Limpavitrocerámicas

Limpan e protexen, pero de xeito desigual

As dúas mostras máis caras foron as mellor valoradas en coidado da placa e poder desengraxante
1 Setembro de 2002

Limpan e protexen, pero de xeito desigual

Analizáronse sete limpavitrocerámicas cun prezo que oscilaba entre os 3,94 euros por litro de Froggy e os 17,10 euros por litro de Vitroclen. Nas vitrocerámicas as potas e os outros recipientes están en contacto directo co cristal que protexe as placas (as que xeran a calor), polo que é habitual que os líquidos se esparexan e queden adheridos.

Forza e Vitroclen, as dúas máis caras, son tamén as mellor valoradas (ámbalas dúas cun “moi ben”). Salientaron pola súa capacidade limpadora e o seu respecto á placa. Ó ser Forza máis barata, perfílase como a mellor relación calidade-prezo. Un limpavitrocerámicas de prezo medio (Luminia, 8,40 euros por litro) foi o peor valorado, xa que só acadou un regular.

Un bo limpador de vitrocerámicas debe demostrar un alto poder desengraxante. Para iso incorpóranse á fórmula minerais de acción abrasiva que poden deteriora-la propia placa ou os elementos adxacentes (a xunta de silicona, a encimeira de granito…). Estes limpadores contan, ademais, con axentes tensioactivos (eliminan a sucidade), disolventes (desfán as graxas), siliconados (protexen as placas e proporcionan brillo) e secuestrantes (atrapan os metais responsables da dureza da auga, facilitando o labor deterxente).

Manchas difíciles

A eficacia limpadora destes productos probouse fronte a dous tipos de sucidade moi agresivas: unha disolución completamente carbonizada de azucre en leite ó 50% e outra de aceite de oliva carbonizado, ámbalas dúas extremadamente difíciles de eliminar. Verteuse cada solución nunha placa quente que se deixou arrefriar para tratar de elimina-la película formada fregando con tres mililitros de producto e papel de cociña. Cando isto non resultaba abondo, empregouse unha rasqueta tralo cal se volvía emprega-lo papel de cociña e o producto.

Forza foi o máis eficaz fronte á disolución de leite e azucre, eliminando parcialmente a película inicial, pero non podendo coa pegada da mancha, mentres que Vitroclen e Scotch-Brite son os mellores respecto ó aceite carbonizado, acabando tanto coa película coma coa pegada da mancha. Vitroclen e KH-7 non puideron limpar nin a película nin a pegada producidas pola disolución de leite e azucre, mentres que Luminia non puido con ningún dos dous tipos de manchas. Outro ensaio que amosa a eficacia limpadora do producto é a medición da súa capacidade desengraxante. Forza, Vitroclen, Sidol e Scotch-Brite foron os mellor puntuados, mentres que Froggy, KH-7 e Luminia só obtiveron unha valoración de aceptable.

Valores de pH. Os limpavitrocerámicas con valores de pH máis extremos (ben por moi básicos, ou por moi ácidos) son os que mellor capacidade de limpeza ofrecen, aínda que estes son, precisamente, os máis prexudiciais para a pel. Por iso, convén ser precavidos e aplicalos sempre cun pano ou papel de cociña. Os valores de pH máis extremos son os de Forza (pH 2,4) e KH-7 (pH 11,7), sendo o menos extremo (ou máis próximo ó neutro, que é o pH 7) Scotch-Brite, con pH 7,9.

No tocante ós axentes tensioactivos, os que eliminan a sucidade, tódalas mostras cumpren a norma de expresar cáles incorporan. Vitroclen e Sidol foron os que maior contido de tensioactivos presentaron (5% e 4% respectivamente), mentres que Luminia e KH-7 soamente obtiveron 2,5% e 1,3%. Forza quedou excluído deste test porque presentaba elementos químicos que impedían a exactitude na análise.

