Alimentación do neno de un a tres anos

Os mellores anos para ensinarlles a comer de todo

Os primeiros anos son decisivos para transmitirlles hábitos de alimentación saudables
1 Setembro de 2002
Img alimentacion listado 159

Os mellores anos para ensinarlles a comer de todo

O neno, unha vez superado o primeiro ano ou época de lactante, debe incorporarse ós poucos á dieta familiar, seguindo uns patróns que van influír decisivamente nos seus futuros hábitos de alimentación. Polo tanto, a dieta común será variada e completa. Cómpre ensinarlle ó neno a comer de todo, xa que unha dieta variada estimula o seu apetito, cobre as súas necesidades nutritivas e conforma uns adecuados hábitos nutricionais cara ó futuro.

Cambios na textura dos alimentos

A partir dos 12 meses, cómpre incluír na dieta do neno alimentos cunha textura máis grosa para ilos afacendo a comidas partidas en anacos. Para comezar, ofrecerémoslles alimentos esmagados co garfo para irmos cambiando a anaquiños pequenos. Todo isto dependendo de cada neno e da súa rapidez en aprender a mastigar. O obxectivo é que ó chegar ós 18-24 meses o neno inxira alimentos partidos en cachos.

Comer ben

  • Horarios regulares nas comidas: hai que evitar que o neno pique entre horas, e aproveita-las principais comidas para darlle de comer.
  • Darlle a máxima variedade á dieta: incluír pratos, sabores, texturas e consistencias diferentes, para aface-lo padal do neno a unha dieta variada, factor decisivo para acada-la achega nutritiva axeitada.
  • Á hora de introducir alimentos novos, facelo progresivamente e ó comezo de cada comida, que é cando o neno ten máis apetito.
  • Incluír a cotío os seguintes grupos básicos de alimentos:
  • Leite enteiro e derivados (iogur, queixo e outros lácteos). O Comité de Nutrición da Sociedade Europea de Nutrición e Gastroenteroloxía Pediátrica (ESPANG) recomenda utilizar leite de continuación ata os tres anos, aínda que a maioría das familias non o emprega, decote por motivos económicos. Actualmente apareceu no mercado leite de crecemento ou júnior, que é intermedio entre o leite de continuación e o da vaca e máis económico, indicado para nenos a partir dun ano de idade.
  • Cereais (pan, pastas alimenticias, arroz, galletas sinxelas…), legumes e féculas (pataca). O neno ten que comezar a comer pan nas comidas. O pan integral non é aconsellable antes dos 7 anos debido á súa acción irritante sobre o tubo dixestivo. O pan pode substituí-las galletas da merenda e axuda o neno na dentición (nese caso a codia hase cortar no sentido lonxitudinal do pan). Os cereais de almorzo listos para consumir poden resultar aínda máis difíciles de mastigar, polo que é preferible elixir cereais de cocción (flocos de avea, flocos de 5 cereais) que esporadicamente poden substituí-las papas da mañá.
  • Verduras e ensaladas, como ingrediente dos primeiros pratos ou acompañamento dos segundos, e froitas.
  • Carnes, peixes e ovos.
  • Graxas (de cocción e aliños): preferiblemente aceite de oliva.
  • As presentacións máis axeitadas son sopas, purés, cremas, guisos e estufados con pouca graxa, carnes trituradas ou cortadas en anacos pequenos, croquetas, tortillas, etc, preparacións zumentas e doadas de mastigar. Convén evitar preparacións á prancha (quedan moi enxoitas) e carnes menos zumentas.
  • A estas idades, é mellor optar por pratos con sabores suaves e pouco condimentados, para que os nenos dean identificado o sabor real de cada alimento.
  • Modera-lo uso do sal nas comidas e evitar (ou tomar en cantidades pequenas) salgaduras, afumados e conservas.
  • Evitar alimentos excesivamente graxos (son pouco dixestivos: año, queixos curados, froitos secos oleaxinosos fritos…) e productos de escaso valor nutritivo (larpeiradas, comidas rápidas, refrescos…), especialmente entre as principais comidas, xa que fartan pero non cobren as necesidades nutritivas do neno.
  • Non abusar do consumo de bebidas refrescantes azucradas (con extracto de cola, sabor limón ou laranxa, etc.), nin xunto coas comidas nin fóra delas.
  • Se o neno rexeita un alimento esencial, cómpre estudia-lo xeito de substituílo por outro de valor nutritivo semellante, ou mesturalo con condimentos ou outros alimentos clave. Por exemplo: puré de legume e verdura, leite saborizado, albóndegas de peixe, espinacas con bechamel, etc.
  • Procurar que o neno non adquira conductas caprichosas ou monótonas, con preferencia cara a uns alimentos e aversión cara a outros: este hábito pode conducilo a unha alimentación deficitaria nalgunhas substancias nutritivas.
  • Se queda a xantar na gardería, cómpre coñece-lo menú de cada día co fin de completar e equilibra-la dieta coas comidas da casa.
  • Distribución de comidas: convén que o neno realice catro (ou cinco) tomas ó día, é dicir, o que responde á limitada capacidade dixestiva do neno, especialmente nas idades menores.
El menú infantil más adecuado

Primeiro prato:
Xeralmente a base de arroz, pasta, verduras con pataca ou legumes en puré. O valor nutritivo deste primeiro prato radica na súa contribución enerxética, pola súa achega de hidratos de carbono complexos. É importante aface-los nenos a tomalo porque as necesidades enerxéticas son as primeiras que cómpre cubrir se se quere que as proteínas dos alimentos do segundo prato cumpran no organismo a función de formaren tecidos e favoreceren o crecemento. Se isto non se ten en conta, o organismo utilizará as proteínas para resolve-las súas necesidades enerxéticas e estarase levando a cabo unha alimentación desequilibrada.

Segundo prato:
Carnes, derivados cárnicos, peixe ou ovos. Estes alimentos son ricos en proteína, ferro e outros nutrientes e deben aparecer en cantidades moderadas (a fame non se debe saciar a base de proteínas). Pódense acompañar dunha gornición de ensalada ou verduras ou patacas (asadas ou cocidas ou en puré). Convén incluír cando menos 3 veces por semana peixe (branco e azul), e ovos ata tres veces por semana.

Sobremesas:
O mellor é unha peza (ou, de se-lo caso, ración) de froita. Pódese alternar con productos lácteos sinxelos (iogur, petit suisse, etc.).

Almorzo:
Opcióna) Papa: 1 cunca de leite enteiro e 5 culleradas sopeiras de fariña de cereais instantánea.
Opciónb) Un vaso de leite enteiro e cacao. Pan (2 rebandas de pan de barra dun dedo de grosor) con manteiga ou margarina e marmelada.

Comida:
Arroz con chícharos.
Pudin de pescada (pescada 30 gramos e bechamel 40 g) zarrapicado de salsa de tomate.
Pan e pera.

Merenda:
Petit suisse, 2 ou 3 galletas sinxelas e un zume dunha laranxa ou batido de froitas naturais.

Cea:
Ensalada de dados de tomate e cogombro (sen pel).
Tortilla de xamón de york.
Pan e unha cunca de leite enteiro.