Pagar si, pero o xusto
Non teñen luces de neon, pero os carteis que anuncian “Comisións cero” de numerosas entidades bancarias cobraron tal interese nos últimos anos que non pasan desapercibidos para moitos aforradores que se senten atraídos pola supresión do pagamento por servizos básicos como realizar transferencias, cobrar cheques ou manter unha conta corrente. Pero, estamos realmente ante o comezo do fin das comisións bancarias? Rotundamente, non. As estimacións sinalan que apenas arredor do 15% dos clientes bancarios en España se benefician dalgunha destas campañas que, por outra banda, esixen cumprir certos requisitos, como domiciliar a nómina e varios recibos e comprometerse a mantelos no banco durante períodos de, polo menos, 18 meses. Non obstante, fóra desas promocións quedan outras moitas comisións, coas que as entidades seguen a facer o seu “agosto” particular. Tarifas por manter un plan de pensións, por xestionar fondos de investimento, por cancelar un depósito, por amortizar capital da hipoteca, por descubertos en conta, por domiciliacións…, a lista de comisións que non se atopan incluídas nas campañas promocionais é infinita e crecente, e explica as excepcionais cifras de ingresos que seguen rexistrando as entidades por este concepto.
Nos primeiros seis meses do ano, só as cinco grandes entidades españolas ingresaron a incrible cantidade de 4.001 millóns de euros en concepto de comisións, o que supón un incremento do 12,45% con respecto aos 3.558 millóns que sumaron o ano anterior. Algunhas gañaron un 20% máis ca no 2006 por este concepto.
En moitos casos, o pagamento de comisións é inevitable. Non obstante, os usuarios teñen certos dereitos no tocante a este asunto que deben coñecer e exercer para evitar abusos.
Principais tipos de comisións
Comisións de servizo:
Baixo este concepto inclúense as comisións que aplican bancos e caixas polos servizos máis básicos e que adoitan utilizar practicamente todos os usuarios. É o caso de comisións por mantemento de conta, cobramento ou emisión de cheques ou realizar transferencias. Á marxe das campañas promocionais, a tendencia das entidades é a aumentar cada vez máis este tipo de cobramentos.
- Comisións de mantemento de conta: O importe medio que se paga por manter unha conta corrente é de 36 euros anuais, aínda que pode elevarse ata os 72 euros anuais. Neste punto, o aforrador debe vixiar que a súa entidade non lle aplica máis comisión ca a outros usuarios por manter un saldo en conta máis baixo. Isto é o que se denomina aplicación de comisións regresivas e penaliza ás rendas máis baixas. Dende o Banco de España consideran que isto é unha mala práctica bancaria e, nalgúns casos, pode xustificar o cobramento dunha indemnización ao cliente.
- Comisións por transferencias: Nos primeiros oito meses do ano, a tarifa media por realizar unha transferencia en España, dentro dunha mesma praza, incrementouse un 9,45%, ata alcanzar os 3,01 euros, segundo datos do Banco de España. Este dato refírese ás transferencias realizadas dentro da mesma entidade e corresponde a un 0,26% do capital que se quere transferir. En calquera caso, trátase do importe medio (calculado para unha transferencia de 10.000 euros). As entidades, polo xeral, aplican maiores comisións cando os importes son inferiores. As porcentaxes sobre o capital que se quere transferir van dende un 0,05% ata un 0,40%. Como mínimo cobran 1,50 euros e, como máximo, 75 euros.
- Comisións por uso de tarxetas: Esta é unha das partidas coas que os bancos sacan maiores ingresos. Sacar diñeiro dun caixeiro cunha tarxeta de débito nunha entidade financeira diferente á do cliente pero pertencente á mesma rede (Servired, Euro 6000 ou 4B) custaba a finais de agosto 0,6 euros de media, o que supón un incremento do 11,11% con respecto ás taxas de decembro de 2006. Se se trata dunha extracción de efectivo nunha rede distinta á do banco ou caixa de orixe, os usuarios pagan agora un 1,97% máis (2,59 euros) ca a finais do 2006. Estes datos corresponden a extraccións medias (de 300 euros). Non obstante, tamén neste capítulo as entidades adoitan aplicar distintas comisións en función da cantidade de cartos que se saquen do caixeiro. En tarxetas de débito, o cobramento máximo por sacar cartos dun caixeiro dunha entidade financeira distinta pero da mesma rede alcanza o 2% do diñeiro a extraer. En tarxetas de crédito, a comisión oscila entre un 2 e un 4% do diñeiro que se extrae do posto automático.
- Comisións por descubertos en conta: Por un descuberto en conta as entidades poden cobrar unha comisión de ata o 12,5% sobre o capital en números vermellos. En concreto, o artigo 19, apartado 4, da Lei 7/1995 do 23 de marzo di que a comisión percibida por situacións de descuberto, xunto cos xuros, non poderá dar lugar a unha taxa anual equivalente superior a 2,5 veces o xuro legal do diñeiro (que na actualidade se sitúa no 5%).
