Analizados os telexornais de 15 cadeas durante un mes

Deporte e política acaparan preto da metade dos telexornais

O espacio destinado ás noticias de medio natural, ciencia, saúde e consumo é demasiado exiguo
1 Setembro de 2002
Img temap 111

Deporte e política acaparan preto da metade dos telexornais

A televisión é, sen dúbida, o medio de comunicación preferido polos españois para o lecer: o 89% da poboación maior de 4 anos ve a tele, fronte ó 36% que le xornais e ó 52% que escoita a radio, tal e como recolle o Estudio Xeral de Medios do 2002. Trátase, ademais, dun medio que goza de grande aceptación e credibilidade entre os telespectadores para informarse: practicamente sete de cada dez cidadáns ve a cotío os informativos, e destes, o 72% afirma que lles merecen moita ou bastante confianza as novas que ofrecen as distintas canles de televisión, segundo datos do CIS. Polo tanto, son moitos os cidadáns que basean o seu coñecemento da actualidade (e que probablemente conforman a súa opinión sobre a mesma) nos noticiarios da televisión.

Pero, ¿como son os espacios informativos das nosas televisións?

CONSUMER analizou os telexornais de máis audiencia de TVE-1, La 2, Antena 3, Tele 5, Canal +, ETB-2, Canal 9, Tele Madrid, TV3, Canal Sur, TVG e as desconexións de TVE de Navarra, Cantabria, A Rioxa e Castela e León, que en total sumaron máis de 500 horas de gravación, 660 telexornais e 15.700 noticias. Non se estudiaron o rigor e a obxectividade nin a producción dos noticiarios. O único que se estudiou é os temas de que falan as noticias, deixando a un lado o modo, ton ou enfoque co que se tratan as informacións.

As conclusións, aínda que non sorprendan a ninguén, invitan a unha seria reflexión. O deporte e a política ocupan un 45% do tempo dos informativos, e as noticias de tinguidura económica máis dun 8%, mentres que se lle concede escasa atención á cultura (11% do tempo) e só testemuñal á sanidade e á saúde (3,1%), ó medio natural (2,3%), ciencia (2,1%) e consumo (1,8%).

Semella, polo tanto, que os telexornais (nacionais, autonómicos e desconexións rexionais) están máis atentos ás guerras de “shares” de audiencia ca á informa-lo cidadán sobre temas relacionados directamente coa súa vida cotiá. As noticias sociais representan o 7%, e, sumadas, as que se refiren a contidos sobre sanidade e saúde, medio natural, ciencia e consumo, alcanzan un mediocre 9%; noutras palabras, case o mesmo có tempo dedicado ós case sempre dramáticos e testemuñais sucesos.

Compróbase tamén que o interior dos telexornais se converteu definitivamente nun soporte publicitario, xa que a maioría das televisións interrompe os seus noticiarios para dar paso a anuncios ou para ceder espacio a patrocinadores (en TVE-1, por exemplo, a publicidade ocupa un 18% do telexornal e en Tele Madrid un 14%). Para establecer unha comparación, considerouse a información meteorolóxica como parte do telexornal, aínda que nalgúns deles constitúa un programa específico.

Outra conclusión é que non se perciben grandes diferencias entre as canles nacionais e autonómicas, aínda que o deporte é o principal contido dos informativos das canles autonómicas, mentres que a política o é nos nacionais, e que se manteñen porcentaxes semellantes no primeiro e segundo temas que máis espacio acaparan, aínda que se intercambian os postos. Así, o 28% dos contidos son sobre política nas canles nacionais, e o 20% sobre deporte, e nas autonómicas o 27% do espacio dos informativos versa sobre deporte e o 19% sobre política. Dúas constatacións máis sobresaen do estudio: unha, que a titularidade -pública ou privada- case non inflúe (non sendo que o contido cultural é menos frecuente nas privadas) na atención que se lle presta a cada contido. E dúas, que os telexornais son ben distintos nas diversas canles. Os que menos tratan noticias prácticas (sumando asuntos sociais, medio natural, cultura, consumo, meteoroloxía, saúde e seguridade) son os de Canal +, con só o 19% do tempo dedicado a estas cuestións, mentres que o máis sensibilizado coa vida cotiá é o informativo territorial de TVE en Castela e León, xa que nos seus telexornais estas informacións útiles representan o 43% do tempo. Aínda que na cultura en particular sobresae, por riba dos demais, o telexornal de La 2.

