Estudios artísticos

Músicos, bailaríns e actores tamén son titulados superiores

A LOXSE introduciu a normalidade nestes estudios, e xa se pode seguir un camiño académico recoñecido para dedicarse a estas disciplinas artísticas
1 Setembro de 2002
Img informe listado 174

Músicos, bailaríns e actores tamén son titulados superiores

Ata hai ben pouco, quen optaba por se dedicar profesionalmente á música, á danza ou ó teatro xogaba con desvantaxe. Deixando a unha banda os prexuízos que aínda arrodean ás persoas que fan do teatro, a danza ou a música o seu xeito de vida, os cursos artísticos non estaban totalmente regulados e estudiar unha carreira dalgunha das tres disciplinas artísticas devanditas resultaba complicado -algo menos no caso da música- e non sempre se acadaba un título que acreditase e moito menos equiparase estas carreiras coas universitarias. Pero a LOXSE introduciu a normalidade nestes estudios e hoxe en día calquera mozo pode seguir un camiño académico recoñecido e con titulación universitaria para se converter nun profesional da música, a danza ou o teatro. A principal diferencia con calquera outra profesión é que, sobre todo no caso da danza e a música, os estudios deben comezar a idades moi novas. No caso da arte dramática, as escolas superiores son parellas ás facultades e o seu ingreso é semellante.

Estudios de música

130.000 nenos, adolescentes e mozos de entre 8 e 23 anos seguen actualmente algún curso de música, e aínda que non todos eles se dedicarán a profesións relacionadas co ámbito musical, a maior parte dos estudiantes, sobre todo a partir dos 12 anos, están matriculados nalgún dos 1.400 centros oficiais como Conservatorios de Música ou Centros Autorizados de Música de España.

A partir dos oito anos, e logo de superaren unha proba, os nenos pódense matricular en centros oficiais ou autorizados. Nesta selección non se avalían os seus coñecementos, senón a súa capacidade musical e aptitudes. Non obstante, esta entrada no ensino regulado non é incompatible co ensino previo en idades anteriores. Segundo expertos da Consellería de Cultura da Generalitat Valenciana, e na opinión tamén dos pedagogos consultados por CONSUMER, é beneficioso que os nenos tomen o primeiro contacto coa música ós 3 ou 4 anos de idade. Durante estes anos os contidos das súas materias tratan de achega-los nenos ó ritmo, a musicalidade e os tons, sen que aparezan en ningún momento o solfexo nin a disciplina académica. Estas escolas de música pódense atopar en practicamente tódalas cidades de máis de 50.000 habitantes e os seus prezos de matrícula oscilan entre 120 euros e 240 euros ó mes, en escolas con apoios pedagóxico e instrumental.

O paso do Grao Elemental ó Grao Medio realízase tras catro anos de estudio e a través dunha proba de acceso. A este exame pódense presentar tamén alumnos que non cursaran os estudios en centros oficiais, para se incorporaren deste xeito ó conservatorio e mesmo accederen a cursos intermedios e non necesariamente a primeiro do Grao Medio. Este segundo grao componse de seis cursos e ó rematar, se tamén se deu aprobado o Bacharelato, obtense o título de Bacharelato en Música. Tanto o Grao Elemental coma o Medio son estudios que se complementan co ensino obrigatorio polo que os centros que ofrecen estes cursos dispoñen de horarios adaptados ó ensino obrigatorio.

O Grao Superior está dirixido a mozos que deciden facer da música a súa profesión e que supoñen arredor do 4% dos que comezan os seus estudios nesta disciplina artística. As áreas musicais estudiadas son Composición, Interpretación (incluíndo Dirección de orquestra e Canto), Investigación e Docencia. A duración do Grao Superior oscila entre catro e cinco anos, en función da especialidade escollida. Amais de aproba-la proba de ingreso, para acceder a este grao é preciso dispor do título de Bacharelato e do título de Grao Medio en ensinanzas musicais. Non obstante, a lei tamén permite o acceso ó Grao superior se se supera unha proba na que os mozos se examinan de coñecementos xerais e de coñecementos musicais que acrediten o seu nivel educativo en música.

