Mellor para saír do paso que como prato frecuente
Conservas como a fabada asturiana analizada neste comparativo permítenlle a calquera consumidor dispoñer sen esforzo ningún, e nos poucos minutos que se tarda en quentalo, dun prato completo para a comida. Ademais, conservan todas as súas propiedades nutritivas e organolépticas durante meses sen necesidade de conservalas en frío. E, por se fose pouco, o seu prezo é razoable: as seis mostras analizadas (cinco de fabada asturiana e unha de fabas con chourizo) saen dende pouco máis de 2 ata 5,6 euros o quilo. Pero non todo son vantaxes: teñen (polos seus “tropezos” cárnicos) bastante graxa, dende case o 6% ata o 11%, para se tratar dunhas fabas; boa parte dela é saturada, a menos saudable, e ademais inclúen unha cantidade non desprezable de sal e unha serie de aditivos dos que a receita tradicional carece. Os resultados na cata de consumidores tampouco foron brillantes: ningunha mostra se achegou sequera aos 7 puntos.
Que teñen estas fabas preparadas
Amais das fabas -que de media supoñen o 80% do seu contido, aínda que as diferenzas son notables: dende o 69% de Campanal ata o 88% de Gallina Blanca- conteñen unha gornición, que ten como composición máis frecuente chourizo, morcilla, entrefebras e touciño (é a receita de Litoral, Louriño e Gallina Blanca). Orlando (que se comercializa como “fabas con chourizo”, non como “fabada asturiana”) é o formato máis básico, con só fabas (87%), chourizo (6%) e touciño (6%). Albo omite o touciño e no seu lugar pon entrefebras, case o 9% do total. A receita de Campanal (a mostra máis cara das comparadas) concédelle maior protagonismo á gornición: as fabas representan só o 69% do produto; é a de máis morcilla (11%) e chourizo (9%) e a única con lacón (5%). Gallina Blanca, a segunda mostra máis cara, destaca pola maior cantidade de fabas (88%) e a menor de derivados da carne. Ademais de fabas, cárnicos, auga, sal e aceite, algunhas mostras engaden especias (loureiro, allo ou pemento) e hortalizas como cebola e porro. Tamén figuran nas listas de ingredientes os aditivos: aromas, colorantes, potenciadores do sabor, antioxidantes, conservadores e estabilizantes. Algunhas mostras non empregan todos, polo que os consumidores poden ter en conta esta circunstancia na elección dunha ou outra marca. Os ingredientes aparecen sempre en orde decrecente á cantidade utilizada (o máis abundante dá comezo á lista e o de menor contido péchaa).
En laboratorio… o nutricional
A auga representa nesta conserva entre o 68% de Campanal (a de máis carne e menos fabas) e o 74% de Orlando e Gallina Blanca, as de maior contido nestes legumes. Tratándose de fabas, é lóxico que os hidratos de carbono sexan o macronutriente maioritario: de media, representan o 12% do produto. Aínda que as fabas carecen practicamente de graxa, estes pratos preparados a base delas si que a conteñen: de media, un 8,6% do produto. A elevada achega de graxa e colesterol débese á presenza de cárnicos como morcilla, chourizo, touciño e entrefebras. Destacan en graxa Campanal e Louriño, cun 11% deste nutriente. O produto menos graxo é Albo, con menos dun 6% de graxa.
O perfil lipídico destas conservas non é de presumir: de media, case o 38% da graxa é saturada, a menos saudable. Só Orlando se distancia, cun máis aceptable 32% de saturados na súa graxa, mentres que tres mostras alcanzan o 40%. Convén matizar que por moito que o produto teña un perfil lipídico pouco saudable (elevada proporción de graxa saturada), se o seu contido graxo é reducido, o de graxas saturadas será modesto. Na análise que nos ocupa, unha lata de fabada Campanal -pesa 425 gramos- achega 17 gramos de graxa saturada, o mesmo ca Litoral, e un chisco menos ca Gallina Blanca e Louriño, que conteñen 19 gramos de graxa saturada. Nas dúas restantes, o contido en graxa saturada é moito menor: 8 gramos escasos en Orlando e 9 gramos a Albo. As diferenzas son notables, xa que o peso das seis mostras é moi parecido, vai dende 400 ata 435 gramos. Por todo iso, este criterio de graxa saturada pode ser valorado cando se elixe o produto, particularmente cando se consume a miúdo.
