O gasto que nunca remata
Segundo o último estudio publicado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) en marzo do 2001, máis da metade da xente nova enquisada desexa ter fillos, e a moitos gustaríalles repeti-la experiencia. Pero a realidade é que España conta coa taxa de natalidade máis baixa do mundo, 1,07 nenos por muller. Preguntados polo motivo que os frea a procuraren descendencia, os mozos enquisados afirmaron categoricamente que son razóns económicas as que os disuaden. E é que ter un fillo é caro, non só polos gastos ós que se hai que enfrontar, senón polas escasas axudas económicas que se reciben desde a administración. A deducción familiar na declaración da renda polo primeiro fillo ascende a só 133,82 euros, cando se estima que o desembolso durante o primeiro ano de vida do bebé se sitúa arredor dos 6.000 euros. Así, os 377.809 nenos que naceron no noso país o ano pasado quizais chegaron cun pan baixo do brazo, pero seguro que a súa chegada foi precedida de numerosas compras.
Antes do parto
Aínda que o groso dos gastos se producirá logo de nace-lo bebé, é obvio que as mulleres embarazadas deben realizar desembolsos extraordinarios en roupa interior e prendas de tallas grandes que, en moitas ocasións, non volverán saír do armario unha vez que xa sexan nais. Trátase de vestidos, abrigos, saias, pantalóns e camisas dun prezo equiparable ó de calquera conxunto, co agravante de que o seu uso é temporal. É habitual tamén facer abasto de medias de premamá e descanso, pantys (desde 15 euros) que gracias ós avances experimentados nos tecidos da última década alivian as pernas cansas ou con problemas de circulación ocasionados polo sobrepeso. Fóra da estética, cómpre ter presente que se a muller acode a un xinecólogo privado para non limita-las visitas ás xustas, cada consulta lle suporá arredor de 48,08 euros.
Berce e outros complementos
Chegan a sumar máis de 600 euros, mesmo se se adquire a gama máis básica do mercado. O prezo dun berce non baixa dos 150 euros, pero hainos que alcanzan os 600 euros; a diferencia de prezos dependerá do material co que estea fabricado -se é de madeira, está lacado, ten rodas, é regulable- e das prestacións que ofreza.
A este gasto haberá que engadi-lo correspondente ó colchón, que tamén varía de prezo: se é de escuma (18 euros), resortes (48 euros) ou látex (120 euros). Elixido o berce haberá que vestilo con sabas (a partir de 18 euros), edredón (60 euros) e protectores (18 euros). Os moisés son moi empregados para traslada-lo cativo, e aquí a oferta comeza desde 90 euros. Non se debe esquece-la bañeira, elemento imprescindible para o baño do neno. Se se dispón de cambiador ou simplemente se usa unha mesa, pódese merca-lo modelo adaptable ó baño da casa, que non supera os 36 euros. Se se opta por unha que inclúe cambiador e caixóns, poderase atopar a partir dos 60 euros. Para rematar, chegamos á cadeira de paseo (desde 90 euros ata 600 euros, se é coche e cadeira) e á cadeira do coche. Neste caso o requisito máis importante é que a cadeiriña estea homologada. As marcas de automóbiles ofrecen modelos propios a partir de 60 euros.
O capítulo de complementos imprescindibles remata aquí, se ben o mercado ofrece artigos que pola comodidade que proporcionan gañan adeptos. Trátase da hamaca onde recosta-lo neno (43 euros), o trono onde sentalo a xantar (60 euros) ou o avisador electrónico (desde 18 euros).
Roupa e cueiros
Nos seus tres primeiros meses de vida un acabado de nacer precisa ata oito cueiros diarios (un despois de cada toma). A cantidade redúcese a medida que o bebé medra, pero aínda así o volume é abafante: durante o primeiro ano de vida, un neno gasta uns 2.180 cueiros. Se un paquete de 80 unidades custa arredor de 16,53 euros, a multiplicación é doada: o montante final só en cueiros non baixa dos 450 euros ó ano. E estreitamente relacionadas cos cueiros están as liñas infantís de hixiene -que inclúen termómetro, cepillo, peites, colonia, cortaúnllas e xabón – e superan os 12 euros, ás que se suman os productos de protección epidérmica como talco, locións e cremas, un gasto de 15 euros trimestrais.
