Deporte de aventura: 93 empresas e 11 especialidades deportivas, a exame

Moito que mellorar en comodidade e abondo en seguridade

Mochila ó lombo, moitas xeracións de afeccionados ó deporte inmerso na natureza internáronse nas montañas e grupos excursionistas practicaron o sendeirismo ou trekking en tódalas épocas
1 Xullo de 2000
Img temap

Moito que mellorar en comodidade e abondo en seguridade

O esquí, o alpinismo, a hípica, a bicicleta e a vela foron posteriores á camiñada. Agora, a estas actividades, xa convertidas en tradicionais, sumáronse outras que teñen como fundamento goza-lo máximo nun breve espacio de tempo co aliciente do risco, da superación do medo que espertan estas actividades. Descenso de ríos ou canóns, parapente, ala delta, pontismo ou rafting, por só citar algúns, incorporáronse á lista de novos deportes e cada ano son máis os afeccionados que se achegan a eles, case sempre da man dunha empresa especializada que ofrece a súa experiencia e os seus monitores.

CONSUMER fixo unha sondaxe para ver en qué condicións se practican estas novas modalidades deportivas, ata qué punto se controlan os factores de risco, e a profesionalidade destas empresas, que operan nun sector que só ten trece anos de existencia. En concreto, estudiáronse 93 empresas que ofrecen en todo o país a posibilidade de practicar submarinismo, parapente, ala delta, caída libre, escalada, descenso de barrancos, piragüismo, rafting, hidrospeed (baixar ríos bravos cunha zorra acuática de plástico), flysurf (paracaidismo con táboa) e pontismo. Un día de ala delta pode custar ata 15.000 pesetas e unha xornada de rafting sae entre 3.500 e 8.000 pesetas. O verán é, como se sabe, a época do ano máis habitual para practicar estas modalidades deportivas.

A valoración media das 93 empresas, en función das medidas de seguridade que adoptan e da calidade das prestacións e servicios que ofrecen, é dun simple aprobado. E máis da metade delas recoñecen non lles ofreceren relación contractual ningunha ós seus clientes, requisito que algunhas comunidades autónomas están comezando a esixir. Se se comparan unha a unha e globalmente (seguridade e calidade do servicio) as 93 empresas de deporte na natureza analizadas, o 26% suspende e un amplo 30% queda nun mediocre aprobado. Como boas pódense cualificar un 30%, mentres que soamente un 12% das empresas acada o notable. Información sobre a Ficha Técnica do estudio e a metodoloxía empregada en: www.consumer-revista.com.

A práctica destes deportes de aventura parece vinculada á volta do ser humano cara ó mundo natural, pero hai outro elemento engadido: a necesidade de “queimar adrenalina” nunha sociedade que vive con moita tensión nas grandes urbes. Tamén inflúen as imaxes que difunden os medios de comunicación, tanto de xestas de deportistas de elite coma doutras iniciativas aventureiras, nas que superar obstáculos é a principal motivación.

A seguridade non está mal, pero debe mellorar

Das 93 empresas, un 36% obteñen un “ben” en seguridade. Suspenden o 16%, mentres que outro 19% queda cun aprobado e o 27% acada un notable. Onde máis pecan é no control meteorolóxico (un 6% recoñece non adoptar ningunha medida e un 38% realiza un control moi pobre) a pesar de que algúns accidentes -no descenso de canóns ou nos deportes aéreos, por exemplo- teñen a súa orixe en motivos meteorolóxicos. Tampouco se prodigan na esixencia de requisitos ós clientes para se aseguraren de que se atopan en boas condicións físicas e psicolóxicas: un 11% non pide requisito ningún e un 15% faino só de xeito moi básico.

Non se observa unha atención preferente ós elementos complementarios do equipo (un 21% a penas leva material extra, como botica de primeiros auxilios, aparello de comunicación, compás ou alimentos enerxéticos de urxencia). Segundo a valoración de CONSUMER, a media de tódalas empresas suspende nestes tres últimos aspectos. Agora ben, os clientes van sempre acompañados por un monitor que conta, xeralmente (no 11%, non), coa preparación ou titulación precisa. Doutra banda, tódalas empresas din contar cun seguro de responsabilidade civil e algunhas contrataron tamén un seguro de asistencia sanitaria, o que sempre é desexable. Xa noutro terreo, o habitual é que as empresas avalíen dalgún xeito -observándoo ou mediante unha conversa- se o cliente está preparado para participar tanto no aspecto físico coma no psicolóxico, pero o 21% delas non toma ningunha precaución neste sentido e a metade non realiza ningún adestramento previo á actividade deportiva.

