O perigo que vén de fóra
A globalización non é un fenómeno que afecte só ó comercio, ós sectores primarios, á industria, á economía, á seguridade, á política ou ós fluxos migratorios dos seres humanos. Tamén actúa, e non precisamente de xeito positivo, na natureza. Plantas e animais procedentes doutras latitudes do planeta danan, ás veces irreversiblemente, ós seres vivos autóctonos de cada rexión do globo. Son moitas, e cada vez máis, as especies que atopan fóra das súas áreas naturais un medio apropiado para subsistir. Esta extraordinaria capacidade de adaptación converteuse nunha ameaza que pode favorece-la extinción das especies autóctonas coas que entran en competencia polo alimento ou polo territorio. A proliferación de especies invasoras, ou alóctonas, é, trala destrucción do hábitat, a principal causa de extinción de plantas e animais, debido a que -segundo os casos- depredan sobre as autóctonas, compiten polos recursos, hibrídanse e transmiten enfermidades. Algunhas poden chegar a cambia-lo propio funcionamento do ecosistema. Pero non tódalas especies introducidas causan problemas. De feito, moitas das que habitualmente se utilizan en agricultura e gandería son exóticas. Sen embargo, as especies invasoras convertéronse en parte importante do cambio ambiental global. En España, un de cada catro tipos de peixes que poboan ríos e lagos é foráneo. Moitas plantas e animais chegaron, por causas accidentais ou comerciais, a zonas moi arredadas do seu hábitat natural. A introducción do coello en Australia, que se converteu nunha auténtica praga, é o exemplo máis coñecido de especie invasora. Na Península Ibérica introducíronse -de xeito intencionado ou accidental- moitas especies exóticas, tanto de fauna coma de flora que causaron graves prexuízos ás especies autóctonas.
Flora
-
Herba da Pampa ou plumeiro
Planta exótica chegada a España do outro lado do Atlántico a comezos do XX para adorna-los xardíns das grandes mansións. Leva camiño de se converter nunha praga. É boa de distinguir polo seu porte elegante, ten un penacho branco-prateado, que alcanza os dous metros de altura. Medra en todas partes -cunetas, beiravías, ribeiras e descampados- e aclimatouse de tal maneira que é unha ameaza para a biodiversidade vexetal en toda a cornixa cantábrica. -
Carqueixa (baccharis halimifolia)
Arbusto procedente de Sudamérica, que está colonizando grandes extensións de humedais. Ten aparencia discreta e pásalle desapercibida a todo aquel que non coñeza as súas características. Pero a súa capacidade de adaptación ó clima converteuna nunha temible inimiga das plantas tradicionais dos humedais, ás que está desprazando sen compaixón ningunha. - Falsa acacia (robinia pseudoacacia) invade, cada vez máis, recunchos dos montes. A herba tradicional das veigas próximas á costa está sendo desprazada polo paspalum, gramínea sudamericana que forma unha capa de groso céspede. O problema é semellante ó que se detectou nas comunidades do Sur e Baleares co carpobrutus, céspede-africano que comezou a utilizarse para alfombra-los xardíns de novas urbanizacións pola súa capacidade para sobrevivir con pouca auga e que acabou desprazando as variedades que medraban na zona.
-
Caulerpa taxifolia
Alga tropical, perigosa para o ecosistema vexetal mariño, que está colonizando as augas do Mediterráneo. Utilizada para a decoración de acuarios nos anos oitenta, foi parar ó mar, ó parecer, desde un acuario de Mónaco. É moi resistente ó frío e dado o seu alto índice de toxinas, os depredadores nin se achegan ó seu redor. Pode alcanzar 80 cm de altura. -
Mexillón cebra
Orixinario dos mares Negro e Caspio, detectouse a súa presencia no Baixo Ebro. É un mexillón de auga doce que viaxa adheríndose ó casco das embarcacións. Prolifera de maneira descontrolada e masiva, e pode chegar a cubrir por completo os leitos das canles e cega-las infraestructuras hidráulicas (tubos de rega e abastecemento). Produce graves perdas de hábitat e de especies de flora e fauna, amais de danos millonarios en infraestructuras. -
Cangrexo vermello americano
É unha das maiores pragas dos nosos ríos. Introduciuse en 1974 para repoboa-los ríos e ós poucos provocou a extinción da especie autóctona. Atópase ó longo das ribeiras, nas que desenvolve o seu labor de zapa e mina, furando toda a área, provocando desprendementos e variando a orografía natural das beiras. Converteuse nun problema grave para os cultivos de arroz do Delta do Ebro e da Albufeira de Valencia, xa que a biomasa dos cangrexos pode chegar a ser de 500 quilogramos por hectárea, e devora os gromos desta planta. -
Lucio
A voracidade deste enorme peixe, que pode medir 50 centímetros e pesar 35 quilos, causou a diminución de moitas especies autóctonas, xa que se alimenta de peixes, anfibios e mesmo aves. Procede de Europa central e foi introducido no Texo en 1949. -
Sapoconcho de Florida
É un tipo de tartaruga que se tiña na casa como mascota. Importáronse 900.000 exemplares en 1987. Ó ser máis adaptable, voraz e agresivo, despraza ós nosos sapoconchos autóctonos (europeo e leproso). Ademais, os sapoconchos de curta idade de Florida son moi carnívoros e aliméntanse de crías e cágados de especies autóctonas. A UE prohibiu a súa importación. -
Malvasía canela
Este parrulo está colonizando o sur europeo, onde habita un familiar seu moi ameazado: a malvasía cabecibranca. A malvasía canela copula coa autóctona dando lugar a híbridos que dexeneran xeneticamente a especie nativa. -
Visón Americano
É o que se cría en granxas peleteiras. Nos últimos anos, os visóns americanos fugados destas granxas convertéronse en competidores para os visóns europeos, xa que o americano é de maior tamaño, máis agresivo e adaptable. O seu celo comeza antes, polo que non ten competencia e desprazou ó europeo, que se atopa ó bordo da extinción. - Non ceibe ningún animal na natureza. Coas plantas e sementes, o mesmo.
- Lembre que as especies invasoras son unha das causas principais de extinción de especies a escala mundial.
- Non merque especies exóticas como animais de compaña. E se xa as ten, cóideas e non as abandone.
- Procure utilizar especies autóctonas como plantas ornamentais.
- Se viaxa, non traia con vostede seres vivos. No seu lugar de orixe viven mellor e non causan problemas.