Canto máis detallados, mellor
Comparar orzamentos é un labor arduo que debemos realizar con detemento e sabendo de antemán que un orzamento é, unha vez aceptado e asinado, un contrato ó que ámbalas partes se adheriron. Por iso, antes de cerrar un orzamento para unha reforma no fogar cómpre comprobarmos que cumpra uns requisitos mínimos. Amais de tódolos datos da empresa contratada, os materiais que se utilizarán e a data de finalización de obra, un orzamento debe incluír cuestións fundamentais como o importe da man de obra, a superficie que se vai reparar, o xeito de pagamento e o IVE correspondente ós electrodomésticos -se se inclúen no orzamento- e a outros materiais, xa que non sempre coinciden. Canto máis detallado sexa un orzamento, máis doado será para o consumidor reclamar en caso de problemas.
Para contrata-la empresa, lembre…
- Acuda a varios profesionais para comparar ofertas antes de decidirse.
- Solicite un orzamento previo por escrito para evitar sorpresas. Asegúrese de que neste orzamento se detalle a cantidade, a calidade e prezo dos materiais, así como o importe da man de obra, a superficie que se vai reparar (metros, volumes, etc.), a data aproximada de comezo e remate do servicio, o período de validez da oferta, a cantidade total que se vai cobrar, o xeito de pagamento, e os datos de identificación da empresa de reformas.
- Desconfíe de orzamentos excesivamente baixos. Pregunte qué inclúen exactamente e qué se cobra por separado, a diferencia de prezos entre un máis alto e outro máis económico podería estar aí.
- Non está de máis que inclúa unha cláusula penal que especifique unha indemnización no caso de que se atrasen as obras.
- No caso de non acepta-lo orzamento, pódenlle cobrar polo tempo que levou a súa elaboración, pero só se previamente lle informaron desta posibilidade.
- Unha vez aceptado, asinado e selado o orzamento, este convértese en contrato pechado e, polo tanto, sen posibles cambios nin sorpresas de conceptos engadidos a última hora.
- No caso de aceptación, o cambio de condicións só é posible sempre e cando as dúas partes estean de acordo. Esixa que tódalas variacións acordadas sobre o orzamento inicial queden reflectidas por escrito.
Sinal e estragos
- Evite a entrega de cantidades adiantadas e a conta. Se lle piden un sinal, procure adiantar o mínimo posible e pida unha factura na que conste a cantidade aboada. Sen embargo, si que pode acordar pagamentos parciais por partes xa rematadas da obra.
- A empresa é responsable dos posibles prexuízos que un traballo defectuoso poida ocasionar. O profesional contratado debe poñer no seu coñecemento, por escrito, as avarías ou defectos que aparezan despois de realiza-lo orzamento, e as custas que xere a súa reparación.
- Non contrate a traballadores non profesionais -esixa a presentación do carné expedido polo Ministerio de Industria- que executan traballos e servicios no seu tempo libre. Na maioría dos casos carecen de licencia fiscal para traballar e de póliza de responsabilidade civil, polo que en caso de accidente ou estragos, non se poderán facer cargo dos gastos que se deriven dos mesmos.
- Antes de facer efectivo o último pagamento, comprobe que o traballo realizado non presenta ningún fallo.
- Solicite unha folla informativa de prezos por tempo de traballo, gastos de desprazamento e recargos por traballos de urxencia ou fóra da xeira usual. Os prezos deben incluír todo tipo de impostos.
Factura e garantía
- Supervise a calidade dos materiais. Comprobe, sobre todo, se están homologados e cumpren os requisitos esixidos. Non acepte pezas ou materiais usados.
- Saiba que non lle poden cobra-los materiais por riba do seu prezo de adquisición, polo que pode, e debe, solicita-las correspondentes facturas de compra dos mesmos.
- Esixa factura con IVE, só así poderá reclamar e usa-la garantía en caso de problemas.
- Trate de que na factura final consten por escrito os termos da garantía -especialmente a duración-. Lembre que a garantía debe estar escrita e asinada polo profesional que efectuou o traballo.
- Na factura debe consta-la identificación do usuario e do prestador do servicio, a descrición das operacións, o prezo detallado dos materiais, man de obra, traslados e impostos, o período de garantía, a data e a sinatura do prestador do servicio e do cliente.
- A contía da factura debe corresponderse co previsto no orzamento.