Páxinas para donos de animais domésticos / Avatar / O vídeo do mes: Train Bombing in Europe
Navegar pola Rede
Páxinas para donos de animais domésticos
Os donos de mascotas estanse a incorporar a Internet con forza. O cariño cara ao seu animal de compañía lévaos a crear numerosos foros e redes sociais nas que expoñen fotografías e a máis variada información sobre a súa raza, alimentación, comportamento, etcétera… Hai tantas redes como especies de animais de compañía, e consolídanse grazas ás numerosas consultas sobre coidados, alimentación ou prevencións sanitarias que comparten os seus usuarios. O interese é tal que en Estados Unidos e nalgúns países europeos xa se crearon consultorios veterinarios online.
- Guía Práctica CONSUMER EROSKI Todo sobre a miña mascota: Unha guía completa e detallada para quen queira saber como educar a súa mascota (a guía toca case todas as modalidades), que facer con ela en vacacións, como alimentala, os coidados que necesita, preventivos e mais de hixiene e as peculiaridades de cada especie. Inclúe, ademais, un test que os usuarios poden facer para saber se realmente están preparados para se responsabilizaren dun animal de compañía.
- MyDogSpace: É o MySpace (rede social moi popular) dos cans, obviamente creada polos seus donos. Estes expoñen na páxina os vídeos, as fotos, as preferencias e o suposto blog das súas queridas mascotas. Predominan sobre todo as fotografías, ata o punto de parecer máis un Flickr (sistema de publicación de imaxes) ca un MySpace. Mostra o orgullo que senten os donos polos seus cans. O servizo é gratuíto e permite crear unha páxina dedicada á mascota con ferramentas moi sinxelas. Tamén ten un foro chamado “ladridos” onde os donos se relacionan. En inglés.
- Ophidia, o portal das Serpes: Ophidia é unha web sobre o mundo das serpes que explica como mantelas en catividade. Ten consellos e titoriais prácticos para montar un terrario, información sobre os aparatos necesarios para manter as condicións de temperatura e humidade, lugares onde conseguir comida para os ofidios e moita máis información útil aos amantes dos réptiles. Ophidia está englobada dentro do proxecto “Camaleóns”, que pretende crear un grande portal informativo sobre o mundo dos réptiles en catividade.
O concepto do mes
- Avatar:
- Os avatares representan na mitoloxía clásica hindú deuses que baixan á Terra para cumpriren misións concretas, como poren orde nunha disputa, ou repartiren bondade no mundo cando cómpre. Para acadaren o seu obxectivo, estas encarnacións teñen que pasar unha serie de probas e superar un bo número de vicisitudes. A partir da serie de xogos de rol “Ultima”, a palabra adquiriu un novo sentido que se trasladaría aos videoxogos e posteriormente aos mundos virtuais como “The Sims” e “Second Life” e aos foros. Nestes xogos, avatar é o personaxe que o xogador utiliza ou adopta para xogar. O avatar non é libre no rol, senón que está suxeito a unha serie de códigos éticos coñecidos como “virtudes”. Cando o usuario xoga, débese rexer forzosamente polos devanditos códigos. Nos videoxogos, sobre todo nos xogos multixogador online, onde o usuario está interconectado a través de Internet e pode ser recoñecido por outros, o avatar está condicionado pola caracterización que lle atribúe o usuario e por ter perfectamente definida dende un principio a súa misión. Pola contra, os avatares de “Second Life” non teñen que ter ningún tipo de código nin misión concreta.
O vídeo do mes
Train Bombing in Europe: a “chuvia” de luces LED é unha das experiencias artísticas vagabundas máis interesantes dos últimos anos. A “performance” consiste en montar pequenos díodos luminosos do tamaño dun botón, xunto a unha pila de reloxo e un imán, de modo que ao lanzalos acesos se peguen a calquera superficie metálica. Armados con centos destes díodos, un grupo de artistas austríacos asaltaron un tranvía na cidade alpina de Linz e bombardeárono coas diminutas luces de cores ata convertelo nun vagón multicolor ante a sorpresa divertida do condutor do vehículo.