¿DE QUÉ FALAN OS INFORMATIVOS?
Temas das noticias % do tempo que ocupan
Deporte 22,6%
Política 22,1%
Cultura 10,8%
Económico-Financeiras 8,2%
Sociais 6,9%
Meteoroloxía 6,7%
Sucesos 6,7%
Terrorismo 3,8%
Sanidade 3,1%
Medio natural 2,3%
Ciencia 2,1%
Consumo 1,8%
Seguridade 1,4%
Sociedade 0,9%
Medios de Comuni- cación 0,5%
Lotería 0,1%
Total 100%

Fútbol e política monopolizan os telexornais

En xeral, deporte -entre os que destaca o omnipresente fútbol- e política ocupan un 45% do tempo dos informativos, pero nalgunhas canles superan incluso a metade do tempo. Así, nos de TVE-1 e ETB-2 o tempo dedicado á política e ó deporte supera a metade do tempo, chegando, en ETB-2, incluso ó 55% do tempo.

Aínda que, en xeral, o comportamento dos informativos neste sentido se pode cualificar de homoxéneo, hai telexornais que revelan unha identidade propia. Así, o de La 2 concédelle ó deporte tan só un 9% do seu tempo, mentres que a cultura ocupa o 21%, e en TVE Rioxa son as noticias económicas as que seguen á política en tempo de emisión.

A cultura ocupa o terceiro lugar no ránking xeral de contidos, aínda que só representa a metade do tempo destinado tanto á política coma ó deporte. En Canal + e Antena 3 dedícanlles tan só o 4% do seu tempo ós temas culturais, mentres que TVE-2 é a canle que máis fala de cultura (21%).

É salientable tamén que algunhas canles (TVE-1, TVE-2, Tele 5 e Tele Madrid) lle dedican moi pouco tempo (arredor do 3%) ás noticias económicas, que son moito máis tratadas por outras cadeas (ETB-2, 8%, e Canal +, 6%).

Os telexornais de TVE-1, os de máis publicidade

Non é novo que os informativos incorporen cortes publicitarios e que moitos dos seus bloques sexan introducidos por patrocinadores. O que non deixa de ser curioso é que unha televisión pública encabece o ránking en tempo dedicado á publicidade, aínda que se temos en conta que Televisión Española e a RTP portuguesa encabezan a lista das televisións públicas que emiten máis publicidade en Europa, o dato cobra sentido.

Para establecer unha comparación, considerouse o bloque do tempo como parte integrante do telexornal, aínda que algunhas canles, como TVE-1, o consideren como unha sección á parte. De tódolos xeitos, computáronse entre cinco e dez minutos de publicidade, o que explica a xenerosa minutaxe desta canle.

E é que os informativos de TVE-1 triplicaron en catro anos os minutos que lle dedican nos seus informativos á publicidade (do 6% reflectido no estudio de CONSUMER de abril de 1998, ó 18% actual), mentres que canles como TV3, Tele 5 ou Antena 3 se mantiveron nunhas porcentaxes semellantes. As desconexións de TVE Cantabria, Navarra, Castela e León e A Rioxa, que non emiten publicidade, e Canal +, cun 1%, destacan positivamente neste sentido.

Medio natural, consumo e saúde: non interesan

O tempo que se lles dedica nos telexornais á ciencia, ó consumo e á saúde é residual, mínimo, o que denota a escasa conexión das televisións coas cuestións prácticas e máis próximas ós cidadáns.

