Manual de instrucións para comer san
A maioría dos consumidores españois continúa manifestando dúbidas cando se enfronta á lectura das etiquetas dos alimentos que merca. E estas acentúanse cando le a información nutricional. A miúdo confúndea coa lista de ingredientes cando, en realidade, informa do valor enerxético e da composición en nutrientes.
O coñecemento de cantas calorías contén unha porción de alimento ou a súa proporción para cada cen gramos, por exemplo, pode resultar de interese para aquelas persoas que seguen unha dieta e para todas as que desexan estar informadas do valor enerxético do que van comer. O mesmo se podería dicir acerca do contido de proteínas, carbohidratos, graxas, vitaminas, minerais, fibra ou oligoelementos incorporados no produto, ben pola súa presenza porcentual ou pola cantidade total que inclúe.
Este tipo de información, que é a que en esencia constitúe a chamada etiquetaxe nutricional, está considerada pola Unión Europea como “facultativa”. É dicir, malia o valioso que poida representar ter acceso ao contido en nutrientes dun alimento, as empresas dedicadas á elaboración, produción e envasado alimentarios teñen liberdade para decidir se a inclúen ou non nas etiquetas dos seus produtos, facultade da que, por certo, se aproveitan non poucas empresas ou ben para informar parcialmente ou ben empregando termos que resultan aínda de difícil comprensión para os cidadáns.
Este feito contribúe a que sexan moitas as persoas para as que a bondade da lista de ingredientes habituais en alimentos de consumo cotián segue sendo confusa e vaga. Nas enquisas de opinión os consumidores continúan expresando dúbidas ou respostas confusas cando se lles pregunta polo significado de termos como hidratos de carbono, azucres, graxas saturadas ou poliinsaturadas, ou graxas hidroxenadas. O mesmo acontece se se cuestiona se o aceite vexetal é sinónimo de saudable ou se a frutosa é mellor que o azucre.
Do mesmo xeito, a información nutricional confúndese a miúdo coa lista de ingredientes e, en moitos casos, non se sabe como interpretar o que di a etiqueta. En boa medida condicionado pola influencia das campañas de publicidade das grandes marcas, o consumidor vincula sen demasiado fundamento conceptos de nutrición e de saúde.
Enquisa pouco alentadora
“As calorías que ten”, “O que engorda e o que non engorda”… Estas son algunhas das respostas máis comúns dos consumidores cando se lles pregunta que entenden por etiquetaxe nutricional, tal e como se reflicte nas conclusións dunha enquisa elaborada polo Observatorio do Consumo e da Distribución Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no 2006.
De acordo cos resultados da enquisa, a maioría, o 61,2%, afirma consultar sempre ou case sempre a etiquetaxe dos alimentos nesta orde: data de caducidade/consumo preferente, condicións de conservación e utilización, lista de ingredientes e etiquetaxe nutricional.
Aínda que da resposta podería deducirse que hai unha maior cultura alimentaria e unha maior sensibilidade por seguir unha dieta equilibrada e saudable, o certo é que se constata unha dificultade notable para entender a información reflectida nas etiquetas dos alimentos. A facilidade de comprensión dos aspectos nutricionais alcanza, na devandita enquisa, un pobre 5,9 sobre 10.
Malia iso, son moitas as persoas enquisadas que se consideran capaces de comprender información de carácter técnico, aínda que a confusión e o descoñecemento sobre o significado nutricional de moitos ingredientes e aditivos que aparecen na etiqueta e o seu efecto na saúde continúan sendo importantes. O 22,5% dos entrevistados, case un de cada catro, manifesta ter dificultades para entender numerosos termos e denuncia que a etiqueta nutricional non é doada de usar.
Novas alternativas: o semáforo nutricional
Parece claro, á luz dos resultados, que a pesar de que a etiqueta actual inclúe máis información nutricional sobre os produtos, a terminoloxía e as fórmulas nas que está expresada na maioría dos casos resulta confusa e incomprensible. Non se consegue, polo tanto, o fin para o que está concibida: un consumidor informado. Para evitar esa consecuencia indesexada, algunhas empresas, concienciadas da importancia de formar e informar sobre os produtos alimenticios que venden ou producen, están a centrar boa parte dos seus esforzos en deseñar instrumentos útiles que acheguen datos claros, de interese e sinxelos aos usuarios.
Un dos exemplos máis recentes é o chamado semáforo nutricional. Esta proposta consiste na inclusión no envase do produto dunha etiqueta que permite que o consumidor coñeza cunha simple ollada a cantidade de calorías e dos cinco principais nutrientes que inflúen na saúde do consumidor (azucre, graxa, graxa saturada, sal e fibra).
Para todos eles definiuse unha inxestión máxima recomendada (o seu consumo débese vixiar), non sendo no caso da fibra, para a que se fixou unha inxestión diaria mínima recomendada (o seu consumo débese aumentar). A información aparece por porción do alimento e inclúese a porcentaxe de cada un dos nutrientes segundo a Cantidade Diaria Orientativa (CDO) que unha persoas adulta necesita inxerir ao día.
