Créditos persoais

É preferible sopesar outras opcións antes de solicitalos

Un préstamo persoal non sempre é a mellor opción para afrontar gastos extra
1 Outubro de 2002

É preferible sopesar outras opcións antes de solicitalos

A costa de xaneiro, os dispendios do Nadal, o comezo do curso escolar, as reformas no fogar, a compra dun coche ou os gastos inesperados afróntanse, en moitos fogares, mediante créditos persoais. A diferencia dos créditos hipotecarios, nos que o prazo de amortización pode chegar ós 30 anos, os préstamos persoais caracterízanse por un prazo de devolución moito máis curto -entre un mes e cinco anos-, un capital prestado non moi elevado -entre 3.000 euros e 60.000 euros- e un tipo de xuro, á marxe da negociación particular co banco, bastante alto -entre un 7 e un 10% T.A.E- para que ó banco lle saia rendible prestar pouco diñeiro a curto prazo.

Este tipo de xuro máis elevado tamén se debe a que a entidade bancaria corre maior risco, pois non dispón de ningún tipo de aval no caso de se producir un impagamento, mentres que nos préstamos hipotecarios a garantía de pagamento é un ben inmoble, o que faculta o banco a allea-la cousa hipotecada no caso de impagamento.

Durante o ano 2000 concedéronse en España créditos ó consumo por valor de 30.718 millóns de euros, un 4,2% máis ca en 1999. Dentro deste tipo de préstamos, o 44% destínase á compra de automóbiles, mentres que o 56% restante se inviste no financiamento doutros bens e servicios, á cabeza dos cales se sitúan as reformas no fogar. Así e todo, un préstamo persoal non sempre constitúe a mellor opción para afrontarmos gastos extra ou para saírmos dun atranco. Utiliza-la tarxeta de crédito para aprazármo-los pagamentos ou realizar compras a prazos poden evitar que aboémo-los altos xuros bancarios e, ademais, requiren menos papelorios.

Tipos de Préstamos de Consumo

Crédito Consumo ou Persoal

  • Capital financiado: 3.000 euros
  • Prazo de amortización: 1 ano
  • T.A.E*: Entre 7’06% e 10’04%
  • Cota mensual: Entre 260 e 264 euros
  • Xuros totais que hai que pagar: Entre 116 euros e 172 euros
  • Capital financiado: 12.000 euros Prazo de amortización: 5 anos T.A.E: Entre 7’06% e 10’04% Cota mensual: Entre 238 euros e 252 euros Xuros totais que hai que pagar: Entre 2.277 e 3.312 euros

/imgs/20021001/informe.02.jpg
**T.A.E.: Taxa Anual Equivalente. Inclúe tódolos gastos que se van pagar polo préstamo (xuro nominal, comisións de estudio e apertura, seguro de vida, etc.).

Cómpre ter en conta. Algunhas entidades bancarias ofrecen un só tipo de crédito, independentemente do uso que se lle dea á cantidade solicitada, e non dispoñen de créditos para estudios, a compra do coche ou reformas. O xuro aplicado en cada caso dependerá, polo tanto, da persoa que pida o préstamo e do seu historial bancario. .

Crédito Coche

  • Capital financiado: 12.000 euros
  • Prazo de amortización: 5 anos
  • T.A.E: Entre 8’06 e 9’84%
  • Cota mensual: Entre 244 euros e 254 euros
  • Xuros totais que hai que pagar: Entre 2.620 euros e 3.241 euros

Cómpre ter en conta. Infórmese, amais de no banco ou caixa de aforros, no concesionario onde vaia adquiri-lo vehículo. Ás veces están vinculados a empresas financeiras que lles ofrecen ós seus clientes créditos cun tipo de xuro máis vantaxoso có dalgunhas entidades bancarias.
Unha das vantaxes de aboármo-lo coche mediante a financeira do concesionario é que se posteriormente desexamos solicitar un novo crédito persoal no banco, será máis doado que nolo concedan, ó non termos aberto outro expediente crediticio. Un consello: compare e negocie sempre tanto coa financeira do concesionario coma coa entidade bancaria, non se conforme nunca coa primeira oferta que lle fagan.