Considerando as noticias culturais, sociais, de saúde, de consumo, de seguridade, de medio natural e meteorolóxicas como as cuestións máis vinculadas ó cidadán ,os informativos que menos apego amosan cara a este son os de Canal + (onde a suma destas alcanza tan só o 19%), ETB-2 (23%) e Antena 3 e TVG, arredor do 25%.

Tabla de televisiones nacionales y autonómicas

NACIONAIS
Canles TVE 1 TVE 2 Antena 3 Tele 5 Canal + TOTAL
nacionais
Política 24,5% 29,3% 18,9% 21,9% 44,5% 27,8%
Deporte 27,4% 9,1% 31,8% 19,3% 11,1% 19,7%
Cultura 8,7% 21% 4,1% 7,3% 4,5% 9,1%
Sociais 5,6% 8,7% 8,7% 12,7% 3,1% 7,8%
Sucesos 5,9% 5,1% 9,1% 10,5% 6,1% 7,3%
Terrorismo 5,1% 8,5% 6,4% 4,9% 9,8% 6,9%
Meteoroloxía 11,9% 1,7% 4,3% 5,5% 10% 6,7%
Económico-Fras 2,5% 3% 5% 3,6%% 6,2% 4,1%
Ciencia 1,1% 5,4% 2,4%% 3,1% 1,2% 2,6%
Sanidade 2,2% 2,5% 3% 3,1% 0,9% 2,3%
Medio natural 1,1% 3,2% 0,8% 1,3% 0,2% 1,3%
Consumo 0,6% 0,9% 1,8% 2,9% 0,4% 1,3%
Sociedade 2% 0,6% 0,1% 2,5% 1,6% 1,4%
Seguridade 0,6% 0,5% 2,3% 1,1% 0,4% 1%
Medios de Comuni- cación 0,5% 0,4% 1,1% 0,2% 0% 0,4%
Lotería 0,2% 0% 0,1% 0% 0% 0,1%

ALGUNHAS CONCLUSIÓNS

Política, o tema estrela: os informativos das canles nacionais ofrécenlles, de media, máis espacio a temas políticos -case un 28% do seu contido- ca ós deportes -19,7% do seu contido-. Pero hai dúas excepcións: os de TVE-1 e os de Antena 3, que emiten máis deporte ca política (tendencia dos informativos autonómicos).

Política e deporte, por esa orde, acaparan case a metade dos informativos: dedícaselle-lo 47,5% do tempo. E hai dúas canles que mesmo superan esta media. Canal + e TVE-1, co 56% e o 51%, respectivamente, destinan máis da metade dos seus informativos a ofrecer noticias sobre política e deporte.

Os informativos de TVE-2 continúan desmarcándose do resto: trala política, que ocupa un 30% do seu tempo, son os temas culturais os que máis protagonismo teñen en La 2, cun 21% dos contidos. E os temas sociais (8,7%) practicamente alcanzan ós deportes (9,1%), algo que non se observa en ningunha outra canle.

Sucesos: ofrecen menos sucesos -un 7,3% dos seus contidos- cás canles autonómicas (8,9%), pero hai dúas canles que se sitúan arredor da media das autonómicas: Antena 3 e Tele 5. Nos noticiarios de Antena 3, os sucesos son o terceiro bloque temático ó que se destina máis tempo (9,1%), por detrás de deporte e política, e moi por riba de cultura (4,5%), por exemplo. E en Tele 5 as noticias sobre sucesos son o cuarto tema máis emitido (10,5%), só superado por deportes, política e temas sociais.

Cultura: cun 9% do espacio, ocupa un posto importante nas canles nacionais (sobre todo en La 2), aínda que en Antena 3 e Canal + o tempo anda arredor de só o 4%.

Sociais: cuarto bloque temático dos informativos nacionais (7,8%), maior peso ca nas autonómicas (6,5%).

