O máis barato, un dos mellores
Analizáronse seis sacos de durmir de travesía, con prezos que están entre os 78 euros de Ferrino Nigntec 600D e Vango Ultralite 700 ML, e os 107 euros de Yuma Altus Groenlandia. Todos eles son do tipo “momia”, aínda que os seus diferentes recheos lles confiren calidades específicas para distintas condicións meteorolóxicas.
Un saco de durmir de travesía debe permitirlle ó usuario durmir en condicións climáticas adversas dentro dunha tenda de campaña ou ó raso (vivac) cunha comodidade suficiente. Tamén debe ser compacto e livián para facilita-lo seu transporte.
Ante a disparidade de resultados que deparou a análise de laboratorio, é difícil optar por unha mellor relación calidade-prezo. Se ó usuario non lle importa o peso e o volume do saco, o máis barato (Ferrino Nightec 600D) é a mellor opción, polas súas boas calidades de resistencia e capacidade térmica. E se pensa carrexa-lo saco en longas travesías, Yuma Altus Groenlandia é unha boa opción, aínda que sexa máis caro e deba mellora-la resistencia das súas costuras.
A capacidade térmica, esencial
A maioría dos sacos indican dous rangos de temperaturas ós que poden ser usados: o primeiro amosa en qué condicións climáticas se desenvolve de xeito óptimo, mentres que o segundo indica as condicións extremas ás que só o deben utiliza-los usuarios cunha excelente preparación técnica e bo coñecemento da súa resistencia física.
Ferrino garante a comodidade en condicións normais entre -6ºC e -10ºC, e sinala como límite os -20ºC. Salewa recomenda o seu uso entre 9 e 2ºC, aínda que afirma que pode usarse entre 24ºC e -13ºC, (a esta temperatura, só evita a conxelación). Vaude recomenda un intervalo de 8ºC a 2ºC, aínda que as temperaturas límite que indica son 25ºC e -3ºC, (só evita a conxelación). Finalmente, Coleman recomenda o seu uso a 0ºC, aínda que o seu rango de uso varía entre 5ºC e -10ºC. Vango e Yuma, para rematar, non inclúen esta indicación.
CONSUMER ideou unha proba para determina-la perda de calor que se produce no interior destes sacos. O test consistiu en introducir en cada saco 14 paquetes de xelatina á temperatura do corpo humano (36ºC). De seguido, diminuíuse a temperatura exterior controlando a fuga de calor na zona do corpo, na dos pés e na da cabeza. Os mellores resultados nesta proba de capacidade térmica foron os de Yuma e Ferrino. O saco Coleman foi moderadamente bo e Vango, Vaude e Salewa quedaron en aceptables. Yuma, ó remate da proba, só perdeu 6,5ºC na zona do corpo (aínda que nos pés perdeu 10ºC e na cabeza, 12,5ºC), fronte ós moito peores resultados de Vaude: 17,5ºC de perda na zona do corpo, 15,5ºC nos pés e 27,5ºC na zona da cabeza).
Diferencias no peso e volume
O volume dos sacos dentro da súa bolsa variou entre os 7,2 litros de Vango e os 34,2 litros de Ferrino. A diferencia é, desde logo, notable. Vaude e Coleman ocupan uns 11 litros, Salewa 13 litros, e Yuma uns 20 litros. A pesar destas diferencias, as dimensións unha vez desempaquetado o saco, son semellantes nos seis casos.
As bolsas de transporte de Ferrino, Yuma, Coleman e Vango incorporan cintas de nailon con ancoraxes plásticas para comprimi-lo saco e reducir deste xeito o seu volume. Ademais, Vaude é o único que non inclúe un tecido protector contra a humidade que cubra a zona do peche.
No tocante ó peso, Vaude e Vango son os sacos máis lixeiros (1.010 e 1.040 gramos), seguidos de Coleman, Salewa e Yuma (1.440, 1.750 e 1.910 gramos). O máis pesado é, de novo, Ferrino (2.140 gramos).
Os seis sacos, para diminuíren a perda de calor, incorporan unha carapucha axustable mediante un peche deslizante e (agás Vango e Vaude) un pescozo térmico axustable. Todos inclúen un bolso no interior para gardar pequenos obxectos que se pecha con velcro, se ben os compartimentos de Vaude e Coleman usan cremalleira. Na parte interna das cremalleiras, as seis mostras incorporan unha banda illante para protexeren o usuario do frío. Vango inclúe, ademais, unha solapa para a protección fronte á humidade, e Yuma outra solapa que evita que se atasque a cremalleira. Os acabados das cremalleiras, as costuras e os bolsos foron ben valorados, non sendo as costuras e bolsos de Vango, que estaban parcialmente descosidos (ás veces, o recheo sobresae).