Crédito Estudios

  • Capital financiado: 3.000 euros
  • Prazo de amortización: 1 ano
  • T.A.E: Entre 5’11% e 6’69%
  • Cota mensual: Entre 257 e 260 euros
  • Xuros totais que hai que pagar: Entre 84 e 110 euros

Cómpre ter en conta. Os créditos para estudios (dirixidos á xente nova, para financia-lo pagamento de matrículas de carreiras universitarias, másters, doutoramentos, cursos de idiomas…) poden ter un prazo de carencia de ata dous anos. É dicir, se se pide un crédito cunha carencia de dous anos, non se comezará a paga-la cantidade solicitada (chamada principal) ata pasado ese tempo, aínda que os xuros non teñen un prazo de carencia e devólvense desde o momento en que se asina o contrato. Ás veces o propio centro de estudio se encarga de negociar con diversas entidades financeiras as condicións máis vantaxosas para os seus alumnos, que poden ser máis interesantes cás que consiga un único estudiante se acode pola súa conta. Non obstante, o alumno non está obrigado a acepta-la financeira que o centro de estudios lle propoña.

Outras opcións

Para que prestar poucos cartos a curto prazo sexa rendible, as entidades financeiras aplícanlles xuros bastante elevados ós seus créditos persoais. Por iso, cómpre sopesar detidamente a conveniencia de solicitar un préstamo persoal, pois hai opcións menos gravosas para financiar gastos extra e que ademais nos evitarán o papelorio inherente á solicitude dun crédito.

As tarxetas permiten realizar compras e diferi-lo pagamento (se optamos pola modalidade de pagamento aprazado) ou dispor de efectivo. Neste último caso, o xuro mensual sitúase entre o 2% e o 4%, en función de se o efectivo se obtén na propia rede ou noutra distinta. Non obstante, hai que ter coidado, xa que os xuros se duplican ante o impagamento, de tal maneira que ó apraza-lo pagamento se pode chegar a supera-la taxa anual do 26%. E non está de máis lembrar que as tarxetas de crédito son máis interesantes para diferir pagamentos que para realizar disposicións en efectivo .

Grandes almacéns, hipermercados, axencias de viaxes e outros establecementos ofrécenlles a miúdo ós seus clientes a posibilidade de aprazaren o pagamento das súas compras, en moitos casos sen xuros, para comezar a pagar máis tarde. Tamén permiten aboa-las compras a prazos, normalmente sen xuros se o pagamento se realiza en tres ou menos cotas. Pero cando se exceden as tres mensualidades, o T.A.E. dalgúns establecementos supera, nalgúns casos amplamente, o de bancos e caixas de aforro.

No tocante ó modo de realiza-lo aprazamento do pagamento ou o financiamento, pódese solicitar mediante as tarxetas de compra propias de cada establecemento -cada vez máis habituais- ou utilizando como medio de pagamento calquera tarxeta de crédito bancaria adherida a ese establecemento.

Créditos express, xuros abusivos

O sector dos préstamos privados tamén lle dá abeiro a un amplo número de pequenas entidades privadas de crédito que se caracterizan por unha publicidade agresiva e a rapidez na tramitación das peticións, pero que a cambio cobran unha comisión superior á das entidades tradicionais.

Estas financeiras están especializadas no segmento de microcréditos, préstamos cun importe que non supera os 3.000 euros. Cun alto custo de financiamento, o seu xuro nominal sitúase arredor do 20% anual, podendo alcanzar mesmo un 22,9% e o seu T.A.E. é de ata o 24,6%.

A concesión dun cómodo e rápido crédito ó consumo pode agochar disparadas condicións baixo a letra pequena e, o que se presenta coma a grande oportunidade para facerlle fronte a un imprevisto, convértese nun custo maior do que se agardaba. Así, por un crédito de 3.000 euros, cun T.A.E. do 24,6%, ó cabo de 12 meses pagaranse 415 euros en concepto de intereses.

