Algo máis ca especulacións
Na década dos 80, a comunidade científica discrepaba sobre a hipótese de que se estivese producindo un cambio climático. Hoxe, aínda que aínda prevalecen opinións que cuestionan o quecemento, o debate xa non se centra no axiña que se está producindo o incremento da temperatura da Terra. Agora investígase a magnitude do problema e especúlase sobre as súas consecuencias. Afírmase que os anos 90 foron os máis cálidos do milenio, e advírtese de que este cambio anunciado que continuará nas décadas vindeiras non será gradual, senón a golpe de catástrofes e con consecuencias devastadoras tanto para os cidadáns coma para o seu contorno. As especulacións xa se converteron en realidades: a desertización aumenta; a capa do xeo dos polos adelgaza; as zonas tropicais, sumidoiro de carbono do mundo, perden metros cadrados (ou llelos rouban)… Tanto a comunidade internacional coma os axentes sociais e as institucións políticas teñen un compromiso que asumir, máis alá de convencións, porque o tempo aprema e a situación empeora sen cesar.
O IPCC, organismo clave
Cando en 1998 se conformou o Panel Intergobernamental de Expertos en Cambio Climático (as súas siglas de acordo ó nome en inglés son IPCC), partiuse do convencemento de que se precisaban medidas para frea-las alteracións climáticas que se viñan producindo e das que se intuían as consecuencias. O IPCC está integrado por científicos de todo o mundo que revisan estudios sobre a evolución do clima e a súa misión consiste en asesora-los responsables políticos, e para iso publican informes periódicos. De acordo con este organismo, a temperatura mundial elevarase de 1 a 3,5 graos durante o século que estreamos. Esta variación pode altera-lo medio natural de xeito dramático: os niveis do mar poderían aumentar entre 15 centímetros e 95 centímetros, causando inundacións masivas en zonas baixas e illas. Pero, ademais, os especialistas prognostican secas, escaseza de auga, incendios forestais, furacáns e expansión de enfermidades. As medidas para paliar este agoiro futuro son obxecto de acordos internacionais como o Protocolo de Kioto, e deles derivan as normas -hai tempo que deixaron de ser recomendacións- de rigoroso cumprimento para quen as asume.
¿Adaptarse a un novo clima?
Segundo a IPCC, o quecemento xa é un feito “bastante seguro” e os gobernos deberían intervir para frearen a súa causa e atallaren as súas consecuencias. Pero hai voces que promoven a adaptación a esta nova realidade, aducindo que se non se pode cambia-lo proceso, queda a posibilidade de asumilo e funcionar a prol del. Así, sexa cal sexa o motivo que o promova, reduci-lo uso de combustible, respecta-las fragas e seguir unha política internacional de desenvolvemento sostible servirán, se non para evita-lo quecemento, si cando menos para alivia-la contaminación e diminuí-la dependencia do petróleo, entre outras cousas. Hai exemplos, como a lei de 1990 pola que os Estados Unidos estimularon a súa industria a que se adaptase para reduci-las súas emisións de óxidos de nitróxeno e de xofre, co que se conseguiu domina-la ameaza da chuvia ácida. As empresas contaminantes tiñan que reforma-las súas instalacións ou mercar permisos de emisión ás que se adaptaran. Esta é unha mostra de que unha política de enerxía limpa non ten por qué ser dirixista ou gravosa para a actividade económica. Tamén a crise do petróleo de 1973 foi positiva, se lembramos que provocou un uso máis eficiente do petróleo e alentou o desenvolvemento doutras fontes de enerxía.
Consecuencias do quecemento
Segundo o último informe emitido pola IPCC, os efectos do cambio climático non se percibirán de igual xeito en todo o planeta, nin serán negativos en tódolos lugares.
- As zonas setentrionais de Norteamérica e Asia experimentarán un quecemento de arredor dun 40% superior á media. Sairían beneficiadas as rexións de latitude media-alta, que terían invernos menos fríos. Pola contra, o sur de América e de Europa, así como as zonas tropicais sufrirían máis calor, secas ou quizais desertización. É dicir, as consecuencias serían peores onde hai máis pobreza.
- Haberá impactos nos recursos hídricos. A escaseza de auga superficial será maior para preto de 3.000 millóns de persoas na India, África do Sur, a maior parte de Sudamérica e Europa, Oriente Medio e Australia, pero, pola contra, haberá máis auga dispoñible nos EE UU e na China.
- As plantacións de cereais aumentarán (o clima seco favorece o seu crecemento).
- Aumentará a fame en África.
- Desaparecerán a fauna e flora de moitos ecosistemas.
- Propagaranse a malaria e outras enfermidades tropicais para as que non hai medicamentos fiables.
Busca de solucións
A admisión desta realidade pola maioría da comunidade científica foi determinante para que os Estados se comprometesen a tomaren medidas para a súa solución. No número anterior, nesta mesma sección, achegámonos ó Terceiro Cumio sobre Desenvolvemento Sostible que tivo lugar en Johannesburgo. A reunión era unha continuación da Convención Marco sobre Cambio Climático asinada en Río por 154 países en 1992, que entrou en vigor en 1994. O debate centrouse, unha vez máis, na necesidade de potencia-los mecanismos para lograr que os Estados e as súas empresas se comprometan a realizar un comercio de emisións e un desenvolvemento sostible co obxectivo de palia-lo cambio climático. A boa nova que se coñeceu ó remate do Cumio foi o compromiso de Rusia de ratifica-lo Protocolo de Kioto. Esta sinatura, cando se produza, garantirá a entrada en vigor do texto que pretende reduci-las emisións de gas de efecto invernadoiro.
Este fenómeno meteorolóxico non esta directamente vinculado co cambio de clima, aínda que si a súa aparición en latitudes nas que ata hai ben pouco era inusual a súa presencia. A ameaza da gota fría comeza a se xestar no mar requentado que, precisamente por iso, desprende inxentes cantidades de vapor mariño. A masa de fluído gasoso sobe, pero no camiño topa cunha capa de aire fresco e o resultado dese encontrón pode ser catastrófico. A colisión co aire frío fai que o vapor candente se condense e comeza a funcionar unha frenética fábrica de nubes. Chámanse cumulonimbos e distínguense doadamente: móvense a todo correr e o seu aspecto é intimidatorio. Estas nubes poden provocar chuvias torrenciais con consecuencias devastadoras como riadas, desbordamentos, inundacións, perdas materiais e, no peor dos casos, humanas. Con todo, a responsabilidade non atinxe só ós elementos. O home ten tamén parte da culpa. A modificación dos leitos fluviais, a ocupación de barrancos e corgas e outras alteracións contra natura axudan a que a gota fría sexa aínda máis daniña, se é posible.