Outro capítulo importante, no que xeralmente axudan familiares e amigos, é o da roupa dos pequenos. Hai prendas imprescindibles como bodys (desde 3 euros), pixama (18 euros) e roupa de rúa (a partir de 15 euros), que resultan baratos, aínda que quen desexe gastar máis tamén o ten doado: os prezos das prendas infantís cada vez se asemellan máis ós da roupa para adultos, e moitas grandes marcas inclúen xa unha liña infantil nas súas coleccións.
Biberóns e leite
Se a nai decide darlle o peito ó seu fillo este capítulo terao cuberto cando menos durante os primeiros meses e tan só deberá mercar, se o precisa, unha mamadeira (5 euros). Pero antes ou despois terá que enfrontarse coa compra de leite maternizado -a partir de 18 euros- que os primeiros días alcanzará para unha semana, aínda que a medida que o rapaz gañe peso aumentará o gasto neste apartado. Estímase que o custo da alimentación do primeiro ano oscila entre 1.080 euros e 1.500 euros. Imprescindibles resultan, polo tanto, os biberóns (desde 3 euros), e aínda que se poden esterilizar á vella usanza -baño maría- hoxe hai pequenos electrodomésticos como quenta biberóns (desde 25 euros a 60 euros se son aptos para microondas) e esterilizadores (25 euros). Para rematar, aínda que os pediatras recomendan un uso moderado e o seu prezo resulta case anecdótico, cómpre non esquece-lo constante cambio de chupetes (desde 2,10 euros) que por hixiene hai que acabar facendo.
Ós catro meses
A media de idade das nais primíparas supera xa os 30 anos, e aínda que non todas traballan fóra da casa, cada vez son máis as que compatibilizan vida laboral e familiar. Trala baixa por maternidade que polo de agora toman maioritariamente as mulleres, hai que atopar un lugar ou unha persoa que coide do bebé. Deste xeito, engadirase un gasto máis ó primeiro ano de vida do bebé, que se estima en 240,40 euros de media ó mes se se opta por unha gardería ou 6 euros por hora que haberá que pagarlle a unha persoa que coide do bebé.
Sumando os conceptos devanditos non é esaxerado determinar que cada novo neno, sobre todo se se trata do primeiro, suporá na economía familiar un gasto de polo menos 6.000 euros.
A beleza da nai
Non está de máis contabilizar tamén o gasto que realiza a nai en productos de beleza. É obvio que a xestante desexa evita-la deterioración física que eses nove meses lle causarán. O coidado do cabelo convértese en todo un reto, xa que debido á alteración de hormonas e á falta de ferro, o cabelo se amosa opaco e fáltalle brillo. Pódese optar por seguir un tratamento vitalizante a base de ampolas que fortalecen o pelo (14,88 euros), utilizar complexos que coidan do coiro cabeludo (14 euros) ou máscaras reestructurantes (12,02 euros). Igual de importante é o coidado da pel durante e despois do embarazo. Empréndese a loita contra as estrías inevitables na maioría das mulleres -sobre todo no peito e abdome-, xa que se non se hidrata a pel tódolos días, as fibras naturais de coláxeno e elastina que se atopan na epiderme rompen e ocasionan os sucos superficiais visibles tralo parto. Antiestrías (desde 8,26 euros), aceites nutritivos (25 euros) e hidratantes con propiedades antipruxinosas (14,03 euros) son algunhas das solucións que ofrecen a gran maioría de marcas cosméticas do mercado. O uso de máscaras tensoras e os xeles reafirmantes, así como todo tipo de anticelulíticos que corrixan a flaccidez deben posporse ata remata-la lactación.