O máis caro é o que menos hidrata a pel
A función principal dun xel é eliminar da pel a sucidade formada polo po e as células mortas, e mais reduci-lo exceso de aceite e suor. Ademais, debe ter unha viscosidade óptima, formar abondosa escuma de doado aclarado, non irritar nin reseca-la pel e ter un pH próximo a 5,5, o natural da pel humana.
A mellor relación calidade-prezo destes oito xeles é Palmolive (o segundo máis barato), porque logrou a mellor valoración global xunto a S3 (o máis barato) e os mellores resultados nalgunhas probas analíticas. Outra opción interesante é Hidrogenesse. Amais das probas de análise de laboratorio, as oito mostras sometéronse a unha proba de uso por parte de 54 adultos de ámbolos sexos e de idades diversas. Valorouse o aspecto, cor e arrecendo do xel, a escuma que forman, o cheiro e a suavidade da pel tralo lavado, a facilidade de aclarado, así como a sensación de hidratación percibida.
Dove obtivo a mellor valoración global neste ensaio práctico (7,5 puntos nunha escala do 1 ó 9), seguido por Lactovit (7 puntos). S3 foi o peor valorado, cun 5,5 puntos, seguido de Natural Honey con 5,7 puntos. Dove obtivo as mellores cualificacións en aspecto e cheiro, facilidade de aclarado e sensación de hidratación, mentres que S3 foi o que menor sensación de hidratación lles proporcionou ós consumidores. Lactovit (7 puntos) e NB (6,8 puntos), pola súa banda, foron ben valorados por este panel de usuarios.
Sen embargo, os datos de hidratación percibida polos usuarios na proba práctica non coinciden coas análises de laboratorio nas que se mediu a hidratación real: nesta proba S3 revelouse como a mostra máis hidratante, mentres que Dove foi a peor neste aspecto. Para esta medición analítica realizouse un test con seis usuarios nos que se comprobou a hidratación de ámbolos brazos cun corneómetro (instrumento que mide o grao de hidratación nas capas superficiais da pel) antes e despois da aplicación do producto. En calquera caso, a hidratación real só foi significativa cando se deixou actua-lo producto durante unha hora sobre a pel, xa que nos quince primeiros minutos ningún xel demostrou unha capacidade de hidratación por riba do considerado limiar de efectividade (tres puntos). Incluso ó cabo dunha hora, Dove e Johnson’s non alcanzaron ese límite. En resumo: nun uso convencional (unha ducha de poucos minutos) estes productos case non hidratan. Estes datos aparentemente contradictorios entre a sensación subxectiva do panel de usuarios e as probas máis científicas do test de laboratorio (tamén realizado en persoas) xustifícanse porque na percepción de hidratación inflúen as substancias suavizantes e lubricantes, que nada teñen que ver coa hidratación real, aínda que os seus efectos poidan equivocarse facilmente.
O compoñente fundamental destes xeles é o deterxente, composto por tensioactivos aniónicos e con efecto desengraxante. Estes axentes poden reseca-la pel, e para contrarrestalos utilízanse ingredientes con acción suavizante que reducen este efecto e achegan unha falsa sensación de hidratación (polímeros catiónicos, siliconas e algúns tensioactivos). A adición doutros ingredientes, como opacificantes e axentes nacarantes, espesantes, reguladores de viscosidade, estabilizantes de escuma, vitaminas, conservantes e outros aditivos mellora o aspecto do xel, a súa viscosidade, o pH ou a estabilidade.
Canta máis materia orgánica ofreza un xel, maior será a cantidade de substancias activas. Johnson’s foi o mellor valorado neste aspecto (22% de materia orgánica) mentres que S3 (13%) foi o de menos materia orgánica. Johnson’s demostrou o maior contido de axentes deterxentes suaves e estabilizadores da escuma.
Os tensioactivos aniónicos (axentes deterxentes propiamente ditos) son máis abondosos en Heno de Pravia (13%). As substancias minerais (os cloruros) que axustan a viscosidade da fórmula están máis presentes en Hidrogenesse (2,4%), mentres que en Lactovit, Johnson’s e Dove o seu contido non supera o 0,8%.
