¿Por que se ilumina o ceo e non a cidade?
En 1891 a cidade rioxana de Haro puido presumir de se-la primeira en España en contar con iluminación eléctrica nas súas rúas. De aí xurdiu o dito do viaxeiro que se achega ó seu destino e advirte “xa estamos en Haro que vexo as súas luces”. Aínda que a anécdota resulte divertida, o feito é que, transcorrido máis dun século desde aquela, o aviso tomou tintura de crúa realidade: as potentes luces das cidades ocultan o ceo, ou o que é o mesmo, a contaminación lumínica é cada vez máis forte, e a gran maioría dos cidadáns non somos conscientes de que estamos sometidos a este tipo de polución. Acontecía algo semellante coa contaminación acústica, pero os seus prexuízos, menos sutís, foron axiña percibidos cando comezou a se falar dela. O exceso de luz non molesta dun xeito tan inmediato coma o do ruído, pero é evidente que resulta non só un dispendio enerxético e económico, xa que se emprega a maior parte da luz en ilumina-lo non necesario, senón que tamén supón un atraso cultural -ocúltaselle o firmamento ós homes e mulleres que viven somerxidos nel- e un prexuízo ambiental -desprázase a fauna nocturna ou prescíndese dela-. Loitar contra esta contaminación precisa da vontade, colectiva e particular, de romper cos erros cotiáns na elección e deseño da rede luminosa de cidades, estradas, e mesmo vivendas particulares ou urbanizacións que imitan a iluminación dunha urbe.
Luz non aproveitada
O Instituto de Astrofísica das Canarias, centro punteiro no estudio e divulgación de medidas para combate-la contaminación lumínica, descríbea como “o brillo ou resplandor de luz no ceo nocturno, producido pola reflexión e difusión de luz artificial nos gases e nas partículas do aire polo uso de luminarias inadecuadas e excesos de iluminación”. Noutras palabras, esta polución refírese a toda luz que non é aproveitada para ilumina-lo chan e as construccións, aínda que pretenda facelo. Pode acontecer que o feixe luminoso non se dirixa para abaixo, ou que a radiación luminosa sexa dunha lonxitude de onda que o ollo humano non percibe e esa luz escape rumbo ó ceo, contaminando a atmosfera.
Iluminación das vías públicas
Nas últimas décadas afixémonos a que a iluminación da noite imite a luz do día. O problema radica en que se está realizando de xeito incorrecto, o que supón un considerable malgasto de enerxía e a perda do firmamento nocturno. Pero, ademais, calquera cidadán pode comprobar que incluso oculto o sol, unha luz indesexada e procedente do exterior invade a súa vivenda, o que constitúe un factor perturbador do descanso nocturno, aínda que xa esteamos afeitos. Estas luces na vía pública cegan ós viandantes pero tamén ós automobilistas -o que resulta máis perigoso- e deriva do mal deseño das instalacións de iluminación; representa, en último termo, un prexuízo para a seguridade viaria.
Impacto na fauna e flora
Diversos estudios científicos elaborados tanto en España coma no estranxeiro puxeron de manifesto os efectos perniciosos sobre a fauna e flora nocturnas dunha iluminación mal deseñada. Estes efectos atanguen ás aves (tanto migratorias coma non migratorias), ós mamíferos voadores e, sobre todo, ós insectos nocturnos. Máis do 90% das especies de lepidópteros son de costumes nocturnos, e da súa existencia dependen moitas especies de plantas con flores que abren pola noite, así coma multitude de depredadores. Ó perturba-la vida dos insectos nocturnos estase desequilibrando a base da cadea trófica.
Esta contaminación tamén implica certa dose de inseguridade viaria. Debido a que o ollo humano se adapta de vagar a unha zona escura cando provén doutra moi iluminada, as iluminacións mal proxectadas dalgúns tramos de estrada cegan ós conductores. Para evitalos, os expertos recomendan utilizar iluminacións de transición que gradualmente pasen dun nivel de iluminación a outro e permitan unha adaptación do ollo humano a zonas con diferentes niveis de luz.
A astronomía, outra prexudicada
Resulta sorprendente descubrir que os avances tecnolóxicos no século XXI poden ir en detrimento da astronomía moderna. Aínda que as novas xeracións de telescopios de 4 metros, equipados con sensibles detectores electrónicos, posibilitan observar obxectos que están 250 millóns de veces máis distantes cás estrelas máis arredadas que poida distingui-lo ollo humano (isto equivale a detecta-la luz dunha soa candea a unha distancia de 100.000 quilómetros), os astrónomos non só precisan grandes máquinas de lentes moi potentes, tamén precisan ceos máis escuros, cada día máis difíciles de atopar.
Por qué cómpre combate-la contaminación lumínica
- Diminúe o consumo enerxético e indirectamente o consumo de combustibles.
- Protexe o medio natural nocturno xa que lle devolve á natureza estadios de hábitat orixinal, ó tempo que se protexen as aves e mamíferos nocturnos.
