Cámaras fotográficas de móbiles

Cámaras de móbiles, usos limitados

As cámaras fotográficas dos móbiles melloraron, pero a súa calidade aínda non se pode equiparar á dunha dixital convencional
1 Outubro de 2007
Img internet listado 375

Cámaras de móbiles, usos limitados

O 85% dos teléfonos móbiles incorporan xa unha cámara fotográfica. Estas minicámaras evolucionaron dende o seu nacemento en 1997 case tanto como os propios aparellos que as incorporan, e atópanse xa lonxe das súas primeiras e rudimentarias versións, que apenas permitían distinguir o retratado. O seu éxito foi tal que nos concertos de rock non brillan xa os chisqueiros acesos, senón as pantallas dos móbiles mentres rexistran a imaxe. Pero están lonxe aínda de suplir ás cámaras fotográficas dixitais. Se se quere unha boa fotografía, aínda cómpre levar “a dixital” enriba.

Os modelos actuais de móbil dispoñen de cámaras cunha calidade cada vez máis aceptable, en ocasións de máis de 2 megapíxeles. Se ben con 3 megapíxeles se entende que é posible sacar unha foto con calidade de impresión (para “revelar” a 13×11 cm, por exemplo), cómpre lembrar que os “píxeles” non o son todo: estas cámaras adoecen dunha óptica moi pobre que non pode rivalizar coa das súas “irmás maiores”. Iso si, poden sacar imaxes cunha calidade abonda para velas despois no ordenador, para compartilas con familiares e amigos por correo electrónico ou mensaxes multimedia (os sucesores dos SMS, os MMS) ou mesmo as imprimir en papel se non se é demasiado esixente. O seu uso márcao a oportunidade, non a súa calidade.

Outros avances que ofrecen estas cámaras son a capacidade de gravar vídeos por un curto espazo de tempo (uns segundos ou, como moito, minutos) cunha calidade abonda como para podelos colgar en sitios web como Youtube. Para iso precisan unha capacidade de memoria notable, que se consegue xeralmente mediante tarxetas de memoria externa (como as das cámaras dixitais convencionais). Unha xenerosa tarxeta de memoria (hainas de un ou de dous “gigas”) tamén permitirá gardar xogos ou programas ou cancións en formato MP3.


Melloras enganosas

Un avance enganoso é o do zoom dixital, un sistema para achegarse ao obxecto retratado mediante unha artimaña que empeora a calidade da imaxe, a diferenza do zoom óptico, que o fai sen mingua de resolución. A calidade destas cámaras xa é deficiente de por si como para perder máis nitidez por usar o zoom dixital. Se o usuario quere achegar a imaxe, é preferible editala posteriormente no ordenador cunha aplicación como Photoshop, Picasa ou iPhoto. Os flashes destas cámaras tamén teñen moito que mellorar. A maioría das cámaras nin sequera os inclúen, e as que contan con eles ofrecen unha potencia escasa. Por iso, recoméndase sacar as fotos en ámbitos moi ben iluminados.

Os últimos avances en lentes ultradelgadas (nas que “cabe” un zoom óptico) e en luces LED (cun menor consumo e que ofrecerán flashes potentes) permiten augurar que a calidade destes dispositivos seguirá aumentando expoñencialmente. Non está lonxe o día en que millóns de usuarios leven no seu peto unha cámara de foto e vídeo cunha calidade equiparable, se non superior, ás dixitais actuais. O negativo? A multiplicación de ollos electrónicos alarma a quen se preocupa pola súa intimidade, xa que calquera, en calquera lugar, pode estar a sacar imaxes, co problema para a privacidade que iso implica.

Para que serve a cámara do teléfono?

Inmortalizar os amigos en situacións embarazosas é un dos usos máis comúns das cámaras dos teléfonos móbiles. Pero hai moitas outras posibilidades:

  • Lembrar onde está o coche no aparcamento. Unha foto á columna co número e listo.
  • Documentar os danos nun accidente de tráfico, tanto do coche contrario coma do propio. Unha foto da matrícula do contrario tampouco vén mal.
  • Sacar fotos dos pratos nos restaurantes, ben sexa para utilizar as ideas nunha cea na casa ou para lles dar envexa aos que non estaban no ágape.
  • Sacar fotos cando se consegue o corte de pelo perfecto. Nunhas semanas poderáselle ensinar a foto ao perruqueiro e dicir “quéroo outra vez así”
  • No canto de anotar os teléfonos dos carteis, por exemplo, cando se busca piso, fotografalos
  • Facer unha lista da compra sacando fotos do que fai falta.
  • Sacar unha foto do sitio onde están as chaves para ensinarlla á persoa que as ten que recoller. É máis sinxelo que explicar “no aparador da esquerda, ao lado do floreiro…”
Consellos para sacar fotografías co móbil
  • Sacar moitas fotografías: Coa actual capacidade de almacenamento, non hai problema para sacar moitas fotografías e logo desbotar as non desexadas. Como a tecnoloxía nestes dispositivos é menos precisa ca nas cámaras dixitais convencionais, cantas máis imaxes se capturen maior será a posibilidade de sacar unha boa.
  • Achegarse ao obxectivo: Moitas cámaras de móbil non teñen zoom (ou só ofrecen un dixital, o que aínda é peor), polo que se se toman as fotografías dende lonxe perderán moita calidade, amais de distraer o obxectivo cos elementos de fondo. É mellor achegarse ao obxectivo tanto como sexa posible, sobre todo nos retratos: así acádase unha imaxe máis nítida.
  • Disparar a cámara á altura dos ollos: É o xeito de conseguir a imaxe de modo máis preciso e enfocado, sobre todo en retratos. Se se lles sacan fotografías a nenos ou mascotas, haberá que agacharse, aínda que tomándoas dende arriba tamén se poderá conseguir un efecto interesante. Outro truco para acadar un enfoque óptimo é procurar disparar sempre co brazo en ángulo recto, aínda que para iso cumpra subir enriba dalgún obxecto ou agacharse.
  • Ter en conta a luz: Os métodos de iluminación das cámaras dos móbiles aínda non son potentes abondo, pero, acompañados dunha boa iluminación ambiental, poden conseguir unha imaxe aceptable. O mellor será buscar, sempre que se poida, lugares profusamente iluminados.
  • Utilizar un fondo liso: Os fondos lisos eliminan os obxectos de fondo que poidan distraer a atención do obxectivo, amais de resaltar máis os contornos da imaxe.
  • Axustar a resolución a un nivel alto: Moitos teléfonos con cámara permiten elixir o tamaño das fotografías. Adoitan ofrecer axuste baixo, medio e alto para a resolución. Canto máis elevado sexa o axuste, mellor será a calidade. Hai que definir o axuste máis elevado para obter fotografías de calidade óptima. A diferenza non se percibirá na pantalla do teléfono, pero si se notará cando se imprima ou nunha pantalla de ordenador.