Que se pode facer para evitar estes pagamentos en servizos básicos?
- Apúntese a unha promoción “Comisións cero”: O mellor xeito de evitar este tipo de pagamentos é sumándose a unha das promocións de “Comisións cero” que teñen en marcha numerosas entidades. Para iso, adoita requirirse domiciliar a nómina, varios recibos ou contratar algún produto de investimento a longo prazo, como un plan de pensións.
- Negocie co seu banco: A miúdo, aínda que a entidade non teña deseñado un “paquete comercial” de comisións cero, si que adoita acceder a negociar unha supresión destas comisións básicas. En moitos casos, as entidades están dispostas a facer esta pequena “cesión” para premiar a fidelidade e gañar a confianza do cliente. Mesmo pode ameazar o seu banco con cambiar de entidade. En moitos casos, esta estrataxema é efectiva, xa a que a ningunha entidade lle gusta perder clientes.
- Aposte pola banca “on-line”: En última instancia, pode considerar en serio esa fuga cara a outro banco ou caixa de aforros que lle resulte máis barato. A competencia que se dá actualmente no sector financeiro por captar novos clientes é moi forte, de modo que seguro que o atopa. En concreto, a banca “on-line” non adoita cobrar por ningún dos conceptos comentados e non obriga a cumprir ningún requisito (unicamente abrir unha conta corrente).
- Ante comisións que se consideren abusivas, sempre se pode presentar unha reclamación ante a entidade e, posteriormente, se é necesario, ante o Banco de España (Servizo de Reclamacións. Banco de España. r/ Alcalá, 48. 28014 Madrid. Teléfono: 91 338 65 30).
Comisións por produtos de investimento:
Fondos de investimento e de pensións: As entidades son libres de fixar as comisións que aplican por xestionar os seus produtos de investimento. Non obstante, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (no caso dos fondos de investimento) e a Dirección Xeral de Seguros e Plans de Pensións, no caso dos fondos de pensións, fixan as cantidades máximas.
No caso de fondos, a comisión de xestión non pode superar o 2,25%, a de depósito o 0,20% e as de subscrición e reembolso, o 5%. As comisións deben figurar no regulamento dos fondos de investimento. Para efectuar calquera incremento ou redución, a xestora debe solicitar permiso á Comisión Nacional do Mercado de Valores. Autorizados os cambios, os partícipes que non estean de acordo poden, no prazo dun mes, saír do fondo sen que iso supoña ningunha penalización.
No caso dos plans de pensións, a suma das comisións de xestión e a comisión de depósito non pode superar o 2,5%. Moitas entidades, non obstante, aférranse a estes límites á hora de fixaren as súas tarifas. Segundo un informe de Analistas Financeiros Internacionais, máis da metade dos partícipes dun plan de pensións de renda variable en España soportan comisións superiores ao 2,35%. Ademais, un de cada catro titulares paga a comisión máxima permitida pola lei. Quen teña contratado un fondo de pensións pode consultar as comisións do seu plan no buscador que creou para tal efecto o portal da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.
Bolsa: Por manter unha conta de valores e operar en bolsa, as comisións poden variar moito entre unhas entidades e outras. Polo xeral, se se opera a través de Internet, as comisións de intermediación son significativamente máis baixas. De feito, é habitual atopar promocións de entidades que permiten operar sen comisións durante un período de tempo determinado para facer promoción deste servizo e enganchar o cliente coa bolsa. As tarifas en España pola mera execución de ordes adoitan oscilar, para as operacións pequenas (inferiores a 12.000 euros), entre o 0,25 e o 3% sobre o total efectivo da operación.
Como reducir o custo deste tipo de comisións en produtos de investimento?
O cobramento de comisións por produtos de investimento é un dos segmentos, xunto cos medios de pagamento, máis rendibles para as entidades financeiras. Aínda que a competencia é moi forte neste ámbito de negocio, as entidades resístense a baixar as súas comisións. Non obstante, tal abano de produtos fai posible atopar varios fondos de investimento ou de pensións moi semellantes (no tocante á política de investimento, expectativas de rendibilidade…), pero con comisións moi dispares. Polo xeral, as grandes entidades aplican tarifas moito máis elevadas (que adoitan estar no límite das máximas permitidas), mentres que pequenas caixas de aforros ou sociedades especializadas, como xestoras ou aseguradoras, xestionan produtos moi similares con custos inferiores. Se o seu fondo aplica comisións caras, rastrexe o mercado. Seguro que atopa un semellante con menores tarifas. En plans de pensións, a incidencia das comisións é vital na rendibilidade final. Por exemplo, dous partícipes que invisten 150 euros anuais durante 30 anos nun plan de pensións de características similares (de renda fixa, cunhas expectativas de rendibilidade anual do 3%), poden rexistrar unha diferenza no capital final acumulado de case 1.000 euros se existe unha diferenza entre a comisión de xestión aplicada entrambos os dous plans do 1%. Así, o Investidor 1, ao que lle cobran unha comisión do 1%, acumularía pasados os 30 anos un capital de 6.176 euros, mentres que ao Investidor 2, logo de pagar unha comisión de xestión do 2%, quedaríanlle só 5.219 euros.
