Máis có espello da alma
A súa extensión é de 1,6 a 2 m2, o seu espesor de 1,5 a 4 milímetros, e pesa arredor de 5 quilos. Trátase dun tecido cunha enorme vitalidade, que actúa como barreira entre o mundo exterior e o organismo, e que precisa uns coidados que ás veces non lle brindamos. Ó contrario, resulta máis habitual sometela a agresións que a deterioran e a enferman, avellentándoa prematuramente.
Tres estratos compoñen a pel:
- A epiderme: a capa máis superficial, formada por varios estratos celulares. Do máis inferior, o xerminativo, parte a rexeneración celular. É aí onde constantemente se crean células novas que ascenden e se transforman ata constituí-la capa córnea, o outro estrato celular, que cumpre unha función protectora vital. Este estrato córneo atópase recuberto por unha fina capa hidrolipídica cun pH lixeiramente ácido, onde a maioría dos xermes, bacterias, fungos e virus atopan condicións adversas para viviren e se propagaren. Este manto ácido deféndenos das infeccións e por iso resulta tan importante non alteralo.
- A derme: tecido conxuntivo que fortalece a pel, achégalle elasticidade e textura pola súa composición a base de fibras, auga e un xel composto de azucres e proteínas. Na derme sitúanse os vasos sanguíneos, os linfáticos, os nervios, as glándulas sudoríparas e os folículos pilosos.
- O tecido graxo subcutáneo: integrado por células adiposas e tecido conxuntivo. Máis da metade da graxa do organismo atópase aquí.
As súas funcións
A pel cumpre numerosas funcións. Constitúe, ante todo, unha barreira fronte ó mundo exterior, que nos defende de agresións ambientais térmicas e químicas, radiacións e microorganismos. Impermeabilízanos, amortece os golpes, regula a temperatura corporal, permite sentir numerosas sensacións e xoga un papel esencial na comunicación psicosocial, a afectividade e o pracer.
O aspecto da pel, especialmente a nivel facial, é fundamental para valorar nunha persoa a idade, o estado anímico e o carácter. Pero tamén na pel se manifestan doenzas internas.
Cómo avellenta a nosa pel
O paso dos anos é o peor inimigo da pel e aínda non se coñece nada para evitalo. A pel avellenta e este proceso carrexa cambios:
- Tende a se resecar porque retén menos auga e diminúe o seu manto lipídico. Frecuentemente esta desecación vén acompañada de comechón, o prurito senil, moi molesto e que por regra xeral comeza nas extremidades inferiores, para ascender por todo o corpo se non se remedia. Esta comechón exacérbase co frío, coa sequidade ambiental e cos cambios bruscos de temperatura. O 70% das persoas maiores de 75 anos padéceno.
- Vólvese máis fina, perde elasticidade e aparecen as engurras.
- A vascularizacion redúcese, polo que a pel se volve máis branca e pálida. Perde capacidade rexenerativa e as pequenas feridas, raspaduras, etc. tardan máis en curar. Ó perder capacidade rexeneradora, as células córneas acumúlanse a e pel vólvese máis áspera. Malia que aínda hoxe non hai nada para combate-lo paso do tempo, podemos atrasa-lo proceso de envellecemento da pel coidándoa axeitadamente e evitando as agresións externas.
- Utilice sempre xabóns que non alteren o pH ácido da pel e que non desengraxen. Non se enxaboe en exceso. De vez en cando, dúchese sen utilizar xabón, abúsase deles. Deixe corre-la auga pola pel e despois aplique aceite corporal en húmido. A temperatura da auga non debe supera-los 37-38 graos.
- Se na casa ou no traballo utiliza desengraxantes, disolventes, alcohois ou similares, protéxase con guantes axeitados ou productos específicos para a pel. Por moito que se lixase, non use nunca preparados abrasivos para se lavar.
- Unha boa hidratación resulta imprescindible, beba entre 1,5 e 2 litros diarios.
- Practique exercicio físico moderado: activa e mellora a circulación sanguínea e linfática da pel, e outórgalle un aspecto máis saudable, fresco e terso.
- A dieta é tamén importante. As vitaminas e minerais que conteñen as froitas, verduras e hortalizas contribúen a que a pel se manteña nova. A vitamina A repara o coláxeno e suaviza as engurras. A vitamina C parece que lle achega á pel máis elasticidade e flexibilidade e atenúa as engurras, e un derivado da vitamina A, o ácido retinoico, diminúe as pigmentacións anómalas.
- Se mantén unha actividade estresante, practique a relaxación. O estrés produce vasoconstricción dos capilares e diminúe o rego da pel.
- A actividade reparadora do sono é máxima para a pel pola noite. Os beneficios dun bo descanso reflíctense na pel.
- Use, de ser posible, roupa de algodón.
- Coidado coas exposicións ó sol. A radiación solar, amais de incrementa-lo risco de cancro cutáneo, acelera o envellecemento da pel.
O estado e aparencia deste órgano externo determinan a imaxe dun mesmo, e por iso se prodigan tantos coidados desde tempos remotos. Ata hai unhas décadas unicamente as mulleres se preocupaban pola súa pel. Os homes descoidaban a súa cute, por consideraren certas prácticas como signos de efeminamento. Pero a pel precisa os mesmos coidados en ámbolos sexos e estes deben ser exquisitos se queremos que, amais de ofrecer un aspecto san, cumpra coas funcións encomendadas.
Desgraciadamente, algúns dos coidados de antano resultaron ser auténticas agresións para a pel e, por máis que na actualidade se mellorou no coñecemento da súa fisioloxía, aínda se somete este tecido a certas torturas.
A vida cotiá, as tarefas caseiras, o traballo nas fábricas, os xabóns e as mesturas inadecuadas, a maquillaxe, o estrés, a tensión, a contaminación, etc. danan este delicado pero ó mesmo tempo resistente tecido. No verán ás agresións habituais engádese o exceso de radiación solar, a auga salgada e das piscinas, a utilización de cremas, a perda de auga por sudoración, etc. Por todo isto, resulta fundamental aumenta-los coidados da pel, coidala máis ca nunca. Debemos procurar mantela intacta e iso supón conserva-lo seu manto ácido, coida-lo seu estrato córneo, hidratala e non altera-la súa capa lipídica.
Calquera modificación destas características produce efectos daniños, provocando cambios no seu aspecto e no seu cometido defensivo.