Salewa e Vaude son os sacos máis sinxelos de gardar na súa funda compresora, pero Vango e Coleman -unha vez comprimidos- ocupan menos espacio có resto. A comodidade de uso, centrada sobre todo no deslizamento da cremalleira, foi mellor valorada en Ferrino e Coleman. No tocante ós accesorios incluídos, o mellor resulta o de Yuma, pois é, con diferencia, o máis completo.
Resistencia á perforación e ó esgazamento
En resistencia do tecido exterior ó esgazamento, Ferrino e Yuma (28-30 Newtons) foron sensiblemente mellores ca Vaude e Coleman (20-21 Newtons). Ferrino e Yuma tamén foron os mellores no tocante á resistencia á perforación (108 e 123 Newtons respectivamente), especialmente se se comparan con Vaude (62 Newtons). A resistencia das costuras só foi satisfactoria no caso de Ferrino (442 Newtons) e Vaude (304 Newtons), xa que nos demais os resultados foron moi inferiores, especialmente en Yuma, Vango e Coleman (108, 214 e 230 Newtons respectivamente). A cremalleira de Salewa foi a que mellor soportou a tracción transversal (940 Newtons), aínda que Yuma e Ferrino tamén se comportaron ben (870 e 890 Newtons). A peor foi Vango, no que a tea rachou e a cremalleira se abriu a 720 Newtons, é dicir, moito antes có resto.
A única etiquetaxe correcta foi a de Yuma. Nos demais faltan datos sobre o fabricante ou importador (Vango, Ferrino, Salewa, Vaude, Coleman), ou as indicacións da etiquetaxe aparecen nun idioma distinto ó castelán (Vango, Salewa e Vaude). Só os certificados de garantía de Ferrino e Vaude son correctos. Yuma e Salewa, pola súa banda, non inclúen ningún certificado de garantía; Vango e Coleman si o teñen, pero con incorreccións (o primeiro non está en castelán e non indica a súa duración, mentres que o segundo non indica quén é o titular).
Só as instruccións de uso e mantemento de Ferrino e Vaude resultan aceptables, se ben en ámbalas dúas faltan as precaucións fronte ás fontes de ignición. No resto de mostras resultan aínda máis incompletas. Ademais, en Vango, Coleman e Salewa parte das instruccións non aparecen en castelán. E en Vango, algúns símbolos non son os normalizados.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse seis sacos de durmir de travesía, que custaban entre 77,53 euros (12.900 pta) e 106,68 euros (17.750 pta).
- A información ó consumidor (etiquetaxe, garantía, instruccións de uso e mantemento) foi deficiente en tódalas mostras analizadas, e delas Ferrino resultou a máis completa.
- As diferencias en peso e volume foron moi importantes, sendo Vango a máis pequena e lixeira, e Ferrino a máis pesada e voluminosa. En aptitude ó uso e ergonomía destacaron Coleman e Yuma, a primeira pola súa facilidade de transporte, compresibilidade e comodidade de uso, e a segunda por presentar maior número de accesorios útiles.
- A resistencia dos téxtiles, costuras e cremalleiras foi especialmente boa en Ferrino que, xunto con Yuma Altus Groenlandia, tamén destacou pola súa eficaz protección fronte ás baixas temperaturas.
- Cando o peso e o volume non lle importan moito ó usuario, a mellor relación calidade-prezo é Ferrino, o máis barato. Se o peso é determinante, Yuma Altus Groenlandia é unha boa opción, aínda que sexa o máis caro.
