Mononucleose infecciosa

A enfermidade silandeira

Os primeiros síntomas -dor de cabeza, cansazo e febre -resultan facilmente confundibles cos doutras enfermidades.
1 Febreiro de 2002

A enfermidade silandeira

A mononucleose infecciosa ou enfermidade do bico é unha patoloxía pouco coñecida pero de maior incidencia da que se pensa. Trátase dunha enfermidade infecciosa aguda, de difusión universal, exclusiva do ser humano e producida polo virus de Epstein-Barr (VEB). Ó primeiro pode pasar inadvertida e cando aparecen os primeiros síntomas (dor de cabeza, cansazo e febre) resultan facilmente confundibles cos doutras enfermidades. Afecta sobre todo a adolescentes e a adultos novos -especialmente en países desenvolvidos-, aínda que tamén hai numerosos casos entre a poboación infantil, sobre todo en países en vías de desenvolvemento. En nenos, trátase de procesos asintomáticos que lles confiren inmunidade fronte a posteriores reinfeccións. Non obstante, a mononucleose non é moi contaxiosa e a súa incidencia anual é menor do 15% no grupo de estudiantes universitarios susceptibles de a padeceren.

Transmisión e síntomas

O ser humano é a única fonte de infección deste virus, que se transmite fundamentalmente pola saliva, de aí que tamén se denomine enfermidade do bico, pois o bico na boca constitúe o xeito máis común de transmisión. Afecta principalmente a mozos de ámbolos sexos de entre 15 e 25 anos e máis raramente a adultos novos maiores de 35 anos. A maioría das infeccións que se producen en nenos e lactantes son asintomáticas ou causan unha farinxite leve, con ou sen amigdalite. Pola contra, no 80% dos adolescentes infectados provocan a sintomatoloxía típica da mononucleose infecciosa. Nos anciáns preséntase a miúdo con síntomas inespecíficos como febre prolongada, malestar xeral e dores musculares.

A mononucleose pasa inadvertida en moitas ocasións, pero noutras complícase e pode ocasionar problemas, aínda que case nunca graves.

O virus causante, o VEB, pertence á familia dos herpesvirus e unha vez infectada a persoa adhírese ós seus linfocitos B e penetra neles. Logo dun período de incubación de entre 30 e 50 días -de 10 a 14 días en nenos- aparecen síntomas inespecíficos e comúns a moitos procesos febrís: dor de cabeza, cansazo e febre. Ós poucos días asoma a tríade característica da enfermidade: febre, inflamación da farinxe e das amígdalas e adenopatías (ganglios). A febre, que se dá no 99% dos casos, é elevada (39 a 40 graos) e aparece maioritariamente cara ó serán. Pode prolongarse durante días, mesmo máis dunha semana. A inflamación da gorxa, farinxe e amígdalas padécena o 85% dos enfermos e afecta a toda a gorxa. Na metade dos infectados pode aparecer, ademais, unha secreción purulenta. As adenopatías, que tardan en sandaren de 3 a 4 semanas, son ganglios que se inflaman e avultan. A miúdo vense afectados os do pescozo e os de detrás das orellas, aínda que algunhas veces a inflamación ganglionar se estende máis alá do pescozo. A palpación das adenopatías resulta dolorosa para o paciente.

Ás veces, o aumento de tamaño das amígdalas, ó igual cá inchazón da farinxe e dos ganglios locais, pode orixinar unha obstrucción das vías respiratorias que pode precisar atención especializada. Non son constantes outros signos característicos da enfermidade: fatiga, aumento do tamaño do bazo (esplenomegalia), aumento do tamaño do fígado (hepatomegalia), inchazón das pálpebras (edema palpebral) e exantema (sarabullo que aparece por todo o corpo).

Tratamento

A mononucleose infecciosa non ten tratamento específico, senón puramente sintomático, que consiste en repousar na cama durante o período febril e en tomar analxésicos como o paracetamol. Só no caso de complicacións severas cómpre optar polos corticoides. Os antibióticos só están indicados cando hai sobreinfección engadida, e nunca se deben utilizar nin a ampicilina nin a amoxilina, dous antibióticos de amplo uso. Os antivíricos como o aciclovir ou outros semellantes non acadaron os resultados agardados. Dado que a inflamación da farinxe e amígdalas é moi habitual e molesta, recoméndase gargarexar con povidona iodada.

Na actualidade investígase a creación dalgún tipo de vacina, pero mentres non se dispoña de ningunha a mellor prevención é, dado que o home e a muller son a única fonte de infección e que se transmite pola saliva, evita-lo bico cando se está infectado. O problema radica en que, ó tratarse dunha enfermidade que inicialmente pode pasar desapercibida, o diagnóstico da infección realízase cando a sintomatoloxía é xa moi clara e se puido producir algún contaxio.

As complicacións, pouco frecuentes

Este proceso infeccioso sanda como máximo en dous meses de non xurdiren complicacións, que non son frecuentes. A mononucleose é, polo xeral, benigna e en 3-4 semanas o paciente recupérase, aínda que poden persisti-lo cansazo e os ganglios inflamados. O diagnóstico da enfermidade baséase fundamentalmente nos síntomas característicos e nas probas de laboratorio, en especial as serolóxicas, xa que se forman anticorpos durante a enfermidade.


As complicacións que poden aparecer son múltiples, pero moi pouco frecuentes.

  • Neurolóxicas: excepcionalmente, meninxite, encefalite, parálise facial, etc…
  • Rotura do bazo: pouco frecuente (0,1% dos casos) pero grave, pódena provocar pequenos traumatismos e producirse tamén de xeito espontáneo.
  • Alteracións hepáticas máis habituais, aínda que case nunca producen problemas serios. Entre elas, a ictericia (cor amarelada da pel pola bilirrubina en sangue) é pouco frecuente.
  • Anemia por rompedura dos glóbulos vermellos (anemia hemolítica): dáse no 2% dos casos, e ás veces vai acompañada de descenso de plaquetas.