Asma infantil

Nos últimos vinte anos duplicáronse os casos

A gravidade do asma vén determinada pola intensidade das crises e pola súa frecuencia
1 Xaneiro de 2003
Img salud listado 217

Nos últimos vinte anos duplicáronse os casos

O asma infantil, a enfermidade crónica máis habitual entre os menores de 14 anos, é unha patoloxía das vías aéreas caracterizada por episodios recorrentes, máis ou menos frecuentes, de tose, asubíos no peito ó respirar e afogos que non se deben a outras enfermidades. Estímase que, dependendo da zona xeográfica, entre o 5% e o 15% de nenos a padecen. Pero o máis rechamante é que a súa incidencia se está incrementando de xeito alarmante e que nas dúas últimas décadas os casos duplicáronse. Na infancia é máis frecuente entre os homes ca nas mulleres, cunha relación de 2 a 1, pero a medida que se achegan á pubertade e á adolescencia a frecuencia entre ámbolos sexos vaise igualando. Por regra xeral, os nenos asmáticos melloran na pubertade e adolescencia, pero entre un 30% e un 50% volverá ter síntomas a partir dos 20 anos. O asma infantil ocasiona, amais de frecuentes hospitalizacións nos casos máis severos, unha diminución da actividade do neno e absentismo escolar.

Obstrucción das vías aéreas

O asma prodúcese porque o aire non chega ós pulmóns debido á obstrucción das vías aéreas. Tres tipos de síntomas definen esta enfermidade: a inflamación crónica das paredes bronquiais, a hiperreactividade bronquial e, en consecuencia, o estreitamento dos bronquios, e a obstrucción total ou parcial do fluxo aéreo.

A causa máis coñecida de asma é a reacción alérxica de hipersensibilidade inmediata, é dicir, ante a presencia de proteínas que o organismo identifica como estrañas, prodúcese unha reacción inmediata a nivel das paredes bronquiais, que se inflaman e estreitan. Como consecuencia aparecen a tose, os asubíos no peito e, ás veces, os afogos.

¿Por que se produce a alerxia?

Durante moitos anos pensouse que o bebé acabado de nacer era inmunoloxicamente virxe e que só despois do nacemento e ó entrar en contacto directo co medio natural se iniciaba a resposta inmunolóxica. Actualmente sábese que esta se inicia xa no período intrauterino, que o neno nace xa coa capacidade de responder inmunoloxicamente a alérxenos comúns, e que esta capacidade de resposta se modifica despois do nacemento. O primeiro encontro entre os alérxenos e as células encargadas inicialmente de organiza-las defensas inmunolóxicas, os linfocitos T, prodúcese no período fetal. Diversos factores maternos e ambientais, como a presencia de anticorpos na nai e as exposicións diversas que chegan por vía placentaria, actúan durante a xestación para determina-la resposta inmunolóxica. A alerxia, que é unha aberración da resposta inmunitaria normal, parece xerarse neste período. Así falamos de atopia, de nenos atópicos, cando ante determinados alérxenos reaccionan de xeito esaxerado.

Factores que poden predispoñer

Tralo nacemento modúlase a resposta inmunolóxica do bebé, dependendo de circunstancias ambientais aínda non moi ben coñecidas, aínda que se sabe que algúns factores poden influír:

  • O maior grao de hixiene nos fogares do mundo desenvolvido, que diminúe os contaxios infecciosos pero parece debilita-la resposta inmunolóxica do organismo e favorece as alerxias.
  • O aumento de vacinacións, que se asocia cun incremento da incidencia de alerxias e de atopia (reacción esaxerada a un alérxeno).
  • Sospéitase tamén que o uso frecuente de antibióticos nas infeccións da primeira infancia favorece a aparición de alerxias.
  • A microflora intestinal parece xogar un importante papel, e por iso as modificacións no estilo de vida e alimentación dos países desenvolvidos poderían influír no incremento dos casos de alerxia.
  • A exposición intensa a alérxenos nos primeiros períodos de vida, sexan vexetais ou animais, asóciase cun aumento da sensibilización nos tres primeiros anos de vida, o que provoca unha maior incidencia do asma nos últimos anos da infancia e na adolescencia.
  • O desenvolvemento da enfermidade alérxica a nivel pulmonar vese facilitado pola exposición ó fume do tabaco e outros contaminantes atmosféricos.
  • As infeccións respiratorias nos primeiros seis meses de vida reforzan o sistema inmunolóxico e os nenos amosan menor frecuencia de asma. Agora ben, a infección por virus respiratorio sincitial asóciase cunha maior frecuencia de alerxia.