Para comprobar se os limpavitrocerámicas incrementaban o brillo da placa mediuse a porcentaxe da luz reflectida antes e despois da aplicación de tres mililitros de producto. Forza (5,8% de aumento) e Froggy (4,2%) foron os que mellor comportamento obtiveron, mentres que Sidol non conseguiu varia-la capacidade reflectinte.

Danos na placa

CONSUMER realizou unha proba de uso para comprobar se os limpavitrocerámicas raiaban a placa. O test consistía en 2.000 ciclos de fretamento con papel de cociña engadindo tres mililitros de producto cada 400 ciclos. Ó remata-lo ensaio non foi visible dano ningún, se ben se comprobou que Luminia aumentou a rugosidade un 33%. Forza, Scotch-Brite, KH-7 e Froggy obtiveron as mellores valoracións xa que non incrementaron a rugosidade da placa.

Sen embargo, a placa é só un dos elementos que o limpador pode danar. Por iso, depositáronse tres mililitros de producto durante 24 horas sobre os mandos de plástico da placa, o aceiro inoxidable que separa a placa da encimeira e o granito da propia encimeira. Ningunha das sete mostras se comportou de maneira agresiva nos mandos de plástico, nin no aceiro inoxidable. Non obstante, no granito si se detectaron problemas: Luminia, Scotch-Brite, KH-7 e Froggy causaron un escurecemento da encimeira e Forza e Sidol deixaron unha pegada na zona de aplicación. Só Vitroclen demostrou un bo comportamento con esta superficie.

No tocante ós recipientes dos limpavitrocerámicas, comprobouse que todos eran estancos tras permaneceren en posición invertida durante dúas horas. Para coñece-la resistencia, lanzáronse catro envases de cada mostra desde un metro de altura para que caesen sobre a súa base primeiro e logo sobre un dos lados. Nas mostras de Scotch-Brite, KH-7 e Froggy rompeu un dos catro recipientes.

A información e etiquetaxe, ben

A normativa sobre etiquetaxe dos deterxentes e desinfectantes (entre os que se atopan os limpavitrocerámicas) é moi exhaustiva. Amais de elementos como a súa composición, fabricante ou contido neto, deben incluí-las lendas claras e facilmente lexibles “fóra do alcance dos nenos”, “non inxerir”, e “en caso de accidente consulte o servicio médico”, xunto co número de teléfono no que recadar información en caso de emerxencia.

O tamaño da letra no que Scotch-Brite mostra a cantidade de producto é máis pequena có que fixa a norma. Polo demais, as sete etiquetaxes cumpren de sobra a lexislación, xa que incorporan lendas propias. Os limpavitrocerámicas Luminia, Forza, Vitroclen e Scotch-Brite informan da irritación que produce en caso de entrar en contacto cos ollos. Forza é un dos máis completos, xa que indica “Evítese o contacto prolongado coa pel” e “Lave e seque as mans despois de usalo”. Sidol salienta: “En caso de inxestión, acuda inmediatamente ó médico e amóselle a etiqueta ou o envase”. O producto KH-7 é incompatible coa roupa, pel e aluminio, e inclúe a seguinte indicación adicional: “Se se aplica sobre o aluminio aclarar axiña”. Froggy engade indicacións sobre o respecto ó medio natural, tanto pola súa composición coma polas características do envase. Forza, Sidol, Vitroclen e Scotch-Brite contan cun teléfono gratuíto de información ó consumidor.

Coida-la vitrocerámica

Ningún dos limpavitrocerámicas analizados conseguiu eliminar na súa totalidade as duras manchas coas que foron probados (unha composta por azucre queimado e leite a partes iguais e outra de aceite de oliva carbonizado). Por iso, para alonga-la vida útil das vitrocerámicas convén extrema-las precaucións á hora de usalas e non limitarse a confiar na acción limpadora destes productos.