AUTONÒMICAS
ETB-2
(CAV)
Canal 9
(Valencia)
Tele Madrid
(Madrid)
TVG
(Galicia)
Deporte 29,4% 34,6% 20,2% 31,1%
Política 25,2% 9,4% 20,2% 17%
Cultura 8,6% 5,8% 12,4% 9%
Sucesos 7,3% 8% 11,1% 14,6%
Meteoroloxía 5,6% 10,7% 8,5% 6,3%
Económico-Financeiras 8% 5,5% 3,8% 5,9%
Sociais 2,8% 7,9% 5,9% 6,4%
Terrorismo 5,6% 1,7% 4,8% 2,3%
Sanidade 2,1% 4% 3,5% 2,2%
Medio natural 0,7% 2,9% 2,6% 1,1%
Consumo 1,1% 2,7% 2,2% 0,3%
Seguridade 2,1% 3,3% 1,8% 0,3%
Ciencia 0,9% 2,4% 1,3% 1,2%
Sociedade 0,1% 1,1% 1,6% 0,5%
Medios de Comuni- cación 0,4% 0% 0,2% 1,2%
Lotería 0% 0% 0% 0,4%
Canal Sur
(Andalucía)
TV3
(Cataluña)
TOTAL
Deporte 26,5% 21,2% 27,2%
Política 15,2% 23,3% 18,4%
Cultura 14,2% 8,2% 9,7%
Sucesos 8,6% 3,8% 8,9%
Meteoroloxía 4,4% 9,1% 7,4%
Económico-Financeiras 12% 7,8% 7,2%
Sociais 4,1% 12% 6,5%
Terrorismo 1,8% 3,7% 3,3%
Sanidade 4,4% 2,2% 3,1%
Medio natural 1,8% 2,1% 1,9%
Consumo 1,8% 2,5% 1,8%
Seguridade 1,9% 1,1% 1,8%
Ciencia 0,9% 1,6% 1,4%
Sociedade 1,8% 1,3% 1,1%
Medios de Comuni- cación 0,3% 0% 0,4%
Lotería 0,2% 0% 0,1%
TÓDALAS CANLES, UNHA POR UNHA

TVE 1
Os temas mimados son deportes (27%) e política (24,5%).

A que máis publicidade insire nos seus telexornais (18% do tempo). Emiten os 4 informativos diarios coa maior duración media (65 minutos), aínda que con menos noticias cós telexornais da mesma duración (27). Os que máis tempo lle dedican ó apartado meteorolóxico (12%) e os que menos ás noticias económico-financeiras (2,5%).

TVE 2

Os temas principais son política (29%) e cultura (21%).

Os que máis espacio dedican a noticias internacionais (48%) e ós contidos culturais (21%). Pola contra, son os que menos tempo lle dedican ó apartado meteorolóxico (1,7%). Ademais, pouco espacio ó deporte (9%) e ás noticias económico-financeiras (2,5%). Informativos de 30 minutos de duración media sen cortes publicitarios.

TELE 5

Os favoritos son política (22%) e deporte (19%).

Os que máis tempo lles conceden ás noticias sociais (13%) e ós sucesos (10%). Maior dedicación ás noticias de carácter nacional (41%). Entre as cadeas con máis informativos diarios (4), cun número alto de noticias (29). Entre os que máis cortes publicitarios realizan (2 de media) e moita publicidade (12%).

ANTENA 3

Destacan deporte (32%) e política (19%).

Os que menos tempo lle dedican á cultura (4%).

4 informativos diarios. Realizan dous cortes publicitarios, que supoñen un 5% do tempo do informativo. 45 minutos de duración. A maior parte do tempo dedicado a noticias de ámbito nacional (46%).

CANAL +

Emite os informativos que máis tempo lle destinan á política (44%), seguida de lonxe polo deporte (11%).

Tamén os que máis tempo falan sobre terrorismo (10% da duración dos boletíns). Xunto con TVE-1 e Canal 9, os que máis espacio lle dedican ó apartado meteorolóxico (10%). Concédenlle pouca importancia ó deporte (11%) e á cultura (4,5%). A máis afastada do cidadán (19% do tempo dedicado a temas sociais, medio natural, etc.). Os informativos máis breves (17 minutos) e con menor número de noticias (9), aínda que sen cortes publicitarios.

