Botulismo / O consumo excesivo de bebidas de cola / Os gatos potencian os síntomas de alerxia / Leite de cabra contra a anemia ferropénica / Entrevista:Manuel Martínez Lavín
En catro palabras
- Botulismo:
- Enfermidade grave causada pola toxina que produce o bacilo Clostridium botulinum que paraliza os músculos e que mesmo pode ocasionar a morte por parada respiratoria. O modo máis común de contaxio é a inxestión de conservas caseiras contaminadas (non é frecuente atopar casos con latas envasadas comercialmente) ou o consumo de verduras frescas crecidas en chans con esporas deste bacilo. Os síntomas (boca seca, visión dobre, dificultade para tragar e pronunciar, náuseas, vómitos, diarrea, debilidade ou parálise das extremidades) aparecen entre as seis horas e os seis días seguintes á inxestión. Sen o tratamento axeitado a mortalidade, sexa por insuficiencia respiratoria ou por infeccións, alcanza o 60%.
Quen avisa non é traidor
A tan arraigada costume de tomar refrescos de cola de maneira habitual, mesmo entre os máis cativos, pode carrexar serios problemas de saúde. Así se desprende dun estudo levado a cabo en Carolina do Norte (EEUU) polo Instituto Nacional de Saúde Ambiental, no que se asegura que tomar máis de dúas porcións diarias desta bebida duplica as posibilidades de desenvolver unha enfermidade renal crónica. O desencadeante máis probable deste efecto podería ser o elevado contido en ácido fosfórico, o responsable de conferir a acidez característica da bebida e que tamén actúa como conservante. Agora ben, o ácido fosfórico tamén eleva ata en 2,3 veces o risco de padecer danos renais e mais a formación de cálculos, posibilidades que aparecen aínda que se consuma a versión dietética deste refresco.
Noticias
Os gatos potencian os síntomas de alerxia
Un estudo do Imperial College de Londres publicado na revista American Journal of Respiratory and Critical Care Medicine sinala que todas as persoas alérxicas sofren unha contracción das vías aéreas cando están preto dun gato aínda cando non lle teñan alerxia a este animal. Segundo o estudo, os alérxicos ao feo, á humidade ou ao po son máis propensos a sufriren o peche das vías respiratorias cando entran en contacto con pelo de gato. Logo de controlar a presenza de ácaros do po e de alérxenos felinos en fogares de toda Europa, comprobouse que había unha maior contracción das vías aéreas cando na vivenda se atopaba unha gran cantidade de pelo de gato.
O leite de cabra ten máis propiedades beneficiosas para a saúde ca a de vaca: prevén a anemia ferropénica e a desmineralización ósea. Unha investigación da Universidade de Granada levada a cabo con ratas de laboratorio revela que estas patoloxías se recuperan mellor coa inxestión de leite de cabra pola súa maior biodispoñibilidade de ferro, calcio, fósforo e magnesio. Malia os resultados, os investigadores sinalan que se requiren estudos en humanos para confirmar os achados obtidos e fomentar o seu consumo entre os afectados por anemia ferropénica nutricional e patoloxías relacionadas coa desmineralización ósea, así como para facelo extensivo á poboación xeral.
Entrevista
“É moi importante que os pacientes con fibromialxia eviten as situacións de estrés”
Que relación garda a fibromialxia co músculo cardíaco?
A fibromialxia, unha enfermidade de identificación reumatolóxica, garda unha estreita relación coa actividade dos nervios simpáticos (que actúan de modo alleo á vontade), a mellor caracterización dos cales consiste na monitorización do ritmo cardíaco. Unha análise pormenorizada da variabilidade da frecuencia cardíaca permítenos discriminar os pacientes con fibromialxia dos que non padecen esta enfermidade.
Pero o signo principal da fibromialxia é a dor.
Tecnicamente trátase dunha dor neuropática, dunha dor mantida polo sistema simpático que en determinados casos actúa como unha representación da mente no corpo. Consegue que moitas emocións de tenrura, pánico, tristura ou ira se traduzan en reaccións fisiolóxicas e causen tremores, movementos bruscos, palidez, dilatación das pupilas, taquicardia e dor. De aí que sexa importante que os pacientes con fibromialxia eviten as situacións de estrés.
No seu caso, a preocupación trasládase literalmente á dor física.
E a algo máis: aparecen a miúdo formigos nas extremidades, trastornos abdominais, unha necesidade obstinada de evacuar ouriños, ansiedade e depresión.
Moitas pacientes, xa que case sempre se trata de mulleres, séntense incomprendidas cando se trata de obxectivar a dor da fibromialxia.
A dor é sempre unha sensación subxectiva e privada, pero os neurotransmisores da dor aparecen en concentracións moi elevadas no líquido cefalorraquídeo das pacientes. Pódese demostrar. Un dos avances principais nesta enfermidade foi pasar dunha etapa de incomprensión a outra de pleno recoñecemento. Este tipo de dor acompáñase, ademais, dunha hipersensibilidade ao tacto. Contactos que normalmente son pracenteiros, como unha caricia ou un abrazo, poden ser percibidos como dolorosos.
Sándase?
Non dispomos aínda dun tratamento eficaz e querer tratar todos os síntomas á vez empeoraría o cadro. Pero resultan moi útiles as técnicas de relaxación, ioga e tai-chi, e mais seguir unha dieta desprovista de hormonas animais.