- Redúcese o risco de cegar ós conductores, co que se aumenta a seguridade viaria.
- Colabórase coa visibilidade nocturna, escura, do tráfico aéreo ou marítimo.
- Permite a observación astronómica, tanto a profesionais coma a afeccionados.
- E mesmo se cumpre co precepto da Declaración Universal das Xeracións Futuras da UNESCO que recolle o dereito a unha Terra indemne e non contaminada, incluíndo o dereito a un ceo puro.
Contra o vandalismo
Estudios realizados en Nova York, unha urbe na que se percibe claramente a contaminación lumínica sen precisar saír da atmosfera, chegaron á conclusión de que a reducción de excesiva luz reduce o vandalismo. Esta tese que parece chocar co sentido común non deixa de achegar certos trazos clarificadores cando se advirte, e así se demostra, que unha boa iluminación é precisamente a que limita a luz ó chan, e non ó contorno. En instalacións afastadas de zonas iluminadas, aseguraba o estudio que é preferible non empregar iluminación de seguridade, xa que se acada o efecto contrario: estase indicando onde se atopa a instalación e proporcionando posibles zonas de acceso á mesma. É máis efectiva unha iluminación disuasoria que se acenda por presencia ou algo semellante. O mesmo acontece con edificios illados ou pequenas concentracións de casas, onde disimula-la presencia na noite permite evitar ser obxectivos de roubos.
As lámpadas: pouco, medianamente o moi contaminantes
Os tipos de lámpadas que actualmente existen no mercado, atendendo ós seus espectros, pódense clasificar do xeito seguinte:
- Vapor de sodio a baixa presión: emite practicamente só nunha estreita zona do espectro, deixando limpo o resto. A súa luz é amarelada e monocromática. É recomendable para iluminacións de seguridade e estradas fóra de núcleos urbanos. Son as máis eficientes do mercado e carecen de residuos tóxicos e perigosos.
- Vapor de sodio a alta presión: emiten só dentro do espectro visible. A súa luz é amarelada con rendementos de cor entre o 20% e 80%, dependendo do modelo. É recomendable para todo tipo de iluminación exterior. Son as máis eficientes do mercado despois das de baixa presión.
- Lámpadas incandescentes: Non emiten no ultravioleta pero si no infravermello próximo. O seu espectro é continuo. A súa luz é amarelada cun rendemento de cor do 100%. Non é recomendable para iluminación exterior, agás para iluminar detalles ornamentais. Son as máis ineficaces do mercado.
- Lámpadas incandescentes halóxenas: Son iguais cás incandescentes pero emiten algo máis no ultravioleta se non van provistas dun cristal difusor (son perigosas sen este cristal por emitiren no ultravioleta duro). Son algo máis eficaces cás incandescentes.
- Lámpadas fluorescentes en tubos e compactas (vapor de mercurio a baixa presión): Emiten no ultravioleta. A súa luz é branca con rendementos cromáticos entre o 40% e o 90%. É recomendable para iluminación peonil e de xardíns. Ten unha alta eficiencia. Estas lámpadas son medianamente contaminantes se non se usan en grandes instalacións e convenientemente apantalladas evitando emisión de luz sobre o horizonte.
- Lámpadas de vapor de mercurio a alta presión: Teñen unha elevada emisión no ultravioleta. A súa luz é branca con rendementos de cor inferiores ó 60%. É recomendable para zonas peonís e de xardíns. Son as menos eficientes do mercado en lámpadas de descarga.
- Lámpadas de haloxenuros metálicos: Teñen unha fortísima emisión no ultravioleta. A súa luz é branca azulada con rendementos de cor entre o 60% e o 90%. É recomendable para eventos deportivos importantes e grandes zonas onde se requira un elevado rendemento cromático. Son moi eficaces, semellantes ó sodio de alta presión, pero de curta vida.
- Utiliza-lo tipo de iluminación máis axeitado segundo o seu uso: viaria, zonas de peóns, ornamental.
- Usar sistemas de acendido, como células fotoeléctricas, de gran calidade ou reloxos astronómicos para asegurar que a iluminación non permanece acesa durante as horas de luz natural.
- As lámpadas de vapor de sodio consomen case a metade cás de vapor de mercurio e luminicamente contaminan menos.
- Dispoñer que os peches das luminarias sexan planos e o material utilizado teña gran calidade de transmisión e resista os efectos da intemperie e o paso do tempo.
- Non empregar luminarias tipo globo sen reflector na parte superior xa que proxectan unha grande emisión de luz por riba da horizontal.
- Para a iluminación ornamental, é preciso utilizar luminarias asimétricas de alto rendemento. Iluminan mellor con menos luz.
- Cómpre evita-la emisión de luz por riba da horizontal, sobre todo na iluminación de travesías e rúas.
- A iluminación de túneles e pasos inferiores debe considerarse unha excepción a estas medidas.