A ruta do románico e gótico, alternativa cultural para o verán
É por iso que nas seguintes liñas CONSUMER ofrece ós seus lectores unhas pinceladas sobre dous estilos que impresionan pola súa beleza e que se desenvolveron na Idade Media: o románico e o gótico.
O edificio románico busca a solidez
A arquitectura é a base da arte románica e a ela adáptanse a escultura e a pintura. O obxectivo deste tipo de construccións era construír edificios pouco custosos e moi duradeiros. Para iso, empregábanse materiais sólidos, como a pedra de cantería, que outorgaban ás construccións a aparencia de grandes moles. Isto traía como consecuencia a dificultade para abrir ocos e eleva-lo edificio. A escaseza de vans resultaba en interiores pouco iluminados que invitaban os fieis ó recollemento.
Unha das características clave para recoñecer unha edificación románica son os arcos de medio punto de ventás e portas, rematados por unhas arquivoltas (adornos da parte exterior do arco). Para salva-los grandes espacios, utilízase a bóveda de canón sobre arcos apoiados en contrafortes ou piares. As plantas de edificio máis comúns son a basilical de tres ou cinco naves, de influencia romana e forma rectangular, e a planta de cruz latina, que consta de dúas naves, a central ou cruceiro e a transversal, que se cruzan no transepto. A nave central termina formando unha ábsida (semicircular e na cabeceira), onde se instalan capelas semicirculares (absidiolas). O cruceiro tamén se realza cunha cúpula. Outros elementos do románico son: os piares cruciformes, os capiteis (remate de piares e columnas) decorados con elementos vexetais, xeométricos e figurativos; pórticos abucinados e decorados con relevos, lintel con parteluz (columna que soporta o peso do lintel no centro), tímpano decorado, o Pantocrátor (representación de Cristo como Xuíz Supremo) e o Tetramorfos (ós lados do Pantocrátor e simetricamente represéntanse os símbolos dos catro evanxelistas: Mateo, un anxo; Marcos, un león; Lucas, un touro e Xoán, unha aguia).
Monumentos románicos representativos
- Francia: mosteiro de Clun, Santa Madanela de Vézelay e Notre Dame de Poitiers.
- Italia: o románico deste país é moi orixinal como consecuencia da mestura de estilos clásico, bizantino e cluniacense. Santo Ambrosio de Milán (altísimo campanario), a catedral de Módena, complexo catedralicio de Pisa e o claustro de San Xoán de Letrán son edificios representativos.
- España: destaca o románico catalán, con edificios de pequeno tamaño e esveltas torres, coma o mosteiro de San Pedro de Roda (Xirona) e Santa María de Ripoll. Tamén son dignos de mención o románico puro do Camiño de Santiago; o da catedral de Jaca (Huesca), de influencia mozárabe; a colexiata de Santo Isidoro de León, San Martín de Frómista (Palencia) e a catedral de Santiago de Compostela (máis tarde engadiríanselle os estilos góticos e barroco). No século XII sobresaíron a escola castelá, representada pola igrexa de Santo Estevo en Segovia, as murallas de Ávila (modelo de fortificación románica) e San Domingo de Soria; a escola galega, coa catedral de Tui, Pontevedra, como máximo expoñente; a escola navarra, punto de entrada do románico na península, coa orixinal e circular Santa María de Eunate, e a escola catalana, cos reseñables claustros da catedral de Xirona.
A arte gótica, impulsada polos burgueses
O gótico tivo lugar desde o século XII ata a primeira metade do XVI e alcanzou o seu máximo esplendor no século XIII. O desenvolvemento da arte gótica coincide cunha expansión económica centrada no comercio. Durante o románico os centros neurálxicos e soporte do feudalismo eran os señoríos ou a abadía. Sen embargo, pronto as persoas cualificadas lograron abandona-lo señorío ou a abadía e establecerse libremente noutros lugares. Así, xurdiron de novo as cidades (burgos) e desenvolveuse a propiedade privada. Os habitantes destas cidades, os burgueses (artesáns, vendedores de productos agrarios, gremios…), impulsaron o estilo gótico.