  • Non use cazolas de barro.
  • Teña coidado de non arrastra-las potas sobre restos de alimentos que puideran caer na placa, xa que a poderían raiar.
  • Estenda o limpavitrocerámica cun pano ou papel de cociña e procure non toca-lo producto directamente cos dedos.
  • Se por un descoido o limpavitrocerámicas cae sobre outra superficie que non sexa a propia placa (a encimeira, botóns de plástico, a xunta de silicona, aceiro inoxidable…) límpeo axiña, xa que podería danalo.
  • No caso de que a sucidade estea incrustada na placa, utilice unha rasqueta especificamente deseñada para ese labor e non intente limpala con coitelos ou outros utensilios cortantes.
  • Lave as mans despois de utiliza-lo limpavitrocerámicas.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete limpavitrocerámicas de prezos moi dispares, o máis caro (Vitroclen, 17,10 euros/litro) cuadriplica o prezo do máis barato (Froggy, 3,94 euros/litro).
  • Todos cumpren coas normas de etiquetaxe, a maioría, incluso, engaden lendas de advertencia adicionais.
  • Todos aumentan o brillo da placa entre un 0,6% e un 5,8%, non sendo Sidol.
  • Ningún dos limpavitrocerámicas provocan abrasións visibles na placa vitrocerámica, pero si se comprobou que Luminia aumentou a rugosidade un 33%. Ningunha mostra afecta ós mandos de plástico nin ó aceiro inoxidable. Sen embargo, Scotch-Brite, Froggy, KH-7 e Luminia si escurecen o granito das encimeiras.
  • No tocante á valoración global do producto, Forza e Vitroclen obtiveron a puntuación máis alta (moi ben), Sidol e Scotch-Brite alcanzaron un ben, Froggy e KH-7 só chegaron a un aceptable, mentres que a valoración máis baixa foi para Luminia (regular).
  • A mellor relación calidade-prezo correspóndelle ó segundo máis caro, Forza, que xunto a Vitroclen, obtivo as mellores valoracións.
MARCA FORZA VITRO CLEN SIDOL SCOTCH – BRITE FROGGY KH-7 LUMINIA
Prezo (euros / litro) 16 17,10 13,90 12,56 3,94 4,46 8,40
Información e etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Contido neto nominal (ml) 200 200 200 250 500 500 250
Contido neto real (ml) 205 200 200 258 495 510 260
Características físicas e químicas
– Estanquidade do envase Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
– Resistencia do envase á rotura por impacto Correcto Correcto Correcto Inco- rrecto Inco- rrecto Inco- rrecto Correcto
– pH 2,4 3,6 2,9 7,9 9,8 11,7 8,3
– Contido en axentes tensioactivos1:
Aniónicos (%) Menor que 0,1 1 Menor que 0,1 1 Menor que 0,1 0,3 0,5
Catiónicos (%) Menor que 0,1 Menor que 0,1 Menor que 0,1 Menor que 0,1 Menor que 0,1 Menor que 0,1 Menor que 0,1
Non Iónicos (%) Non procede 6 4 4 2 3 1 2
Eficacia do Producto
– Incremento da brillantez (%)2 5,8 1,2 0 0,6 4,2 1,9 3,1
– Abrasividade sobre a placa (%)3 Moi ben Acep- table Ben Moi ben Moi ben Moi ben Regular
– Agresividade sobre os materiais4:
Mandos de plástico Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben
Aceiro inoxidable Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben
Granito Acep- table Moi ben Acep- table Regular Regular Regular Regular
– Eficacia limpadora5:
Leite/azucre
carbonizado
Ben Mal Acep- table Acep- table Acep- table Mal Mal
Graxa carbonizada Acep- table Moi ben Acep- table Moi ben Acep- table Ben Mal
– Poder desengraxante Moi ben Moi ben Moi ben Moi ben Acep- table Acep- table Acep- table
Valoración global Moi ben Moi ben Ben Ben Acep- table Acep- table Regular

(1) Empréganse tres tipos: aniónicos, catiónicos e non iónicos.