Polo tanto, as vantaxes que ofrecen os créditos doados e inmediatos están máis relacionadas coa comodidade -tódalas xestións fanse por teléfono- que cos beneficios monetarios propiamente ditos.

Dereitos do titular dun préstamo persoal

  • Antes de que se realice o contrato, a entidade financeira débelle entregar unha oferta vinculante coas condicións do préstamo, que se debe respectar durante un período mínimo de 10 días hábiles. Así poderá comparar ofertas.
  • Se o seu préstamo está vinculado á compra dun producto, e devolve o producto, o contrato anúlase sen ningún custo.
  • Ten dereito a ser informado do importe das cotas periódicas nunha táboa de amortización.
  • En préstamos vinculados a compras realizadas nun comercio, pode realiza-la operación coa entidade que desexe, sen necesidade de contrata-la que lle suxira o establecemento.
  • No caso de acepta-la oferta da entidade financeira, ten dereito a examina-la póliza antes de asinala e cómpre facelo detidamente, prestándolles especial atención ás condicións de tipo de xuro, gastos e comisións, garantías e prazo.

Consellos

  • Antes de solicitar un préstamo, analice o seu historial persoal de crédito. Se os seus ingresos económicos foron irregulares ou os números vermellos son habituais na súa conta, será máis complicado que llo concedan.
  • Valore obxectivamente a súa capacidade de endebedamento e sexa realista con respecto ó nivel de consumo que se pode permitir.
  • Estableza un prazo de amortización acorde coas súas posibilidades. Teña en conta que, se ben a maior prazo a cota mensual que pagar é menor, á longa páganse máis xuros. A menor prazo acontece o contrario.
  • Para afrontar pagamentos de pequena consideración, busque outras opcións que teñan xuros máis baixos cós aplicados ós préstamos persoais.
  • Analice en profundidade a publicidade das entidades financeiras. Non se fixe só no reclamo publicitario e pida toda a información que precise. En calquera caso, saiba que as entidades están obrigadas a respectaren as condicións contractuais ofertadas na súa publicidade.
  • Compare o mesmo producto en varias entidades. A mellor referencia para compara-las distintas ofertas é examina-lo T.A.E. do producto, pois expresa o custo real do préstamo (inclúe xuro nominal, comisións, seguro…). En todo caso, infórmese sobre as comisións e gastos que ten que pagar.
  • Cando estudie varias ofertas non esqueza solicitar unha simulación que contemple o cadro de amortización completo do préstamo. Este cadro permitiralle realiza-las comparacións oportunas.
  • Non dubide en negociar tanto o tipo de xuro coma todas e cada unha das comisións que lle trate de repercuti-la entidade de crédito.
  • Comprobe que no contrato constan os seguintes puntos:
    1. A indicación do T.A.E. Se non se inclúe, a súa obriga reducirase a aboa-lo xuro legal nos prazos acordados.
    2. Unha relación do importe, o número e a periodicidade das datas de pagamento que debe vostede realizar para o reembolso do crédito. Se non se especifican, a súa obriga reducirase a paga-lo prezo ó contado ou o nominal do crédito nos prazos acordados.
    3. A relación de elementos que compoñen o custo total do crédito, debéndose expresa-la necesidade de subscribir, de se-lo caso, un seguro de amortización do crédito por falecemento, invalidez, enfermidade ou desemprego do titular. Se non se fai constar, non lle poderán esixi-lo pagamento de gastos non citados no contrato, nin a constitución ou renovación de garantía ningunha.
  • Solicite e garde unha copia do contrato e de tódolos recibos ou documentos relacionados co préstamo.
  • Verifique que nos recibos do préstamo se aplican as condicións pactadas no contrato, e se ten calquera dúbida ou está desconforme co cargo dunha cota, diríxase á sucursal para resolve-lo problema.
  • As entidades adoitan esixi-la intervención de fedatario público á hora de subscribir créditos ó consumo e préstamos persoais en xeral, e iso é así co fin de dotar estes contratos da acción executiva no caso de impagamento do prestatario. A miúdo este gasto corre á conta do cliente, pero non ten por que ser así. Negocie quén asume o custo do notario.