Estes feitos explicarían o notable incremento do asma infantil e doutras enfermidades alérxicas nos países desenvolvidos.

Diagnóstico

O número de alérxenos -substancias que poden producir alerxia- é enorme, pero os máis frecuentes son os ácaros do po, os poles, os mofos e algúns alimentos. O diagnóstico do asma infantil é fundamentalmente clínico, baseado nos síntomas e na historia e exploración clínicas. Os episodios recorrentes de tose ou de asubíos ó respirar pódense deber ó asma, sobre todo se se agravan co exercicio físico e se se complican con infeccións virais. Tamén se pode sospeitar que o neno padece asma se a tose comeza ante a presencia de determinados alérxenos ou presenta unha variabilidade estacional. As probas funcionais respiratorias, doadas de realizar en adultos, son complicadas para seren practicadas a nenos, aínda que agora hai dispositivos que permiten obter datos fiables. Diagnosticado o asma, hai que se preguntar cál debe se-lo tratamento, que se establecerá en función da severidade do cadro clínico. A gravidade do asma vén determinada pola intensidade das crises e pola súa frecuencia.

Tratamento

O tratamento do asma é complexo e hai que adaptalo ó neno en función do tipo de asma que padeza, da maior ou menor severidade, da idade… Sempre que sexa posible, a medicación do asma débese administrar por vía inhalatoria.

Basicamente hai dúas clases de fármacos: os de control a longo prazo ou de tratamento de fondo, que se utilizan de maneira regular, continua, para previ-los ataques e mante-las vías respiratorias expeditas (esteroides inhalados, inhibidores de leucotrieno, broncodilatadores de acción prolongada, cromolina sódica ou nedocromil sódico, aminofilina ou teofilina, combinacións de antiinflamatorios e broncodilatadores), ou os medicamentos de alivio rápido das crises, que se administran cando se presenta un ataque de asma (broncodilatadores de acción curta, corticosteroides orais ou intravenoso).

¿Como hai que actuar ante un neno con asma?

O máis importante é non dramatiza-la súa enfermidade, non sobreprotexelo nin tratalo de xeito diferente por padecer asma. Convén informalo sobre o seu trastorno, explicándolle cómo controlalo con medicamentos -se os precisa- e enumerándolle os factores que poden desencadear nel unha crise. Débese procurar diminuí-la ansiedade que provoca a enfermidade e atallar na medida do posible o absentismo escolar. Para iso nada mellor que promove-la súa participación nas actividades escolares e de lecer que o seu estado de saúde lle permita. O neno asmático debe evita-lo fume do tabaco, convén que ninguén fume na súa presencia. Na casa é preferible non ter animais domésticos, non empregar almofadas e coxíns de plumas nin alfombras e moquetas. Hai que manter no interior da casa unha humidade relativa inferior ó 50%, e se é sensible a ó pole e ós mofos, haberá que pecha-las ventás nas estacións con alta concentración de pole. Os nenos asmáticos alérxicos ós ácaros do po doméstico pódense beneficiar de vacacións en altitudes superiores ós 1000 metros, mentres que os alérxicos ós poles se benefician de vacacións na costa.

Cando se desencadea unha crise hai que controla-lo pánico, pois esta reacción dos pais pode poñer aínda máis nervioso o neno e empeora-la crise. Se habitualmente se controla con medicación, decote a xeito de inhaladores, adminístrello. En caso de crise grave ou que non cede coa medicación habitual, non dubide en poñerse en contacto co médico. Normalmente nas consultas subminístranse folletos informativos que axudan as familias a saberen cómo teñen que comportarse.