Ao ler as CDO na etiqueta convén recordar que as necesidades nutricionais difiren en función do sexo, idade, nivel de actividade física e outros factores. Por este motivo, as CDO non son as mesmas para todas as persoas. Non obstante, ao indicar os valores de CDO na etiquetaxe tomouse como valor de referencia a CDO correspondente a unha muller adulta, xa que é o valor que mellor se aproxima ás CDO da maioría da poboación.
En función destas proporcións, cada un dos elementos estará acompañado dunha cor que indicará se unha porción dun alimento ten un contido de calorías, azucre, graxa, graxa saturada e sal alto (laranxa), medio (amarelo) ou baixo (verde). A cor verde indica consumo libre, o amarelo consumo con moderación e a laranxa anuncia atención e, polo tanto, consumo con frugalidade. En calquera caso, que un produto luza algún “laranxa” na súa etiquetaxe non significa que ese alimento non se deba consumir.
Esa información tan só indica o nivel de consumo de nutrientes que facemos ao longo dun día, e pretende axudar a que se realicen eleccións de consumo saudables.
O obxectivo da etiquetaxe nutricional avanzada é, dunha banda, achegar a información nutricional dun xeito máis claro, completo e comprensible para o consumidor, de maneira que poida interpretar e entender cunha simple ollada os valores nutricionais dos alimentos e a relevancia que poden ter eses valores na súa saúde; e, doutra, axudar nunha elección máis saudable e acertada dos produtos.
Como interpretar o semáforo nutricionall
Calorías | Azucre | Graxas | Graxas saturadas | Sal | Fibra |
---|---|---|---|---|---|
274 1 | 21,4g 1 | 14,4g 1 | 9g 1 | 0g 1 / 3 | 1,7g |
14% | 24% | 21% 2 | 45% 2 | Menos que 1% | 7% |
* Da Cantidade Diaria Orientativa (CDO) para un adulto
(1) Cantidade de nutriente que contén cada porción
(2) Porcentaxe do nutriente que che achega unha porción do alimento con respecto á cantidade que precisas no día (CDO)
(3) Exemplo cantidade de sal en 55 g de porción
Calorías | Azucre | Graxa | Graxa saturada | Sal | |
---|---|---|---|---|---|
Que é baixo por porción | 150 ou menos | 6,75g ou menos | 5,25g ou menos | 1,50g ou menos | 0,45g ou menos |
Que é medio por porción | Entre 150 e 400 | Entre 6,75g e 18g | Entre 5,25g e 14g | Entre 1,50g e 4g | Entre 0,45g e 1,20g |
Que é alto por porción | 400 o máis | 18g o máis | 14g o máis | 4g o máis | 1,20g o máis |
Baixo (o 7,5% ou menos da Cantidade Diaria Orientativa). Medio (entre o 7,5% e o 20%). Alto (máis do 20%)
Nutriente | CDO Muller adulta | CDO Home adulto | CDO Neno (5-10 anos) |
---|---|---|---|
Enerxía (Kcal) | 2000 | 2500 | 1800 |
Proteína (g) | 45 | 55 | 24 |
Hidratos de Carbono (g) | 230 | 300 | 220 |
Azucres (g) | 90 | 120 | 85 |
Graxa (g) | 70 | 95 | 70 |
Graxa saturada (g) | 20 | 30 | 20 |
Sal (g) | 6 | 6 | 4 |
Equivalente en Sodio (g) | 2,4 | 2,4 | 1,4 |
Fibra (g) | 24 | 24 | 15 |
As Inxestións Diarias Recomendadas utilizadas para este documento son as Guideline Daily Amounts/Cantidades Diarias Orientativas (GDA/CDO, baseadas nas recomendacións do “Committee on Medical Aspects of Food and Nutrition Policy” (COMA) e do “Scientific Advisory Committee on Nutrition” (SCAN).
Se na etiquetaxe nutricional pon… | Convén saber que… |
---|---|
Azucres | É importante coñecer a cantidade de azucres dos alimentos, non só o total de carbohidratos, co fin de contemplar este dato se se desexa seguir unha dieta equilibrada, e non superar as recomendacións. Tomar ao día dous sobres de azucre (20 gramos de azucre), un vaso de zume (20 gramos de azucre) e tres galletas de chocolate (13 gramos de azucre), suma máis da metade do azucre recomendado. |
Graxas / Graxas saturadas | Tras os termos de “aceites vexetais” ou “graxas vexetais” empregados na elaboración de numerosos produtos, pódense agachar os aceites de coco ou de palma, ricos en ácidos graxos saturados. Ademais, cada vez máis alimentos -flocos de millo, patacas fritas, precociñados, bolería, repostería-, inclúen na súa lista de ingredientes “graxas hidroxenadas ou parcialmente hidroxenadas”, con efectos moito máis prexudiciais ca as graxas saturadas para o colesterol, os triglicéridos e a saúde das arterias. Sería conveniente que a etiquetaxe nutricional reflectise o perfil de graxas do produto: graxas totais, saturadas, monoinsaturadas, poliinsaturadas e trans. |
Fibra | A cantidade diaria orientativa de fibra é de 24 gramos. Moitos produtos que din ser integrais ou ricos en fibra non o son tanto como cabería esperar se se compara este dato co dos seus equivalentes normais ou con produtos similares de distintas marcas. |