Croissants envasados

Moitas calorías e bastante graxa

Analizáronse sete mostras de croissants envasados en formatos que andan arredor dos 250 gramos, con moi distinto número de unidades (desde 6 ata 18 croissants), e que saían desde os 3,31 euros o quilo de Horno de Oro (Panrico) ata os 5,08 euros o quilo de Madame Brioche (Bimbo)
1 Xaneiro de 2003
Img analisisap

Moitas calorías e bastante graxa

Son moi calóricos (443 calorías cada cen gramos, de media), teñen moita graxa (entre o 16% e o 32%) e boa parte dela (entre o 30% e o 75%, segundo a mostra da que se trate) é saturada, a menos indicada para a saúde. Estas características nutricionais demostran que estes croissants, inxeridos preferentemente polos nenos e adolescentes, non se deben consumir en grandes cantidades nin se incorporaren á dieta cotiá para o almorzo ou a merenda. O pan branco, por exemplo, achega só 260 calorías cada cen gramos e ten un 1% de graxa. E, aínda que poida sorprender, a proporción de graxa dalgúns destes croissants é semellante á de carnes semigraxas de vacún ou porco e á de embutidos como lombo embuchado, mortadela ou salchichas frescas. E se comparamos esta presencia de graxa de entre o 16% e o 32% coa doutros productos típicos de almorzo, o pan de molde ten un 4,5% e nas galletas tipo María a graxa representa só o 14%.

O perfil da graxa (relación entre ácidos graxos insaturados e saturados) máis saudable é o de Mildred (2,17) e o menos eloxiable (0,35) foi o de Madame Brioche (Bimbo). O dos demais croissants é semellante (entre 1,2 e 1,66) e pódese considerar saudable. Lembremos que o consumo excesivo ou frecuente de graxas saturadas é nocivo para a nosa saúde, xa que se relaciona cunha maior incidencia de enfermidades cardiovasculares.

A información que ofrecen os envases é a materia pendente deste producto, xa que só La Bella Easo e Madame Brioche (Bimbo) locen unha etiquetaxe correcta. As outras cinco mostras incumpren a norma por diversas deficiencias (véxase o apartado “Un por un”). A análise microbiolóxica rexistrou na mostra de La Bella Easo un reconto de lévedos superior ó permitido, aínda que esta irregularidade non supón risco para a saúde do consumidor. Os croissants Mildred merecen o galardón de “máis equilibrados nutricionalmente”, por seren os de máis carbohidratos (55%) e menos graxa (16%) e valor calórico, 400 calorías cada cen gramos. Ademais, son os de graxa máis saudable. E o seu contido en ácido linoleico (esencial para o noso organismo) é o máis elevado. E, para rematar, son os únicos deste comparativo que non usan aditivos.

Na cata, realizada por nenos por seren eles os consumidores máis frecuentes deste producto, os mellores foron Horno de Oro (Panrico) e Madame Brioche (Bimbo). Destacaron negativamente os croissants Martínez que non chegaron nin sequera ó aprobado. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Mildred, xa que amais de se-lo máis equilibrado nutricionalmente, é o segundo máis barato e obtivo un bo resultado na cata.

Qué teñen os ingredientes

Estes croissants elabóranse preferentemente con fariña de trigo, graxa (graxa vexetal, aceite, manteiga, margarina), ovos (frescos ou pasteurizados), azucre (sacarosa, glicosa, xarope de glicosa), leite en po, lévedo e sal. Algúns usan aditivos como emulxentes, estabilizadores, antioxidantes, colorantes e aromas.

Os croissants analizados empregan como ingrediente maioritario a fariña de trigo, non sendo Panrico que recorre a unha mestura de fariña de trigo, soia e malta. No tocante á graxa, Txindoki emprega graxa vexetal, La Bella Easo utiliza graxa vexetal hidroxenada e Martínez usa graxa vexetal parcialmente hidroxenada, aceite de xirasol e aceite parcialmente hidroxenado. Mildred e Dulcesol incorporan margarina vexetal e Horno de Oro (Panrico) só margarina (ámbolos tipos de margarina son graxas vexetais parcialmente hidroxenadas). Madame Brioche (Bimbo) só emprega manteiga (17%). Pola súa banda, Mildred, La Bella Easo, Martínez, Txindoki, Horno de Oro (Panrico) e Dulcesol engaden ovo.

