Fotografa-la natureza, pero respectándoa
Retratos de paisaxes, paxariños, flores, amenceres, etc., constitúen o soño de calquera amante da fotografía. Se vostede se considera un deles, lembre que é un intruso nese mundo que admira, do que desexa leva-las imaxes como recordo. Debe respectar, xa que logo, os seres vivos e o seu ecosistema, e isto implica coñecer e entende-los aspectos técnicos da fotografía e saber adaptalos de xeito que afecten na menor medida á natureza.
Contornos naturais, fotos en silencio
A conducción por estas zonas debe cinguirse máis estrictamente, se cabe, ás normas de circulación. Ó ver un vehículo parado dende onde se están a tomar fotografías, detéñase a unha distancia prudencial. Acenda de novo o motor cando estea seguro de que non lle estragará a instantánea ó seu ocupante. Non se achegue a animais perigosos co coche, e, se transporta pasaxeiros, asegúrese de que cumpran as normas de seguridade e de cortesía co contorno. Apague radios, walkmans e discmans… Se calquera criatura salvaxe se alterase pola súa presencia, marche de alí antes de forzala a ela a moverse, xa que é perigoso que abandone o seu hábitat.
Niños, sen molesta-las crías
Todo fotógrafo devece por obte-la instantánea onde se aprecie as crías de calquera ave cando os seus pais as están a alimentar. Para iso, o primeiro é informarse sobre cómo se realiza esa mantenza e cal é o comportamento dos animais durante a súa crianza.
Lea libros que describan esa situación e consulte con grupos de estudio da natureza antes de procurar ese tipo de fotografía. O idóneo será agacharse nun refuxio (hide), que se vende con esta finalidade, para non perturba-las criaturas.
Agora ben, non levante o agocho á vista do gran público, para evitar que se sintan atraídos e perturben o animal. Procure que non o vexan (nin a vostede nin ó equipo) a través ou fóra do refuxio levantado, e non se achegue demasiado ó niño ou á cocha. Desmantele o campamento se os pais das criaturas non volven nun tempo prudencial para seguir alimentando os seus pequenos, especialmente en días moi fríos ou calorosos.
Debe instala-lo refuxio antes de que as crías nazan e os pais se establezan firmemente no lugar, para que non perciban nada estraño e non aborrezan o niño.
Insectos e réptiles, cando estean máis inactivos
O ideal é fotografar estes animais en pleno campo, onde se reflectiría exactamente a súa vida, aínda que tamén é aceptable capturar estas especies para fotografalas no estudio, sempre que se devolvan ó seu hábitat orixinal tan axiña como sexa posible.
Antes, haberá que solicita-lo permiso oportuno ante as autoridades medioambientais da zona. Iso si, o fotógrafo non debe poñer nunca en perigo a vida de ningunha especie.
O mellor é fotografalas pola mañá cedo, a última hora da tarde ou cando o tempo é máis fresco e elas se atopen máis inactivas.
Mareas, xeoloxía e botánica
Os animais que habitan e se desenvolven no mar, tanto enriba coma debaixo das rocas, a mercé das mareas, desempeñan un papel definido no ecosistema, e morrerían se, tras retratalos, non os deixamos tal e como os atopamos. En canto ás rocas, nunca debemos alteralas, aplicando substancias para lograr unha foto máis espectacular ou con maior colorido. As formacións e os cristais das covas tampouco se deben arrincar, romper ou coller do lugar onde se encontran, xa que nunca máis volverían a ser restablecidas.
Á hora de retratar flores e plantas, evite esmaga-lo seu contorno; eses danos afectan a tódalas especies do ecosistema. Nunca recolla flores salvaxes ou endémicas para fotografalas no estudio: tire a instantánea no contorno natural da planta, aínda que o resultado non sexa perfecto en canto á luz.
Normas do fotógrafo Spook Skelton para promove-la conservación e o coñecemento da natureza, a través da fotografía, a observación e a exposición:
- O benestar do suxeito é sempre máis importante cá obtención da súa fotografía.
- Documéntese amplamente sobre a bioloxía e o comportamento das especies que quere fotografar, co fin de previr actuacións improcedentes. Adquira coñecementos técnicos para realizar con seguridade a fotografía de seres vivos.
- Solicite ás autoridades, así como ós propietarios de terreos privados, os permisos necesarios para fotografar especies e lugares naturais protexidos pola lei.
- Para fotografar fauna o axeitado é traballar con exemplares libres e salvaxes no seu medio natural, sen altera-lo seu normal comportamento e evitando situacións delicadas, como animais chocando nos ovos ou con crías acabadas de nacer.
- Os retratos de flora faranse tamén no campo, sen arrinca-las especies protexidas.
- Evite cortar ramas para camufla-los agochos ou hides que se empregan para a fotografía da fauna salvaxe. Utilice redes de camuflaxe artificiais.
- Devolva ó seu lugar de orixe, sen ningún dano e no prazo máis breve posible, os exemplares de fauna e flora que fosen collidos do campo para fotografalos no estudio. Nunca mova do seu contorno especies protexidas pola lei ou en perigo de extinción.
- Non altere a integridade dunha formación xeolóxica ou paleontolóxica.
- Pase desapercibido durante o traballo de campo, sen atrae-la atención do público ou dun depredador. Non descubra a localización de especies raras ou ameazadas, a non ser a investigadores acreditados que contribúan á súa protección.
- Manteña sempre limpo o lugar do traballo de campo.
- Informe as autoridades de calquera infracción que observe contra a natureza.
- Acate las normas de circulación, aunque en algunos casos conviene “adaptarlas”. Por ejemplo, en los semáforos, es aconsejable parar unos metros más allá de la línea, para tragar menos humo y disponer de unos metros de ventaja cuando arranquen los coches.
- Colabore con outros compañeiros para mellora-las condicións de traballo na natureza, divulgando este código ético entre todos aqueles que o descoñezan.
Practicamente calquera equipo servirá para esta especialidade fotográfica. As prestacións técnicas requiridas dependerán da calidade que se desexe obter nas reproduccións e do que se pretenda plasmar nelas.
- Cámara: valerán tanto as manuais coma as automáticas, aínda que as máis axeitadas son as réflex autofoco de 35 mm (versátiles, fáciles de manexar e con variedade de obxectivos e accesorios). É importante coñece-las súas calidades e limitacións.
- Obxectivos: as mellores ópticas resultan caras. Unha boa combinación: un obxectivo angular (24 mm), un teleobxectivo medio (70-200 mm) e outro longo (300-800 mm). Non debería faltar un obxectivo macro para fotografías de plantas e animais pequenos. A opción máis económica, sen embargo, constitúena os zooms: por un prezo razoable dispoñeremos de varios obxectivos nun.
- Trípode: debe ser compacto, estable e cunha altura mínima de 150 cm. Os trípodes máis adecuados son, pola súa lixeireza, os de fibra de carbono, pero esixen un desembolso considerable.
- Bolsa de fotógrafo: as mochilas son as que mellor se adaptan a este tipo de fotografía. Convén estudiar se a súa capacidade e distribución interior se adaptan ó equipo, se dispón de petos auxiliares (para guías, prismáticos…) e se é cómoda de levar.
- Hide: armazón metálico recuberto de tea ( 1 a 1,5 m2) e de altura suficiente para permanecer sentado, onde o fotógrafo se agocha para tirar instantáneas.