Reciclaxe no fogar

O coidado do ambiente comeza na casa

Só hai que cambiar vellos hábitos e aplica-la teoría dos tres erres: reducir, reutilizar e reciclar.
1 Outubro de 2002
Img consejos

O coidado do ambiente comeza na casa

Os nosos costumes máis cotiáns teñen moito que ver coa degradación global do planeta. Actos tan rutineiros como guindármo-lo lixo sen separalo, mercarmos utensilios de usar e tirar ou adquirírmo-los alimentos envasados en materiais antiecolóxicos ou non reciclables contribúen en boa medida á contaminación ambiental.

Reduza

  • Adquira productos de todo tipo en envases de gran capacidade e, preferiblemente, reutilizables. Evite os envases dun só uso.
  • Leve as súas propias bolsas á compra.
  • Recupere vellos costumes como a bolsa do pan ou a oveira.
  • Procure non mercar productos con envoltorios superfluos. O importante é o producto, non que a embalaxe sexa atraente.
  • Opte, preferentemente, por adquirir alimentos a granel.
  • Evite empregar, na medida do posible, artigos desbotables como panos de papel, rolos de cociña, vasos e pratos de cartón, cubertos de plástico, etc. A industria de productos de usar e guindar é a que xera máis lixo en todo o mundo.
  • Conserve os alimentos en recipientes duradeiros. Non abuse do papel de aluminio.
  • Non merque pequenos electrodomésticos para realizar operacións que sexa doado facer á man, como os abrelatas.
  • Evite utensilios e xoguetes que funcionan con pilas. Se non é posible, utilice pilas recargables ou pilas verdes non contaminantes.

Reutilice

  • Ó utilizar papel para escribir, non escriba só nunha cara e de seguido guinde a folla. Utilice o outro lado para notas, borradores, tomar apuntamentos, debuxar, etc. Tamén pode utiliza-lo papel vello para envoltorios.
  • Procure facer fotocopias nas dúas caras.
  • Se ten xardín, recicle a materia orgánica.
  • Reutilice as bolsas de plástico que lle dean no supermercado para garda-lo lixo.
  • Non guinde os tarros de cristal. Resultan moi útiles para gardar pasta, fariña ou legumes… Tamén se poden utilizar como peto, portalapis ou para gardarmos sementes.

Recicle

  • Separe os materiais que compoñen o lixo para reciclar racionalmente. Utilice bolsas distintas para o lixo orgánico, para o papel e o cartón, para os envases de vidro e outra para o resto de envases (brik, plástico, latas…). E deposite cada tipo de refugallo nos contedores que as autoridades locais dispuxeron para iso.
  • Faga un uso correcto dos contedores de recollida selectiva. Un só tapón de aluminio pode estraga-la carga de vidro de todo un contedor.
  • Para facer unha tonelada de papel cómpre preciso serrar 5,3 hectáreas de fraga. O consumo anual no noso país obriga a cortar uns 20 millóns de grandes árbores. Tome medidas: consuma menos papel, merque papel reciclado e envíe a reciclar todo o papel que lle sexa posible.
  • Non guinde ó contedor de papel outros residuos como plástico, cartóns de leite (conteñen plástico e aluminio), latas, etc.
  • O papel dos xornais é o máis doado de recliclar xa que está feito de fibra de madeira. Se no noso país se reciclase a décima parte dos xornais dun ano, salvariamos 700.000 árbores.
  • O cristal dos vasos e o das lámpadiñas non se pode reciclar conxuntamente co vidro dos envases. Deposite nos contedores de vidro só botellas, de calquera cor, ou frascos. Quítelle-los tapóns e comprobe que non teñan ningún obxecto no seu interior.
  • Non garde nin mesture co lixo os envases baleiros ou con restos de medicamentos nin os que caducaran. Deposíteos nos contedores que atopará nas farmacias.