Os prezos dos Conservatorios varían por comunidades autónomas. En xeral, para o Grao Elemental o prezo de matrícula oscila entre 70 euros e 80 euros por curso. Como exemplo, no Conservatorio Profesional Amaniel de Madrid primeiro e segundo custan 70 euros, e terceiro e cuarto (cunha materia máis) supoñen un desembolso anual de 105 euros, prezo semellante ó Conservatorio Elemental de Música de Soria “Oreste Camarca”. No Conservatorio Julián Orbón de Avilés (Asturias), cada alumno paga 26 euros en concepto de matrícula, ós que debe engadir outros 26 euros mensuais por unha materia (violín, contrabaixo, piano…) e 43 euros se son dúas. E no Conservatorio Superior de Música Juan Crisóstomo de Arriaga de Bilbao, o Grao Elemental -que consta de catro cursos- custa arredor de 266 euros.

O custo da proba de acceso ó Grao Medio tamén difire dun centro a outro, aínda que xeralmente non supera os 50 euros, mentres que o prezo da matrícula en Grao Medio é moi semellante nos conservatorios consultados por CONSUMER. Para os estudios con menos materias (coma os de Piano), o curso custa unha media de 128 euros, mentres que outros instrumentos (con máis materias) poden chegar a ter un custo anual de 171 euros. Por citarmos un exemplo, no Conservatorio de Almería, estudiar primeiro ou segundo curso de piano ou guitarra supón un desembolso de entre 121 euros e 236 euros, segundo o curso. No mesmo centro, optar por outro tipo de instrumentos é algo máis caro, entre 160 euros e 275 euros.

Como referencia para os estudios superiores en música tomámo-lo Real Conservatorio de Música de Madrid. Para acceder a este centro cómpre superar unha proba que custa 36 euros e desembolsar 48 euros por materia. Estúdianse entre 6 e 9 materias por curso, polo que o prezo final da matrícula anual varía entre 288 euros e 432 euros.

A estes prezos habería que sumárlle-la cantidade, nunca desprezable, da compra dun instrumento, imprescindible “ferramenta de traballo” dos estudiantes. Se o neno se decantou polo clarinete, poderemos pasar cunha compra duns 1.100 euros. Pero se finalmente quere continua-los seus estudios e hai que adquirir un instrumento de moita maior calidade, o desembolso pode chegar ós 3.000 euros, que se incrementa con instrumentos como o piano, o baixo ou os grandes instrumentos de corda.

GRAOS DURACIÓN REQUISITOS INGRESO ACREDITACIÓN OBTIDA
Elemental 4 anos
  • Ter como mínimo 8 anos
  • Superar unha proba de aptitudes
Certificado de estudios
Medio

6 anos

(Tres ciclos de dous anos cada un)

Superar unha proba de coñecementos
  • Título Profesional
  • Bacharelato de Música, se ademais se superan as materias comúns de Bacharelato
Superior 4 ou 5 anos, segundo especialidade
  • Bacharelato LOXSE
  • Título Profesional
  • Superar unha proba de coñecementos

A lei permite acceder sen cumpri-los requisitos académicos, superando unha proba

Título Superior

(Equivalente, a tódolos efectos, a Licenciado Universitario, segundo o artigo 42.3 da LOXSE)

Estudios de danza

A danza vive en España unha importante revitalización, aínda que o número de estudiantes desta disciplina é moi inferior ó de alumnos de música. Coma no caso dos estudios musicais, a LOXSE estableceu tres niveis de estudios. Tanto o Grao Elemental coma o Medio realízanse ó tempo có ensino obrigatorio, polo que os conservatorios adecúan os seus horarios. O Grao Superior, pola contra, obriga a unha dedicación absoluta, xa que está dirixido a quen desexa dedicarse profesionalmente á danza.

Para acceder ó Grao Elemental á idade de 8 anos, os conservatorios realizan unha proba de aptitudes. Nesta proba, coma no caso musical, analízanse a musicalidade e as condicións físicas dos aspirantes, pero non os seus coñecementos, pois teoricamente non dispoñen deles. Superada esta proba, o Grao Elemental desenvólvese durante catro anos. Para pasar ó seguinte grao cómpre superar unha proba e ó remata-los seis anos do Grao Medio, os estudiantes, se tamén remataron o seu bacharelato, dispoñen do título de Bacharelato en Danza.