Tódalas mostras engaden azucre, e algunhas utilizan outros edulcorantes, como Horno de Oro (Panrico) que emprega xarope de glicosa, Dulcesol que engade sorbitol, La Bella Easo que incorpora dextrosa e Txindoki que fai o mesmo co azucre invertido. Mildred, Madame Brioche (Bimbo) e Martínez son os únicos que empregan unicamente azucre (sacarosa).

Os aditivos

Os emulxentes ou estabilizadores favorecen a unión entre substancias inmiscibles mantendo homoxénea a mestura. Salvo Mildred, tódalas mostras engaden emulxentes. Ademais, La Bella Easo utiliza estabilizadores e Martínez, espesantes. Continuando cos aditivos, Horno de Oro (Panrico), Dulcesol e La Bella Easo empregan antioxidantes (E-300, ácido L-ascórbico), substancias que prolongan a súa vida útil. Horno de Oro e Txindoki recorren a conservantes (E-282, propionato cálcico). Os aditivos de aromas están en Horno de Oro (Panrico), Martínez, La Bella Easo e Dulcesol. Para rematar, os colorantes utilízanse en Horno de Oro (amarelo alaranxado S e tartracina, ámbolos dous azoicos, menos saudables ca outros colorantes) e Dulcesol (B-caroteno, colorante non azoico). Os croissants Mildred son os únicos sen aditivos. Todos estes datos recolléronse das etiquetas dos envases.

Nutrientes: o que dixo a análise

O contido en humidade destes croissants é baixo, entre o 12% (Dulcesol) e 20% (Txindoki). Os macronutrientes maioritarios son os hidratos de carbono. Destacan os croissants Dulcesol, por teren a menor cantidade de proteínas (7%) e carbohidratos (47%) e a maior en graxas (31%), sendo loxicamente os máis enerxéticos (502 calorías cada cen gramos). No extremo contrario situouse Mildred, coa maior cantidade de hidratos de carbono (55%) e a menor de graxa (16%); é, ademais, o menos calórico, con 400 calorías cada cen gramos.

O maior contido en proteínas (10%) correspondeulle a Horno de Oro de Panrico. Martínez, xunto con Txindoki, presentou o maior contido en cinzas (os dous 1,5%), mentres que La Bella Easo soamente presentou o 0,9%.

A relación de ácidos graxos insaturados (mono- e poli-) respecto ós saturados, é un índice nutricional que informa do tipo de graxa empregada. Tendo en conta que os insaturados son beneficiosos para a saúde e que os saturados se consideran menos convenientes, canto maior sexa este índice máis saudable será o alimento. Tódalas mostras menos Madame Brioche obtiveron valores superiores a 1, sendo polo tanto maior a presencia de insaturados cá de saturados. Os Mildred foron os máis saudables (cun índice 2,17), e foron tamén os que achegaron a menor porcentaxe de saturados (31,5%). No extremo oposto situouse Madame Brioche (Bimbo) cun índice 0,35 e a maior proporción de saturados (74%).

Tamén se cuantificou a cantidade de ácidos graxos esenciais (os que o organismo non é capaz de sintetizar: o único xeito de conseguilos é mediante a inxestión de alimentos). Estes ácidos, ámbolos dous insaturados e beneficiosos para a saúde, son o linoleico e o linolénico. Mildred foi o de máis ácido linoleico (25% da graxa). Madame Brioche (Bimbo) presentou a maior cantidade de ácido linolénico (3,8%), pero tamén a menor de linoleico (2,9%). Martínez achegou o menor contido en linolénico (0,39%).

Este alto contido en graxas saturadas, unido á presencia de isómeros trans dalgúns ácidos graxos procedentes do proceso de hidroxenación parcial da graxa vexetal utilizada na elaboración destes productos, relacionouse cun aumento nos niveis plasmáticos de colesterol total, colesterol-LDL e triglicéridos. O colesterol do tipo LDL (a diferencia do HDL) é prexudicial para a saúde, xa que é un factor de risco para a aparición de enfermidades cardiovasculares.

No tocante ós minerais, só paga a pena salientar unha pequena achega de calcio (40 mg/100g) e magnesio (19 mg/100g), pero cómpre ter en conta o contido en sodio (178 mg/100g) por esta-lo consumo elevado de sal relacionado coa hipertensión. Por outra banda, os croissants son fonte de vitaminas liposolubles como a vitamina A (150 microgramos/100g) ou vitamina D (1,2 microgramos/100g), e cantidades máis modestas de vitaminas hidrosolubles como a niacina (1,5 mg/100g).