Sen embargo, pódese cualificar de exemplar o respecto que se demostra ante o número máximo de clientes ou embarcacións (no caso dos deportes de auga) que lle corresponden a cada monitor. Pero tamén hai excepcións: na escalada deportiva, as empresas que a ofertan quedan só rozando o aprobado con respecto ós baremos que a Escola Española de Alta Montaña emprega nos cursos que imparte. Esta é unha das poucas prácticas deportivas de risco non reguladas pola lei, pero este baleiro está en proceso de emendarse: niso traballan o Ministerio de Educación e as federacións autonómicas de Montaña.

Se se comparan entre si as 11 especialidades, as disposicións en materia de seguridade que adoptan as empresas reciben unha cualificación de “mediocre” en ala delta, escalada, flysurf, canoa, pontismo, parapente e rafting. E as outras catro (descenso de barrancos, caída libre, hidrospeed e submarinismo) saen mellor paradas, ó mereceren un “ben”, o que non significa que non suspendan nalgúns apartados, como o control meteorolóxico ou os complementos que se levan á saída.

En xeral, os parámetros de seguridade menos coidados son os dous devanditos e os requisitos esixidos ós clientes. O submarinismo é o deporte máis esixente no tocante ós requisitos para quen desexa practicalo, seguido pola caída libre. De feito, son os únicos que aproban nesta cuestión porque os outros nove suspenden. Caída libre é o deporte no que máis polo miúdo se avalía se os participantes están preparados para a aventura, seguido do submarinismo.

Atención ó público, demasiado elemental

Estas empresas teñen aínda moito que mellorar se queren comprace-los clientes que entenden que o deporte de aventura non é incompatible cun pouco de comodidade: o 47% delas suspende o exame de CONSUMER e un 19% queda nun simple aprobado. Un dato que produce inquedanza é que o 62% dos responsables das 93 empresas recoñece non ofrecerlle ningunha relación contractual ós seus clientes, un requisito que varias comunidades autónomas están comezando a esixir. O máximo que chegan a asinar (é dicir, o compromiso que legalmente subscriben) é un documento no que o cliente admite ter conciencia e acepta-las condicións que impón a empresa, desde o pagamento por adiantado da actividade a asumir que a empresa non se responsabiliza en caso de accidente.

Doutra banda, soamente a metade destas empresas organiza actividades para minusválidos. Cambiando de tema, só o 8% deixa para outras empresas a realización de cursos de aprendizaxe para as actividades que poñen en práctica. O resto ofrece cursos. Un signo da crecente profesionalización destas compañías é que dúas de cada tres ábrenlle as súas portas ó público os doce meses do ano e case todas lles ofrecen ós seus clientes o alugueiro do equipo que precisan. Pero a infraestructura queda lonxe de ser satisfactoria: só o 62% destas empresas conta cunha base ou instalación acondicionada para a actividade deportiva. E máis da metade desas bases carece de aparcadoiro, mentres que o 13% non conta nin sequera con vestiarios nin duchas. O 44% non ten ningunha instalación adaptada ós diminuídos físicos e o 17% destas bases carece de calquera outro servicio adicional para o cliente, como cafetería ou teléfono público.

Neste aspecto da atención ó público, os peores deportes son a escalada, o descenso de barrancos e a canoa. Só un, o hidrospeed, acada un ben, e o resto queda en mediocre, aínda que o rafting roza o ben. En xeral, o peor é a case inexistencia de contratos (co que isto supón de falta de compromiso destas empresas cos seus clientes), as escasas actividades para diminuídos e a pobreza das infraestructuras e servicios nos lugares nos que se realizan os deportes e nas instalacións das empresas alí establecidas. A canoa ou piragüismo e o flysurf son os deportes que menos meses ó ano se poden realizar, fronte á caída libre, a ala delta ou o submarinismo, dispoñibles todo o ano. A actividade na que máis cursos se ofertan é o submarinismo e nas que menos caída libre e canoa. Na caída libre é onde máis posibilidades atopan os diminuídos físicos. O contrario acontece en ala delta e pontismo. Doutra banda, o hidrospeed e a ala delta contan cunha maior oferta de bases, fronte ós deportes relacionados coa montaña: escalada e descenso de barrancos, mal equipados. Na caída libre anotouse a maior oferta de aparcadoiros. Onde máis contratos se realizan é nas empresas que ofrecen ala delta e onde menos nas que organizan piragüismo ou canoa.

Prezos, enormes diferencias

Resulta difícil de comprender a espectacular variación de prezos existentes ata na mesma disciplina deportiva: un día de escalada pode custar, por persoa, desde 2.100 deica 8.000 pesetas, unha xornada de parapente, desde 5.000 deica 11.000 pesetas, e unha de ala delta desde 9.000 deica 15.000 pesetas, sempre segundo a empresa coa que se contraten os servicios.

