Bernat Soria, investigador científico

"O investimento en ciencia e tecnoloxía é o único que nos defende do descoñecido"

1 enero de 2003
Img entrevista listado 203

¿Por que defende o uso de células nai embrionarias para a investigación?

Eu defendo o uso de células nai, calquera que sexa a súa orixe. É dicir, non só embrionarias senón tamén de orixe fetal ou de adulto. No ámbito científico non hai polémica sobre o uso do método alternativo de células nai de adulto ou de embrión. Iso inventárono algúns señores. Os científicos, a Academia de Ciencias dos Estados Unidos e ata setenta premios Nobel, entre outros, defenden o uso de células nai de calquera orixe para explora-las súas posibilidades, ver cáles son mellores e usalas. E polo que sabemos, as células nai de orixe embrionaria son mellores pola súa maior capacidade de expansión e de diferenciación, para crear un órgano e para diferenciarse en calquera órgano.

Se o obxectivo da investigación con células nai embrionarias é realizar transplantes, ¿o seguinte paso é a clonación terapéutica?

Se utilizamos células nai a partir de embrións, estamos usando células con dotación xenética distinta á do paciente, polo que seguiremos precisando inmunosupresores para evita-lo rexeitamento do órgano. Estes fármacos implican un risco de infeccións e de malignización cancerosa, polo que sería mellor non usar inmunosupresores. Iso pódese conseguir se utilizamos células do mesmo paciente e se obteñen células nai compatibles co receptor. Polo de agora sabemos que nos ratos funciona. Nunha enfermidade no rato semellante á dos nenos burbulla, realizouse todo o proceso de clonación e completouse con éxito.

¿Está preparada a sociedade española para a clonación terapéutica?

A nosa sociedade é moito máis moderna do que imaxinan os seus dirixentes, xa resolveu o tema e ten unha postura maioritaria en termos sociais. A decisión do Goberno é máis lenta ou representa a sectores que mandan moito no Goberno pero que na sociedade non representan tanto. Isto non quere dicir que o problema estea resolto desde a súa vertente ética. Cómpre tratalo coma calquera outro tema que afecte a crenzas íntimas, pero sorprende que outras crenzas cristiás apoien esta investigación, como acontece no Reino Unido, onde o Bispo de Oxford avala o informe a favor desta investigación.

Ante as controversias que suscitan algunhas investigacións, vostede solicitou a creación de comités éticos. ¿Como se deberían conformar?

A ética debe regular tanto a actividade científica coma calquera outra actividade. Como é case imposible que as leis sexan quen de preve-los descubrimentos dos vindeiros anos, os países máis avanzados do noso contorno crearon comités éticos independentes do Goberno, consensuados con tódalas forzas parlamentarias e que, de xeito autónomo, emiten opinións sobre preguntas que, hoxe por hoxe, aínda non sabemos cáles son.

¿Como se deben establece-los límites éticos a iniciativas que redundan en beneficio da humanidade?

Un investigador ten que traballar dentro da ética e da legalidade. Ás veces, a presión social pode leva-lo investigador a pensar que o fin xustifica os medios, pero o fin nunca xustifica os medios. Cando se trata dunha discusión técnica, con tódolos datos constrúese unha ética non confesional e as solucións que se achegan son as mellores para todos. No caso dos embrións humanos para usos científicos, eu defendo que hai problemas éticos no non uso deses embrións: non é ético deixar de utilizalos. Pregúntome a qué ética se refiren certas persoas cando falan de ética: ¿á ética confesional dalgúns ou a unha ética que podemos comparti-la maioría e que está baseada nos Dereitos Humanos?

O uso de embrións conxelados en clínicas converteuse no epicentro da polémica, pero se non se usan para fertilización porque levan máis de cinco anos conxelados, ¿que se fai en España con eles?

Destrúense, ou como di o Opus Dei, “déixaselles morrer dignamente”. Coido que é un erro que resolve unha crenza íntima moi respectable, pero nun Estado de Dereito non se pode prohibir esta investigación. Na opinión dalgúns cristiáns, un embrión dunha soa célula xa é unha persoa, e con esa base teórica néganse á fecundación in vitro, ó uso de preservativos… Son éticas particulares, difíciles de compartir para o resto de cidadáns e mesmo de crentes. Hoxe, non defende-lo preservativo nun continente como África, co 25% da poboación seropositiva, é inmoral porque lles causa sufrimento seguro a moitos seres humanos. Eu falo desde unha ética non confesional, e os grupos que se opoñen á fecundación in vitro e ó uso do preservativo opóñense tamén ó uso de embrións na investigación.

Está convencido de que finalmente o Goberno aprobará a súa investigación, pero ¿prexudicaralle a España ese atraso, baixaremos na clasificación da investigación mundial?

España, en investigación científica, xoga en Terceira División e debemos procurar, polo menos, subir a Segunda. Cómpre aumenta-lo investimento en ciencia e tecnoloxía, porque é o único que nos defende do descoñecido. Non sei qué enfermidades aparecerán dentro de 10 anos, igual que cando eu estudiaba non se coñecía o SIDA. ¿Quen se enfrontou ben a esa situación? Os que tiñan unha boa investigación básica. E en España acontecéronnos desastres que demostran que a nosa investigación básica non é boa. O síndrome do aceite de colza foi un deles: durante meses non se soubo o que estaba ocorrendo e a xente continuaba intoxicándose. Agora, coa crise do Prestige, vímonos obrigados a pedirlles a outros países un batiscafo e barcos con técnicas especializadas para tratármo-los vertidos de fuel porque antes non se fixo un esforzo en investigación mariña que nos permita defendernos de catástrofes, e ó final a súa resolución resulta moito máis cara.

¿Como valora que aquí se free a súa investigación e desde a UE se financie o seu proxecto con 2,1 millóns de euros?

Para quen xogou con este tema con superficialidade, o feito de que a Comisión Europea, ou o que é o mesmo, varios comités científicos e éticos, decidan financiar este proxecto resultará abraiante, porque é a decisión de varios grupos de expertos fronte a quen se autoarroga unha capacidade para decidir que quizais sexa excesiva.

A súa investigación trasladou unha mensaxe de ilusión e esperanza a millóns de enfermos, non só de diabete, senón tamén de Párkinson ou Alzheimer. ¿Hai motivos reais para tantas expectativas?

Hai unha mensaxe de esperanza, pero tamén de prudencia. Algo que funciona en animais, pode funcionar para a diabete, para o Párkinson ou para os nenos burbulla. Así que cómpre dedicarlle tempo, traballo e esforzo. E o único xeito de saber se funcionará é facéndoo. Pero esa prudencia e ese esforzo tense que esixir non só na investigación con células nai de orixe embrionaria, senón tamén na investigación con células nai adultas. Quen defende o uso de células nai adultas deuse présa en facer transplantes en pacientes. ¿Por que non se lles aplican tamén criterios éticos a eses transplantes? ¿Onde están os comités de ensaios clínicos, onde está o deseño da mostra, onde está a privacidade do paciente e onde está un estudio comparado, unha mostra abonda de casos con outros controis e unha evolución de 5 a 10 anos? Pero hai moita présa por demostrar que as células nai adultas son mellores cás embrionarias. Coido que cando se fala de ética cómpre falar de tódalas éticas.