En consecuencia, o gran poder calórico destes croissants (aínda que é conveniente que o almorzo achegue suficiente enerxía) e o seu contido en graxas saturadas, conducen a recomendar que o consumo deste producto sexa moderado, para evitar situacións de obesidade infantil e alteracións do perfil lipídico do plasma que poidan carrexar complicacións cardiovasculares. Por iso, convén que para o almorzo ou merenda se consuman outros productos, mellores desde unha perspectiva nutricional e máis saudables, como pan branco ou de molde, galletas tipo María, froitas, iogures, cereais, e mesmo embutidos (estes últimos, con moderación).

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete mostras de croissants envasados, en formatos que andan arredor dos 250 gramos, con distinto número de unidades de producto, e que saían desde os 3,31 euros/quilo de Horno de Oro (Panrico) ata os 5,08 euros/quilo de Madame Brioche (Bimbo).
  • Son moi calóricos (443 calorías cada cen gramos, de media) e teñen moita graxa (entre o 16% e o 32%), boa parte dela saturada, a menos indicada para a nosa saúde.
  • Só La Bella Easo e Madame Brioche (Bimbo) locen unha etiquetaxe correcta.
  • Os Mildred son os máis equilibrados nutricionalmente, por seren os de maior cantidade de carbohidratos e os de menos graxa e valor calórico. Ademais, son os de graxa máis saudable. E o seu contido en ácido linoleico (esencial para o noso organismo) é o máis elevado. E son os únicos que non usan aditivos.
  • La Bella Easo presentou un reconto de lévedos superior ó permitido, que non supón risco para a saúde do consumidor.
  • Na cata, realizada por nenos, os mellores foron Horno de Oro (Panrico) e Madame Brioche (Bimbo).
  • A mellor relación calidade-prezo é Mildred: o máis equilibrado nutricionalmente, o segundo máis barato e conseguiu un “ben” na cata.
Marca MILDRED HORNO DE ORO
(PANRICO)
TXINDOKI LA BELLA EASO
Denominación
venda
“Croissants” “Croissants” “Croissants Txikis” “Croissants”
Prezo
(euros / quilo)
4,11 3,31 4,50 4,36
Etiquetaxe Incorrecto Incorrecto Incorrecto Correcto
Humidade (%) 18,6 15,2 19,8 15,9
Proteínas (%) 8,7 10,0 8,4 8,3
Graxa (%) 16,2 20,7 23,0 23,3
Hidratos de
carbono (%)
55,2 52,9 47,5 51,6
Valor calórico
(kcal/100 g)
401,4 437,9 430,2 449,3
Cinzas (%) 1,3 1,3 1,5 0,9
Relación AGI/AGS (1) 2,17 1,26 1,18 1,34
Ácidos graxos
saturados (%)
31,5 44,3 45,8 42,8
Ácidos graxos
monoinsaturados (%)
42,5 37,1 42,9 46,4
Ácidos graxos
poliinsaturados (%)
25,9 18,6 11,4 10,8
Ácidos graxos esenciais (2)
Ácido linoleico (% graxa) 25,10 17,51 9,16 10,03
Ácido linolénico (% graxa) 0,84 1,08 2,22 0,74
Estado microbio- lóxico Correcto Correcto Correcto Incorrecto
Cata (1 a 5) (3) 3,5 3,9 3,5 3,3
Marca MARTÍNEZ MADAME BRIOCHE
(BIMBO)
DULCESOL
Denominación
venda
“Croissants” “Croissants” “Mini croissants”
Prezo
(euros / quilo)
4,32 5,08 4,93
Etiquetaxe Inorrecto Correcto Incorrecto
Humidade (%) 15,9 18,9 12,7
Proteínas (%) 9,0 7,9 7,3
Graxa (%) 24,6 22,8 31,4
Hidratos de
carbono (%)
49,0 49,0 47,4
Valor calórico
(kcal/100 g)
453,4 432,8 501,8
Cinzas (%) 1,5 1,4 1,1
Relación AGI/AGS (1) 1,22 0,35 1,66
Ácidos graxos
saturados (%)
45,1 74,0 37,6
Ácidos graxos
monoinsaturados (%)
37,9 19,3 49,8
Ácidos graxos
poliinsaturados (%)
17,0 6,7 12,6
Ácidos graxos esenciais (2)
Ácido linoleico (% graxa) 16,61 2,87 10,59
Ácido linolénico (% graxa) 0,39 3,81 2,00
Estado microbiolóxico Correcto Correcto Correcto
Cata (1 a 5) (3) 2,9 3,8 3,0

(1) Relación AGI/AGS: Proporción de ácidos graxos insaturados (monoe poli-) con respecto ós saturados.
Canto maior sexa este índice, máis saudable será a composición da graxa.