O edificio tipo deste estilo é a catedral, erixida nas cidades como emblema do poder económico do burgués.
A verticalidade da arquitectura gótica
Se no románico dominaban as liñas horizontais, o gótico busca a verticalidade, tanto no interior (os piares estilízanse e son máis altos, e o teito confire sensación de lixeireza ó edificio), como no exterior (pináculos, torres e frechas que se dirixen cara ó ceo acentuando a impresión de ingravidez).
A obra gótica proxéctase cara a fóra e, por iso, cóbrese con vidreiras que permiten pasa-la luz.
Na arquitectura gótica relixiosa domina a catedral, que se constrúe coa participación de tódolos cidadáns e onde é patente a gran rivalidade entre as cidades para edifica-la máis elevada. Tamén adquire grande importancia a arquitectura civil: concellos, castelos… A catedral organízase nunha planta con 3 ou 5 naves, un cruceiro e cabeceira con deambulatorio ou nave que rodea a ábsida, simple ou dobre, na que se abren capelas poligonais (xa que non se podían facer vidreiras circulares).
Conta con 3 portas: unha ós pés (oeste) e outras dúas a cada extremo do cruceiro (norte e sur) e xeralmente ós pés elévanse dúas torres. As obras xa non son anónimas, xa que as realizaba un mestre maior. Como elementos característicos do gótico cabe citar piares (ó principio grosos e máis tarde cilíndricos), arcobotante (rematados cun pináculo) e contrafortes, gárgolas (figuras de monstros utilizadas para evacua-la choiva mediante unha canle interior e que evitan a humidade nos muros), arcos apuntados (oxivais) que se transforman en lancetados (forma de lanza), bóvedas de crucería (entrelazada con nervios finos), vidreiras suxeitas con ferro e chumbo (substitúen as pinturas murais románicas), rosetón (na portada dos pés e ás veces nas portas do cruceiro) e doseletes (teitos moi adornados colocados sobre unha escultura).
Monumentos góticos representativos
- Francia: abadía de Saint-Denis e catedral de Notre Dame en París, catedral de Chartres, catedral de Reims e catedral de Amiens.
- Inglaterra: catedral de Salisbury, claustro da catedral de Gloucester e cruceiro da catedral de Wells.
- Italia: catedral de Siena, Florencia, e Milán, e o Palacio Público de Siena.
- Alemaña: catedrais de Colonia e Ulm.
- Portugal: mosteiro de Batalha e Torre de Belém (Lisboa).
- España: cripta do pórtico da Gloria (Santiago), colexiata de Tudela, catedrais de Zamora, Cuenca, Burgos, Toledo, León, Barcelona e Palma de Mallorca.
O románico xurdiu en Europa Occidental nos primeiros anos do século XI e alongouse ata os finais do XII. Daquela a situación política de Europa comezaba a estabilizarse e os pobos bárbaros, con reinos xa asentados, organizaban a vida cultural e económica. O cristianismo expandiuse aínda máis, reflectíndose as súas influencias en peregrinacións, construccións e na loita contra os musulmáns.
As principais vías de peregrinación desa época, onde se veneraban reliquias ou tumbas, foron catro: Xerusalén e os Santos Lugares, orixe das cruzadas; Monte Sant Michel, en Normandía; Roma, de onde provén o nome de románico; e Santiago de Compostela, cunha catedral considerada por moitos coma o principal expoñente do estilo románico máis puro.
Ó longo destas rutas nace o comercio e todo tipo de arquitectura, tanto relixiosa (igrexas, catedrais, abadías ou mosteiros), como civil (hospedaxes, pontes ou castelos).
O románico é unha arte de ostentación que intentaba demostra-lo poder, pero buscando á vez sinxeleza e funcionalidade. Trátase dunha síntese dos estilos romano e bárbaro. É unha manifestación artística esencialmente relixiosa, ó servicio da Igrexa, froito da espiritualidade da época e do apoxeo monástico.