O pH ideal dun xel debe achegarse ó natural da pel sa (5,5) para non alteralo. Deste xeito prevese a aparición de problemas cutáneos e resgárdase a barreira de protección da pel. Heno de Pravia, Lactovit e Natural Honey sitúanse por riba deste nivel óptimo.
A viscosidade, pola súa banda, non debe ser excesiva (frearía a saída do xel) nin escasa ou demasiado líquida (dificultaría a dosificación do producto). Consideráronse axeitadas as viscosidades comprendidas entre 5.000 e 10.000 centipoises (cps). Tres productos consideráronse non correctos por se atoparen fóra deste rango: Hidrogenesse e Heno de Pravia (por defecto) e Dove (por exceso). Un criterio de calidade doadamente observable é a abundancia de escuma e a facilidade de aclarado. Para medi-lo volume de escuma vertéronse 15 gramos de xel nun litro de auga a 50 ºC. Johnson’s foi o que máis escuma formou (486 ml.). No outro extremo, S3 só xerou 421 ml. Para comproba-la estabilidade da escuma mediuse cánto decrecera o volume cinco minutos despois da súa formación. S3 presentou a escuma máis estable e Hidrogenesse a máis volátil.
A sequidade da pel pódese deber a factores alleos ó individuo (calefacción, contaminación, tabaco, aire acondicionado, ambiente seco, exposicións longas ó sol…) ou propios: avellentamento, fatiga, medicación, dieta pouco axeitada e enfermidades.
As distintas capas da pel rexenéranse de xeito natural. Nas franxas máis profundas fórmanse as células que son empuxadas cara á superficie nun proceso que dura catro semanas. Dúas semanas despois, a capa externa múdase e despréndese en forma de escamas ou caspa. Esta capacidade de rexeneración diminúe coa idade, polo que as capas máis profundas (formadas por células vellas e sen auga) engordan e tórnanse duras, facilitando así a aparición de engurras. Aínda que este proceso é inevitable, pódese mitigar ou paliar mantendo a pel o máis hidratada posible. Por iso, convén que o xel de baño non só achegue sensación de hidratación (que se pode crear co uso de suavizantes), senón que realmente hidrate as células máis internas.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse oito mostras de xel de baño, con prezos que van desde menos de 3 euros por litro (seis productos) ós 3,8 euros por litro de Heno de Pravia, e os 7,75 euros por litro de Dove. O xel debe eliminar da pel a sucidade formada polo po e as células mortas, e reduci-lo exceso de graxa e suor. Debe ter unha viscosidade óptima, un pH próximo a 5,5 -o da pel humana-, formar abondosa escuma de fácil aclarado e non irritar nin reseca-la pel.
- As mostras sometéronse a unha proba de uso en 54 adultos, que valoraron o aspecto, cor e cheiro do xel, a escuma que forma, o cheiro e a suavidade da pel tralo uso, a facilidade de aclarado e a sensación de hidratación. Dove foi o mellor (7,5 puntos), seguido por Lactovit (7 puntos). S3 foi o peor valorado (5,5 puntos), seguido de Natural Honey (5,7 puntos).
- A hidratación percibida polos usuarios na proba práctica non coincide cos test de laboratorio que mediron a hidratación real: S3 é o máis hidratante, mentres que Dove foi o peor. Nunha ducha de poucos minutos, estes xeles case non hidratan a pel.
- A mellor relación calidade-prezo desta análise é NB Palmolive, que sae a 2,69 euros o litro).