As fabas preparadas máis proteicas son Albo e Campanal, cun 7,3%, e as menos ricas neste nutriente son Litoral (5% de proteína) e Gallina Blanca (5,2%). Louriño e Orlando contiñan pouco máis do 6%. Esta riqueza en nutrientes podería converter as fabas preparadas nun prato moi enerxético, pero non o son tanto. As máis enerxéticas son Campanal, con 179 calories cada cen gramos, e as menos, Orlando, con 128 calorías cada cen gramos. O resto móvense entre 133 e 168 calorías cada cen gramos. É unha achega calorífica non excesiva se se concibe estas fabas preparadas como segundo prato e veñen precedidas dun primeiro lixeiro, como ensalada ou verduras con patacas. As fabas son tamén ricas en fibra, que axuda a regular o tránsito intestinal.
Sal e aditivos
O sal representa neste produto entre o 1,2% de Orlando e o 0,5% de Louriño e Gallina Blanca. Tamén son pouco salgados Albo (0,6%) e Litoral (0,7%). Considéranse alimentos con excesivo sal os que superan o 1,8% deste condimento. Amais de fabas, cárnicos, sal e aditivos, como conservadores, aromatizantes, colorantes e outros, nestas fabas preparadas está permitida a adición de potenciadores do sabor como o glutamato monosódico, aditivo identificado nas etiquetas como E-621 e que resulta innecesario nun produto con tanto sabor como estas fabas preparadas. Proporciónalle un sabor máis intenso ao alimento e está autorizada a súa utilización ata 10.000 partes por millón (ppm). O laboratorio mediu o contido de glutámico en cada mostra. As cantidades foron en todas elas moi inferiores á admitida, se ben as maiores apareceron en Gallina Blanca (570 ppm) e Louriño (350 ppm), únicas que o declaran na súa lista de ingredientes. No resto, a presenza foi moito menor, dende os 90 ppm de Litoral ata os 140 ppm de Orlando e Campanal. Probablemente, os contidos tan escasos destas catro mostras que non declaran este aditivo se deban ao ácido glutámico que de maneira natural conteñen os produtos cárnicos empregados, e non a unha adición intencionada.
Os legumes son un alimento moi recomendable, entre outras razóns pola súa achega de fibra, pero consúmense menos do conveniente. Os expertos fixan a inxestión mínima de legumes en dúas veces á semana, se ben aconsellan que se chegue ás tres ou catro. Poderíase pensar, polo tanto, que o consumo destas fabas preparadas serve para cumprir con este precepto nutricional, pero non é así. A razón: incorporalas na dieta habitual suporía achegar ao noso organismo cantidades importantes de graxa saturada e sal. Deben de restrinxir ou evitar o consumo destas fabas preparadas as persoas con exceso de peso, as que sofren dixestións pesadas e quen teña o estómago delicado (trátase dun prato graxo e condimentado), os celíacos e os alérxicos á proteína do leite de vaca, e mais quen siga unha dieta baixa en sodio.
Para que estas fabas preparadas se manteñan en perfectas condicións hixiénico-sanitarias a temperatura ambiente ata o seu consumo, unha vez envasado o produto aplícaselle un tratamento térmico de esterilización, que elimina os microorganismos patóxenos que puidese conter o alimento. CONSUMER EROSKI realizoulle análises microbiolóxicas a estes seis pratos preparados e todos eles obtiveron resultados satisfactorios nos parámetros determinados, demostrando que eran estériles e que se atopaban en correcto estado hixiénico-sanitario.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse seis pratos preparados de fabas. Albo, El Litoral, Louriño, Campanal e Gallina Blanca denomínanse “Fabada Asturiana”, mentres que Orlando se denomina “Fabas con chourizo”.
- Conteñen entre 400 e 435 gramos e comercialízanse en latas, agás Gallina Blanca que vén en cazola de barro. Orlando e Louriño saen a menos de 3 euros o quilo; Gallina Blanca roza os 5 euros o quilo e Campanal supéraos.
- Fabas brancas, chourizo, touciño, morcilla, entrefebras e lacón son os seis ingredientes atopados, se ben ningunha mostra os contén todos. As de menor diversidade son Orlando (tres destes ingredientes) e Albo (catro); as demais teñen cinco. Campanal é a única con lacón, que na súa receita substitúe ao touciño.
- A máis proteica (7%), a de máis produtos cárnicos, é Campanal, precisamente a máis cara. A menos proteica (5,2%) é Gallina Blanca, aínda que non é a máis barata, senón a segunda máis cara.
- Son menos enerxéticas do que cabería supoñer: 152 calorías cada cen gramos de media, cun valor máximo de 179 calorías (Campanal) e un mínimo de 128 calorías en Orlando. Teñamos en conta que é un produto xa cociñado, ao que non se lle incorpora nin unha soa caloría máis.
