Un tratamento precoz pode retarda-la súa evolución
Entre o 10% e o 15% da poboación xeral e un 5% da que traballa presentan afeccións do sistema venoso que, se ben na maioría dos casos non constitúen unha patoloxía grave, poden ser molestas, especialmente nos meses de calor. Ademais, se non se adoptan as medidas axeitadas para o seu tratamento e se deixa que evolucionen poden orixinar complicacións serias. Como asegura o dito, a insuficiencia venosa ó principio tolérase, de seguido sófrese e para rematar incapacita. Convén, polo tanto, saber algo máis destas patoloxías.
Dous tipos de enfermidade
Dentro do estancamento do sangue nas extremidades inferiores hai que diferenciar dous tipos de enfermidade:
- Varices esenciais ou primarias, dilatacións das venas do sistema superficial, facilmente recoñecibles como cordóns venosos máis ou menos grosos que se poden ver e palpar baixo a pel. Nesta afección o sistema profundo atópase indemne, e moitas veces os síntomas son escasos. Favorecen a súa aparición factores como obesidade, estrinximento, sedentarismo, utilización de prendas que apertan a raíz das extremidades inferiores e a cintura (cintos, ligas, faixas…), permanecer de pé ou sentado durante horas seguidas, o embarazo, os anticonceptivos, a exposición á calor… Tamén factores xenéticos ou hereditarios provocan varices, e se o sistema valvular é insuficiente prodúcense tamén dilatacións venosas do sistema superficial, nas que o sangue se remansa e avanza con lentitude.
- Amais das grandes dilatacións poden aparecer outras formas menores como varículas -pequenos filamentos venosos-, arañas ou estrelas vasculares -varices reticulares, moi pequenas- e telanxectasias -dilatacións venosas que se baleiran ó facer presión sobre elas-. Polo xeral, as varices dan poucos síntomas, as ulceracións son raras e as complicacións máis frecuentes son hemorraxia por golpes, rotura da variz, tromboflebite superficial na que a vea aparece como un cordón arroibado e doloroso a nivel da dilatación venosa, e a úlcera varicosa.
- Insuficiencia venosa do sistema profundo: é outro problema. As veas profundas obstrúense e o sangue flúe cara ó sistema superficial. A causa adoita ser unha flebite profunda, a denominada tromboflebite, cunha incidencia que se estima entre o 0,5 e o 1,6 por mil habitantes, dos cales máis do 50% corresponden ó ámbito hospitalario. A prevalencia na poboación adulta estímase entre o 6-8%. Traumatismos, inmobilizacións prolongadas, intervencións cirúrxicas e cateterismos, son os factores de risco máis habituais. A trombose venosa profunda é unha afección importante, xa que é a primeira causa de tromboembolismo pulmonar, afección grave.
- Inchazón de extremidades -especialmente de xeonllo para abaixo-, formigo, sensación de proído e cambras, cansazo e dor son os síntomas máis habituais, que empeoran ó longo do día, sobre todo se se estivo quedo moito tempo. Nun estado máis avanzado aparece unha pigmentación de cor castaña, ocre, nas zonas máis inferiores, especialmente arredor dos nocellos, así como pequenas dilatacións das veas. A pel pódese tornar brillante e fina, e se non hai tratamento eficaz, a aparición de úlceras é habitual, localizándose na cara interna dos nocellos.
Diagnóstico e tratamento
O diagnóstico dos trastornos venosos facilítano na actualidade técnicas non invasivas coma o doppler, o eco-doppler e a pletismografía, e outras máis invasivas, como a flebografía. Os fármacos que melloran a circulación venosa son de utilidade moderada e poden axudar algo, pero sempre combinados con outras medidas (mencionadas no apartado “Para alivia-las molestias…” da páxina 21).
No caso de varices tronculares a cirurxía é o tratamento case definitivo. Segundo a localización e extensión da insuficiencia venosa, aplícanse diferentes técnicas: fleboextracción, ligadura de perforantes insuficientes, reconstrucción valvular, transplante dun segmento venoso con válvulas sas, etc. Para cada problema hai unha solución. O tratamento esclerosante está indicado en pequenas varices, varículas, telanxectasias e varices poscirúrxicas residuais e recidivantes. Moitas veces non é definitivo, pero en mans expertas e coa técnica axeitada, pódense solucionar moitos casos.
Funcionamento do sistema circulatorio
O sangue, unha vez utilizado polo organismo, ten que retornar ó corazón e iso faino a través do sistema venoso, deseñado para facer avanza-lo sangue en contra da forza da gravidade. A contracción dos músculos e dunhas válvulas situadas nas paredes das veas, xunto á “aspiración” que fai o corazón durante a diástole, e o mecanismo impulsor que supón a marcha que fai que a planta do pé se comporte como unha esponxa, fan que o sangue progrese cara a arriba e realice un longo percorrido vencendo a forza da gravidade.
Nas extremidades inferiores hai dous sistemas de veas claramente diferenciados: por unha banda, un sistema superficial, composto basicamente por dúas grandes veas chamadas safenas e as súas ramas, que están situadas directamente baixo a pel, e por outra, un sistema profundo formado por veas que van entre os músculos e que acompañan ás arterias. Ámbolos sistemas están en comunicación a través das veas perforantes ou comunicantes, provistas tamén de válvulas que fan que o sangue vaia sempre do sistema superficial ó profundo e non á inversa. Cando algunha ou algunhas das partes deste delicado sistema non funciona adecuadamente o resultado é o estancamento do sangue nas extremidades inferiores, o que produce unha serie de alteracións e manifestacións que constitúen o síndrome de insuficiencia venosa crónica, que se pode manifestar de varios xeitos, un deles, quizais o máis frecuente, as varices.
Cando aparecen varices ou cansazo e inchazón de extremidades é conveniente consultar co médico e co anxiólogo, xa que un tratamento precoz pode retarda-la evolución mentres que as varices tronculares se poden curar definitivamente coa cirurxía. En calquera caso, para alivia-las molestias e mellorar:
- Non utilice prendas que compriman os músculos das pernas (ligas, faixas, calzado apertado) e a cintura.
- Controle o exceso de peso: a obesidade favorece o desenvolvemento de varices.
- Evite temperaturas ambientais elevadas, non expoña as pernas ó sol en días de sol e calor.
- Tome duchas frías nas pernas.
- Non permaneza quedo. Se non pode camiñar, de cando en vez póñase sobre as puntas dos pés, regularmente, ó longo da xeira laboral.
- Durma cos pés máis elevados cá cabeza (pode elevar cun par de tacos de madeira a parte da cama onde coloca os pés), de xeito que o sangue pola noite evacúe máis facilmente do sistema venoso.
- Pódese masaxea-la perna, con esta lixeiramente elevada, do nocello cara ó xeonllo.
- Manteña a pel hidratada adecuadamente con algunha crema hidratante.
- Teña coidado de non producirse feridas nin lesións.
- Use medias elásticas desde a mañá á noite.
- Fundamental: practique exercicio físico como pasear, correr a baixo ritmo, nadar, andar na bici, etc., pois os músculos, ó se contraeren, actúan como verdadeiros corazóns periféricos ó comprimiren as veas e empurraren o sangue cara a arriba.