O deporte máis oneroso é a ala delta, que sae a 11.500 pesetas. Son tamén caros o parapente (8.000 pesetas) e o rafting, o descenso de barrancos, o hidrospeed e o submarinismo, todos eles arredor das 5.000 pesetas por día e persoa. Cómpre salientar que o tempo que require a realización de cada disciplina deportiva é moi dispar. O pontismo é o máis barato: 3.000 pesetas de media por día. A lectura práctica destes datos é que, á hora de planificar unha destas prácticas deportivas, cómpre informarse para compara-los prezos de varias empresas, pois as diferencias son importantes. Ora ben, o prezo non é o único aspecto que hai que valorar, xa que hai outros elementos esenciais, coma a calidade da proposta deportiva, a cualificación dos monitores e o trato que dispensan, os seguros cos que contan as empresas, os cursos que ofrecen, as instalacións e servicios que acollerán ós deportistas… De certo que algunhas empresas ofrecerán prestacións satisfactorias a prezos competitivos. O labor do afeccionado a estes deportes é dar con elas. Moitos usuarios desprazaranse desde os seus lugares de orixe ata os sitios naturais nos que se realizan estes deportes de aventura, o que representa un gasto extra: locomoción, aloxamento, comida…

Unha fin de semana, con apartamento e un par de días de deporte (rafting e descenso de canóns é unha combinación moi frecuente) pode custar arredor dunhas 12.000 pesetas, con monitor e alugueiro dos equipos precisos, pero sen incluír viaxes, comidas, nin outros gastos.

Asistencia sanitaria ó accidentado: axudar, pero coa cabeza

Poucos participantes en actividades deportivas no seo da natureza dubidarían á hora de teren que ofrecer asistencia médica ou axudar durante a evacuación dun enfermo ou lesionado, tanto se se trata dun membro do seu grupo ou doutro. Non hai dúbidas sobre a obriga ética de asistencia. Así e todo, quen decide prestar axuda médica nestas circunstancias adquire responsabilidades legais ben definidas. Hai unha situación legal distinta segundo os países e, por iso, cómpre que quen se vexa involucrado nun accidente se informe sobre cómo debe actuar na zona onde se atopa. Case ningún país impón a obriga de axudar a unha persoa en apuros. Un montañeiro pode negarse perfectamente a axudar a outro que pasa un mal momento, aínda que corra un risco mortal. As obrigas de auxilio na natureza son de tipo ético ou de costumes tradicionais, non legais.

Cousa ben distinta acontece, por exemplo, nos accidentes de tráfico. Pero si existe obriga legal de prestar coidados médicos e outro tipo de asistencia se a persoa que pode axudar foi causa, por neglixencia, do accidente. No caso de que se decida prestar asistencia médica -aínda que non veña esixida pola lei-, convén comportarse como o faría unha persoa normal e prudente en condicións semellantes. Porque quen ofrece asistencia a un accidentado pode verse prexudicado por unha acusación legal por danos ó lesionado, se os danos se puidesen evitar cuns coidados correctos. Ademais, certas lesións ou enfermidades requiren unha atención polo miúdo, unha cualificación persoal e uns tratamentos máis complexos dos que se poden ofrecer no medio da natureza e sen ferramenta médica. Os afeccionados ó deporte de aventura deben coñece-las técnicas de primeiros auxilios. Os coidados requiridos legalmente, de tódolos xeitos, son os razoables nas circunstancias nas que acontecen os problemas. A lei ten en consideración a situación da víctima, os riscos que pode corre-la persoa que acode na súa axuda, o equipo dispoñible e a condición física do grupo. Agora ben, aínda que ocasionalmente orixine algunha causa xudicial, é moi pouco frecuente que unha axuda voluntaria a un accidentado implique problemas legais. Case ninguén denuncia a quen, no medio da natureza, lles ofrece asistencia voluntaria a enfermos ou accidentados. Por moito que, movido por un pulo solidario, quen presta axuda se equivoque.

Ambiente

Cómpre atopa-lo equilibrio entre o goce das posibilidades que ofrece a natureza e a súa conservación.

Suxestións: Non deixar residuos na montaña e leva-los refugallos. Non molesta-la fauna, non facer máis ruído do preciso e respecta-la vexetación alí por onde pasemos. Moita precaución co risco de incendio (cigarros, fornelos…). Non abusar do coche na montaña e respecta -las zonas protexidas. Da natureza só hai que marchar coas fotografías e as emocións.