Marca | FERRINO | YUMA | COLEMAN | VANGO | SALEWA | VAUDE |
---|---|---|---|---|---|---|
Modelo | ||||||
Nightec 600D | Altus Groenlandia | Bambusa M-10 | Ultralite 700 ML | Olymp 500 | Trekking Ultralight 210 | |
Prezo (euros/ pta) | ||||||
77,53/ 12.900 | 106,68/ 17.750 | 89,85/ 14.950 | 78,07/ 12.990 | 88,89/ 14.790 | 101,57/ 16.900 | |
Información e protección ó consumidor | ||||||
Etiquetaxe | Incorrecto | Correcto | Incorrecto | Incorrecto | Incorrecto | Incorrecto |
Garantía | Correcto | Correcto | Incorrecto | Incorrecto | Incorrecto | Correcto |
Instruccións de uso e mantemento | B | M | M | M | R | B |
Temperatura recomendada / límite | ||||||
-6 a -10ºC/ -20ºC | Non indica | 0ºC/ 5 y -10ºC | Non indica | 9 a 2ºC/ 24 y -13ºC | 8 a 2ºC/ 25 y -3ºC | |
Control dimensional | ||||||
Volume | M | A | MB | MB | B | B |
Peso | M | R | A | MB | R | MB |
Características físicas/ Acabados | ||||||
Bolsa de transporte | ||||||
Cintas de compresión | Si | Si | Si | Si | Non | Non |
Tecido protector fronte á humidade | Si | Si | Si | Si | Si | Non |
Saco de durmir | ||||||
Carapucha axustable | Si | Si | Si | Si | Si | Si |
Banda térmica illante na cremalleira | Si | Si | Si | Si | Si | Si |
Collarín térmico illante axustable | Si | Si | Si | Non | Si | Non |
Bolso | Si | Si | Si | Si | Si | Si |
Acabados | B | B | B | R | B | B |
Aptitude ó uso e ergonomía | ||||||
Facilidade de transporte | A | A | MB | MB | A | A |
Facilidade para garda-lo saco na bolsa | B | B | B | B | MB | MB |
Compresi- bilidade do saco na bolsa | A | A | MB | MB | M | M |
Comodidade | MB | B | MB | A | A | B |
Resistencia | ||||||
ó esgazamento (tecido exterior) | MB | B | MM | R | R | MM |
á perforación | MB | B | R | R | A | M |
das costuras | MB | M | M | M | R | A |
á tracción transversal (cremalleiras) | B | B | R | M | MB | R |
Capacidade térmica | ||||||
MB | MB | A | R | R | R | |
Valoración global | ||||||
Moi ben | Moi ben | Ben | Aceptable | Aceptable | Aceptable |
MB= Moi ben; B= Ben; A= Aceptable; R=Regular; M=Mal; MM=Moi Mal
Un a un
Un por un, 6 sacos de durmir de travesía
FERRINO NIGHTEC 600D
- 77,53 euros. O máis barato.
- Temperatura recomendada: -6 a 10ºC (T límite -20ºC).
- Valoración global: Moi ben.
- O máis económico e a mellor relación calidade-prezo cando o peso non importa moito. Tecido interno de algodón poliéster (máis transpirable e agradable). Etiquetaxe incorrecta, pero aínda así a máis completa en información ó consumidor. O máis pesado e voluminoso. Ben en características físicas e acabados, e moi ben en comodidade. Destaca polas súas excelentes calidades de protección fronte ás baixas temperaturas.
YUMA ALTUS GROENLANDIA
- 106,68 euros. O máis caro.
- Temperatura recomendada: Non indica.
- Valoración global: Moi ben. A mellor relación calidade-prezo cando se precisa (ou prefire) un peso e volume reducidos. Etiquetaxe correcta, pero instruccións e garantía deficientes. Ben en características físicas e acabados, facilidade de transporte e comodidade, así como en resistencia, non sendo nas costuras. Excelente comportamento fronte ás baixas temperaturas.
COLEMAN BAMBUSA M-10
- 89,85 euros.
- Temperatura recomendada: 0ºC (límite: 5 e -10ºC)
- Valoración global: Ben. Deficiente información ó consumidor. Cando se recolle, ocupa moi pouco volume. Ben en características físicas e acabados. Moi ben en aptitude á función e ergonomía, sobre todo por facilidade de transporte, facilidade de recollida e comodidade. Un dos menos resistentes, sobre todo en canto a resistencia ó esgazamento e das costuras. Aceptable capacidade térmica.
VANGO ULTRALITE 700 ML
- 78,07 euros.
- Temperatura recomendada: Non indica.
- Valoración global: Aceptable. O segundo máis económico.
- Deficiente información ó consumidor. O de menor peso e volume. Xunto con Vaude, o único que non incorpora pescozo térmico axustable. Regular en acabados, sobre todo en costuras e bolsos. Moi ben en facilidade de transporte e comprensibilidade do saco na bolsa. Non moi resistente, especialmente en costuras e en cremalleiras. Capacidade térmica, só regular.
SALEWA OLYMP 500
- 88,89 euros.
- Temperatura recomendada: 9 a 2ºC (límite 24 e -13ºC)
- Valoración global: Aceptable. Deficiente información ó consumidor. Tecido interno algodón poliéster (transpirable e agradable) e recheo de pluma de parrulo (transpirable, pero difícil de limpar). Sen cintas de compresión na bolsa de transporte, pero pequeno volume e doado de gardar na bolsa. Cremalleiras moi resistentes á tracción transversal, pero regular en resistencia do tecido exterior e das costuras. Capacidade térmica, só regular.
VAUDE TREKKING ULTRALIGHT 210
- 101,57 euros.
- Temperatura recomendada: 8 a 2ºC (T límite 25 e -3ºC)
- Valoración global: Aceptable.
- Etiquetaxe incorrecta. Dimensións satisfactorias, sobre todo no peso. O seu saco de transporte non presenta cintas de compresión nin tecido protector fronte á humidade na zona de peche. Xunto con Vango, o único que non incorpora pescozo térmico axustable. Moi doado de gardar. Un dos menos resistentes, sobre todo ó esgazamento e á perforación. Capacidade térmica, só regular.