- O ingrediente maioritario son as fabas, que achegan fundamentalmente hidratos de carbono (12% do produto). O 8,6% de graxa de media (chega ata o 11% en El Campanal e queda no 5,8% en Albo) procede dos cárnicos, ao igual que o fan as proteínas (6,3% de media).
- Boa parte desta graxa é saturada (chega ata o 40% do total da graxa en tres mostras), a menos conveniente para a saúde. As mostras con menos graxa saturada (non alcanzan os 9 gramos por lata), son Orlando e Albo. As outras catro achegan entre 17 e 19 gramos.
- Teñen bastante sal: dende o 0,5% de Louriño ata o 1,2% de Orlando. Un alimento ten demasiado sal cando supera o 1,8% de sal.
- Agás Campanal, incumpren a normativa ao non indicaren nas súas etiquetas o contido dos diversos produtos cárnicos, a pesar de que os destacan mediante imaxes.
- Mellor relación calidade-prezo: fabada asturiana Louriño. Destacou na cata, é barata, a segunda con máis cantidade de derivados cárnicos e contén pouco sal (0,5%).
Unha por unha
Unha por unha, seis fabadas
Louriño
- “Fabada Asturiana”
- Sae a 2,62 euros o quilo, baratas. Lata de 435 gramos. A mellor relación calidade-prezo.
- Etiquetaxe incorrecta: destaca con imaxes ingredientes sobre os que non informa. Máis graxa (un 11% é graxo) ca case todas as demais, e das menos salgadas (0,5% de sal). Contén, e indica na súa etiqueta, E-621, glutamato monosódico (350 partes por millón, ppm), aditivo potenciador do sabor.
- Na cata, con 6,6 puntos, figura entre as máis preferidas: gusta polo seu “sabor suave”, por “tenras” e “cor”; á súa vez tamén son criticadas por “pouco sabor”, “fariñentas” e “pequenas”.
Orlando
- “Fabas con chourizo”
- Sae a 2,31 euros o quilo, as máis baratas. Lata de 425 gramos. Etiquetaxe incorrecta: destaca con imaxes o touciño pero non informa sobre o seu contido. A gornición menos variada (só chourizo e touciño) e a segunda máis escasa en cantidade. As menos enerxéticas (128 calorías cada cen gramos), pero tamén as máis salgadas (1,2% de sal). Xunto con Albo, bastante menos graxa saturada ca as outras catro.
- Na cata, con 5,5 puntos, das menos preferidas: gustan por “tenras” e polo seu “sabor”; aínda que tamén son criticadas por “insípidas” e por teren a “faba pequena”.
Albo
- “Fabada Asturiana”
- Sae a 3,36 euros o quilo. Lata de 425 gramos.
- Etiquetaxe incorrecta: destaca mediante imaxes ingredientes e non informa sobre o seu contido. As de menos graxa (5,8%) e unha das menos caloríficas (133 cal/100 g). Xunto con Orlando, bastante menos graxa saturada ca as outras catro mostras.
- Na cata, con 6,4 puntos, sitúase entre as máis preferidas: gusta polo seu “sabor” e por “tenra”; aínda que algúns consumidores a critican por “pouco sabor”.
Litoral
- “Fabada Asturiana”
- Sae a 3,81 euros o quilo. Lata de 435 gramos.
- Etiquetaxe incorrecta: destaca mediante imaxes ingredientes e non informa sobre o seu contido. Unha das de menos proteína (5,5%).
- Na cata acada 6,3 puntos: gusta polo “sabor da súa salsa”, polo “tamaño das fabas” e por “tenras”; critícase a súa “cor escura” e “pouco sabor”.
Gallina Blanca
- “Fabada Asturiana”
- Sae a 4,93 euros o quilo. Cazola de barro de 400 gramos.
- Etiquetaxe incorrecta: destaca a morcilla como ingrediente e non informa da cantidade. Coa gornición máis escasa, son das menos proteicas (5,2%), pero tamén das menos salgadas (0,5%). Contén (e indica na súa etiqueta) E-621, glutamato monosódico (570 ppm), aditivo potenciador do sabor.
- Na cata acada 5,5 puntos e queda entre as menos preferidas: gusta por fabas “tenras”, “saborosas” e “de bo tamaño”; criticada por “sabor forte” e “cor escura”.
Campanal
- “Fabada Asturiana”
- Sae a 5,59 euros o quilo, as máis caras. Lata de 425 gramos.
- A de menos fabas (69% do produto). A única con lacón. Das máis proteicas (7%) e graxas (11%), e a máis enerxética (179 calorías cada cen gramos).
- Na cata obtén 5,6 puntos, e figura entre as menos preferidas: gusta o seu “sabor forte”, a súa “cor” e as súas fabas “tenras”; critícase por “faba grande”, “moita graxa” e “moitos condimentos”.