(2) Determináronse compoñentes que teñen como propiedade principal a de reduci-la tensión superficial mellorando a eliminación da sucidade e permitindo manter esta sucidade, nas formulacións poden se os productos producen un incremento na capacidade reflectinte da placa.

(3) Avaliouse a abrasión que causa o producto determinando se se incrementa a rugosidade da superficie tratada.

(4) Determinouse se os productos poden resultar agresivos, se causan estragos sobre: mandos da placa, (plástico), partes metálicas (aceiro inoxidable) ou granito da encimeira.

(5) Avaliouse a eficacia dos productos en dous tipos de sucidade (graxa e azucre) carbonizada.

Unha a unha

Un por un

FORZA

  • 16 euros/litro. A mellor relación calidade-prezo.
  • O seu pH é extremo (o máis adecuado na limpeza). O de maior incremento en brillantez da placa (5,8%). Nin abrasivo sobre a placa nin agresivo sobre os mandos de plástico e aceiro inoxidable. O que mellor limpa o leite e azucre carbonizado.
  • Poder desengraxante elevado, ó igual ca Vitroclen, Sidol e Scotch-Brite. O de maior valoración global (moi ben), xunto a Vitroclen.

VITROCLEN

  • 17,10 euros/litro. O máis caro, e un dos dous mellor valorados.
  • Non é agresivo sobre mandos de plástico, aceiro inoxidable nin granito. O de maior eficacia limpadora fronte ó aceite carbonizado, xunto a Scotch-Brite.
  • O de maior poder desengraxante, xunto a Forza, Sidol e Scotch-Brite. Valoración global: moi ben.

SIDOL

  • 13,90 euros/litro. A súa etiquetaxe é correcta, aínda que a cantidade neta do producto debería indicarse cunha letra de maior tamaño.
  • O único que non incrementa a brillantez da placa. Non é agresivo sobre os mandos de plástico nin sobre o aceiro inoxidable.
  • Elevado poder desengraxante, ó igual ca Forza, Vitroclen e Scotch-Brite. Valoración global: ben.

SCOTCH-BRITE

  • 12,56 euros/litro. A estanquidade do envase é correcta, pero non a súa resistencia.
  • O pH é o máis neutro (peor). Non é abrasivo sobre a placa nin agresivo sobre os mandos de plástico e aceiro inoxidable. Agresividade regular co granito.
  • O seu poder desengraxante é moi bo, limpa moi ben o aceite carbonizado. Valoración global: ben.

FROGGY

  • 3,94 euros/litro. O máis barato.
  • O contido neto real, aínda que correcto, resulta 5 mililitros menor do indicado no envase. A estanquidade do envase é correcta, pero non a súa resistencia. Non é agresivo sobre a placa nin abrasivo sobre o aceiro inoxidable. No granito produce un escurecemento.
  • O poder desengraxante só é aceptable, ó igual ca en KH-7 e Luminia. Valoración global: aceptable.

KH7

  • 4,46 euros/litro. O segundo máis económico.
  • A estanquidade do envase é correcta, non así a súa resistencia. Non é agresivo sobre a placa nin abrasivo sobre os mandos de plástico e o aceiro inoxidable, pero escurece o granito. Dos que peor limpan o azucre carbonizado, xunto a Vitroclen e Luminia.
  • O seu poder desengraxante só é aceptable, ó igual ca en Froggy e Luminia. Valoración global: aceptable.

LUMINIA

  • 8,40 euros/litro. O peor valorado.
  • O máis abrasivo sobre a placa. Non é agresivo sobre mandos de plástico e aceiro inoxidable, pero produce un escurecemento sobre a superficie do granito. A eficacia limpadora é das máis baixas.
  • Ó igual ca Froggy e KH-7 o seu poder desengraxante só é aceptable. Valoración global: regular.