Entre a necesidade e a fraude
Todos, en maior ou menor medida, por acción ou por omisión, mentimos. Facémolo na medida en que non dicímo-lo que pensamos ou que dicímo-lo que non pensamos ou non sabemos, ou mesmo o que sabemos incerto. A perda da espontaneidade é un proceso evolutivo e desde nenos imos consumindo etapas, conforme se asenta en nós a convicción de que a sinceridade non sempre é posible nin conveniente porque pode causarlle prexuízos ó receptor da comunicación, ou ó propio emisor.
Hai mentiras socialmente máis positivas ca certas verdades incontestables: son moitas as situacións en que unha mentira sabiamente transmitida xera un efecto beneficioso, ou cando menos paliativo, como para que establezamos categorías morais radicais sobre esta aparente dicotomía ética: verdade-mentira. Se a isto unimos que todos, antes ou despois, mentimos ou ocultamos verdades relevantes, quizais conviría desdramatiza-lo feito da mentira para poder así tratalo con máis sensatez e sentido da medida.
A intención conta, e moito
Segundo o diccionario, mentir é “dicir algo que non é verdade coa intención de enganar”. E se buscamos unha definición máis académica atopámonos con “expresión ou manifestación contraria ó que se sabe, cre ou pensa”. Así que quen engana ou confunde sen ser consciente de facelo, non mente: simplemente transmítelles ós demais a súa propia equivocación.
A relación que cada persoa mantén coa mentira -amais de dicir moito dela-, é ben distinta á dos demais. Hai quen só recorre á mentira cando é compasiva, ou cando lle proporciona resultados positivos sen xerar engano importante ou se se trata dun asunto banal. E tamén os hai que menten a miúdo, case por costume e só en temas pouco relevantes. Pero non podemos esquecer a quen mente esporadicamente pero a conciencia, xerándolles dano ós demais ou perseguindo beneficios persoais. E tamén os hai que menten, ou calan verdades necesarias, por timidez, por vergonza ou por falta de carácter. Para rematar, citémo-los mentireiros patolóxicos, que menten cunha facilidade abraiante, ben sexa por conveniencia, ben por unha absoluta e cínica falta de respecto á verdade.
¿Por que mentimos?
Algunhas persoas non menten nunca (ou case nunca) por razóns ben distintas da ética: por medo a seren descubertos, por preguiza (non hai que lembra-los detalles da mentira no futuro), por orgullo (“¿como vou caer eu tan baixo?”)… Pero, se o pensamos ben, razóns ben semellantes son as que nos poden impulsar a mentir ou a omitir, en determinadas circunstancias, o que pensamos ou sabemos. Porque hai verdades coma puños moi inoportunas, ou que ofenden ou amolan.
Tan importante coma o feito de mentir ou dici-la verdade é a intención coa que se fai unha cousa ou outra. E velaquí o verdadeiro dilema moral. Unha mentira que non dana a ninguén, ou que mesmo lle reporta beneficio ó seu destinatario pode ser máis defendible ca unha verdade que causa dor innecesariamente.
Mentimos por moitas razóns: por conveniencia, odio, compaixón, envexa, egoísmo, ou por necesidade, ou como defensa ante unha agresión… pero deixando á marxe a súa orixe ou motivación, non tódalas mentiras son iguais. As menos convenientes para a nosa psique son as mentiras nas que incorremos para non responsabilizármonos das consecuencias dos nosos actos. E as menos admisibles son as que fan dano, as que equivocan e as que poden conducir a que o receptor adopte decisións que o prexudican. Concluamos, polo tanto, que os dous parámetros esenciais para medi-la gravidade da mentira son a intención que a impulsa e o efecto que causa.
Ocultar e falsear
Quen oculta a verdade retén parte dunha información que para o interlocutor pode ser interesante pero, en sentido estricto, non falta á verdade. Sen embargo, quen falsea a realidade dá un paso máis, ó emitir unha información falsa coa etiqueta de real. Resulta máis doado mentir por omisión (non cómpre urdir historias incertas, e hai menos posibilidades de ser descuberto) e socialmente este tipo de engano tense por menos censurable, aínda que pode resultar tan ou máis daniño e inmoral cá mentira activa. Recórrese tamén ó falseamento cando se ocultan emocións ou sentimentos que lle achegan información relevante ó interlocutor, na medida en que poden inducilo a un erro de interpretación ou a iniciar accións inadecuadas.
