema, que teñen a graxa do leite coma materia prima.
  • Son un bo alimento e proporcionan entre 200 e 260 calorías cada 100 gramos.
    Os menos calóricos son Frías, Tofutti e Miko. Os máis graxos (nun xeado de crema, maior cantidade de graxa é, en principio, mellor calidade) son Häagen Dasz e Farggi, con máis do 15% deste nutriente, e os menos graxos, “Carte D’Or”, Frías e Miko, con menos do 10%.
  • Os máis densos: Häagen Dasz e Farggi (o litro pesaba case 900 gramos). Os menos: Frías, Camy e Frigo, que non chegaban ós 550 gramos por litro.
  • Os mellores na cata: Camy (6 puntos) entre os xeados crema, e Frigo (6 puntos) entre os de graxa vexetal. Tofutti e Frías non acadaron o aprobado.
    A mellor relación calidade-prezo: Camy e Miko en xeados crema e “Carte D’Or” (Frigo) nos de graxa vexetal.

Un a un

Os xeados, un por un

"La Cremeria" (Camy)

  • Xeado crema sabor a vainilla. Envase de 1 litro. Sae a 487 pesetas o litro.
  • Económico. Boa relación calidade-prezo. É o segundo máis lixeiro (523 gramos por litro) e o segundo con máis lactosa (6%).
  • O mellor valorado na cata: 6 puntos. Textura agradable, cremosa e esponxosa; sabor natural a vainilla, atinado e equilibrado; aspecto pouco atraente, polos seus puntos negros, e cor amarela pouco natural.

"Etiqueta Negra" (Miko)

  • Xeado de crema con anaquiños de vainilla. Envase de 1 litro. Sae a 462 pesetas o litro.
  • Económico. Boa relación calidade-prezo. É o xeado de crema menos calórico e o de menos colesterol. O de máis lactosa.
  • Na cata, 6 puntos. Destacan o aspecto e a cor, a consistencia e a intensidade do aroma a vainilla, aínda que con opinións enfrontadas entre os xuíces en: aspecto atraente/cor pouco natural; consistencia cremosa e agradable/consistencia graxa, demasiado cremosa; sabor correcto/pouco intenso a vainilla.

Farggi (manán)

  • Crema xeada de vainilla. Envase de medio litro. Sae a 1.380 pesetas o litro.
  • Un dos máis densos (874 g/l). Contén bastante graxa (16%) e é o de máis colesterol. Ten un conservante (ácido benzoico) en pequena cantidade.
  • Na cata, 6 puntos. Opinións divididas no tocante á súa consistencia (cremosa/graxa), intensidade de sabor doce e aroma a vainilla (correctos/sabor moi doce e pouco sabor a vainilla), e cor (correcta/cor demasiado pálida e pouco atraente).

Häagen Dasz

  • Xeado crema de vainilla. Envase de medio litro. Sae a 1.470 pesetas o litro.
  • O máis denso (896 gramos por litro) e o de máis graxa (19%) e proteínas (4,2%). Tamén é o máis calórico: 257 calorías cada cen gramos.
  • Na cata, 5 puntos: consistencia correcta, cremosa; aroma moi lixeiro a vainilla.

"Carte D'Or" (Frigo)

  • Xeado con vaíñas de vainilla. Envase de 1 litro. Sae a 567 pesetas o litro.
  • Boa relación calidade-prezo. Con graxa vexetal. É o menos graxo (7%) e o de máis hidratos de carbono (28%).
  • Pero é o de maior proporción de graxa saturada (o 91,4% do total). Na cata, 6 puntos. Consistencia cremosa e agradable; cor tenue e pouco natural, con presencia de puntos negros.

Toffuti

  • Vainilla de Madagascar. Sobremesa xeada. Envase de medio litro. Sae a 1.390 pesetas o litro.
  • Caro. Con graxa vexetal. O de menos humidade (56%) e proteínas (2,3%). Bastante graxa (14%) e calorías (244 cada cen gramos).
  • Contido inapreciable de colesterol e sen lactosa. A menor proporción de graxa saturada (14%).
  • Na cata, 4 puntos: cor pálida, aroma moi débil, sabor artificial, indefinido, escaso a vainilla.

"Extra" (Frías)

  • Xeado de graxa vexetal con sabor a vainilla. Envase de 1 litro. Sae a 229 pesetas o litro.
  • O máis barato. O máis lixeiro (504 gramos/litro), e o de máis humidade (69%) e menos proteínas (2,3%).
  • O menos calórico (171 calorías/cen gramos). Proporción elevada de ácidos graxos saturados (90%).
  • Na cata, 4 puntos: boa cor, agradable, sabor moi doce, pouco natural, moi intenso e pouco equilibrado.