ETB 2

Os favoritos son deporte (29%) e política (25%).

Tamén adquire importancia o apartado cultural (8,6%). Xunto con TVE (Cantabria), os que menos tempo lles dedican ás noticias de temas sociais. Maior importancia ás noticias rexionais ou autonómicas (47%). Informativos cunha duración media de 57 minutos cunha media de 34 noticias.

CANAL 9

Deporte (35%) e, sorprendentemente, meteoroloxía (11%) son os temas principais.

Os que máis tempo lle dedican ó deporte (explicado, quizais en parte, pola victoria do Valencia na Liga deste ano) e menos á política (9%). Xunto con Canal + e Antena 3, entre os que menos tempo lles dedican ás noticias de carácter cultural. A maior parte das súas noticias son de carácter local. Xunto con TVE (Cantabria), a máis oficial (un 43% das noticias proceden de institucións públicas).

TELE MADRID

Os favoritos son, a partes iguais, política e deporte (20%).

Entre os que máis tempo lles dedican ós sucesos (11%).

Os informativos con máis publicidade: 2 cortes que supoñen o 14% do tempo. Máis da metade das noticias (52%) proceden de acontecementos da rúa. Os que máis importancia lles conceden ás noticias de carácter local (43%).

TVG
Deporte (31%) e política (17%) acaparan case a metade dos informativos.

Os que máis importancia lle dan ó apartado de sucesos (15%). A maior parte das noticias (44%) son de carácter rexional ou autonómico. Xunto con TVE-1, os informativos máis longos (63 minutos), aínda que o número de noticias (27) é menor có dos informativos da súa mesma duración.

CANAL SUR

Deporte (26%) e política (15%) ocupan case a metade das noticias.

Os informativos desta cadea teñen unha duración media de 61 minutos e son os que máis noticias emiten (36).

Realizan dous cortes publicitarios que supoñen o 7% do seu tempo. A maior parte das noticias son de carácter rexional ou autonómico.

TV3

Política (23%) e deporte (21%) acaparan case a metade dos informativos, aínda que xunto con Tele 5, son os que máis espacio lles conceden ás noticias de temática social (12%).

A canle que máis informativos emite (5), cunha duración media de 44 minutos. Teñen un corte publicitario que supón o 8% do seu tempo. Ofrecen noticias de ámbito nacional e internacional a partes iguais.

TVE CANTABRIA
Deporte (25%) e política (22%) ocupan case a metade do informativo.

Xunto con TVE-1 Rioxa, os que máis espacio dedican a noticias económico-financeiras (17%). Practicamente tódalas súas noticias (99%) se refiren ó ámbito rexional. Os informativos máis oficiais (o 47% das súas informacións proveñen de institucións públicas). Telexornais de 21 minutos de duración e sen cortes publicitarios, que inclúen de media 13 noticias.

TVE RIOJA
Os favoritos son a política (24%) e o apartado económico-financeiro (21%).

Os que máis espacio lle dedican a economía-finanzas e ciencia (5,5%). Pola contra, os que menos deporte emiten (8,5%). Unha media de 13 noticias por informativo. Duran 21 minutos e non hai cortes publicitarios.

TVE CASTILLA Y LEÓN
Política (20%) e cultura (18%) son os protagonistas. Xunto con TVE-2, os que máis tempo lle conceden á cultura e entre os que máis tempo lles dedican ás noticias económico-financeiras (12%).

A maioría das súas noticias (45%) son de ámbito rexional ou autonómico. Os informativos máis sensibilizados co cotián (43% do tempo dedicado ó medio natural, a temas sociais, á cultura…). Unha media de 14 noticias por informativo, que duran 21 minutos e non realizan cortes publicitarios.

TVE NAVARRA
Deporte (27%) e cultura (17%) constitúen os dous principais bloques informativos.

Entre os que máis espacio lle dedican á cultura e menos á política (16%). Os informativos que máis tratan noticias sobre consumo. Practicamente tódalas noticias (98%) son de carácter rexional ou autonómico. Telexornais de 21 minutos de duración e sen cortes publicitarios, que inclúen de media 12 noticias.