Tamén podemos mentirnos a nós mesmos, por evitar asumir algunha responsabilidade, ou por temor a encarar unha situación problemática, ou pola dificultade que nos supón recoñecer un sentimento ou emoción. Invariablemente, antes ou despois, este autoengano lévanos a mentirlles ós demais. Outros xeitos de mentir son as “verdades a medias” (o mentireiro nega parte da verdade ou só informa de parte dela) e as “verdades tortas”, nas que se di a verdade pero dun xeito tan esaxerado ou irónico que o interlocutor, case ridiculizado, a toma por non certa.
A mentira ten as súas clases
A mentira racional persegue un interese concreto, é malévola e emítese coa intención de prexudicar ou enganar. Na mentira emocional, o que se di ou fai non concorda coa situación emocional da persoa. E na mentira conductual facemos crer que sómo-lo que non somos: máis novos, mellor informados, menos anticuados…. Pero hai tamén outras clases de mentiras: díxome-díxomes, rumores e as mentiras piadosas. O mentireiro non ten idade e a mentira pódese dar en todo o ciclo de vida. Vexámo-lo que sinala De Vries: “O neno é mentireiro na medida en que as súas fantasías se fan presentes para confundilas con realidades. O adolescente éo cando o seu encontro co mundo real lle causa frustracións. O mozo mente porque non se ve capaz de afronta-las verdades que o contrarian. O adulto é mentireiro cando non superou os obstáculos que lle puxo a vida, e engana para sentirse o triunfador que nunca foi. E o ancián mente cando non se perdoa os erros que cometeu ó longo da súa existencia”.
A nosa relación coa mentira (con qué frecuencia mentimos e qué gravidade teñen esas mentiras) podémola ver como un baremo que mide o noso grao de responsabilidade e madurez, cómo afrontámo-las frustracións, e se amosamos unha coherencia nas actitudes e comportamentos na nosa vida.
Mentira e confianza
O alicerce sobre o que se edifican as relacións humanas é a confianza. A relación entre os seres humanos non precisaría da confianza se fosemos transparentes, pero non o somos: o descubrimento absoluto da nosa intimidade, ó conter propósitos e intencións que poderían dificulta-lo diálogo, frearía a relación social. Recorremos, todos, a un protocolo de comunicación, e o finximento, o disimulo e a mentira son -aínda que custe recoñecelo- compoñentes esenciais dese convenio. Non somos igual de sinceros ante uns ca ante outros, isto é obvio. Todos amosamos un certo grao de opacidade ante os demais. E non sempre máis sinceridade xera unha maior confianza.
A información é poder: sabelo todo sobre alguén equivale a un xeito de posesión. E en certo sentido, a fondura da amizade ou do amor mídense polo grao de coñecemento recíproco da intimidade, e pola confianza existente entre os interlocutores. A confianza é unha actitude básica, porque preside a totalidade das interaccións. Precisámola, pero usámola nas doses que, segundo o noso criterio, cada caso precisa. No momento que xorde a comunicación con outra persoa temos que depositar nela certo grao de confianza, que é o termómetro da implicación e vinculación que mantemos con esa persoa. Apostar pola confianza do outro é consideralo de fiar. Fiarse de alguén significa crer que as probabilidades de ser enganado son moi escasas ou inexistentes. Se queremos ser cribles, gozar da confianza allea, cómpre esquecérmo-lo engano, a mentira. O creto que temos ante os demais é un tesouro fráxil e non perenne, xa que se actualiza e revisa en cada acción, en cada diálogo, que se acaban convertendo nunha constante proba de confianza. É responsabilidade de cada un de nós relacionármonos desde a verdade, o que non implica o ofrecemento de toda a intimidade. Cada cal e en cada momento ten que valorar qué e cánto da súa intimidade quere participarlle ó outro.
A mentira pode facerlle dano ó destinatario pero en última instancia a quen máis prexudica é o mentireiro, xa que o converte nunha persoa pouco fiable, indigna de confianza e carente de creto.
- Hai moitas clases de mentira: algunhas poden ser convenientes, pero o máis correcto é recorrer ó engano o menos posible.
- Sen intención de enganar, non hai mentira.
- A intención que a motiva e os efectos que causa definen a gravidade dunha mentira.
- A mentira é tan daniña para quen a recibe coma para quen recorre a ela.
- Unha lévanos a outra, e pode marcar (sempre negativamente) o noso xeito de relacionármonos cos demais.
- O mentireiro é un inseguro, ou egoísta, ou irresponsable, ou inmaturo. Ou todo iso á vez.
- Unha das máis perniciosas clases de mentira é o autoengano. Se nos cremos e mostramos como non somos, nunca saberemos se nos queren ou desprezan a nós ou á imaxe fraudulenta que nos fabricamos.