No caso da operativa en bolsa, unha boa maneira de reducir o cobramento de comisións é operando a través dun banco por Internet. As comisións de compravenda de valores “on-line” poden ser ata un 20% máis baratas ca nas entidades tradicionais.
Comisións en empréstitos:
As hipotecas son un dos produtos cos que as entidades gañan máis cartos, de aí que en moitas ocasións estean dispostas a negociar cos seus clientes unha mellora nas condicións para evitar que se cambien de entidade. Nestes momentos, a tendencia xeneralizada é non cobrar comisión por estudio (é dicir, porque a entidade analice se pode ou non conceder un empréstito a un cliente). Non obstante, as comisións de apertura, cancelación anticipada e total son moi dispares. Por abrir a hipoteca, a tarifa varía entre o 0 e o 1,5% no caso das hipotecas a interese variable e ata o 3% nas hipotecas a interese fixo. Por cancelación anticipada parcial ou total, a comisión adoita oscilar entre o 0 e o 2% do importe pendente de pagar. As comisións por subrogación poden alcanzar o 2,5%.
Como reducir as comisións en empréstitos?
O mellor xeito para conseguir unhas tarifas axustadas é negociar co seu banco. A gran competencia que existe neste ramo de negocio fai que as entidades sexan as primeiras interesadas en manter o cliente e en buscarlle unhas condicións atraentes que eviten a súa fuga. Ademais, a negociación non debe reducirse unicamente ás comisións. O tipo de xuro tamén é negociable. Na actualidade, as entidades teñen marxe para ofrecer hipotecas referenciadas ao euríbor máis un diferencial do 0,3%.
Comisión media (euros) | Máximo (euros) | Mínimo (euros) | ||
---|---|---|---|---|
Mantemento contas correntes | 18,84 | 36 | 9,02 | |
Mantemento contas de aforro | 18 | 36 | 9,02 | |
Importe por anotación | 0,31 | 0,6 | 0 | |
Descubertos | 8,15 | 15,03 | 3 | |
Reclamación de descubertos | 26,81 | 30,05 | 9 | |
Transferencias nacionais | ||||
Sobre propia praza | 3,01 | 4,5 | 1,5 | |
Sobre praza distinta | 3,24 | 6,01 | 2,4 | |
Cheques | ||||
Ingresos na propia praza | 2,08 | 4,51 | 0 | |
Ingresos en praza distinta | 2,52 | 4,51 | 0,9 | |
Devolución cheques en propia praza | 9,2 | 15 | 3,01 | |
Devolución cheques en praza distint | 9,29 | 15 | 3,01 | |
Tarxetas | ||||
Disposición de efectivo en caixeiros (sobre o importe). Tarxetas de Débito | ||||
Propia entidade | 0 | 0 | 0 | |
Propia rede | 0,6 | 1 | 0 | |
Outras redes | 2,59 | 3,01 | 1,65 | |
Estranxeiro | 2,76 | 3,5 | 1,65 | |
Tarxetas | ||||
Disposición de efectivo en caixeiros (sobre o importe). Tarxetas de Crédito | ||||
Propia entidade | 2,18 | 3 | 1,2 | |
Propia rede | 2,91 | 4 | 1,2 | |
Outras redes | 3,13 | 4 | 2,4 | |
Estranxeiro | 3,43 | 6 | 2,4 | |
Créditos e préstamos hipotecarios | ||||
Estudo | 0,57%, 85,20 euros | 2%, 210,35 | 0 | |
Apertura | 2,57%, 551,94 euros | 4%, 901,52 euros | 1%, 120 euros | |
Cancelación anticipada | 3,88% | 5,00% | 2,50% | |
Subrogación | 1,45%, 381,88 euros | 4%, 601,01 euros | 60,10 euros |
Fonte: Banco de España. Datos a peche agosto 2007.
- O cobramento de toda comisión debe responder a servizos efectivamente prestados pola entidade. Non poden cobrarse comisións por conceptos como “inactividade de conta”, nin se poden aplicar penalizacións nin tarifas por servizos impostos pola entidade.
- Calquera comisión que aplique unha entidade debe figurar no contrato que asinou o cliente á hora de subscribir o produto.
- Todas as entidades están obrigadas a publicar os seus folletos de comisións máximas nos taboleiros de anuncios das súas sucursais e a rexistralas no Banco de España. Pódense consultar nesta institución.
- Se unha entidade aplica unha comisión por mantemento de conta, non debe aplicar comisións por anotación bancaria.