A etapa profesional, o Grao Superior, desenvólvese durante catro anos nos que o estudiante se pode especializar nas áreas de Coreografía, Interpretación, Flamenco ou Pedagoxía. E ó rematar estes estudios obtén unha titulación “equivalente a tódolos efectos”, segundo a LOXSE, “a Licenciado Universitario” (art. 42.3 LOXSE). Matricular un neno de oito anos no ciclo elemental de danza ascende a 121 euros, cantidade que corresponde á apertura do expediente e á matrícula por un curso completo. E o alumno deixa pendente algunha materia do curso anterior, o prezo por materia solta é de arredor de 42 euros.

Nos estudios de Grao Medio, o custo da matrícula anual increméntase. A proba de acceso para incorporarse a este segundo ciclo custa 33 euros no Real Conservatorio de Danza, de Madrid. E o curso completo, xunto coa apertura do expediente, ascende a 326 euros. Neste ciclo as materias pendentes teñen un custo de 48 euros.

Para os que continúan os seus estudios no Grao Superior mantense o prezo da proba de acceso (33 euros) pero a matrícula e a apertura de expediente suman 498 euros. As materias pendentes de cursos anteriores débense pagar a 54,69 euros, e as materias soltas teñen un custo de 48,08 euros.

No Centro Estable para a Formación das Artes Escénicas (CEFAE), un curso de danza custa 200 euros.

GRAOS DURACIÓN REQUISITOS INGRESO ACREDITACIÓN OBTIDA
Elemental 4 anos
  • Ter como mínimo 8 anos
  • Superar unha proba de aptitudes
Certificado de estudios
Medio

6 anos

(Tres ciclos de dous anos cada un)

Superar unha proba de coñecementos
  • Título Profesional
  • Bacharelato de Música, se ademais se superan as materias comúns de Bacharelato
Superior A duración determinarase en función das características das ensinanzas
  • Bacharelato LOXSE
  • Título Profesional
  • Superar unha proba de coñecementos

A lei permite acceder sen cumpri-los requisitos académicos, superando unha proba

Título Superior

(Equivalente, a tódolos efectos, a Licenciado Universitario, segundo o artigo 42.3 da LOXSE)

Arte Dramático

O acceso ás escolas de Arte Dramática é moito máis convencional, xa que se accede, coma en calquera outra carreira, tras finalizar segundo de Bacharelato ou COU. Neste caso non se pide realiza-la proba de selectividade, as propias escolas de interpretación obrigan a realizar unha proba para permitiren o acceso. Outro xeito de ingresar nestes centros é ter cumpridos os 20 anos e acreditar experiencia interpretativa.

Na Real Escola de Arte Dramática de Madrid pódese realizar unha preinscrición en xuño (36 euros) e en setembro é obrigatorio realiza-la proba de acceso. O prezo da matrícula ascende a 421 euros e os estudios prolónganse durante catro anos. Nese tempo os estudiantes pódense especializar en Dirección de Escena e Dramaturxia, Escenografía e Interpretación, e ó remataren estes estudios, os alumnos obteñen un título equivalente para tódolos efectos ó Licenciado Universitario. Deste xeito, ó remata-la carreira conséguense profesionais especializados en escritura dramática, crítica e investigación, montaxe escenográfica e resto de ámbitos da interpretación (voz, corpo, manipulación de obxectos -monicreques, marionetas…- e teatro musical).

No Collegi de Teatre de Barcelona, os prezos dos cursos oscilan entre 205 euros e 225 euros mensuais, mentres que na Escola Superior de Arte Dramática de Málaga a matrícula anda sobre os 420 euros.

GRAOS DURACIÓN REQUISITOS INGRESO ACREDITACIÓN OBTIDA
Superior 4 anos
  • Bacharelato LOXSE
  • Proba de ingreso

A Lei permite acceder sen cumpri-los requisitos académicos, previa superación dunha proba, a quen teña cumpridos os 20 anos.

Título Superior

(Equivalente, a tódolos efectos, a Licenciado Universitario, segundo o artigo 42.3 da LOXSE)