MARCA | PALMOLIVE | HIDROGENESSE | S3 | HENO DE PRAVIA | ||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros / litro) | 2,69 | 2,75 | 2,65 | 3,8 | ||||
Formato (ml) | 750 | 750 | 750 | 750 | ||||
Aspecto visual embalaje y producto | ||||||||
Aspecto visual | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | ||||
Aspecto do líquido | Opaco | Opaco | Opaco | Opaco | ||||
Cor | Blanco | Blanco | Marfil | Verde | ||||
Cheiro | Pefumado | Pefumado | Pefumado | Pefumado | ||||
Caracteristicas físicas y químicas | ||||||||
PH | 5,8 | 5,3 | 5,7 | 6,4 | ||||
Viscosidad 1 | Correcto | Insuficiente | Correcto | Insuficiente | ||||
Extracto seco (%) 2 | 15,1 | 19,8 | 15,4 | 19,6 | ||||
Materia orgánica (%) 3 | 14,2 | 17,4 | 13,2 | 18,4 | ||||
Anfóteros + no iónicos (%) 4 | 5,8 | 6,3 | 3,6 | 5,5 | ||||
Tensioactivos aniónicos (%) 5 | 8,4 | 11,1 | 9,6 | 12,9 | ||||
Cloruros (%) 6 | 0,9 | 2,4 | 2,2 | 1,2 | ||||
Poder escumante | ||||||||
Volume de escuma 30 s (ml) | 462 | 477 | 421 | 443 | ||||
Estabilidade da escuma | Menos estable que los demás | Más estable que los demás | ||||||
Test de hidratación 7 | ||||||||
Tras 15 min | Negativo | Negativo | Negativo | Negativo | ||||
Tras 60 min | Positivo | Positivo | Positivo | Positivo | ||||
Valoración global | Muy bueno | Muy bueno | Muy bueno | Muy bueno | ||||
Proba de uso | 6,8 | 6,4 | 5,5 | 5,8 |
MARCA | LACTOVIT | NATURAL HONEY | JOHNSON`S | DOVE |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros / litro) | 2,87 | 2,76 | 2,87 | 7,75 |
Formato (ml) | 750 | 750 | 750 | 750 |
Aspecto visual embalaje y producto | ||||
Aspecto visual | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Aspecto do líquido | Opaco | Opaco | Opaco | Opaco |
Cor | Blanco | Blanco | Marfil | Blanco |
Cheiro | Pefumado | Pefumado | Pefumado | Pefumado |
Caracteristicas físicas y químicas | ||||
PH | 7,0 | 7,0 | 5,6 | 5,0 |
Viscosidad 1 | Correcto | Correcto | Correcto | Excesivo |
Extracto seco (%) 2 | 17,2 | 16,1 | 22,8 | 19,4 |
Materia orgánica (%) 3 | 16,4 | 15,2 | 22,0 | 18,6 |
Anfóteros + no iónicos (%) 4 | 8,4 | 5,6 | 10,1 | 9,7 |
Tensioactivos aniónicos (%) 5 | 8,0 | 9,6 | 11,9 | 8,9 |
Cloruros (%) 6 | 0,8 | 0,9 | 0,8 | 0,8 |
Poder escumante | ||||
Volume de escuma 30 s (ml) | 452 | 457 | 486 | 433 |
Estabilidade da escuma | ||||
Test de hidratación 7 | ||||
Tras 15 min | Negativo | Negativo | Negativo | Negativo |
Tras 60 min | Positivo | Positivo | Negativo | Negativo |
Valoración global | Bueno | Bueno | Aceptable | Aceptable |
Proba de uso | 7,0 | 5,7 | 6,6 | 7,5 |
(1) Viscosidade: valores entre 5000 – 10000 valoráronse correctos, menos de 5000 insuficientes, e más que 10000 excesivos
(2) Extracto seco: cantidade de materias orgánicas e minerais resultantes logo de elimina-la auga.
(3) Materia orgánica: substancias activas do producto
(4) Tensioactivos anfóteros e non iónicos: axentes lavantes, emulsificantes e estabilizadores da escuma.
(5) Tensioactivos aniónicos: axentes lavantes e escumantes
(6) Cloruros: axentes espesantes para axusta-la viscosidade
(7) Test hidratación: valores £3 considéranse negativos (non ofrecen unha hidratación significativa) e os >3 proporcionan unha hidratación engadida significativa.