Ante o medo: Achegarse á situación de medo nun estado de relaxación corporal. Reduci-las reaccións negativas mediante a superación progresiva de situacións semellantes que, en principio, non susciten tanto temor. Enfrontarse progresivamente a estímulos cada vez maiores de medo, mantendo esa situación ata que se reduce. Mitiga-lo medo coa reflexión e procesos de valoración, decisión e clasificación do risco. A presencia dunha persoa relaxada xera un efecto tranquilizante. Para reduci-la reacción de angustia imaxinemos un obxecto ou situación incompatible co medo: as sensacións corporais agradables inhiben o medo. Soamente educando e tratando o medo, nos resultará cada vez máis familiar, máis valorable e regulable en menos tempo, mediante a repetición de reaccións físicas e mentais semellantes.

Ante accidentes ou lesións: O perfecto sería que, en cada grupo, algunha persoa fose médico, pero, no seu defecto, cómpre que alguén teña coñecementos sobre: lesións dos tecidos brandos, incluíndo a prevención e o tratamento da conmoción hemorráxica. Previr e trata-la conmoción anafiláctica, sobre todo nas picadas de insectos. Recoñecer e trata-las fracturas. Diagnosticar e trata-las lesións na cabeza (incluíndo coidados e evacuación dos feridos inconscientes) e as torácicas e abdominais. Recoñece-la necesidade de reanimación cardiopulmonar e saber cómo se debe executar, e outro tanto coas lesións debidas á calor ou ó frío e ó mal de altura. Na botica de primeiros auxilios: elimina-los productos que precisen unha temperatura crítica para a súa conservación. Decidir racionalmente o volume e o peso da botica. O recipiente será de material resistente e estanco. Incluír soamente material de auxilio que poida empregar calquera persoa. Os máis importantes: dúas vendas e varias gasas estériles, un rolo de esparadrapo, sutura autoadhesiva (puntos de pegar), pomada para masaxe (as empregadas para a reuma son axeitadas), pomada antihistamínica (para o tratamento de picadas de insectos), pastillas de glucosa, líquido antiséptico de uso tópico (Betadine, Meteolane, Cristalina), tesoiras ou cutter, chisqueiro e pinzas de depilar.

Para evitarmos accidentes: Cómpre preparármonos física e psicoloxicamente. Levar a cabo unha alimentación e unha hixiene correctas. Ser prudentes e evitar excesos de confianza en nós mesmos. Risco, só o previsto e calculado: nada de improvisar. Levar un equipamento axeitado e facer un bo uso del. Evita-los días con meteoroloxía adversa e, no posible, os terreos difíciles.

Cando o ferido, pola gravidade das lesións, non pode ser socorrido no momento: Hai que axudalo a deitarse no chan (sobre mochilas ou anoraks para que non colla frío) intentando que se mova o menos posible. Que adopte unha postura axeitada (deitado de lado se está inconsciente) e, despois, cubrilo. Se sangra moito, comprimi-la ferida coa peza de roupa dispoñible máis limpa, amarrándoa ben pero sen torniquete (ten máis inconvenientes ca vantaxes). Non deixar só o ferido. Quen vaia á procura de axuda, memorizará o lugar no que se atopa o ferido para referirllo ó grupo de rescate. Sinala-la zona cunha peza de roupa de cores vivas ou outro sinal visible desde o aire. Do xeito máis rápido (¡pero non tan rápido que provoquemos outro accidente!) buscar un teléfono para chamar ó 112. Explicar con claridade o lugar onde se produciu o accidente, as súas circunstancias, o estado do ferido e a gravidade da lesión.

Sen leis específicas

Aragón está rematando un decreto que regulará a actividade das empresas de aventura e turismo activo nesa comunidade autónoma. O decreto exclúe as actividades organizadas por asociacións e federacións deportivas, e obrigará as empresas a se inscribiren nun rexistro e a lles ofreceren ós usuarios unha información completa e fidedigna. Deberán, ademais, subscribir un seguro de responsabilidade civil de 100 millóns de pesetas e empregar soamente titulados oficiais. Cando o decreto se aprobe, empresa e cliente terán que asinar un contrato.

Esta medida cambiará a situación actual do deporte de aventura: moi a miúdo, o primeiro contacto entre as partes (usuario e empresa) establécese uns minutos antes de inicia-la actividade e o único documento que existe é a factura. O borrador, que fixera posible o acordo entre o Goberno e a Asociación de Empresas de Turismo Deportivo de Aragón, formada por 22 compañías, sufriu unha freada ó se engadiren novas normas sobre seguridade e ambiente. Este decreto está inspirado no que se aplica desde 1991, aínda que de xeito só parcial, en Cataluña.

Tamén Galicia e Cantabria contan con normas semellantes. En Galicia, a súa aplicación supuxo a case desaparición das empresas dedicadas ó turismo de aventura e en Cantabria o decreto soamente esixe que as empresas se inscriban nun rexistro. Atoparás moita máis información (coa descrición destas 11 disciplinas deportivas e recomendacións específicas para cada unha delas) en: www.consumer-revista.com.