(2) Ácidos graxos esenciais: ácidos graxos necesarios que teñen como única fonte a dieta.

(3) Por se tratar dunha cata con nenos, o baremo de puntuación é de 1 a 5. Estímase que 3 puntos equivale a un aprobado.

Un por un

Un por un, sete croissants envasados

MILDRED

  • Saen a 4,11 euros/quilo e son a mellor relación calidade/prezo.
  • Envase de 270 gramos, contén 8 unidades.
  • O mellor nutricionalmente e o máis saudable. Os únicos en envases individuais. Etiquetaxe incorrecta: non indica o número de envases individuais. O de menos graxa (16%) e o menos enerxético (401 calorías/100 gramos). O índice de ácidos graxos insaturados respecto ós saturados foi o mellor, o máis saudable (2,17). O único sen aditivos.
  • Na cata, ben, con 3,5 puntos. Os nenos catadores destacaron o seu sabor e sabor residual pero criticaron a súa textura, “dura e seca”.

TXINDOKI

  • Saen a 4,50 euros/quilo.
  • Envase de 240 gramos, contén 12 unidades.
  • Etiquetaxe incorrecta: non indica o número de lote. Altos contidos en humidade (19,8%) e cinzas (1,5%). Emprega conservantes.
  • Na cata, ben, 3,5 puntos. Os catadores destacaron a forma dos croissants e criticáronos polo seu sabor residual.

HORNO DE ORO (PANRICO)

  • Saen a 3,31 euros/quilo, os máis baratos.
  • Envase de 260 gramos, contén 12 unidades.
  • Etiquetaxe incorrecta: non cuantifica ingredientes representados graficamente no envase. A maior cantidade de proteínas (10%). É o único que usa colorantes azoicos (E-102 tartracina e E-110 amarelo alaranxado S), menos recomendables ca outros para a nosa saúde. E emprega, ademais, conservantes.
  • Na cata, os mellores: 3,9 puntos. Os nenos gabáronos, principalmente, polo seu sabor.

LA BELLA EASO

  • Saen a 4,36 euros/quilo.
  • Envase de 250 gramos, contén 10 unidades.
  • Estado hixiénico-sanitario incorrecto: valores superiores ós permitidos en lévedos, aínda que non supoña risco para a saúde do consumidor.
  • Na cata, 3,3 puntos. Non gustaron, nestes croissants, a cor, o sabor residual nin a textura.

MARTÍNEZ

  • Saen a 4,32 euros/quilo.
  • Envase de 250 gramos, contén 10 unidades.
  • Etiquetaxe incorrecta: non cuantifica a proporción de ingredientes representados graficamente no envase.
  • Na cata, o peor, con 2,9 puntos. Comentarios desfavorables, fundamentalmente polo seu pouco sabor.

MADAME BRIOCHE (BIMBO)

  • Saen a 5,08 euros/quilo, os máis caros.
  • Envase de 260 gramos, contén 6 unidades.
  • O perfil graxo menos saudable: o menor índice (0,35) de ácidos graxos insaturados con respecto ós saturados, e a maior proporción de ácidos graxos saturados (74%).
  • Na cata, o segundo mellor, con 3,8 puntos. Destacou en sabor e sabor residual, pero recibiu críticas pola súa textura “dura e seca”.

DULCESOL

  • 4,93 euros/quilo.
  • Envase de 225 gramos, contén 18 unidades.
  • Etiquetaxe incorrecta: non indica porcentaxe de ingredientes representados graficamente no envase. O de máis graxa (31%) e o máis enerxético (502 calorías cada cen gramos). Emprega un colorante (non azoico).
  • Na cata, o segundo peor, con 3 puntos. Boa cor, aínda que a súa textura foi un pouco dura e seca.