Un por un
UN POR UN
NB PALMOLIVE
- 2,69 euros/litro
- O segundo máis barato e a mellor relación calidade-prezo. Cor branca. O de menor extracto seco (15,1%). Viscosidade e pH correctos. Só aumenta o grao de hidratación logo dunha hora de aplicación.
- Valoración global: Moi bo. Na proba de uso: 6,8 puntos. Cheiro agradable, aínda que pouco intenso trala ducha.
HIDROGENESSE
- 2,75 euros/litro, barato.
- Unha boa opción. Cor branca. A súa cantidade en cloruros (axentes espesantes para axusta-la viscosidade) foi a máis alta (2,4%). pH correcto, pero é demasiado líquido. O segundo con máis escuma, pero pouco estable. Só aumenta o grao de hidratación logo dunha hora de aplicación.
- Valoración global: Moi bo. Na proba de uso: 6,4 puntos. O seu cheiro non gustou e presentou residuos trala aplicación.
S3 LEGRAIN
- 2,65 euros/litro
- O máis barato. Cor marfil. O de menos materia orgánica e tensioactivos anfóteros e non iónicos. pH e viscosidade correctos. O poder escumante máis baixo, pero a súa escuma é a máis estable. O que maior hidratación lle engadiu á superficie da pel tras unha hora de aplicación.
- Valoración global: Moi bo. O peor na proba de uso: 5,5 puntos. Pouca sensación de hidratación e cheiro criticado.
HENO DE PRAVIA
- 3,8 euros/litro
- Cor verde. O que máis limpa, polo seu maior contido en tensioactivos aniónicos. O pH (6,4), superior ó natural da pel (5,5). viscosidade baixa (é demasiado líquido). Só aumenta o grao de hidratación logo dunha hora de aplicación.
- Valoración global: Moi bo. Na proba de uso: 5,8 puntos. Grande intensidade do cheiro. Baixas puntuacións en cheiro, suavidade da pel tralo lavado e facilidade de aclarado.
LACTOVIT
- 2,87 euros/litro
- Cor branca. O que menos limpa, por se-lo de menos axentes aniónicos. O máis baixo contido en cloruros (axentes espesantes para axusta-la viscosidade). Xunto a outro, o de pH máis elevado, 7 (o da pel é 5,5). Viscosidade correcta. Tras unha hora de aplicación, foi o segundo que máis hidratou.
- Valoración global: Bo. Segundo mellor na proba de uso, con 7 puntos. O mellor valorado en cheiro e suavidade tralo lavado.
NATURAL HONEY
- 2,76 euros/litro, barato.
- Cor branca. Xunto a outro xel, o de pH máis elevado, 7, cando o desexable é que sexa arredor de 5,5. Viscosidade correcta. Só aumenta o grao de hidratación logo dunha hora de aplicación.
Valoración global: Bo. O segundo peor na proba de uso: 5,7 puntos. O peor en aspecto, cor e cheiro, tanto do producto coma da pel despois do lavado.
JOHNSON'S
- 2,87 euros/litro
- Cor marfil. O de maior extracto seco, contido en materia orgánica e tensioactivos anfóteros e non iónicos. Baixo contido en cloruros (axentes espesantes para axusta-la viscosidade).
- Viscosidade e pH correctos. Escuma abondosa e estable. Tras unha hora de aplicación non hidratou de xeito significativo.
- Valoración global: Aceptable. Na proba de uso: 6,6 puntos. Destacou pola súa cor e o seu cheiro agradables.
DOVE
- 7,75 euros/litro, o máis caro con moita diferencia.
- Cor branca. Baixo contido en cloruros (axentes espesantes para axusta-la viscosidade). pH correcto, pero viscosidade excesiva. Tras unha hora de aplicación non hidratou de xeito significativo.
- Valoración global: Aceptable. O mellor na proba de uso: 7,5 puntos. As mellores cualificacións en aspecto, cheiro do producto, facilidade de aclarado e sensación de hidratación.