Asegura-la vida dos demais
Pensar ou falar dun seguro de vida equivale, ineludiblemente, a toca-lo espiñento tema da morte, que convertemos en case un tabú. Sen embargo, valora-la súa necesidade está relacionado con reportarlles beneficios directos a aqueles a quen máis se quere e que máis se van ver afectados polo falecemento do asegurado. O seguro de vida trata de reduci-lo impacto económico inmediato e a medio prazo que produce a morte en quen depende do tomador do seguro, porque se ben a vida persoal cambia radicalmente ó perder unha persoa amada, as facturas, as letras e as necesidades domésticas seguen aí e non entenden de situacións persoais. O seguro de vida é un contrato que se renova anualmente ou que se pacta por un número determinado de anos, para garantir un ingreso que se estipula en función da prima: canto máis alta sexa, maior será a indemnización, pero tamén, cantos máis anos teña o tomador do seguro, máis baixa será cifra, ata chegar a unha idade (65 a 70 anos, depende das compañías) en que os seguros xa non se renovan. Non se trata dun depósito que renda (como pode ser un fondo de pensións que cantos máis anos se cotiza, máis rendible é) se non da equivalencia dunha cantidade con outra. Por exemplo, se se asina un seguro cunha prima por valor de 261 euros, á morte, pódenlle reportar 100.000 euros ós beneficiarios. E se ben o titular do seguro non o vai aproveitar, porque nunca vai recupera-lo seu investimento, ten a opción de calcular cántos euros precisa aboar para que representen unha cantidade que resulte adecuada á súa familia cando el morra.
Cabezas de familia con fillos pequenos ou adolescentes
Aínda que as compañías non admiten asegurados a partir de certa idade, tampouco ten moito sentido formalizar un seguro de vida cando os beneficiarios lograron a súa independencia económica. Existen outras fórmulas de aforro ou seguros vitais con distintas prestacións que poden resultar máis convenientes para a viúva, o viúvo ou os orfos. A vantaxe do seguro de vida básico é que o valor da cota non resulta alto se se estima a cantidade que pode xerar. Este tipo de seguro é pertinente para aquelas persoas das que dependen outros, por exemplo, os pais con fillos que vinculan o seu benestar ó dos seus proxenitores. E sobre todo é útil cando no núcleo familiar o tomador do seguro representa a única fonte de ingresos. Nestes casos, o seguro debe ofrecer unha cobertura abonda para que os seus dependentes subsistan ata que consigan outra fórmula de sustento.
Calcula-lo seguro
As hipotecas levan vinculadas a si mesmas un seguro de vida co que facerlle fronte á propia hipoteca, un gasto moi importante nas familias que posúen vivenda propia, pero que non evita a descapitalización das mesmas no caso de que deixe de chegar ás contas de aforro o único soldo ou o fundamental. A fórmula básica para calcula-lo beneficio do seguro é considerar cánto tempo tardará o cónxuxe en conseguir emprego, cántos anos restan para que os fillos se poidan independizar satisfactoriamente e mesmo cántos cartos precisarían os familiares para sosteren ós fillos no caso de que quedasen orfos. E é que a cifra debe substituír, cando menos os primeiros anos, os ingresos que a familia precisa para mante-lo seu nivel de vida anterior con posterioridade ó falecemento da persoa que traía á casa o salario, sen obvia-las débedas ou pequenos préstamos. Serve tamén como un depósito co que crear un fondo para a educación dos fillos, ou un aforro co que xerar rendas coas que afrontar gastos de emerxencia familiar.
A saúde e a idade, determinantes
Aínda que cunhas normas estándar, cada seguro de vida é particular e está realizado en función dos condicionantes do seu tomador. As persoas que representan o maior risco para a compañía por motivos de idade, enfermidade ou emprego perigoso, por exemplo, son os que pagan máis polo seguro, se é que poden conseguilo, porque ningunha compañía está obrigada a aceptar un cliente. A aseguradora estudia ó tomador, prognostica riscos de lesións, enfermidades e morte para fixa-la prima mínima que haberá que pagar, e para iso toma en consideración a súa idade, saúde, ocupación, pasatempos, costumes, e mesmo o seu historial crediticio. Nalgunhas compañías aseguradoras, por exemplo, os fumadores pagan máis polo seguro de vida. As mulleres, debido a que a súa esperanza de vida é maior, afrontan unhas cotas máis baixas. Xeralmente, tamén se cobra máis a quen presenta exceso de peso. Todos estes condicionantes determinan as primas. E así, ó asina-lo seguro, xunto co contrato hai que axuntar un cuestionario relativo á saúde e, en ocasións, incluso análises médicas. Se a declaración é falsa pode ser motivo abondo para que o asegurador se negue a paga-la reclamación dos beneficiarios.
Pagar e cobrar
Para calcula-lo custo anual, as opcións son varias, pero a premisa sempre a mesma: págase unha cota que dá dereito a reclamar unha indemnización. Por regra xeral, o posuidor da póliza pode elixir dous tipos de primas: niveladas ou de renovación anual. As primeiras parten dunha base que non varía durante a duración da póliza (que caducará como máximo ós 65 ou 70 anos); as segundas aumentan tódolos anos a medida que o asegurado incrementa a súa idade. As pólizas niveladas, ó non ter en conta o avellentamento, son xeralmente máis caras cás renovables durante os primeiros anos da póliza, pero máis económicas nos últimos porque sempre é a mesma cantidade e o prezo do diñeiro non é igual no momento da sinatura que transcorridos 20 anos. De tódolos xeitos, os beneficiarios deben ser conscientes de que ó cobra-lo seguro non é estraño que lles soliciten un certificado médico que acredite a causa da morte e demostre que esta non está vinculada a unha enfermidade ocultada. As compañías ofrecen dúas fórmulas de cobro: entrega do capital dunha soa vez, e que sexa a familia quen o administre, ou converte-lo depósito nalgunha fórmula financeira que garanta ingresos periódicos. Serán os beneficiarios os que decidan qué lles convén máis, aínda que sempre han de ser conscientes de que cumprirá liquida-lo Imposto de Sucesións e Doazóns polo valor da prestación recibida. As contías que se deben pagar a Facenda difiren en función do domicilio fiscal do falecido e da relación de parentesco co beneficiario, pero en todo caso, gozan de reduccións por Seguro de Vida, chegando nalgúns casos a quedar exento.
Morrer é caro. Aínda que as custas do enterro, e todo o que arrodea o evento difire moito entre o mundo rural e o urbano, entre unha cidade e outra, a realidade é que a familia ten que facer fronte a uns gastos que alcanzan facilmente os 3.000 euros. Por este motivo, cada día son máis populares os seguros de deceso, que cobren os gastos dunha morte natural e que máis ca unha póliza se converteron en contratación da prestación de servicios funerarios. Trátase de aforrar gastos e axudar a tomar decisións ós familiares do falecido asegurándose que a cobertura do seu seguro é suficiente para paga-los gastos do seu funeral e do enterro, as flores, os desprazamentos, as necrolóxicas ou os recordatorios. As dúas fórmulas máis comúns para facerlle fronte a esta póliza: unha, renovar tódolos anos a prima, que irá subindo en función da idade e o IPC (o custo aproximado para unha muller de 50 anos é de 70 euros anuais; para un home, 92 euros anuais). E a outra, aboar nunha serie curta de anos (entre 3 e 5) os gastos que supón un enterro e todo o que arrodea o custo do funeral, coa garantía de que se se falece antes de entrega-lo último pagamento se entende como póliza amortizada.