Cómo se fixo

Estudiáronse os informativos do mediodía e primeira hora da noite de 15 canles de televisión: TVE 1, TVE 2, Antena 3, Tele 5, Canal +, ETB 3, TV3, Tele Madrid, TVG, Canal 9, Canal Sur, TVE Cantabria, TVE Navarra, TVE Castela e León, TVE Rioxa. Entre o 4 de maio e o 1 de xuño do 2002 graváronse e víronse un total de 660 telexornais, que supuxeron 531 horas de informativos. Analizáronse 15.700 noticias e investigouse o seu contido, a orixe das noticias, o ámbito das mesmas e a publicidade inserida nos informativos. Para defini-los seus contidos clasificáronse as noticias en 16 temas: política, deporte, economía, sociais, meteoroloxía, sucesos, cultura, terrorismo, consumo e vida cotiá, sanidade e saúde, seguridade, medio natural, ciencia, medios de comunicación, noticias de sociedade e loterías. Clasificáronse as noticias segundo procedesen de institucións (con orixe nos diversos gobernos e parlamentos, universidades, Banco de España, Igrexa, etc.), acontecementos da rúa, asociacións, partidos políticos, empresas (públicas e privadas) e personaxes de sociedade. Ademais, distinguiuse entre noticias nacionais, internacionais, autonómicas e locais, e contabilizouse o número de cortes para inserción de publicidade e o dos propios anuncios publicitarios que apareceron nos informativos. Mediuse tamén a duración dos cortes publicitarios. Non se estudiaron outras cuestións como o rigor ou a obxectividade, ou a producción e realización dos noticiarios. Só se asignou o seu contido a un dos temas previstos no cuestionario, deixándose a un lado o modo, ton ou enfoque co que se trataban as informacións.

El rànquing dels informatius

  1. A cadea con máis deporte nos telexornais… Canal 9 de Valencia (34,6% do tempo)
    -Con menos deporte… TVE Rioxa, co 8,5% e TVE-2 (9,1%).
  2. A que máis tempo lle dedica á información internacional… TVE-2 (48,1%)
    -As que menos… as desconexións territoriais de Cantabria e Navarra
  3. A de máis política… Canal + (44,5%)
    -A de menos política… Canal 9 (9,4% do tempo)
  4. A que máis tempo lles dedica ós sucesos… TVG (14,6%)
    -A que menos… TVE Cantabria (1,5%)
  5. A que máis atende ó medio natural… TVE Castela e León (6,0%)
    -A que menos… Antena 3, ETB 2 e Canal +, por baixo do 1%.
  6. A que máis cobre as noticias culturais… TVE-2 (21,0%)
    -A que menos… Antena 3 e Canal + con pouco máis dun 4%
  7. A que máis trata noticias sobre consumo… TVE Navarra (4,4% do tempo)
    -A que menos… TVG e TVE Castela e León cun 0,3% do tempo)
  8. A máis arredada do cidadán (a que menos tempo trata temas sociais, medio natural, cultura, consumo, meteoroloxía, saúde e seguridade)… Canal Plus (19,4% do tempo)
    -A máis sensibilizada cara ó cotián… TVE Castela e León (42,7%)
  9. A máis oficial (segundo a orixe das súas novas)… TVE Cantabria (46,8% das noticias de orixe institucional)
    -A menos oficial… Tele Madrid ,14,2%
  10. A que máis publicidade insire nos seus telexornais… TVE-1 (o 18% do seu tempo)
    -As de menos publicidade… TVE-2, TVE Cantabria, TVE Navarra, TVE Castela e León e TVE Rioxa sen publicidade, e Canal +, cun 1%.
  11. As que máis veces cortan os seus telexornais para publicidade… Antena 3, Tele 5, Canal Sur e Tele Madrid (2 veces de media por cada emisión)

    As que menos… TVE-2, TVE Cantabria, TVE Navarra, TVE Castela e León, TVE Rioxa e Canal Plus.